Alba e Henar son dúas mozas do Bierzo que demostran con forza o orgullo de seren dunha terra na que xeneración tras xeneración o galego foi mantido, usado e transmitido ata que as interferencias administrativas e a apisonadora impositiva do ensino en español revirou por completo o decorrer de séculos de historia.
Comenzaba este curso nas terras estremeiras de Castela-León coa denuncia de que, sen previo aviso, estaban a surprimirse as clases de galego que debían impartirse segundo un acordo asinado e mantido de hai anos coa Xunta de Galicia fundamentado no artigo 4.3 do estatuto de Castela e León segundo o que o galego gozará de respecto e protección nos lugares nos que se use habitualmente.
Se atendemos á información que consta na Secretaría Xeral de Política Lingüística, hai pouco máis dun ano había 1000 alumnos que seguían o programa de promoción do galego. Ademais o seu responsable, Valentín García, transmitía
"a vontade da Consellería de Cultura e Educación de seguir apoiando e incluso ampliando esta iniciativa a outros centros de ensino que se sumen aos 14 centros de secundaria e 4 de primaria que actualmente contan alí co galego como lingua vehicular do ensino"Incluso,e para contestar aos rumores de desaparición do programa, proclamouse a implicación do propio presidente da Xunta, quen asinara xunto con Juan Vicente Herrera Campo, o presidente de Castela e León, " un Protocolo Xeral de Colaboración que abriu unha nova etapa de cooperación entre as dúas comunidades" no que se ratificaba o " Protocolo Xeral de Colaboración vixente para a promoción do galego nos territorios de Castela e León en que se fala galego."
O que sucedeu despois foi máis ou menos o contrario. Primeiro suprimiron as clases en galego nun dos catro centros nos que se impartían. Despois noutro.
A realidade é que o respecto e a protección proclamados para a nosa lingua disólvese nun convenio que primeiro permitía de forma reducida a implantación dalgunhas aulas en galego sen a garantía dun nivel de oficialidade acorde coa lingua da terra. Nesta nova xeira establécese a medida real do que significa ese respecto e protección que ficou traducido en abandono e exclusión. Cal é a finalidade? Que rapazas como Alba e Henar non teñan contacto co galego culto e académico? Que elas representen a derradeira xeneración da cadea de transmisión do galego no Bierzo?
Vendo o seu vídeo, sabemos tanto o que perdemos como o que poderiamos gañar. Que non é pouco.
P.S.:O CEIP Tuela-Bibey de Lubián (Zamora) queda sen a única hora de Coñecemento do Medio en lingua galega, vía @CGENDL
Ningún comentario:
Publicar un comentario