Quen me coñece, ben sabe que pouco ou nada me gustan as leas, nin as verbais, e menos as que me levan a discusións políticas ou sobre os pensamentos, pois son moi respectuosa cos ideais dos outros. Cando as opinións son distintas ás miñas, maior é o efecto construtivo da mente, pois axudan a formar o propio criterio con máis seguridade.
Pero estes días non deixo de escoitar falar, unha vez máis, da nosa lingua. A aqueles que a usan en exclusividade e tamén aos que non a utilizan xamais. Estase a «acusar» ao galego de estar hiperprotexido polas leis e as institucións, excesivamente subvencionado. Os mesmos que aseguran que o galego perde falantes, non fan nada por evitalo, pois din que xa está amparado e non hai máis que facer.
Pois ben. Déixenme que lles diga que o galego non se protexe promulgando unha lei. Que tamén, pero non é só iso. O galego protéxese falándoo ben. En calquera das súas variantes dialectais, pero en galego. Pensar en galego e polo galego e dende o corazón. Así é como se fala ben. Apenas escoito políticos que saiban colocar os pronomes? feren os oídos.
Protéxese a lingua cando nunha Administración ofrecen os impresos en galego, situación inusual, e cando responden nesa lingua; xa non pido que parta deles. A un avó quéreselle indo visitalo, falándolle, escoitándoo, colléndoo da man e axudándolle a camiñar cando lle custa. Non basta só con dicir que é teu avó.
A lingua, a de meus avós e a miña, hai que demostrarlle que se lle quere, ou non chegará aos nosos netos.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 2 de outubro de 2013
Protexer a lingua
por María Canosa, en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario