Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de outubro de 2013

Idioma e riqueza

por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:


Xabier Domingo, escritor e xornalista que soubo tratar con elegancia da "physiologie du goût", sostiña que as conservas de peixe constitúen un apartado moi importante da gastronomía galega. Nin Picadillo nin Cunqueiro nin outros escritores gastronómicos nosos se ocuparon das conservas desde o punto de vista da análise culinaria.

Tamén non parecen opinar coma Domingo os fabricantes de conservas destas rías. Collo ao chou tres latas de bonito de tres empresas diferentes. Ningún dos productos leva información escrita en galego; si en portugués, inglés e castelán. Unha marca sinala o lugar de fabricación en Vigo (España) e as outras dúas, respectivamente, en Poio (Pontevedra, España), e no Grove (Pontevedra, España). Semella que ocultasen, por vergoña, que os seus productos están elaborados no país máis conserveiro do litoral do Estado español, que é sen dúbida Galicia.
Hai uns cantos anos unha firma de publicidade e marketing aconselloulle aos empresarios coruñeses da razón social de Rivera, S.A. que borrasen o nome da nosa Terra da súa cervexa Estrella de Galicia. Estes non lle fixeron caso e hoxe venden Estrella de Galicia mesmo en Alemaña e noutros países maximamente cervexeiros.
O auto-odio existe en Galicia. Houbo e hai entre nós resistencia á inmersión lingüística do galego na escola porque se pensa que o noso idioma constitúe un lastre ou unha pexa para o desenvolvemento económico. Por iso, a Xunta de Galicia leva adiante unha política lingüística e educativa que non propicia a recuperación do galego. Na Xunta pénsase, aínda que non se diga en alta voz, que o galego é un atranco para a xeración de riqueza. Para eles o galego non é útil.
Nembargantes, se ollamos ao leste comprobaremos que os territorios máis ricos do Estado Español son Euskadi e Cataluña. Os vascos e os cataláns son máis ricos ca nós e non tasan esforzos e recursos para revaluar os seus idiomas nacionais respectivos. Os seus productos e manufacturas consignan na literatura correspondente o país no que foron fabricados. - aínda máis, a cadea vasca Eroski é aquela que nunca se esquece de sinalar o nome galego dos xéneros alimenticios que distribúe.
En Galicia aínda existe a mentalidade dos colonizados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario