Os pais de Xiana xa fixeron a preinscrición na escola infantil na que querían e os de Lois tamén. Estes xa asumiron que dificilmente o seu neno vai adquirir competencias en lingua galega durante os seus tres anos na educación infantil, é máis, seguramente perda a lingua que leva da casa, onde toda a familia é galegofalante agás a irmá que deixou de selo no segundo mes de escolarización no CEIP urbano ao que está adscrita a súa vivenda.Os pais de Xiana vano tentar, con esforzo seu e certo custo para a cativa que, para non perder a lingua, ten que afastarse do seu contorno de socialización próximo. Van apostar todo por esta carta, porque non teñen outra. Ninguén ten outra. Saben que o máis que poderán conseguir é que Xiana manteña o medio galego que leva da casa, porque o outro medio xa o foi perdendo aos pouquiños na escola infantil urbana á que tamén vai desde os 6 meses e onde pasa case 8 horas diarias. Logo están os xoguetes, a televisión... e os outros nenos cos que socializa no parque, na rúa, nas actividades do concello...Os novos mestres e mestras de Xiana están concienciados de que para chegar a ser verdadeiramente plurilingües en Galicia, o galego ten que ser a lingua inicial e habitual na escola. Mais estes profesionais, con xa moitos anos de experiencia ás costas, son moderamente optimistas co poder galeguizador que eles sós poden ter, xa que constatan cada vez máis un feito innegable: os nenos que chegan a estas escolas falando só castelán, aprenden galego e adquiren competencias altas pasivas, mais... raramente mudan para o galego para comunicarse con compañeiros e compañeiras que si empregan esta lingua. E non se converten nestas idades en galegofalantes.Pola contra, os discentes que chegan falando galego van introducindo termos e expresións do outro código e, sendo máis ou menos conscientes de que existen dous códigos, mudan ao castelán para comunicarse con quen o fala. Non é isto algo especial desta escola, é un feito que constatan todos os centros nos que o ensino é maioritario en galego e reciben nenos e nenas que falan castelán. Mais isto non é argumento para xustificar que a escola case non inflúe para mudar os usos e que polo tanto dá o mesmo a lingua que se empregue.Calquera que saiba un pouquiño de pedagoxía e un chisco sobre aprendizaxe de linguas é quen de tirar con esa falacia que se difunde de forma intereseira desde o poder.En realidade non se lle poden pedir milagres ás escolas infantís que empregan o galego. Os mestres son modelos moi importantes e o traballo diario en galego é fundamental para manter a lingua, pero sós non poden amañar o problema da desgaleguización. Só desde a escola non se pode normalizar a lingua, mais iso non é razón para quitarlle a importancia que ten dentro dun proceso normalizador que cómpre tomarmos en serio.Os nenos e nenas teñen asumido que o castelán é a lingua de prestixio e que quen a fala non ten que cambiar de código nunca (algúns tampouco saberían) porque iso é o que perciben na sociedade que os rodea. Ademais ninguén lles pide que o fagan, ás veces nin sequera os proxenitores que se lamentan da perda, porque... seica non se pode impoñer o galego. Coma se se puidese dominar unha lingua sen nunca falar nela...Pola súa banda, os galegofalantes iniciais teñen perfecta capacidade para falar castelán... e exercítana, ben porque non queren sentírse diferentes, ben nunha mostra temperá da eterna actitude de amabilidade cara aos que non falan a lingua da terra... Seguen patróns de comportamento que deberían explicar mellor desde a psicoloxía porque hai a quen non nos convencen discursos que din que estes pequenos “escollen libremente” empregar o castelán, ou que “falan na lingua da súa preferencia”... Todos temos que arrimar o lombo para que os cativos e as cativas manteñan a lingua. Podemos comezar por convencelos de que se seguen a practicar galego van saber máis ca os que só falan castelán. Podemos continuar dicíndolles aos adultos galegofalantes que se dirixen a eles en castelán que deixen de facelo, que entenden o galego e ademais queren practicalo... Cadaquén que pense nalgunha fórmula e que vaia aplicando... por irmos dando algo de apoio extraescolar a estes mestres.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 11 de maio de 2013
A lingua da súa preferencia
por Valentina Formoso, nas voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario