Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 31 de outubro de 2013

A tribo dos neofalantes

por Xurxo Martínez González no Praza:

Un neofalante é un galego falante máis e pertence á comunidade lingüística. Pro distinguímonos por un feito: aprendemos a falar en castelán (ou noutro idioma) dende pequenos e foi a nosa lingua de uso durante longos anos de vida pro, nun intre, decidimos mudar para o galego. Ás veces supón un proceso lento no ámbito das amizades e familia (superar as horas de estrañas, curiosas e novas situacións); noutros, é un proceso algo máis veloz, como cando participamos nunha comunidade nova (imaxinemos o mudar de barrio ou cidade); incluso, algúns outros casos son cando se accede á universidade e se despraza lonxe da súa casa.

Cambiar de lingua, ser neofalante, é moitas veces un renacer. Temos nove meses para acostumarnos. Pois, con certeza, escoitarnos a nós mesmos falar en galego resulta estraño. Estamos deshabituados e precisamos adestrar a lingua. É un feito que desafía o noso propio eu. Non desprezamos o castelán nin renunciamos á nosa historia como castelanfalantes. Sinxelamente, aceptamos renacer.
Neses nove meses temos que aprender unha boa cantidade de léxico. A pobreza nos recursos é notábel cando rematamos os estudos. Debemos practicar a colocación dos pronomes (e custa moito). Primeiro comezamos polos pronomes en inicio de oración. Logo xa pasamos a outros niveis. Diferenciar o te e o che é dos exercicios máis sisudos. Tamén nos resulta moi complexo pronunciar o /x/. Que lle imos facer! Practicar. É o único remedio que se coñece.
A xente próxima a nosoutros teñen curiosidade. Os que nos coñecen saben de sobra as razóns da nosa mudanza (que poden ser moi dispares). Pro hai outros que lles custa mirarnos desta maneira. Coma nós os primeiros días cando ao erguernos, ao lavar a cara, dicímonos: “bos días”. E parece que soa forzado. Repetímolo: “Bos días”. Resultamos tan estraños como nos resulta rechamante escoitar un cativo falar en galego nun bus urbano de Vigo ou da Coruña: volteámonos para mirar a esa especie en perigo de extinción. Asombrámonos e alegrámonos que unha pícara fale galego nun lugar chamado Galiza. A verdade: na cidade os raros son os que falan a lingua propia do país en que residen.
Ao pasar os nove meses de prácticas orais, ao afianzar o noso espazo e normalizar as relacións coas persoas do noso arredor, entón renacemos e rexurdimos para integrarnos na comunidade galegofalante. E sentímonos, polo esforzo, moi reconfortados co período de aprendizaxe e mais preto da lingua. Como se fose máis nosa ca antes. En realidade, é así.
Os neofalantes somos elementos sociolingüísticos en mobilidade constante. Elementos determinantes para o futuro da lingua galega. As persoas que nos escoitan valoran en positivo. Hai actitudes proclives ao idioma aínda que é frecuente escoitar: “a mi también me gustaría hablar gallego pero...”. Sempre hai un pero. Unha razón que podemos comprender. Os neofalantes sabemos moi ben o que supón saltar ao baleiro lingüístico do galego na urbe. Os temores, a inseguridade, a burla etc.
Pro como renacemos temos fachenda a eito para distinguirnos coa etiqueta: son neofalante. Porque é unha mostra material de que os peros existen mais hai que superalos. Somos probas tanxíbeis. E enfrontámonos ante actitudes remisas dun e doutro bando. Uns din: “donde irás con el gallego”; outros “non me veñas co galego ese que eu cho falei toda a vida de dios; saca de aí!” (todo por dicir vermello e non roxo). En castelán hai que consultar a gramática e o dicionario que limpia, fija y da esplendor; en galego... váleche ben calquera cousa (que carallo!). Estes axudan ben pouco á normalización e á incorporación de novos falantes. A actitude de laios, burlas, choromiqueos ou exaltacións do ego atrancan bastante. Sobre todo cando nos primeiros meses do renacer custa máis ter seguridade ao falar. Ser galego non é doado; exercer de galego aínda é máis complexo.
Deixádenos chamar neofalantes. Canto menos, aos que nos gusta etiquetarnos así. Non é por dividir en leiras no país do minifundismo. É porque nos sentimos recoñecidos no esforzo feito; porque hai unha certa fachenda (sa fachenda) por superar as cancelas e ferrollos que tiñamos nas vilas e cidades; porque fomos quen de gañarnos o idioma en que nos desalfabetizaron na escola; porque nola trouxo ao pairo os prexuízos sociais; porque axudamos a través da propia experiencia a que outras persoas imiten o exemplo; e, tamén, porque nos peta chamarnos neofalantes.
Deixádenos chamar neofalantes. Canto menos, aos que nos gusta etiquetarnos así. Non é por dividir en leiras no país do minifundismo. É porque nos sentimos recoñecidos no esforzo feito
Mentres se eviten políticas activas a prol do idioma e se expulse o galego do ensino con decretazos aprobados por ditaduras democráticas (ou maiorías ditatoriais), os galegofalantes no seu conxunto seguiremos turrando da lingua. Non agardamos por ninguén. E os neofalantes das urbes seguiremos sendo esa estraña tribo que un día decidimos renacer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario