Velaquí catro letras no Sermos Galiza. Xa sei que dándolle voltas aos falabaratos non se avanzan chanzos na normalización, pero tamén é certo que se non sabemos onde pisamos corremos o perigo de tirarnos polo oco das escaleiras.
A noticia é estarrecedora. Unha nai mata ao seu propio fillo. Mais o estraño do caso é que non o fai por loucura ou por ser vítima dunha situación extrema de presión e exclusión social. Para que o relato fose certo compría que a nai sufrise un proceso de alleamento e de cousificación da criatura. Como non houbo nada diso o suceso vólvese incrible pois, segundo se nos informa, o crime foi cometido paradoxalmente mediante coidados e aloumiños. O único e exclusivo motor do homicidio foi o amor.
Disparatado, non si? Pois iso foi o que declarou Alonso Montero nunha entrevista en Voz TV: “o BNG é como esas nais que queren tanto aos nenos pequenos que os apertan tanto que os abafan”. Non é a primeira vez que escoitamos esta fabulación, normalmente divulgada pola zunia anti-galega para escarnecer, ben a unha asociación ou partido político, como neste caso, ben ás persoas que destacan na defensa do galego. Conviña preguntarse por que non se lle aplica o mito da nai asasina ao exército de salvagarda do español e así comezamos a enxergar os fundamentos do prexuízo que sustenta.Noutra desafortunada intervención Alonso Montero constrúe un discurso de derrubamento da memoria do galeguismo e a literatura galega. Cando a gran maioría da sociedade descoñece a valentía dun Otero Pedrayo nos máis escuros momentos da ditadura, escribindo un artigo pola morte de Castelao ou impartindo a primeira conferencia pública en galego, o académico non ten mellor ocorrencia que a de rebaixar a figura do escritor de Trasalba destacando del unicamente que falaba en castelán coa súa nai. Xa temos a Otero Pedrayo á mesma altura que Manquiña. A quen beneficia isto? Á normalización da lingua galega non, iso témolo por seguro.Pero aínda hai máis. Nesa mesma entrevista, Alonso Montero gábase da súa intelixente estratexia cando chega a un lugar novo moitas veces comeza falando en castelán. Pero onde se veu caso semellante! Nun presidente da RAG! Sucumbe aos presuntos prexuízos dos descoñecidos para que non o etiqueten como un aldeán, ou o que sería aínda peor, como un nacionalista. E aínda di que o fai para defender o galego. É que aínda non se decatou que a mellor defensa do galego é o seu uso? Sobre todo se ese uso se fai en circunstancias adversas. A actitude de Alonso Montero dá noxo, máis aínda se a comparamos coa da 1700 docentes que valentemente están a impartir as aulas en galego baixo a espada de Damocles do decreto do plurilingüísimo. Velaquí a diferenza entre Alonso Montero e Otero Pedrayo. Pensou o actual presidente da RAG entre o significado que ten o seu cargo como punta de lanza da normalización? Non pode ser que non o fixera polo que a súa negativa a ser axente principal da normalización é un abandono de funcións que nos dá a medida do que realmente representa e que o inhabilita fronte á historia. Para o presidente da RAG a lingua é un construto sen falantes, unha cousa, quizais unha medalla que levar no peito... cando conveña; e cando non quedará gardada nun caixón.Que podemos esperar de alguén que ao día seguinte de sentarse na cadeira presidencial da Academia Galega envorca unha arenga de reivindicación dunha normativa, a de 1982, que non trouxo outra cousa que desacordos e dificultades para a normalización da lingua? Unha vez superado o problema, a que vén volver a darlle folgos? Teño a clara impresión de que non se decatou de que ao nomealo presidente da RAG, estamos deixando nas súas mans unha alta responsabilidade: a de ser o maior valedor do galego. Debería actuar, xa que logo, con prudencia, firmeza e cariño, como se fose o seu pai, como viña facéndoo Ferrín, posiblemente cos seus defectos, pero sempre mantendo un criterio de responsabilidade no que o novo presidente debería espellarse.Hai dous aspectos realmente preocupantes porque nos indican que o sucedido é un síntoma dunha situación patolóxica acubillada no mundo da cultura galega. O primeiro é que todas estas declaracións de Alonso Montero non son unha metedura de pata puntual pois é ben certo que el acredita firmemente en todo o que dixo pois é o mesmo que leva dicindo toda a súa vida. O segundo é que os académicos que o votaron, mesmo só polo feito de seren académicos, sabían moi ben a quen estaban colocando á fronte da RAG. Conviña que nos explicaran a todos de que estaban fuxindo.A ver se despois de todo, o asasino non era a nai, senón o pai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario