Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de outubro de 2013

Pronunciamento de Prolingua sobre o recurso de casación da RAG perante o Tribunal Supremo

Pronunciamento de Prolingua sobre o recurso de casación da RAG perante o Tribunal Supremo:


A principios deste ano a Xunta recibiu seis sentenzas do TSXG polas que se anulaban dous artigos centrais do chamado Decreto de Plurilingüismo, norma fortemente contestada por amplos sectores da sociedade galega e que supuña unha rebaixa substancial e perigosísima da presenza do idioma galego nas aulas, e todo co falso pretexto da "desaparición do castelán nas escolas de Galicia".A RAG presidida por X. L. Méndez Ferrín acordou continuar coa batalla legal para a derrogación total do Decreto e a elaboración doutro novo que partise dos supostos contidos no Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en 2004. Para isto, presentou un recurso de casación perante o Tribunal Supremo de España. Ninguén daba nada pola arriscada aposta do recurso da RAG que, en caso de inadmisión, provocaría críticas que embafarían o seu creto público e institucional.Agunhas voces do mundo do dereito criticaron a presentación desta casación e desde a SXPL díxose que o recurso da Academia poucas posibilidades tiña de saír adiante. Mesmo algunhas persoas que se alegraran polas sentenzas do TSXG demandaban que a RAG retirase o recurso e que a Xunta sentase a negociar un novo pacto pola lingua. Pero, asemade, a Xunta seguía a actuar con falsidade, pois anunciaba que aplicaría "de xeito flexible" os artigos anulados e na práctica enviaba mensaxes á sociedade de que toleraría e practicaría o incumprimento das sentenzas.Agora recibimos a noticia de que o Tribunal Supremo admitiu a trámite o recurso de casación da RAG e desde ProLingua celebrámolo con alegría. O éxito disto reside en que o recurso non foi inadmitido, pois a inadmisión sería unha gran decepción para as persoas que defendemos vivir en galego con normalidade. E ademais, é a primeira vez que un recurso en defensa do galego chega ao Supremo, pois ata hoxe só se admitiran recursos de asociacións falsamente bilingües ou en defensa do vasco e do catalán.Neste sentido cómpre felicitarmos moi cordialmente a RAG, porque en todo este proceso cumpriu coa principal función que ten encomendada: a defensa da lingua galega como o signo de identidade máis importante deste país. O seu recurso de casación, independentemente do resultado final no Supremo, sitúa a nosa lingua no taboleiro estatal e demostra que os galegos non imos renunciar aos nosos dereitos lingüísticos, que nos importa o noso idioma e que o imos defender con todos os instrumentos que teñamos na man, no cerebro e no corazón.Agardamos que a RAG siga cumprindo co primeiro artigo dos seus estatutos e, se fose preciso, leve a defensa xurídica do idioma galego ata as máis altas instancias españolas e europeas, como por outra banda prometera o seu actual presidente. Apoios non lle han faltar.Nestes últimos meses instalárase na sociedade galega que quere vivir en galego un certo pesimismo porque parecía que o Decreto se ía impoñer de todas as maneiras e que non había volta atrás. Esta noticia da admisión do recurso de casación da RAG no Tribunal Supremo de España vén alumear de novo as tebras, é unha raiola de esperanza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario