Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de outubro de 2013

O sinto

por Susana Méndez no Sermos Galiza:


Si, seino. Vendo o título deste artigo haberá algunhas persoas que botaron ás mans á cabeza, “mimadriña, pero cómo demo se lle ocorre, e é vicepresidenta da Mesa, que dimita xa!”
"O outro día escoitei a alguén dicir: “*as gardo aquí”, e preocupoume que xa non me sorprendera, que xa non se me fixera arrepiante de entrada".​

Si, seino. Agardo que sexan moitas as persoas que así exclamaron. Mais o que me preocupa é esa xente que non pensou tal. A que premeu no título para ver porqué quería eu desculparme. Preocúpanme aquelas persoas que empregan este tipo de locucións no noso idioma. Pero o que máis me preocupa, e moitísimo, é a lingua, o galego.
É algo que imos escoitando pouco a pouco e que se vai introducindo case subliminarmente nas nosas cacholas. O outro día escoitei a alguén dicir: “*as gardo aquí”, e preocupoume que xa non me sorprendera, que xa non se me fixera arrepiante de entrada. Porque cada vez escoito máis así.
E eu, SÍNTOO, non podo ver cómo se desangra a nosa lingua asimilando formacións gramaticais da lingua imposta.
E eu, SÍNTOO, non podo quedar de brazos cruzados escoitándolle, mesmo a xente que mamou o galego desde nena, asumir para a nosa lingua composicións verbais totalmente foráneas.
O meu querido Carlos Callón explica moi ben no seu libro “Como falar e escribir galego con corrección e fluidez” o porqué destes desvíos, destas desfeitas lingüísticas. Di o Carlos “o galego espontáneo transmítese decote ferido e furado polo castelán. Son moitas as palabras, expresións, pronuncias, etc., que a sociedade foi e vai abandonando para as substituír por outras proporcionadas polo único referente de corrección e prestixio: o español”. Non se trata de algo consciente, na maior parte dos casos. Mais consciente debe de ser a corrección.
Coidemos a lingua. Tan terríbel é que cada vez se fale menos como que cada vez se fale peor. Intentemos mellorar niso tamén. Eu a primeira.Normalizar o galego tamén na súa corrección.
O prezado Carlos tamén recolle no libro que citei un decálogo de propostas para mellorarmos na fala e escrita do galego. A proposta número oito di: “Nunca comezarás unha oración cun pronome átono”. Recomendo encarecidamente a lectura (e posta en práctica) deste manual.
SÍNTOO. Vinme na obriga de escribir un título como o que puxen para ser quen de centrar a atención nunha situación que cada día se dá máis. Se o conseguín, se vos resultou rechamante, se vos puxo os pelos de punta, se vos revolvestes no asento... quizais son un chisco esaxerada. Oxalá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario