Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 21 de abril de 2017

Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo


Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo - Vigo [1ºParte] from Il Canalla Rubens on Vimeo.

Nesta charla das Mareas de Vigo participan Xurxo Martínez, técnico en normalización do SNL de Redondela, Marga L. Barreiro, concelleira da Marea en Vigo, pero sobre todo, Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e especialista en toponimia, aquen sempre é un gusto escoitar porque enche o seu relatorio de curiosidades. A súa intervención comenza a partir do minuto 17.
Navaza comenza lembando as polémicas na denominación de concellos con nomes normais e alcaldes problemáticos. Cita o caso de *Puenteareas ou o de *Riveira. Hai outros casos nos que aínda que está claramente documentada unha determinada denominación, pero dexasustes  administrativos ou o desleixo do Consello da Xunta, manteñen unha forma oficial incorrecta. Tal é o caso da *Cañiza (debería ser A Caniza) ou de *Santa Tegra, na Guarda (debería ser Santa Trega).
Grazas a que en Galicia se estableceu que a toponimia era responsabilidade da Xunta, e non dos concellos, puido facerse moito máis que noutros territorios, e iso que partíamos dunha situación de moita maior deturpación.
Sobre a denominacións que son competencia dos concellos, rúas e prazas, destaca o chamado modelo toledano. En Toledo retiraron os nomes das rúas adicados a personaxes para recuperar o topónimo tradicional do lugar. En relación con este tema, no segundo vídeo fai referencia a un tipo de castelanización atrabiliaria. En Lalín, nun lugar coñecido como o Areal, o concello nomeouno como rúa Concepción Arenal. Para poñerse a mexar e non botar gota.
Navaza fai un repaso da toponimia das parroquias viguesas. Sobre o propio nome da cidade, relata que vén de vicus, que significa fila de casas. Esta palabra dou orixe a outras relacionadas como veciño ou veciñanza. Ofreceu o dato de que hai 14 Vigos en Galicia e fixo referencia ao tráiler que acabou atrancado nunha corredoira do Vigo que hai por Padrón. Tamén recordou a resistencia dos que pretendían a denominación de *Valladares á parroquia de Valadares.
Ao falar de Alcabre fai todo un dircurso sobre o celtismo e a toponimia prerromana. En concreto a terminación bre ten o significado de "castro". De ahí a redundancia do topónimo Castrobre.
Por rematar, unha última pincelada referida ao lugar de Barcia de Mera, en Mondariz. Alí celebrábase a advocación a S. Amaro, que fora soldado romano. Chegou un momento, no século XVI, no que este santo de tradición galega, non foi identificado pola Igrexa e cambiou o santo do lugar polo do bispo S. Mauro. Agora, nas festas sacan dous santos en procesión. Un vestido de romano e outro coa mitra á cabeza. Din que un é o santo de novo, cando soldado, e o outro de maior, xa con cargo eclesiástico.



Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo - Vigo [2ºParte] from Il Canalla Rubens on Vimeo.


mércores, 19 de abril de 2017

En galego, sen cancelas na escola


O vídeo gañador do Correlingua 2017 foi obra do ENDL do CPI Suárez Marquier (O Rosal). Os premiados están encantados cun recoñecemento que "serve para promocionar a lingua e para denunciar a situación na que se atopa".
Esta peza recolle varias escenas da vida cotiá, algunhas fóra do centro escolar, nas que flúe con normalidade a lingua galega, e outras, tras as cancelas da escola, nas que se mostra como o funesto decreto 79/2010 aniquila a lingua galega das aulas de matemáticas, física e tecnoloxía.

Un respecto pola lingua e polos sufridos lectores!

por Manuel Cabada Castro, recollido do Xornal de Tabeirós-Terra de Montes:

Non quero desde logo fachendear aquí pola miña parte de utilizar correctamente a propia lingua, a galega, aquela que utilizo agora para me queixar do desleixo co que máis dunha vez se trata a lingua galega nalgúns xornais que se editan en Galicia. Non exclúo, polo tanto, que alguén me poida replicar co vello adaxio latino de “medice, cura te ipsum”...

venres, 14 de abril de 2017

Galegocalantes e galegofalantes

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A última compilación de traballos publicados por Carlos Callón en defensa do noso idioma abrangue o período 2009-2016. Como se sinala, nun texto xustificatorio, ao comezo desta obra, foi este un intervalo de anos negros para a lingua galega polos graves retrocesos sufridos. Mais tamén un tempo de “esperanza social, de mobilizacións continuadas, de alento histórico dun pobo que, a pesar de todo, non se resigna a desaparecer”.

mércores, 5 de abril de 2017

A educación en galego. Reflexións desde o IES Sánchez Cantón



Alba e Inés son dúas youtubeiras pontevedresas, que desde o ENDL do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) queren compartir reflexións sobre o uso e situación da lingua galega.

