Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 19 de outubro de 2013

Escribir en galego: que difícil é!

Esta colección de parágrafos publicáronmos no Sermos Galiza:

Desde que un vendedor de panos chamado John Graunt publicara no 1662 a primeira análise estatística da que se ten constancia histórica, non só entendemos que o estudo e recompilación de datos sociais son moi valiosos para a práctica política, senón que sabemos que precisamente eses estudos son a vara coa que temos que medir esas mesmas políticas.
No XVII o gran problema era a obtención de datos. Graunt tivo o acerto de obter resultados orixinais e razoables. Tomando como base as listas de mortalidade londinienses que viñan elaborándose desde principios de século, chegou a aventurar unha cifra de 380.000 persoas como unha boa estimación para a poboación de Londres.
Hoxe as dificultades son as contrarias. Dispoñemos de tantos datos numéricos que o máis probable é que afoguemos neles cando o que debería suceder é que a realidade social se nos revelase máis transparente. Por iso cómpre centrarse escollendo cifras relevantes. Enfoquemos nunha cuestión que nos permitirá avaliar un aspecto, e por extensión, a xeneralidade da política lingüística da Xunta.
Segundo nos indica o Instituto Galego de Estatística (IGE), na última Enquisa das Condicións de vida das Familias publicada no 2008, hai un 57,84% de persoas que sabe escribir en galego ben ou moi ben. Pola contra, o restante 42,16% restante declara non saber facelo ou en todo caso recoñece grandes dificultades. As porcentaxes non son nada sorprendentes se temos presente que unha boa parte da poboación foi escolarizada á forza en castelán e o resto tivo que padecer os problemas dunha lingua en vías de normalización.
Máis significativo é o seguinte dato, sobre todo se o expoñemos á luz dos dados no anterior parágrafo. Resulta que só o 15,29% dos galegos usan habitualmente o galego na escrita. Velaí ben claro que a capacidade non implica o uso.
Temos todos, e as autoridades moi especialmente, que responder a este claro abandono no emprego da lingua. Só unha cuarta parte dos que teñen coñecementos para redactar textos en galego practican esa capacidade. A que podemos atribuír estes resultados? En ambientes castelófonos pouco hai que rascar. O aire que se respira é de desleixo e finalmente de incapacidade. O galego fica excluído de todos os ámbitos sociais así que as portas están abertas para fuxir da lingua da terra. A inacción da Xunta é  cruamente criminal. Nas comarcas máis galeguizadas quen opera para o abandono da lingua é a inseguridade. Tanto nuns casos coma noutros os feitos están a nos esixir medidas normalizadoras. Está claro que hai un campo sobre o que actuar e o goberno ten unha ferramenta moi poderosa: a planificación normalizadora mediante a práctica educativa. Neste contexto temos que darlle a razón á RAG cando no seu ditame sobre o borrador do decreto para o plurilingüismo facía unha forte aposta pola inmersión lingüística. Visto o retrato da situación, difícil sería argumentar outra saída. Se se quixer avanzar na normalización, claro.
Calquera dos que escribimos habitualmente en galego non podemos, aínda hoxe, deixar de botar man da afouteza dunha Rosalía de Castro que se atreveu a abrir unha fenda na secular historia de sometemento da lingua galego e do seu pobo. Hai 150 anos só Rosalía escribía en galego. Actualmente aínda só o fai un 15% da poboación. O Mapa Sociolingüístico de Galicia do 2004 revela que, incluso dentro das marxes do seu estudo (persoas nacidas a partir de 1950), o emprego da escrita na escola actuou como un vector negativo pois a súa incidencia redúcese á metade da porcentaxe do uso xeral do galego escrito. A escola non foi factor favorecedor da normalización. Sempre se utilizou no sentido contrario, e xa abonda.
Quen se ten que ocupar deses asunto é a consellería de Educación e moi especialmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística. E que é o que fan estes organismo cando se lles reclaman estas cuestións? O curso pasado a Asociación de Escritores en Lingua Galega, con moi bo sentido e aproveitando que o 24 de febreiro se celebrou o 150 aniversario da primeira edición de Cantares Gallegos, sacou a idea de instaurar esa data como Día de Rosalía. Esta iniciativa chegou á mesa do Conselleiro de Educación. Todo eran vantaxes. A medida non custaba cartos e fornecía á comunidade educativa dunha xornada cunha profunda carga histórica de defensa da escrita en galego. Non había argumentos para responder que non, pero sabemos que Jesús Vázquez non contestou que si. E así quedamos; sen a oficialidade do Día de Rosalía, dándolle outro pau á normalización do galego.
Ata aquí só se comentaron algúns aspectos da problemática da escrita en galego. Poderíase haber tratado tamén o proceso da castelanización da fonética, do emprego cada vez máis reducido dunha lingua de calidade, da dialectalización, da fractura da transmisión interxeneracional, da problemática específica do ensino infantil,... en fin, da trasfega diaria do andazo que lle tocou padecer á lingua galega. En todos e cada un destes apartados podemos achar un grave problema sociolingüístico cuxa superación pasa por un cambio radical na política lingüística. A realidade social está pedindo que se incremente o ensino en galego co fin de atacar os problemas de desleixo, incapacidade e inseguridade que afecta á gran maioría dos galegos e que os levan ao abandono da nosa lingua.
As táboas de mortalidade que usou John Graunt foran elaboradas co fin de detectar precozmente os brotes depeste. A xenialidade do traballo do vendedor de panos abriulle as portas da máis prestixiosa academia científica, a Royal Society. Se hoxe Graunt tivese a oportunidade de consultar os datos aos que aquí se fixo referencia acabaría concluíndo que o goberno está nas mans das ratas que provocan a peste.

4 comentarios:

  1. E aínda teríamos que sumar aos que podemos usar o idioma con certa dignidade mais a consellería non nolo permite. Ete ano sonche vítima da diglosia en 1º de ESO.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois si, desde as institucións aquí sempre se restou.
      Vou lembrar aquí unha historia de hai 30 anos: http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2010/06/o-profesor-de-matematicas.html

      Eliminar
  2. Pois lino eu sen saber que tamén te seguía vía blog. Moi bo o artigo por certo :D

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas. Ao principio non sabía de que me falabas, pero despois vin a túa resposta ao astrólogo...

      Eliminar