por Mariña Pérez Rei, o artigo gañador do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013 no Praza Pública:
A cobiza axexando a costureira. Sainete ou drama? Podería ser un cantar de cego, unha forma de absurdo contra o silencio especulador. O desaloxo pola forza dunha anciá. A súa voz soa (fermosa moradía) contra os especuladores: o seu seseo (implosivo e explosivo), as ultracorreccións en castelán, esa prosodia de arrastre. Porque digámolo xa, o “sotaque” do galego de Aurelia tamén ten algo de desafiuzamento. A muller é despoxada dun espazo que non será de seu, pero que xa lle pertence en recendos, en sabores, en memoria viva. Coma a súa fala, que posúe o sabor da lingua de antano. “Pa onha pallosa que vaian eles! Son ghente muy hodida!” Semella que nacese da súa voz un desaloxo máis amplo. Estandariza o trazo cotián nun harmónico de pronuncias que saben a centeo.
Unha vez fosilizada esa fala familiar e coloquial nas novas xeracións, por obra e graza de tantas e variadas autoridades, ou canonizada na política, na igrexa, nos centros comerciais e no ensino, Aurelia representa esoutras aurelias que responden coa súa fala e dignidade aos burócratas que as sinalan. Humildes aurelias que falan coma unha cheminea ancha botando fume. A fala é casa de seu. Os que a expulsan fóra do seu ámbito vital dan a escusa de que xa ten que ir indo para unha residencia. Aqueles que ten fama de honrados na vila, os que a convidan a abandonar o fogar, representan os falantes do pronome átono fóra de sitio. Llo advertimos. Nolo cuestionamos. Se negociará. Os que non teñen habelencias lingüísticas na lingua do país son os que nos han levar a un moderno plurilingüismo que nos ha situar no mundo. Xaora que si. Empezan a casa polo tellado sobre un pobre alicerce de estrume lingüístico.
“Ghente muy hodida!” Pero ela sabe que ten dereitos adquiridos. Revólvese e reclama, ten voz, non entrega o que sente como propio. Ela é unha inquilina incómoda porque quere casa no centro e rexeita calquera periferia que a desnaturalice e a perverta. Aurelia representa co seu afrautado ton de voz e a tenra vulneración de certas regras gramaticais, un aturuxo galego no medio de tanto enmudecemento. Ela pasa de Coseriu, de Saussure e do Atlas Lingüístico Galego, está moito máis alá, coma todas as nosas mulleres-aurelias que levan desde sempre pagando o alugueiro dun recuncho vital, e teñen conciencia do que lles pertence por dereito adquirido cando llelo expropian.
A fala de Aurelia é intransferible. Coma a pegada dactilar ou o cuspe. Ten un efecto bardo que mesmo supera a codificación do mundo en ceros e uns. Ela non fará declaracións sobre a degradación do idioma que a diario se constata na prensa, no ensino, nas relacións institucionais que desgobernan a nave da cultura. Coa súa voz sinala que os donos do inmoble non o habitan, apenas especulan con el. Outros soñamos un proceso normalizador que devolva ámbitos de uso á lingua, ao tempo que imos fagocitando posibles líderes. Mentres, seguimos tendo o dereito pero non o deber. Porque o deber é un dereito.
Alzheimer colectivo inducido, a extracción da pedra da loucura ou o frautista de Hamelin: a fala de Aurelia non pode ser inútil.
Artigo gañador do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario