Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de febreiro de 2011

Toponimia galega e vasca

por Cris Moss, no Xornal:


O voceiro adxunto do PNV, Aitor Esteban, empregou onte no Congreso como exemplo o precedente dos topónimos A Coruña e Ourense para defender o cambio da denominación oficial das provincias vascas, que pasarán a ser Álava/Araba, Gipuzkoa e Bizkaia, coa grafía do éuscaro.
A proposición de lei do PNV conta co rexeitamento de UPyD e máis do PP, pero ten o apoio doPSOE, de todos os partidos nacionalistas e da esquerda minoritaria. Esteban pediu na súa intervención que se tome en consideración a proposta “con naturalidade” e que a toponimia se acepte sen atrancos.
O deputado de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, criticou ao PP por “negar para Euskadi o que si aceptou para Galicia, mentres que o popular Alfonso Alonso xustificou aquel voto favorable aos topónimos galegos no feito de que o solicitase o Parlamento galego, aínda que eles defendan outra opción.
Porque en 1997, e malia as consignas de populares como Carlos Negreira a prol dos topónimos deturpados, o PPdeG pelexou polos nomes oficiais e naturais das localidades galegas fronte a unhas traducións que cualificaban de “aberración lingüística”. Aznar avalou e apoiou aquela petición.

martes, 15 de febreiro de 2011

Convivencia e participación


A nena, de 12 anos, natural de Santiago, foi apercibida xa en varias ocasións cunha falta leve e a dirección do CEIP Novo de Arteixo comunicoulle que pode ser expulsada de tres días a un mes se volve con 'hijab' ao centro. A Xunta apoia esta  da decisión do Consello Escolar "que en base á súa autonomía elabora e aproba os seus regulamentos internos",  polo que a familia da rapaza presionada desde distintos frentes decidiu solicitar o traslado traslado da menor a outro colexio.  Así é como entende a Consellería de Educación o que é a convivencia.
Ao CEIP Randulfe de Tui chegou material para unha nova aula de infantil e para sorpresa do profesorado estaba todo en castelán. Solicitaron explicacións á Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra  e a resposta foi quebotando man dos resultados da enquisa realizada aos pais e nais sobre a lingua materna dos nenos e das nenas, ese debía ser o material que debían recibir. Isto é o que para a Consellería de Educación significa participación.
Despois de explicitar na práctica tan claramente cal é a idea que a Xunta ten destes dous conceptos xa sabemos o que podemos esperar da Lei de Convivencia e Participación



"O bilingüismo é unha disculpa ridícula"

Da entrevista de Manuel Vidal Villaverde a Diana Varela Puñal, no Galicia Hoxe de onte. Como sempre, con preguntas curtas.

Supoño que estarás ao tanto do que Henrique Monteagudo, chama bilingüísmo restitutivo, que a priori non debería entenderse –percibo-,  como propón o profesor Monteagudo, para non extrarmos nunha ampla contradición nos termos, malia o consenso social que el argúe e  outros/outras non compartimos… Cando alguén fala do galego standard non sei ao que se refere, e moito “sospeito” que o emisor ou a emisora tampouco. Por outra banda, non se pode falar de restitución dese escenario lingüístico, que xamais constituíu máis nada  que unha hipertrofia da realidade dramática e imposta, pero nunca asumida polo pobo en xeral, de maneira que, falar competencia ou equilibrio a restituír, a min, con todos os respectos posíbesis, paréceme unha banalidade. A posibilidade hoxe en día e nos que aínda han vir, de establecer unha sociedade competentemente bilingüe, non é máis que, para sermos suaves, unha quimera… Podería estenderme moito máis, pero xa esta miña introdución considéroa un chisco longa, e por outra parte, coido que non hai necesidade, se non é procurar a túa reflexión verbo do exposto, paréceche, Diana?
Agocharse detrás dun pretendido bilingüismo para obstaculizar a plena integración do galego é unha disculpa ridícula. A  actuación da Xunta de Galicia imposibilítao de raíz. Sen dominar a escrita e a fala da lingua galega en idéntica medida có español, non se pode falar de bilingüismo. O argumento da estandarización ou das modificacións sofridas polo idioma son outra disculpa absurda. Todas as linguas mudan, o español, o inglés…, e nada perxudica a súa aprendizaxe ou uso.

Lectura da CGENDL do último informe PISA

As conclusión do informe da CGENDL   sobre o último informe PISA e que pode lerse completo máis abaixo, son principalmente as seguintes:

  • O aumento da presenza do galego como lingua vehicular do ensino axudou a mellorar a comprensión lectora en español 
  • O incremento do uso do galego repercutiu moi positivamente sobre os resultados en matemáticas, materia que daquela era impartida en galego


Podemos ver no gráfico elaborado na lectura da CGENDL sobre os resultados en competencia científica con absoluta claridade que cando se aumentou a presenza do galego no ensino os resultados do ensino nas ciencias eran o reflexo dun modelo que estaba a producir resultados moi bos. Aínda máis: a introdución da lingua galega como lingua vehicular no ensino en diferentes materias impulsada polo Decreto 124/2007 (lembremos que é o derrogado polo funesto decreto de plurilingüismo) non empeceu a adquisición de competencia lectora nin científica do alumnado. Os resultados dos estudantes galegos son superiores á media española nas tres áreas de coñecemento: no referente ás áreas de lectura e matemática, cun lixeiro ascenso, e en ciencias, de xeito máis acusado. 


Unha vez máis temos que lle agradecer o traballo que realizan de continuo e sen ningún apoio institucional á CGENDL. Mentres, a SXPL calará.


Lectura Do Informe Pisa 2009 Coordinadora Galega de ENDL_febreiro_2011

Máis sobre o tema en Extramuros, o blogue de Fipipe Díez

luns, 14 de febreiro de 2011

E se a Administración non usa o galego?

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

A lingua galega é oficial en Galiza e, ademais, está recoñecida como a "propia" do país, o cal supón un mandato para que sexa de uso normal por parte da administración local e da autonómica. Así, tanto desde o noso concello, desde a deputación correspondente ou desde calquera órgano da Xunta de Galiza a lingua galega ha de ser a utilizada inicialmente, por defecto, en todas as súas relacións coa cidadanía. Se non o fan (e, como é sabido, é o que acontece en moitos casos), se exclúen o galego en publicidade, sinalizacións, formularios, etc., podemos presentar un escrito para que se corrixa, pois a lei (aínda que escasamente desenvolta) está do noso lado.
No referido á Administración Xeral do Estado encontrámonos cunha casuística un pouco máis complexa. En síntese, e sinalando entre parénteses as normas que o sustentan, estes son os dereitos que nos recoñece a lexislación vixente ás usuarias e aos usuarios do galego:
- O material impreso e os formularios da Administración Xeral do Estado en Galiza han de estar dispoñíbeis en galego ou bilingües (art. 5.1 do real decreto 1465/99).
- Garantirase o uso do galego nas relacións por medios electrónicos, posibilitando o acceso aos servizos e contidos no noso idioma (lei 11/2007, disposición adicional sexta).
- As sinalizacións exteriores e os "contidos máis relevantes" dos cartaces de carácter informativo ou publicitario que se elaboren para se colocaren en Galiza han de ser bilingües: non poden excluír o galego (art. 6 e art. 11.2.b do real decreto 1465/99).
- As campañas informativas e publicitarias estarán tamén en galego, porén a verdade é que son moitísimos os exemplos que podemos pór de vulneración deste dereito (art. 11.2.b do real decreto 1465/99 e art. 9 da lei 29/2005).
- O material impreso dos órganos e unidades que teñen sede en Galiza e que se utilice a cotío para comunicacións dentro de Galiza tamén usará as denominacións bilingües (isto é, Ministerio de Sanidade, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, etc. son formas que tamén deben figurar así, en galego, en sobres e formularios). Só pode excluírse o galego (aínda que non é obrigatoria a súa desaparición, senón unicamente opcional) cando ese material estea destinado a comunicacións fóra de Galiza (art. 5.2 do real decreto 1465/99).
- Os procedementos tramitaranse na lingua que use a administrada ou o administrado. Non é necesario facer ningunha solicitude expresa: se nos diriximos á Administración en galego, esta ten a obriga de remitirnos todo o resto da información en galego. Aínda que é un aspecto que acostuma incumprirse, é importante saber que da lexislación vixente se desprende que a opción polo galego se realiza de xeito implícito: maniféstase no idioma que a interesada ou o interesado está a utilizar (art. 36.1 da lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). Mesmo no caso de concorreren varios interesados e que un non quixer que a documentación estiver en galego, teremos dereito a que toda a información que a nós se nos remita vaia na lingua de Galiza (así o indica o mesmo art. 36.1 antes sinalado).
Sabemos, no entanto, que en moitos casos, a pesar de usarmos o galego, nos chega a documentación da Administración en castelán. Cando iso acontecer, o que podemos facer é unha sinxela instancia, dirixida á Administración correspondente (vale tanto para a Administración Xeral do Estado como para a autonómica ou local). Como resposta, a Administración debe achegar unha tradución fiel en galego, sen custo ningún para a cidadá ou o cidadán, e ademais tramitar todo o resto do procedemento na lingua de Galiza. O texto pode ser, máis ou menos, este:

"EXPÓN:
Que recibiu no seu domicilio unha notificación (da que se remesa copia), con data de..., en que se lle comunica a resolución dese organismo segundo a cal...
Que dita resolución non está redixida en galego.
Que segundo as disposición vixentes (Lei 3/83, de normalización lingüística; Lei 30/92, de rexime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, etc.), a cidadanía galega ten dereito a exixir que calquera notificación, de calquera Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, que afecte aos seus intereses, estea redixida en galego e que o procedemento se tramite na lingua elixida pola persoa interesada.
Polo exposto, SOLICITA:
Que teña por presentado este escrito e por efectuada reclamación do dereito a que se tramite o procedemento en lingua galega, invalidando consecuentemente a devandita resolución e remitindo no idioma indicado a mesma."

Segundo os xuristas Antonio Xavier Ferreira Fernández, Alba Nogueira López, Anxo Tato Plaza e Luís Villares Naveira, autores do libro Estatuto xurídico da lingua galega (Xerais, 2005), "debe terse en conta que neste caso os efectos derivados da comunicación ou escrito (inicio de prazos para a realización de alegacións ou presentación de recursos, ou ben, inicio da eficacia do acto) suspenderanse dende o momento en que o cidadán requira á Administración para que realice a tradución pois, doutro xeito, a efectividade do dereito a optar lingüisticamente veríase frustrado e, ademais, o particular podería ser colocado nunha situación de manifesta indefensión ante o acto administrativo."
- Cando un documento redixido en galego teña que surtir efectos fóra de Galiza, se foi entregado ou remitido a algunha Administración con sede en Galiza, será obriga desta Administración (e non da cidadá ou do cidadán!) a súa tradución (art. 36.3 da lei 4/1999). Ninguén nos debe nin mandar nin "aconsellar" que non utilicemos o galego neses casos, pois estamos no noso dereito. O art. 36.3 tamén sinala que se eses documentos, expedientes ou partes dos mesmos tivesen que "surtir efectos no territorio dunha Comunidade Autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta do castelán, non será precisa a súa tradución". A lei neste caso pensa no catalán e no vasco, xa que o galego, a pesar de se falar tamén en terreos pertencentes administrativamente a Asturias, Castela-León e Estremadura, carece de pleno recoñecemento oficial.
- Se presentas un documento nun rexistro fóra de Galiza mais vai dirixido a unha Administración radicada en Galiza, deberá admitirse aínda que vaia só en galego e expedirase unha copia do escrito, como recibo acreditativo da súa presentación (art. 10 do real decreto 772/1999)..

A mala educación

Comento o post anterior.
Hai un anaquiño da intervención desta tal Marta do Gran Hermano moi curioso (minuto 6). Despois de arremeter cunha resta de prexuízos comenta "...pero bueno, no se si eso cambiará para mejor porque es una pena que nuestro propio idioma lo tratemos así,..., y que lo hagamos nosotros, además". Marta nese intre está transmitindo que é galega, e que o é grazas a ese idioma que despreza, e do que, no fondo, se arrepinte de desprezar. As razóns da súa nefasta actitude están claras polo resto do que dí. Os familiares, os amigos, os profesores cargárona de prexuízos. No entanto ela, identifícase como galega, e se a educación que recibiu tivese un mínimo de cariño e respeto polo propio, o seu sentimento non entraría en contradición co seu pensamento. Velaí o perigo da mala educación.

Galegofobia en Gran Hermano

Cris Moss, no Xornal,

Ter unha canle de Gran Hermano 24 horas en lugar de CNN+ conleva o risco de poder atoparse na televisión con algún dos sesudos debates que os seus concursantes levan a cabo. O último polémico, máis que un debate, foi un resumo á perfección de todos os tópicos e falsidades que arrodean a lingua galega.
O caso é que foi unha concursante de Galicia a que aseguraba a outra que “lo primero que te produce oír una persona joven hablar gallego es negativo”. “No es muy habitual que la gente joven hable gallego, bueno, en Lugo sí, pero es un gallego bruto y feo (...), el gallego que está todavía más metido en gente ignorante”.
Esta rapaza, chamada Marta, chegou a asegurar que todos os seus libros de texto na escola “eran en gallego” (sic) pero que ela facía “trampa” e comprábaos en castelán. Ademais, asegurou que “muy poquita gente habla gallego; lo hablan los nacionalistas, más los exaltados, los que lo hablan por cojones”.
A moza, que chegou a dicir que deixou de ligar cun rapaz porque falaba galego (“¡Qué bajón!”, relataba), recoñeceu que era “una pena” que os propios galegos renegasen do seu idioma. “Nosotros nos avergonzamos”, asegurou, ante a sorpresa dunha compañeira que si aprezaba a lingua galega.

domingo, 13 de febreiro de 2011

O exorcismo de Raúl Agné

O vídeo que presentamos aquí é como as boas películas de medo. Non vemos ao mostro pero percibimos claramente a súa presencia.
Raúl Agné, entrenador do Girona, contestara tres preguntas en castelán, porén a cuarta respondeuna en catalán. Entón foi interrumpido por varios periodistas que lle esixiron que falara en castelán. Agné díxolles "contesto unha en catalán e despois a vostesdes en castelán, non hai problema", no entanto os periodistas non o aceptaron. Entón o entrenador do Girona realiza o exorcismo: "non podo falar en catalán?, pois non hai rolda de prensa."
Eu non sei cales son os vieiros polos que discorre o deporte galego, mais coñecendo dos males que padece a sociedade no seu conxunto, sospeito que un caso así non sucedería nunca en Galicia. As razóns de que non haxa un Agné galego están en que aquí o común é que levemos o monstro dentro do corpo e que moito antes de enfrentarnos a ningún zunante que nos prohíba falar en galego, xa temos asumido que o idioma dos galegos é o castelán.
Sendo así as cousas, cómpre, pois, un exorcismo colectivo.

Transubstanciación lingüística

Nunha aula grande e ateigada de rapaces de 16 a 18 anos celebrábase unha conferencia para divulgar os recursos dos que dispoñen os xóvenes para o acceso ao traballo ou a unha vivenda. Hai tres poñentes e comenza a falar a primeira:
- A veeer... los de atrás, mirais bien la pantalla?...Sii?...Bien. Comenzamos?
- Bien,... si ahora estuviérais a mi lado sentiríais como me peta el corazón. Me hace bum-bum, bum-bum. Estoy nerviosa. Eso mismo os pasará cuando os encontreis en una entrevista de trabajo...
Fai unha pequena pausa e continúa.
- Hola me llamo Magdalena y,...
Un dos seus compañeiros chámaa e fala con ela en baixo.
- Ah, si.... Me dicen que aquí la mayoría hablais en gallego. Entón vouvos falar en galego.... aínda que xa vos aviso,... que o meu galego é o galego de Moaña. Como vos dicía, o meu nome é Magdalena...
Contestando desde unha das primeiras filas, un rapaz, coa voz ben clara:
- E logo,..., de onde cres que é o teu castelán?

Todos os días se produce este  patético milagre en milleiros de mentes que sendo, por exemplo, de Moaña, Tabeirós ou da Mariña, pensan que falan un castelán de Valladolid. É patético porque aínda que deixan de ser galegos, nunca chegan a ser de Valladolid, e así perden a súa alma.

A semana das curtas

A CGENDL  (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística) tráenos un novo e gorentoso proxecto da man do ENDL do IES Audiovisual de Vigo. Aqueles centros escolares que queiran poden participar na semana das curtas, que se celebrará entre o 28 de febreiro e o 4 de marzo.

A actividade consiste na proxección en cada centro educativo participante dun ciclo de curtametraxes galegas en lingua galega que se presentarán como un festival dunha semana estruturado en sesións temáticas de aproximadamente 1 hora de duración cada unha. Cada sesión temática consta de 3 curtas, 1 videoclip dun grupo musical que cante en  galego e unha breve peza documental de eufalo.tv, un proxecto colaborativo sobre a lingua e os falantes.
Ao mesmo tempo, habilitouse un espazo web  e un blogue   para que o potencial público das curtas poida opinar sobre as distintas pezas. Deste xeito, mozos e mozas  poderán establecer contacto entre eles e elas, opinar sobre as filmacións que máis lles gustaron, contrastar opinións con outras persoas e votar pola curta
e sesión que máis lle gustou a cadaquén (procurarase realizar unha votación virtual para establecer
honorificamente o “premio do público”).
A inscrición pode facerse enviando media ducia de datos por correo electrónico. Información aquí.

sábado, 12 de febreiro de 2011

Xente normal e problemas reais


por Carles Capdevila, director do diario Ara. Tradución ao galego do seu artigo Gent normal i problemes reals, o artigo chegoume Vía o Caderno da lingua
Desconfiarei sempre de quen non respecte a miña lingua. Porque, ao facelo, demostra que non me respecta a min, e ao tempo tamén demostra que non respecta un ben cultural esencial. Desconfiarei sempre de quen non considere normal o seu uso institucional e simbólico, porque non considera normal a miña realidade cultural e porque ademais pensa que ten dereito a decidir o que é a normalidade, e curiosamente a normalidade é el, e non eu. Desconfiarei sempre de quen diga que o meu problema non é real, porque me fai de menos e porque pensa ter o poder de decidir o que é real, e casualmente tamén o é el, e non eu. Desconfiarei sempre de quen diga que as linguas son para entenderse e non para crear problemas e utiliza este argumento para crear problemas coas linguas. Desconfiarei sempre de quen manipule realidades deliberadamente e ouse acusar as linguas perseguidas de seren as perseguidoras. Desconfiarei sempre de quen vexa como un gasto innecesario a promoción da miña lingua e como un investimento imprescindible a promoción da súa. Desconfiarei sempre de quen queira acomplexarme porque falo con naturalidade a lingua de meus pais. Desconfiarei sempre de quen me negue a lingua, porque me sinto comprometido cos que a salvaron para que eu llela poida aprender aos meus fillos. E procurarei enfadarme pouco, só cando me pareza normal e diante de ameazas que considere reais. E sempre, pero sempre, plantarei cara.

venres, 11 de febreiro de 2011

Poesíagalega.org

Nova web ao servizo da lingua da man do Consello da Cultura Galega. Chámase  poesíagalega.org. e desde hoxe accederase a ela desde a lista de recursos deste blogue.
Consiste esta web  nunha base de datos mais tamén será un repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos. Pretende chegar a ser un dos lugares de referencia para o estudo e a investigación da poesía e a literatura galegas contemporáneas. Tampouco se nos escapan as súas posibilidades como un recurso de apoio á formación do estudantado.


Desexamos que poesíagalega.org acabe sendo outra iniciativa de fortalecemento da nosa identidade dándolle valor a un dos máis grandes tesouros colectivos. Grazas aos responsables da inciativa e a todos os colaboradores.
P.S.: O portal poesiagalega.org ábrese con 150 textos de difusión poética

De amantes para amantes

Estase poñendo complicado isto da defensa do galego. Os de GalegoLab lanzaron a idea de facer unha película porno (en galego) que parece que vai materializarse baixo o título do Divino ferrete. Eu non me vexo á altura.
Menos mal que desde a Mesa nos poñen as cousas máis fáciles pois na súa inciativa da bicada polo galego, convocando unha solta de bicos indiscriminada na praza do Toural de Santiago o vindeiro 14 de febreiro ás 17:00, non solicitan máis que dez minutos de efusións amorosas. Un non está para estes foguetes, porén a iniciativa de seguro será outra pedra no muro contra os ataques á lingua.
E a cousa non acaba aquí. Para que ninguén poida poñer desculpas hai toda unha resta de actividades argalladas coa desculpa do San Valentín e que foron recompiladas pola  CTNL. Entre elas hai cartas de amor, poesías, SMS, declaracións, lecturas...
Mil cousas para todos aqueles que aman a lingua, mil cousas daqueles que a aman.

Imperialismo lingüístico español

Nos Cadernos de Comunicación e Análise acaban de colgar un vídeo de Juan Carlos Moreno Cabrera no que critica sistemáticamente o imperialismo (el chámalle nacionalismo) lingüístico español. Aquí xa puxéramos o vídeo hai case un ano, a novidade é o documento que complementa esa amena e rigorosa conferencia. Para ler.
Texto Moreno Cabrera Def

xoves, 10 de febreiro de 2011

As matemáticas para a normalización


Contra os prexuízos e a simplificacións da lingua galega Manuel Núñez Singala ten un libriño que se deixa ler moi ben e que ademais é un recurso didáctico excelente. Estamos a falar de En galego, por que non?, e un bocadiño do mesmo está accesible con só premer nesta ligazón.
A min gústame sobre todo porque fai uso de recursos matemáticos para desmontar prexuízos  e simplificacións que andan boureando ao noso arredor. Vai de seguido un exemplo e que é un dos problemas que raro é que non apareza nas miñas clases da ESO.
Trátase de contar o número de cadrados que hai na figura da esquerda. Simplemente iso. Seguramente a primeira vista calquera diría que hai 16 cadrados. Non é esa a resposta que busco.
 Basta unha pequena indicación (este novo debuxo) para comprobarmos que hai máis cadrados. Agora cómpre repetir a cuestión: cantos cadrados hai?. Se despois de lle dar algunhas voltas non se acha a solución, podedes ir ao texto de Singala e facer o reconto.
Con isto Singala fai unha analoxía cos prexuízos lingüísticos. Habitualmente, cando pensamos ou opinamos sobre a nosa lingua, é moi frecuente adoptar unha visión superficial, sen profundar o suficiente, e crer que o que se percibe é todo o que hai. Non é ese o caso.
Singala para aquí. Calquera que teña gusto polas matemáticas reflexionaría sobre o número de cadrados que hai nun taboleiro de xadrez (de 8x8), un nun taboleiro cadrado calquera (nxn), ou incluso nun taboleiro rectangular (mxn).
E así, reflexionando sobre as matemáticas, comenzaremos a enxergar toda unha realidade que se esconde detrás dunha cortina de prexuízos.

martes, 8 de febreiro de 2011

A ecuación diferencial do bilingüismo

A ecuación diferencial do bilingüismo estaba chamada a que me pasara desapercibida. Foi o interese que mostrou A. C., un alumno meu, quen me falou das reportaxes que saían nos medios informando do caso , e foi polas cuestións que A. C. me avanzou polo que se me despertou o interese no traballo “Importancia da semellanza lingüística e do bilingüismo estable cando dúas linguas compiten”.
Efectivamente, o estido asinado polos profesores da USC Mira, Seoane e Nieto fíxose coñecido ao ser destacado nunha revista do prestixioso MIT (Instituto Tecnolóxico de Massaschussets). Ten unha gran significación simbólica o feito de que se recoñeza internacionalmente un traballo realizado en Galicia e no que se presenta un modelo de dúas linguas en conflito, sobre todo agora, nos tempos en que desde as altas instancias da política autonómica se pretenda disociar a lingua galega do mundo científico.
A orixinalidade do traballo reside na introdución de dúas medidas que poden axudarnos a comprender mellor a sangría de falantes que está sufrindo o galego. Unha delas é o estatus, que mide a percepción social das ventaxas que lle ofrece a un falante o uso dunha determinada lingua. Os autores acaban determinando un valor do 24% para o galego e, polo tanto, dun 76% restanto para o castelán. O outro parámetro co que xogan é o da semellanza lingüística e ao meu ver parte dunha percepción errónea do que pretenden modelizar. A semellanza lingüística pretende medir de que forma pasan os individuos de falaren nunha lingua a facelo na outra ou ben a converterse en bilingües. Do que se pode ler no adianto do modelo que construíron estes profesores da USC, o caso parece máis acaído para aplicarllo a unha sopa de dous tipos de moléculas que poden ter unha determinada afinidade para combinarse ou disociarse.Un non enxerga un substato sociolingüístico firme detrás do parámetro da semellanza lingüística. Así, fálase, por exemplo, dun panorama no que a lingua galega desaparece mentras que tanto o grupo bilingüe como da lingua española se equilibran baixo a consideración dun estatus constante da lingua galega sempre inferior ao da lingua de Castela. De chegarmos a este caso, entre outras cousas, o galego sofriría tal deturpación interna que se esvaería como dialecto do castelán. Trazos de ese proceso xa os podemos ver hoxe en día.
Por outra banda hai fenómenos que non aparecen reflectidos na ecuación diferencial.. No propio estudo, apuntando novas liñas de investigación, noméanse algún. Outros poderían achegarse da consideración de que por moi mala que fose a evolución do número de falantes dunha lingua, ésta podería resistir se hai un grupo de falantes irreductibles dispostos a lle manter fidelidade.
Non debemos perder de vista que o que aparece no artigo non nada máis (e nada menos) que un modelo da evolución do número de falantes de dúas linguas en competición. Así que aínda que a previsión do futuro da lingua galega segundo o modelo, que aparece na imaxe de arriba, é bastante desalentadora, este resultado non é nada definitivo, a sorte do galego non está decidida. Aínda así o traballo destes tres investigadores pode achegarnos nova luz sobre as análises sociolingüísticas realizadas ata o momento.
É de agradecer que estes profesores da USC focalizaran o seu interese nun fenómeno social próximo. Isto sérvenos para confiar máis na nosa universidade, para comprobarmos, que por moi esotéricos que nos parezan os estudos que se realizan nas unversidades, éstes acaban sendo útiles á sociedade que as mantén e apoia.
Finalmente creo que está claro, e considero que éste é o aspecto máis positivo deste traballo, que se abre toda unha nova forma de abordar o estudo do conflito lingüístico e isto é o mellor que lle pode pasar a unha teoría científica: que sexa fructífera, e que xenere todo un novo proxecto de investigación. Sería realmente marabilloso que a partir deste artigo se xurdira unha innovadora vía de colaboración entre matemáticos e sociolingüistas que nos axudaran nun futuro a comprender moito mellor  do que poidamos facelo hoxe, os procesos relaccionados co cambio de lingua despois de estableceren un modelo asentado no que puidera ser a ecuación diferencial da diglosia.

Se é leite, é galego

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

A política do "tanto ten" aplicada á lingua, desde o uso á calidade, evidencia desleixo cando non desprezo ou asunción dunha "natural" marxinación

Veño de ler hoxe nalgún medio de comunicación que ao fin vai comezar a se visualizar no mercado esa marca de distinción do leite autóctono seica ideada pola Consellaría de Medio Rural; polo de agora, que saibamos, unha das escasísimas accións concretas de apoio a tan estratéxico (e maltreito) sector da nosa economía que se lle coñecen á consellaría dirixida por Samuel Juárez en practicamente xa dous anos que leva de titular. 

Sabiamos xa, por certo rebumbio que se armou, que o lema publicitario escollido como "marca da casa" desta acción publicística que seica procura pór en valor o leite autóctono vai ser "100% galega". Polo que hoxe podiamos ler nalgún xornal, cando menos Feiraco vai levar este selo, de seu indicativo da nula importancia que lle dan os que nos mandan a algo que é, como pouco, tan galego como o leite das nosas vacas: a nosa lingua, o galego. Non é só no leite, xaora: abonda con sintonizar a Radio Galega ou os telexornais da TVG para pasar en cuestións de segundos do estupor á repulsión; con escoitar case calquera comparecencia parlamentaria -con honrosas e dignas excepcións -; con pretender empregar o tradutor automático para o galego para ler as noticias da Voz de Galicia (opción esta nada recomendábel); con ter o atrevemento de querer consultar en galego a páxina web doDefensor del Pueblo; e un longuísimo etcétera que nos podería ocupar horas.

Non quería esta pequena reflexión afondar no drama social, económico e, a fin de contas, humano en que vive inmerso desde hai xa demasiado tempo o agro galego; non porque non sexa preciso denuncialo, unha e outra vez, as veces que cumpra no entanto non se corrixir semellante inxustiza histórica. Máis ben é porque, mente sempre tan revirada a miña, non fun quen de evitar compor mentalmente o paralelismo entre a estratexia da Consellaría do Medio Rural e a da inefábel Secretaría Xeral de Política Lingüística. Á frase de "facer que fago, para na realidade non facer" haberíalle que xuntar, ao menos no caso do departamento que dirixe o inefábel ex sociolingüista (dito por el mesmo) Anxo Lorenzo, aínda estoutra frase: "Facer que fago, para na realidade só desfacer". 

Así, asistimos outravolta na nosa historia a un goberno que substitúe as accións que lle deberan ser propias pola simple propaganda, como era norma en tempos aínda ben recentes da que alguén denominou no seu día pax fraguiana. Porén, cun agravante no caso do executivo presidido por Alberto Núñez Feixóo: que non conformándose con non faceren e queréreno disimular, desfán todiño o que, mellor ou peor, antes se tentou construír, erguer partindo moitas veces de cero. 

Para que se entenda cun exemplo aínda ben máis gráfico: o mesmo que Samuel Juárez disfraza o seu desinterese por dar calquera tipo de batalla de cara á creación dun grupo lácteo galego, Anxo Lorenzo conténtase con responder á terríbel caída de falantes iniciais da nosa lingua organizando "festas dos axóuxeres" e inaugurando unha canle televisiva para, con todos os respectos, consumo exclusivo de profesorado, técnicos e funcionariado. O de sempre. E cun agravante: non ledo con non facer, con ollar a vida pasar desde a xanela, o noso secretario xeral de Política Lingüística considera "un derroche" que a nosa lingua propia -a que o puxo a el aí, e a que lle deu de comer toda a vida e lle segue dando -exista nas institucións públicas que tamén contribuimos a pagar as galegas e os galegos, neste caso o Senado; onde tamén hai senadores galegos e senadoras galegas escollidos e escollidas por galegos e galegas. Anxo Lorenzo foi mesmo máis aló que o presidente da Xunta, que se atreveu a cualificar o dereito ao uso do galego no Senado de "excesivo". 

Agora xa sabemos que para o noso presidente e o noso secretario xeral de Política Lingüística a nosa lingua e o dereito ao seu uso son excesos e malgastos. Se cadra tanto como os propios cargos que ocupan. Se así for, xa saben onde teñen a porta.

Blanca e... en cartón?

No artigo faise de Cris Moss para o Xornal faise referencia a críticas dos internautas da última campaña anormalizadora da Xunta. Eu recomendo algunhas que con moito sentidiño lle fan desde As miñas historias ([1] e [2])

Os internautas volveron onte a tirarlle das orellas á Xunta polos erros lingüísticos cometidos respecto á campaña para promocionar o leite de Galicia. “Blanca e... en cartón? Só pode ser 100% GALEGA”, escribiu o Executivo galego no seu perfil na rede social Facebook para anunciar a campaña que comeza hoxe.
“Primeiro, é branco, posto que o leite en galego é masculino. Segundo, que o logo di Gallega 100%. Así que menos mentir e máis traballar polo país”, sinalouse nun comentario. “O que tedes jalleja cien por cien é a cara de cemento armado. Avergoñarse da propia lingua, dades pena”, apuntou outro.
Ante as críticas publicadas, a Xunta aclarou no seu muro: “En relación aos vosos comentarios, decirvos que ‘Galega’, feminino, se refire á marca, non ao leite. É unha marca que engloba todos os produtos lácteos que se fabrican en Galicia. E unha marca é feminino (...) Grazas polos vosos comentarios”.
“Entón, que é iso de ‘blanca e en cartón’, a marca ou o leite? En fin... ‘Branco e en cartón, só pode ser leite galego 100%’. E, por certo, ese é só un dos múltiples erros lingüísticos da campaña publicitaria do leite galego, ao lado de ‘diferencia, producto, disfruta, ademais, etc.”, engadiu outro inernauta. Queda dito.

Lectura en You Tube das Memorias dun neno labrego

Unha nova idea da plataforma GalegoLab


Trataríase de gravar vídeos, de xeito organizado, dunha obra literaria galega e subilos a unha canle de YouTube, que se crearía para tal fin, até completar a obra.
Temos dúas conmemoracións este ano: 125 anos do nacemento de Castelao, e 50 aniversario de Memorias dun Neno Labrego.
Unha vez posto a andar o proxecto a idea é que a xente vaia participando de xeito voluntario.
Ocórrenseme dúas versións do proxecto:
1. Facer a lectura só en galego
2. Facer a lectura maioritariamente en galego e incorporar colaboracións das versións traducidas noutros idiomas con lendas en galego. (neste caso habería que contar cunha obra traducida a moitos idiomas, como é o caso de Memorias dun Neno Labrego)

luns, 7 de febreiro de 2011

Podería atenderme en galego?

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

O galego, ademais de ter recoñecido o carácter estatutario de "lingua propia" de Galiza (que supón o mandato concreto de potencialo), é idioma oficial das administracións situadas en Galiza. É oficial de todas: da estatal, da autonómica e das locais.
Isto quere dicir que coa Xunta, coas universidades, cos concellos e deputacións, coas empresas públicas, cos órganos da administración central con delegación en Galiza, temos dereito a:
-Falarmos en galego.
-Entregarmos escritos en galego.
-Que respondan en galego aos nosos escritos.
-Que os formularios estean en galego.
-Que a publicidade sexa en galego.
-Que a páxina web estea en galego.
-Que a sinalización das dependencias administrativas con sede en Galiza estea en galego.
-Que a traballadora ou o traballador nos atenda e nos responda en galego.
Hai un marco legal que lles dá soporte a estes dereitos (por moito que poida lamentalo o actual presidente da Xunta!). Por iso, unha actitude de reclamación individual firme, persistente e intelixente terá resultados moi efectivos.
A atención oral
Esta semana imos centrarnos no último dos dereitos antes relacionados. Todas as persoas deberiamos ser atendidas oralmente en galego en calquera administración (o Concello, a Axencia Tributaria, etc.) ou empresa pública (Renfe, Correos, etc.), tanto se estamos presencialmente como se realizamos as xestións a través do teléfono.
No caso de non nos atenderen de inicio no noso idioma, o mellor que podemos facer é... solicitalo explicitamente: "Por favor, podería atenderme en galego?"
Esta solicitude pode acompañarse dun sorriso franco, pois na maioría dos casos se non se nos responde en galego non é por ningunha actitude contraria ao galego, senón por inercia ou, mesmo, por descoñecemento de que existe tal obriga na atención á cidadanía. Por propia experiencia, sei que en moitas administracións abonda con facer a solicitude para que se mude a lingua sen ningún tipo de problema.
Se for oportuno, podemos recordar que se trata dun dereito amparado pola lexislación. Abonda con indicarmos iso e non é necesario lembrarmos cales son as normas en concreto, mais, por se foren de axuda, son estas:
a) Art. 6.1 da Lei 3/83, de normalización lingüística: "Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma".
b) Art. 54.11 da Lei 7/07, do estatuto do empregado público: Os empregados públicos "garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio". Penso que é importante que isto fique claro, aínda que sexa á custa de repetilo: o Estatuto Básico do Empregado Público afecta ao conxunto do persoal funcionario e laboral que está ao servizo das Administracións, como a Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas, das entidades locais, universidades públicas, así como os organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera das Administracións.
Se a traballadora ou o traballador da Administración ou da empresa pública pasa a falarnos en galego, pódese agradecerlle a súa amabilidade cando finalicemos a xestión. Porén, se mesmo despois de o solicitarmos non podemos continuar recibindo a atención no noso idioma, o mellor é non entrarmos en discusións de ningún tipo nin perdermos os nervios ou o tempo. Trátase simplemente dun dereito e de que hai que aplicar a lei.
Ás veces poderemos encontrarnos con casos en que, por facermos a solicitude, teremos que escoitar cousas do tipo "¿Y por qué quieres que te atienda en gallego?" ou mesmo "¡Ya vienen los del Bloque!". Non caiamos na trampa. Non imos a esa administración ou entidade pública para debatermos sobre as nosas preferencias ideolóxicas, relixiosas, lingüísticas ou culturais. Imos para realizarmos unha xestión, a que for, e temos o dereito a realizala en galego e recibindo atención en galego. Os dereitos non se discuten: exércense. Se nos enfadamos, seremos os primeiros prexudicados, pois contribuirá a queimarnos.
Unha opción neste caso é solicitarmos que nos atenda outro traballador ou outra traballadora que si saiba galego. Se isto non for posíbel ou implicar tempo de agarda ou algunha outra dificultade, talvez o mellor será continuar coa xestión e, posteriormente, realizar unha queixa por escrito na Administración ou empresa correspondente.
No caso de que houber unha atención deficiente ou un trato humillante por realizarmos a solicitude, na queixa debe especificarse que non só non nos atenderon en galego, senón tamén describirmos con brevidade o acontecido: Se tivemos que agardar máis tempo do debido, cal foi a resposta, etc. No escrito de queixa é bo que procuremos a concisión e a efectividade: Vaiamos ao punto que queiramos subliñar e pidamos resposta por escrito.
É recomendábel que, a maiores, encamiñemos a nosa queixa á Mesa pola Normalización Lingüística, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao Valedor do Pobo, para que fique constancia do acontecido e fagan o posíbel para solucionala. Podemos utilizar o correo electrónico ou as súas páxinas web, gañando así en axilidade:
a)A Mesa pola Normalización Lingüística.-É unha entidade cidadá, coa consabidas limitacións humanas e económicas, mais daralle máis eco e máis forza á nosa queixa. Os correos de contacto son amesa@amesanl.org ou linhadogalego@amesanl.org
b)Secretaría Xeral de Política Lingüística.-É o departamento do Goberno galego que ten como finalidade promover o idioma da Galiza e defender os dereitos lingüísticos. É sabido que o seu funcionamento actual deixa moito que desexar, mais ten obriga de tramitar e responder a nosa queixa: sxpl.secretaria@xunta.es
c)Valedor do Pobo (se a entidade é do ámbito local ou autonómico) ou Defensor del Pueblo (se é para a Administración do Estado ou entidades estatais).-Tamén teñen a obriga de tramitar e de responder a nosa queixa. No caso do Valedor, o escrito enviarémola a rexistro@valedordopobo.com e, no do Defensor, podemos dirixilo desde a súa páxina web: www.defensordelpueblo.es
Que se use o galego depende de nós! Que se use o galego depende de ti!.

domingo, 6 de febreiro de 2011

Riveira contra Ribeira


Xa me tardaba. Cando a feliz idea dunha amiga me levou a deixar aquí pola dereita unha sección titulada foto-denuncia, eu ben sabía que non había de morrer o conto sen que a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística me proporcionara material para a mesma. O que non pensaba é que fose tan pronto.
O Concello de Ribeira, pasando por completo da Lei de Normalización Lingüística, non só está empeñado desde hai ben de anos en deturparse no topónimo *Riveira, senón que incluso lle buscan xustificacións peregrinas como a de que un pleno do ano catapún acordara o disparate lingüístico. 
Bastaríalle ao señor Torres Colomer, alcalde de Ribeira (o da esquerda da foto) buscar no Proxecto Toponimia da Xunta o nome do seu concello para que o conto morrera. 
Pois foi o caso que Anxo Lorenzo ( o da dereita da foto), o Secretario Xeral de Política Lingüística, pasou por este concello-amigo e quixo que se soubese polo que afirmou pomposamente “Os concellos teñen un papel decisivo no proceso de extensión social da lingua galega desde o ámbito local" , Que significa isto? Que lle pegou o aviso a Torres Colomer de que xa vai sendo hora de respectar a lingua tamén na toponimia? Pois ben o sabemos, e  xa veredes todos como Anxo Lorenzo antes de dar nin a máis mínima queixa a ningún alcalde por actuar á mantenta contra a toponimia e a lingua galegas,  apoiará a derrogación da Lei de Normalización Lingüística para acabar co continuo problema que lles supón aos enemigos do galego ese apartado que di que a única forma válida da toponimia galega é, curiosamente, a galega.
Ribeira versus Riveira, eis o conflito lingüístico.

Máis: Grupo de facebook polo B de Ribeira, artigo de Xosé Ramón López Boullón "Ribeira versus Riveira"

Telefónica contra AELGA

 A Mesa lamenta que “toda a publicidade de Movistar é en catalán en Cataluña, mais aquí exclúe o idioma propio” e lembra que, a pesar de que Guillermo Ansaldo, presidente de Telefónica, se comprometera coa Mesa en 2008 a introducir o galego na súa páxina web, esta continúa a ter opcións só de castelán e de catalán.
Carlos Callón asegurou que  “os servizos de atención para profesionais e empresas exclúen o galego" e que " os servizos en galego só son teóricos. Por exemplo, no teléfono 1004, que é o servizo xeral de atención telefónica, é habitual que non haxa persoal dispoñíbel para falar en galego, polo que se anima a chamar máis tarde de forma incesante. Ao final, a persoa que chama ou pasa por un servizo deficiente por querer usar o galego ou ten que claudicar, inxustamente, dos seus dereitos lingüísticos”, denuncian desde A Mesa.
As razóns de que toda esta zunia esté instalada na compañía Telefónica teremos que buscala precisamente nas subvencións que a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lle regalan todos os anos coa desculpa de que van facer xusto o contrario. No entanto, aqueles organismo que si defenden a nosa lingua, como a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) acaban de recibir a mensaxe contraria por parte precisamente da administración. As achegas  que recibían da Consellería de Industria e da Dirección Xeral de Xuventude e do Xacobeo desapareceron por completo, as da Consellería de Cultura reducíronse nun 30%, e as da SXPL reducíronse nun 60%. En total un 80% de recortes.

sábado, 5 de febreiro de 2011

Tuneando o "gallega cien por cien"


Non hai quen o arranxe.
No tumblelog As miñas cousas xa comenzaran a repintar o spot da Xunta, pero a min aínda me amolaba o chafaríz ese que transformaba galega en gal(l)ega, así que rematei o traballo do tuneado.
Máis [1],  [2], [3]