por Xabier P. Igleisas no Sermos Galiza:
Que explica esta paradoxal combinación? De entrada amosa con nitidez que o problema da lingua é sobre todo un problema de dimensión colectiva, e xa que logo, política (mais non só legal). É a ausencia de políticas efectivas de estímulo do uso da noso idioma, de salvagarda do dereito á empregar en todos os ámbitos, lugares e momentos, o factor central que explica o feito de que malia existir unha moi maioritaria vontade social de apoio ao galego este continúe a perder utentes ano a ano.
Este 17 de maio a pesar da treboada climatolóxica que envolvía Compostela moitos milleiros de galegas e galegos voltamos a nos manifestar no reclamo de poder vivirmos na nosa lingua. Non foi un acto ritual nin mecanicista. Rituais son as celebracións protocolarias e institucionais. Ritual e mecanicista é celebrar o Día das Letras como unha caste de festividade temática, como unha romaría culturalista e folclórica. Certamente existen formas moito máis creativas, mais entanto o noso idioma continúe a padecer esta abafante discriminación que o asfixia non haberá mellor maneira de celebrar o 17 de maio que coa reivindicación cívica, social, popular nas rúas do noso dereito a o usar.
Procurarmos o maior uso social do galego é a prioridade
Porén, son dos que cadra na necesidade de revitalizármonos o movemento de defensa da lingua, alargando a súa inserción e actividade territorial no conxunto das bisbarras e estendendo a súa actuación tamén á promoción activa do uso social da lingua. Cómpre que para alén de insistirmos no necesario reclamo político dunha protección legal efectiva, concentremos a maior cantidade de azos en alentar a súa valorización social, en chave persuasiva, valéndonos da clamorosa complicidade que nesta tarefa nos ofrece o noso pobo, e dentro del tamén quen por uns motivos ou por outros é (inda) castelán falante.
Cómpre que concentremos a maior cantidade da azos en alentar a valorización social do uso do galego
Supoño que por ser un deses moitos espécimes que a sociolingüística deu en denominar neofalantes, teño moito máis presente que se debe refugar todo discurso culpabilizador, que resulta inxusto amais de inútil para engadirmos máis sectores e máis amplos á causa social da nosa fala. Desde a empatía, facendo uso da maior pedagoxía e desde un discurso en positivo, con afán inclusivo, temos que ser quen de convertermos esa maioritaria simpatía cara ao galego no seu maior uso.
Receita que deberamos aplicar con maior intensidade entre a mocidade, conscientes de que se trata dunha xeración abafada pola omnipresencia do castelán, o desprazamento do galego ao rol de lingua residual (mesmo con toques folclóricos e meramente protocolarios) e a cada vez maior penetración do inglés, especialmente como código predominante no consumo de produtos culturais -sobre todo no audiovisual-. Trátase tamén da primeira xeración na que, en moitos casos, tanto na escola como no fogar a lingua de transmisión é distinta da propia. Xa que logo, non podemos perder de vista tampouco nisto a dimensión colectiva e social do problema, sabendo que o uso cada vez maior do castelán en troques do galego entre as camadas máis novas é unha dinámica lamentabelmente reforzada por sucesivos procesos de socialización (familia, escola, amizades) nesa lingua e non resultante da libre vontade das mozas e mozos.
Temos que ser quen de convertermos a maioritaria simpatía cara ao galego no seu maior uso
Significa isto que habemos renunciar ao reclamo, imprescindíbel, da maior protección legal do uso do galego, p.ex. para removermos prohibicións absurdas que impiden estudar matemáticas ou ciencias na nosa lingua propia? En ningún caso. Mais nisto é preciso tamén facermos balanzo entre esforzos e rendementos. Eu que estudei baixo o decreto 247/95, que era algo máis equilibrado que o actual decreto galegófobo que Feijóo disfrazou de plurilingüismo, tampouco tiven a oportunidade de recibir aulas en galego de xeografía, matemáticas ou física, por mentar apenas tres das que lembre, a pesar de que legalmente debían ser impartidas nese idioma. A Lei é unha garantía, certamente, mais a súa aplicación efectiva exixe de algo inda máis importante: vontade política, da correcta tradución electoral dunha correlación de forzas a nivel social.
Consenso como medio, mais nunca a “paz dos mortos” como meta
Existe o risco de que a demolición lingüicida de Feijóo acabe por converter en máximos o que anos atrás constituían obxectivamente o solo dos mínimos
A este respecto acho pertinente, como propuña Antón Dobao nun recente artigo, reflexionarmos colectivamente sobre se o noso reclamo debe consistir en procurar o retorno daquel vello, e ben pouco practicado, consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística, hoxe lamentabelmente anos luz por diante da actual política (des)normalizadora do PP. Non vaia ser que acabemos reivindicando como situación ideal aquela paz dos mortos, na que a pesar de estarmos en mellores condicións, a nosa lingua tamén esmorecía e perdía espazos de uso. Existe o risco de que a demolición lingüicida de Feijóo acabe por converter en máximos o que anos atrás constituían obxectivamente o solo dos mínimos, facendo dun insuficiente punto de partida a nosa maior meta.
É por iso, precisamente, que algúns refugamos no seu momento das fórmulas que pulaban por un enfoque “restitutivo”, progresivo e de convivencia co español, e apostamos en troques por seguirmos a arelar, e a procurar na práctica, a hexemonía social do galego.
Un troll na Academia
Acabaremos por reclamar que clausuren -por inútil- a Academia con Alonso Montero apousentado dentro dela
Para este propósito, que non é outra cousa que normalizar alargando o uso social, resultan absolutamente contraindicadas formulacións que insistan en travestir de pedagoxía as práctica diglósicas. Neste senso, as declaracións do novo Presidente da Real Academia Galega nas que Alonso Montero recoñecía e se gababa de usar “con frecuencia” o español en diversos ámbitos e situacións cotiás, como forma -segundo el- de combater a caricaturización do galego falantes como “pailáns ou xente do Bloque”, constitúense no exemplo paradigmático do que non se pode facer.
Como é posíbel que nada menos que o Presidente da maior institución da nosa fala reivindique o seu uso acomplexado e segmentado? Como é posíbel que Alonso Montero se poida reivindicar ao tempo españolista e defensor do galego? Xa que semella que ningúen está pola labor de pedir que abandone a cadeira na que as e os académicos o sentaron hai só un mes, se cadra acabaremos por reclamar que clausuren -por inútil- a Academia con el apousentado dentro dela. Ao tempo.
É momento para avivar a lea normativa?
Por derradeiro, non podo tampouco evitar preguntarme en voz alta se avivar e potenciarmos socialmente a polémica normativa (ao marxe da miña concordancia persoal e simpatía coas posicións reintegracionistas) ten neste momento un efecto positivo, se contribúe a sumar ou se pola contra, como sospeito, engade máis confusión e alarga a distancia que han de percorrer as e os galegos hoxe castelán falantes para facer uso pleno do noso idioma, colocándoo inda máis como un código da elite intelectual-cultural en lugar da lingua proletaria do noso pobo, como con acerto a cualificara Celso Emilio.
Poñendo a orella nas rúas, o problema do noso idioma non parece pasar -mal que nos pese- por unha lea ortográfica ou filolóxica
Expreso, con franqueza, só unha dúbida. Dúbida, iso si, cada vez máis forte fronte tanta certeza aparente pero ben pouco argumentada. Dúbida que pronuncio devecendo, sinceramente, por unha maior e mellor explicación que polo momento ninguén foi quen de ofrecer, para alén de proclamas inzadas dun envexábel, pero algo oco, entusiasmo.
Porque as mudanzas neste campo pasan por convencións sociais, pola anuencia de amplas capas, nunca polo voluntarismo individual por valente e ben intencionado que for. Outrosí debullando na nosa realidade concreta e material, poñendo a orella nas rúas, o problema do noso idioma non parece pasar -mal que nos pese- por unha lea ortográfica ou filolóxica.
A chave, pois, é achegar o noso idioma a quen inda non o usa, porque afastalo xa é o (exitoso) empeño dos galegófobos que nos gobernan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario