Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 11 de maio de 2013

A Xunta non quere aos escritor@s galeg@s

por Francisco Castro, no Galicia Confidencial:

O pasado sábado estivemos, os escritores e escritoras de Galicia, xuntos na Coruña para celebrar a Gala das Letras que, cada ano, premia as obras que a xuízo do colectivo literato, foron as mellores do ano anterior. Por vez primeira na historia, e a pesar de ter sido convidados, segundo me confirman dende a directiva da AELG, ningún representante da Xunta acudiu. Estivemos sós. Ninguén do goberno galego quixo acompañarnos. Abandoados.

Xa mo parecera durante a xornada, mais quixen confirmar o dato falando con membros da oganización. E así foi e así mo confirman. Os máximos representantes da cultura galega non nos acompañaron na nosa noite importante. Puidera ser, non lles digo que non, que estivesen comprometidos con outros atafegos máis importantes (ou igual non o comprendo: hai máis dun mes que sabiamos desta data e quizais había que traballar máis a axenda e mover algún compromiso para estar cos escritor@s o único día que se xuntan no ano, e para unha celebración), pero nin sequera enviaron alguén no seu nome. Dixeron que non podían todos os que foron convidados. Así responderon ao convite. E nin da Consellería de Cultura nin de ningún outro dos departamentos que teñen moito que dicir, que pinchar e que curtar, na nosa literatura ao nivel da administración, veu ninguén.
Ninguén.

Coma no poema de Manuel Antonio fomos quedando sós.
Infórmanme, xa lles digo, que contestaron dicindo que non podían. Mais non poderían tampouco subdirectores ou vicesecretarios ou quen fose para dar a entender que o goberno galego estaba alí con nós, aínda que só fose para escoitar o discurso do noso Presidente que fala por todos e por todas? Tampouco ninguén do grupo parlamentar do PP. Igual é que tampouco podían.
Si estiveron dos outros partidos con representación no Horreo.
O dato paréceme importantísimo e ten que poñernos, máis que carraxe no corpo e no espírito, medo. Que as autoridades políticas desprecen desta maneira tan contundente aos centos de profesionais do libro (aínda que non vivan disto, o seu traballo é tecnicamente perrfecto, de verdadeiros profesionais), na noite en que hai que facer as homenaxes, piña común, e repetirnos que queremos remar na mesma dirección, é unha metáfora clara e un dato máis que preocupante que a min me fai tremer. Non é que precisasemos os seus discursos. É que hai unhas mínimas formas que, se se perden, complican todo e explican moito.
Hai silenzos que doen.
A mensaxe que se lles dá aos profesionais da cultura é que están botados á súa sorte, que se busquen a vida, que lles dean mate. Non podemos ir. Aí vos quedades. Mais estou certo de que, se por exemplo, por dicir calquera parvada, Letizia Ortiz viñese inaugurar calquera cousa, si que poderían, si que as axendas casrían. Ou se non eles, algún cargo importante á altura do evento.Pero eran os escritores e escritoras en lingua galega.
E eses poden quedar sós...

Ningún comentario:

Publicar un comentario