O españolismo, na súa cruzada galegófoba, acusou historicamente o nacionalismo de querer impoñer o galego na Galiza. O ataque carece de todo fundamento, embora é obxectivo que como alegato eleitoral deu os seus réditos, nomeadamente na campaña que levou a Feijóo a Monte Pío. En realidade, e como ten dito a profesora Pilar García Negro, o nacionalismo non tenciona impoñer o galego, senón "poñer" o galego alí onde non existe, en ámbitos dos que secularmente foi expulso pola lingua de Castela. Poñer o galego no ensino. Poñer o galego nas empresas. Poñer o galego na normalidade da rúa. Poñer o galego na Galiza, o seu país. Normal e revolucionario.
O nacionalismo non tenciona impoñer o galego, senón "poñer" o galego alí onde non existe
O único proxecto de imposición lingüística que existe no Estado español é o que promove o españolismo desde as formidábeis alavancas de poder das que dispón. Queren impor o español, como titulamos na capa do noso semanario. E para iso acaban até de modificar, no trámite parlamentar, unha lei que xa de seu era ultra-reaccionaria, a LOMCE. O PP aceitou nese sentido unha emenda formulada por UPyD -unha organización que é unha ponte españolista pola que transitan cadros vindos do PP e do PSOE, perfeitamente intercambiábeis no seu fanático centralismo. Fanático centralismo que esta semana atinxiu a súa cimeira na proposta de disolución da Generalitat feita polo alcalde de Zaragoza, o ex ministro Belloch (PSOE).
A que obedece esta histeria españolista? Basicamente é unha reacción das elites do poder no Estado ante o avanzo do soberanismo. En tempos de crise agudízanse as contradicións. "Siempre fue la lengua compañera del Imperio", deixou escrito Nebrija en 1492. Os imperialistas non mudaron. O seu único proxecto é o dominio e a imposición. As forzas soberanistas de Euskal Herria, Catalunya e Euskadi teñen a palabra. Elas son a única alternativa ao españolismo.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 24 de outubro de 2013
"Siempre la lengua fue compañera del imperio"
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario