por Susana Méndez, no Sermos Galiza:
Por mor de cumprimentar certos trámites ineludíbeis, pasamos hai escasos días, eu e algunhas persoas máis, unha mañá de banco en banco, e de aí á oficina dun notario. E, como cada vez que pasa iso, a mañá foi unha pelexa constante para poder cumprimentar eses trámites con toda a normalidade, é dicir, na nosa lingua. Escuso dicir que non chegamos a poder facelo na súa totalidade.
No primeiro banco, no que abriramos unha conta despois de nos teren asegurado que o trámite que queríamos facer o ofertaban integramente en galego, a primeira pelexa foi ao ver o contrato que nos deron a asinar. Estaba en español todo el. Cando lle fixemos ver o noso desgusto ao empregado do banco, pediunos que foramos “tomar un café” e que á volta xa o tería en galego.
Aproveitamos para ir facer outro mandado a outro banco, neste caso un banco resultado dun nefasto proceso de fusión de caixas e venda do aforro galego, isto é, un banco que ata hai ben pouco era unha caixa galega (hoxe xa nin caixa nin galega). Solicitei tramitar a banca a distancia, para poder facer operacións bancarias na miña conta desde a casa. Moi amabelmente, a moza que me atendía púxome diante unha serie de papeis para asinar. Cando os vin, todos en castelán, por suposto, indiqueille que son clienta de hai tempo dese banco, e que ademais tiña remitido en multitude de ocasións a miña petición de que toda a documentación que o banco intercambiara comigo eu quería que fora en galego. Polo tanto, que quería esa documentación en galego. A moza miroume con cara estrañada e díxome que non sabía se tiñan eses papeis en galego. Insistín en que o comprobara. Despois de falar co compañeiro interventor, de intentalo co director e de facer un par de chamadas, por fin, díxome que si que o había en galego. Imprimiu os papeis e deumos a asinar, comprobei que nin así estaban completamente en galego, posto que algunha parte da documentación estaba inda en español. Fíxenllo ver, asinei, e comentei o triste que era que habendo a posibilidade de facer a documentación en galego (inda que non ao 100%) ela, como empregada do banco, non o soubera, cando unha clienta llo solicitaba. A resposta foi que como sempre o fan en castelán, non sabía que se podía facer en galego. E tamén, de paso, un aceno acompañado dun salouco de aborrecemento. En fin.
Voltamos ao primeiro banco. O contrato seguía en español e non podía ser doutro xeito. Desta volta foi o director o que nolo indicou. Protestamos. Indicámoslles que se abriramos a conta nesa entidade foi porque nos aseguraran previamente que esta documentación ía estar en galego. Tomaron nota do noso desgusto, transmitiríano á central, dixeron. Xa, xa veremos.
De alí fomos á oficina dun notario que ao recibirnos e indicarlle que queríamos a documentación en galego se declarou defensor da lingua galega, asociado a non sei cantas asociacións e irmandades pola lingua e, o que é máis, indicou que nesa notaría só con que o cliente insinuase que desexaba ter a documentación en galego, xa se lle facía. Pois que ben, “favor que usted me hace”, o normal sería que non houbera que insinualo, pero en fin, ao conto. O caso é que cando viu que o documento do banco estaba en castelán empezaron os peros. Que se era mellor que foran os dous documentos (notarial e bancario) na mesma lingua, que se isto vai ir para Madrid, que se... moitas voltas tivemos que dar para convencer ao notario defensor da lingua galega de que fixera os papeis en galego. Cando, ademais, estamos pagando por iso, só con esixilo o cliente, non tería nin que respostar, tería que facelo, e punto.
E así, peregrinacións e penitencias varias que hai que pasar por querer vivirmos na nosa lingua. Que sucedería se non nos preocupara a nosa lingua, se non nos molestaramos en pedir os documentos no noso idioma, por non discutir, por cansazo, por falta de tempo...? Pois que no primeiro banco xa teríamos recollido o documento na primeira ocasión sen ter que volver, no segundo teríamos aforrado unha chea de tempo e malas caras e no notario un montón de explicacións para convencelo. Pero a nosa lingua tería perdido. Sempre que desistimos de facer valer os nosos dereitos como galegofalantes, é o galego o que perde. Non o esquezamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario