Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 16 de maio de 2013

Libro de auto-axuda

Tal e como anunciabamos Carlos Callón pasou pola Estrada a presentar o seu último libro. O acto foi introducido por X. C. Garrido como membro da A. C. Vagalumes, organizadora do acto.
As primeiras palabras do portavoz de Queremos Galego foron para agradecer a asistencia "nun día no que a pesar de que penisca un pouco, aínda quenta o sol". Había ben de tempo que non lle oía a ninguén  usar o verbo peniscar e que me trouxo á memoria unha das primeiras leccións de sociolingüística que recibín cando era un un neno moi novo. Un familiar meu, que estaba fachendoso de abandonar Ribeira por unha cidade grande comentara con sorna unhas palabras da miña avoa aquel lonxano día. "Mira como penisca!, leva o paraguas", dixera ela. A resposta do meu familiar fóra algo así: "peniscar!, peniscar! Que palabra é esa? Falando así nunca sairedes do atraso no que estades en Ribeira". Desde ese día eu souben o que era o auto-odio.

Un libro de auto-axuda.
Carlos Callón comenzou comentando que se  o seu anterior libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos,  podía enmarcarse dentro do que en sociolingüística se chama planificación do estatus, o libro que viña a presentar caería dentro do marco da planificación do corpus.
Callón apuntou qu exogara co modelo que fornecen os libros de auto-axuda. O propio título é indicativo disto: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Nesta mesma liña comentou que o texto comenza cun decálogo. Como exemplo citou a máxima: "nunca comences unha frase cun pronome átono". A respecto disto citou algunha frase de Núñez Feijóo, moi dado ao incumprimento deste principio básico do bo uso da lingua como, por exemplo, "llo digo e llo repito".
O presidente da Mesa comentou varios outros aspectos gramaticais e aproveitou a ocasión para criticar que nin a Xunta nin a RAG, en 30 anos, nin publicaran nin fixeran unha campaña de divulgación da norma. Lamentou que, por exemplo, non se aproveitara o acordo normativo do 2003 para facelo e comparou este abandono insitucional co caso catlán. En cataluña a primeira campaña insitucional da democracia foi para difundir e afirmar o estándar.

Tres novas e unha invitación
Como retrato da actual agresividade e radicalidade do odio e desprezo á nosa lingua fíxose referencia a tres noticias recentes. Unha delas foi a supresión por parte de AUDASA, de toda a cartelería en galego. Se desde a aprobación da LNL AUDASA incumpriu sistemáticamente a normativa argumentando motivos económicos, agora en plena crise gasta os cartos en eliminar a escasa sinalización en galego que había na autopista. Só podemos comprender o caso desde un posicionamento de incomprensible odio lingüístico.
A segunda noticia que se destacou foi a do kafkiano proceso reaberto contra Carlos Callón, que foi acosado polo xuiz Fraga Mandián de que lle lembrara que debía cumprir as leis en materia toponímica. A día de hoxe Fraga Mandián segue a emdditir sentenzas que atentan conta a LNL e moi posiblemente Callón será condenado contra toda lóxica social e xudicial. Eis a administración de xustiza que padecemos, una xustiza refractaria á normalización, mesmo ao cumprimento da escuálida nromativa pro-galego existente. A administración de xustiza vive na ilegalidade.
A última pnova comentada foi a da longa lista de disparates de Alonso Montero no escaso tempo que leva como presidente da RAG. Carlos Callón cualificou as declaracións do académico como propias de programas do corazón, máis que a dunha figura cun simbolismo especial desde o punto de vista da normalización. Callón explicou que lle doe especialmente que sexa o presidente desta institución quen invite a falar en castelán para que o vexan como a alguén normal. Xa é tempo sobrado de que dimita.
Finalmente, como non, fíxose unha agarimosa invitación a acudir á manifestación do 17 M convodada por Queremos Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario