Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de maio de 2013

Unha ofensa que non ten nome

por Robert Neal Baxter no Terra e Tempo: 


Adiviña adiviñanza: Comeza por ‘l’ e podería ser unha variedade local da lingua tibeto-birmanesa ‘naxi’ ou tamén a pronuncia que se daría na Limia ás variedades urálicas faladas polo pobo autóctono do norte da Escandinavia…
       
A resposta non é ningunha das anteriores. Trátase do denigrante apelativo ‘lapao’, acuñado recentemente polo Goberno de Aragón para se referir ao catalán, acrónimo derivado de ‘lingua aragonesa propia da área oriental’. Peor aínda é o nome que cagaron para o aragonés, que pasa a ser o impronunciábel ‘lapapyp’ (lingua aragonesa propia das áreas pirenaica e prepirenaica). Tan grande é o despropósito que se rebota até UPyD, abandeirado da demagoxia ‘unitarista’ sen parangón.         Esta aberración esperpéntica ficou canonizada no Proxecto de lei de uso, protección e promoción das linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón do 9 de maio de 2013 grazas aos votos do PP –campións do esperpento aberrante onde os haxa– xunto cos do Partido Aragonés (PAR), formando unha especie de cloaca fedorenta por onde flúe e onde conflúe a furrica do anticatalanismo visceral e o españolismo máis rancio. Dito sexa de paso, tan afervoado é o PAR na defensa das ‘señas de identidade’ de Aragón que non só exclúe o catalán (vade retro, Satanás!) do seu sitio oficial, mais tamén o propio aragonés, optando en exclusiva pola ‘lengua común’, que non pode ser outra que aquela que se impuxo historicamente desde a Coroa de Castela e agora desde o centro do borbónico Reino de España.           Á trillada pregunta de Xulieta: «Que hai nun simple nome? O que chamamos rosa, con outro nome non tería igual perfume?», podemos responder rotundamente: «Pois non!». A premisa de base destas agresións é moi sinxela: parte do axioma de que quen non ten nome non existe. Así, dun golpe de pluma e mediante unha grotesca trapallada, o catalán simplemente deixa de existir e @s 40.000 falantes da Franja fican privad@s de lingua de seu; deixan de ter voz propia. A única lingua de ‘verdade’ que lles queda é a que vén de fóra, o español, que, malia a posibilidade de pasar a denominarse ‘lingua aragonesa propia doutros lindos lugares de Aragón’ (pensádeo…), a esta si que non se lle coloca ningún ridículo epíteto. O español é, ao parecer, tan eterno, intocábel e inmutábel que a propia Constitución do Reino o ampara como deber de todos e todas aos que lles tocar vivir no seu ámbito de influencia.         O que se esconde detrás deste mesquiño anticatalanismo lingüístico, unha das múltiplas facetas do españolismo –ou, se se preferir, do imperialismo lingüístico español– é un claro afán de ridiculizar, invisibilizar e, en última instancia, aniquilar as linguas diferentes do español para voltar á España unitaria dos tempos de Franco que tanto estrañan.         Non se trata dun fenómeno novo, entroncando coa sempiterna estratexia dos poderes coloniais. Así, por exemplo, o réxime turco ten recorrido ao eufemismo ‘turcos orientais’ (doğulu türkler) para evitar falar de ‘curdos’ como pobo diferenciado. Do mesmo xeito, ao catalán foille arrebatada a súa identidade histórica nas Illes Balears polo Govern do Partido Popular para pasar a chamarse ‘la llengua cooficial distinta del castellà’ ou, sen ir máis lonxe, o galego de Asturias que a Academia de la Llingua prefire facer pasar por ‘eonaviego’, coñecido mesmo como ‘fala del occidente de Asturias’, para así ocultar a súa xenuína filiación lingüística.        A deturpación das formas autóctonas dos topónimos dun país para diluír as diferenzas aparentes tamén entra nesta categoría de roubo intencionado de identidade, desde Puentedeume, El Niño de la Guía e Sangenjo (que eu non son quen de pronunciar), até La Bouillie (lit. ‘papas’; etim. ‘bidueiral’, br. Ar Vezvid, galó Labólhi) e os moitos Croissant (do bretón kroaz-hent, ‘encrucillada’) da Bretaña, pasando por Elciego (Eltzeaga, ‘lugar de ollas’), Ocio (Uzio, ‘lugar do bosque’) e Tortura (Ortuaga, ‘lugar do horto’) en Euskal Herria. Neste labor negacionista, as Autoestradas do Atlántico tamén son cómplices exemplares, ao gastaren os mesmos cartos que disque non teñen para galeguizar a súa sinalización para logo taparen o pouco galego que si había.         O que pretenden todos estes “imperialistas fracasados” é que as linguas que nos identifican como pobos diferenciados se convertan en vulgares ‘hablas bárbaras’ e baldreos ‘dialectos regionales’ folclorizantes, para que logo os seus falantes non se sintan unidos por outra lingua que non sexa a española, que, máis que unirnos, é a con que nos queren atar.         Mais, ollo! O españolismo non só se viste de vermello e amarelo, mais tamén pode lucir toque de violeta: non nos enganemos, aínda que vista de seda, quen mona era mona queda. De feito, os ataques non veñen só da dereita máis podre, mais tamén da esquerda (tamén podre) do P‘C’E, que en verdade tanto ten de comunista como o P‘SO’E de socialista e obreiro –mais si os dous moito de español.   Así foi que nos últimos días, se ben desde un pretendido marxismo mais sempre desde o “extremismo españolista”, o propio presidente da Real Academia Galega púxose a dar leccións sobre como hai que evitar “abafar a lingua”, afirmando sen complexos, pola contra, que para promover o galego é máis “táctico” falar en español, sempre que un/ha veña avalad@ polo prestixio que outorga ser catedrático de universidade. Vaia curiosa teoría de sociolingüística: planificación lingüística homeopática - canto máis diluído o galego, mellor!         Basta xa de lerias! A Galiza non precisa de “galegos e España” para defenderen a lingua de noso. Xente desta ralea xa houbo abonda e ben sabemos até onde nos levou. A Galiza precisa de homes e mulleres comprometidos de verdade co país e a “lingoa proletaria do seu pobo”, sen chatas alleas, partindo do principio de autodeterminación enunciado por Lenin. Aí está o único marxismo que vale na Galiza para quen queira unirse, e quen o nega tamén debe renegar de chamarse comunista. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario