por Eduardo García Parada, en Terra e Tempo; lembrándonos que o vindeiro 24 de outubro hai convocada unha folga contra a LOMCE:
Isto dicíao o meu amigo Manuel Ayán nun post á boa análise que Cibrán Arxibai facía hai uns meses en Sermos no seu artigo O galego escurecido pola LOMCE. E resume en dúas verbas un feixe de adxectivos para describir a LOMCE: reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antidemocrática e confesional.
Poucas cousas positivas ten a LOMCE. Unha delas é conseguir poñer a toda a comunidade educativa e á sociedade en xeral na súa contra. Conseguir que ningún partido político agás o PP a apoiara no Congreso dos Deputados en Madrid o 10 de outubro. Desculpas! Seica incorporou unhas emendas de UPyD para reforzar a imposición do español no sistema educativo en detrimento do idioma propio de cada territorio. Tamén conseguiu un acordo político de toda a oposición para derrogala en canto o PP deixe o poder. Boa maneira de nacer unha reforma educativa, con ilusión e futuro!
Nestes meses os anteproxectos da LOMCE teñen inspirado infinidade de artigos, relatorios e debates na súa contra de todos os sectores da comunidade educativa e da sociedade: profesorado, alumnado, pais e nais, ANPAs, pedagogos, políticos, etc. Pero é difícil atopar argumentos ao seu favor alén do argumentario fornecido polo propio Ministerio de Educación do ministro Wert, supostamente especialista en comunicación, en defender o indefendíbel. Este forte rexeitamento era esperábel tendo en conta que é unha lei imposta sen debate social, sen negociación nin procura de consenso, cunha forte carga ideolóxica neoliberal, recentralizadora e relixiosa, na que non se tivo en conta nin ao profesorado nin ás organizacións que o representan, nin ao alumnado, nin ás familias, nin ás diferentes administracións ou grupos políticos. O ministerio foi sen embargo moi sensíbel á Conferencia Episcopal e ao Vaticano, ás corporacións empresariais e financeiras, á ideoloxía neoliberal (e un pouco tamén a UPyD).
A pobrísima e pouco rigorosa exposición de motivos do proxecto da LOMCE (que aínda así mellora substancialmente a linguaxe empresarial empregada nos anteproxectos previos) intenta cunha total falta de obxectividade e chea de contradicións xustificar a necesidade dunha profunda reforma que en vez de ir cara adiante mellorando as carencias do marco normativo actual e adaptándose aos novos tempos nos que as formas de coñecemento e o acceso á información mudaron radicalmente, significa unha involución e un forte retroceso en sentido radicalmente oposto, recuperando xeitos e pedagoxías xa superadas hai máis de 40 anos e que son contrarias ás desenvolvidas en países como Finlandia que pretenden ser modelo desta lei.
Ademais, esta última versión incorpora algunhas cargas ideolóxicas de profundidade, por se tiña pouca, como facer explícito que "El castellano será lengua vehicular de la enseñanza en todo el Estado". O PP tamén eliminou a expresión "prestación de servicio público de educación" para recuperar a de simple "prestación de servicios" incluida no borrador orixinal. E claro que ten a súa importancia, pois “público” implica responsabilidade do Estado, e coa nova expresión a cidadanía pasa de exercer un dereito a ser perceptora dun servizo.
Refórzase explicitamente a importancia do privado fronte ao público no sistema educativo. Dáselle categoría de lei ao procedemento que xa se estaba a utilizar na Comunidade de Madrid polo que a administración cede solo público para construír centros de ensino privados. Tamén abre a porta á contratación directa do profesorado sen concurso público e á participación do director de cada centro na elección e incluso contratación de profesorado. Nas reválidas, os avaliadores externos poderán ser empresas privadas ou profesorado da escola privada. Está claro que tamén o desprestixio do público é un claro obxectivo da LOMCE; mais isto é un común denominador a toda a política que desenvolve o Partido Popular.
O afán recentralizador e partidista impregna todo o documento. O Goberno do Estado resérvase as competencias para “determinar los contenidos, los estándares de aprendizaje avaluables y el horario lectivo mínimo del bloque de asignaturas troncales”. Tamén se reserva todo o que atinxe as chamadas “reválidas”, deixando claro nunha emenda aceptada que establecerá os criterios e características das probas para que sexan comúns a todo o estado español. Deste xeito, materias como Castelán, Matemáticas, Ciencias Naturais, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía e sobre todo Ciencias Sociais, Xeografía e Historia terán contidos ditados desde Madrid, podendo fixar contidos que reinterpreten a nosa historia e cultura propias, imposición de cosmovisións partidistas conservadoras e economicistas que logo van avaliar tamén desde Madrid, desprezando así as contribucións aos currículos que se poidan facer desde Galiza e apostando por premiar o descoñecemento das linguas oficiais diferentes do castelán.
No canto de preparar ao alumnado para a era dixital, global, cambiante e diversificada imos preparalos para traballos que xa non van existir no futuro, aprendizaxes reprodutivos e memorísticos en vez de aprendizaxes que fomenten a comprensión, indagación, valoración, creatividade e innovación. Este é o espírito da Lei Wert.
O proxecto da LOMCE non dá puntada sen fío. Tal é a gravidade do cambio de modelo educativo que habería infinidade de ángulos para abordalo. Logo de anos de intentar educar na liberdade de pensamento, de preparar ao alumnado na independencia e na autonomía, os principios neoliberais, mercantilistas e antisociais son a base da contrarreforma educativa do PP, coa finalidade de satisfacer as necesidades dos mercados capitalistas clásicos e adoutrinar na submisión e a falta de crítica ante os poderes tradicionalistas, conservadores, económicos e relixiosos.
P.D.: Ningún dos documentos que fornece o Ministerio de Educación, anteproxectos e proxecto da LOMCE incluídos, está dispoñíbel en galego, só están en castelán... como mostra da sensibilidade do goberno central coa realidade plurinacional, pluricultural e plurilingüística do estado español.
Ningún comentario:
Publicar un comentario