Razón de ser dunha resolución

por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:

No fin de semana pasado e na cidade da Coruña celebrouse a XVI Asemblea Nacional do BNG, que merece todos os parabéns e, aínda máis, os desexos da mellor fortuna no traballo que temos colectivamente por diante, que non é pouco. Mais neste artigo quérome aproximar só a unha das Resolucións aprobadas na súa clausura, cuxo texto literal reza así:

xoves, 30 de marzo de 2017

Son regueifeira e gústame regueifar


O Concello de Santiago convoca durante o mes de abril un certame de regueifas en vídeo para contribuír ao coñecemento desta forma de improvisación oral, incentivar a súa práctica e colaborar á creación de espazos nos que a lingua galega sexa canle de expresión, comunicación, participación e divertimento.
Vía Dores S. Alegre

xoves, 23 de marzo de 2017

O Berete: a revista

Máis dunha vez temos feito referencia ao blogue O Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela). Agora sabemos que O Berete é tamén unha revista. Neste número, hai unha entrevista, recensión de libros, creación literaria, novas e un pequeno artigo sobre un obxecto que fora todo un éxito no seu tempo e que volve a estar de moda: o cubo de Rubik. Para botarlle un ollo:

O Berete. Marzo 2017.

mércores, 22 de marzo de 2017

ostiá! (toponimia deturpada) de Leo i Arremecághona



O Leo i Arremecághona ofrécenos este hit: Sanjenjo, Panjón, Corujo, Puertonuevo, La Coruña, Bueymuerto, Arte(i)jo, Ortiguera, Puentedeume, Puenteceso, Noya, Bayona, ???, La Peroja, ????

domingo, 19 de marzo de 2017

Rosalía, discurso moderno

por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, en La Voz de Galicia:

A obra de Rosalía acompáñame desde a adolescencia. Foi, como non, unha das miñas primeiras lecturas en lingua galega, lectura, no meu caso, orientada pola miña profesora nas aulas do Instituto, Pilar García Negro que, nun tempo en que non había aínda ensino regrado desta materia, permitiunos a moitas rapazas descubrir a literatura galega e, moi en especial, a potencia e orixinalidade do discurso rosaliano. Por tanto, para min, ler Rosalía resulta indisociábel da reflexión sobre a problemática das mulleres e, tamén, da sorprendente descuberta de ter diante unha voz que falaba desde unha clara conciencia da propia identidade como muller. Con todo, o certo é que esta ollada desprexuizada sobre a produción rosaliana non era, nin de lonxe, a máis común na altura pois, como é ben sabido, pesaban sobre ela preconceptos fortísimos.

sábado, 18 de marzo de 2017

Semente de Trasancos




A pasada fin de semana celebrouse en Narón a terceira edición do Festival solidario da Semente para apoiar o ensino en galego en Ferrolterra organizado por Semente de Trasancos, un grupo de xente que pula por algo tan simple, tan necesario, e hoxe en día, tan escaso, como unha escola en galego.

Carta aberta a un pai galego

unha desas marabillosas cartas abertas de Xabier P. Docampo, en Praza Pública:


Prezado señor Núñez Feijóo: Sei pola prensa que o día 15 do mes pasado naceu o seu fillo e quero dicirlle, con total sinceridade, xaora, que desexo que o neno se críe ben e saniño e que contribúa á felicidade de vostede e mais a da nai da criatura. Así que vaia isto por diante.

xoves, 16 de marzo de 2017

Galiza somos nós, a xente e máis a fala



Excelente peza audiovisual, elaborada dentro do marco do  Outorno Cultural da Coruña. Está construída sobre o poema de Manuel María "Galiza" (Os soños na gaiola, Edicións Xerais 2000), protagonizada polas persoas e colectivos anónimos que dan vida á cultura de base nas vilas e cidades da provincia.
Participaron no vídeo Jontxu Argibay (escultor de Ribeira), Regina Muñiz Gerpe (poeta de Santa Comba), membros do Teatro Municipal de Ames, da Coral Polifónica de Noia, da Escola Municipal de Teatro de Negreira, da Asociación Xuvenil Cherinkas (Vimianzo) da A.C. O Castelo (Vimianzo), da Banda Municipal de Cee, dos grupos de teatro de Muros, da Asociación Cultural Charamela (Melide), da Aula de Teatro Municipal de Carballo, da Asociación de Mulleres Rurais Arantón (Santa Comba), do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, da Rondalla Moraima (Arzúa),do Grupo poético Alalá e InterClubtural (As Pontes), do club de lectura do IES Castro da Uz (As Pontes), da A. C. Folclórica Rosalía de Castro e das Aulas da Terceira Idade de Padrón, da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, da Banda Municipal de Betanzos, do Grupo Azougue (Betanzos), da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Narón), e da Escola de Gaitas de Ortigueira.
Canta xente facento tantas cousas interesantes! Canta xente arredor dunha lingua!
Parabéns pola iniciativa.

No centenario da morte de Eduardo Pondal

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

mércores, 15 de marzo de 2017

Unha poesía prima no día pi



Nos últimos anos vén espallándose cada vez máis a celebración do Día Pi, o 14 de marzo (3/14 no formato anglosaxón, e que corresponde coas primeiras cifras do número π). No IES Chano Piñeiro (Forcarei) xa teñen celebrado esta data cun concurso de esopías (narracións que conteñen sucesivamente palabras co número de letras indicadas polas cifras do número π), mais desta vez optaron pola declamación dun poema matemático sobre os números primos.

luns, 13 de marzo de 2017

Conferencia de Pilar García Negro celebrando o centenario de Pondal



O vindeiro venres 17 de marzo, ás 19:30, na Sala de exposicións de Abanca, na Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes proponnos unha conferencia de Pilar García Negro sobre a obra de Eduardo Pondal. Con este acto querse lembrar o centenario da morte do poeta, acontecida na Coruña o 8 de marzo de 1917.


Eduardo Pondal é un dos grandes poetas do Rexurdimento galego (xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez). Pondal estivo fondamente comprometido na defensa da nosa nación e da nosa lingua e participou en numerosas actividades de signo galeguista e democrático, como o Banquete de Conxo (1856), xuntanza de estudantes e artesáns, que simbolizou a unión da reivindicación de clase coa reivindicación nacional. Eduardo Pondal creou na súa poesía un universo mítico onde os celtas simbolizan a dignidade que Galiza debe recuperar. El sentiuse o bardo, o cantor do pobo que ten a obriga de incitarnos a recuperar a forza e o orgullo de sermos quen somos e que nos quere espertar dun longo sono que debe rematar: “desperta do teu sono / nazón de Breogán”.
O nome de Pondal é moi coñecido por ser o autor da letra do noso Himno. O texto encargoullo o músico Pascual Veiga, que organizou na Coruña en 1890 un Certame Musical para premiar a composición que, sobre o texto de Pondal, mellor expresase o “espírito galego”. Finalmente, foi no Centro Galego da Habana onde o Himno se fixo “oficial” para todos os actos; interpretouse por primeira vez no Gran Teatro desta cidade o 20 de decembro de 1907, nunha velada para honrar a memoria de Pascual Veiga.
A obra de Eduardo Pondal foi menos comprendida que a de Rosalía e a de Curros, quizais polo seu carácter fondamente renovador e pola riqueza en cultismos léxicos do seu rexistro literario; mais, a actitude de rebeldía fronte á decadencia do noso país e á desaparición dos nosos sinais de identidade sitúao como poeta comprometido e é a cerna da súa produción.
A obra de Pondal non está obsoleta, senón que segue a manter a súa vixencia. Continúa pendente a “redención” do pobo galego e a recuperación da nosa autoestima colectiva.
En canto a Pilar García Negro, é sobradamente coñecida polo seu traballo político, intelectual e xornalístico. Actualmente é profesora na UDC e autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación.
Sobre a problemática do galego ten publicado infinidade de artigos e varios libros como O galego e as leis, a súa tese de doutoramento, primeiro libro en que se aborda a cuestión crucial da lexislación lingüística e se demostra o desequilibrio legal entre español e galego; Sempre en galego, Dereitos lingüísticos e control político, Da fala á lingua. Un proceso inacabado… Ten intervido tamén en numerosos simposios e congresos sobre sociolingüística e linguas europeas non normalizadas. Foi cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, en Galiza, de 1985 a 1990; tamén foi membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico da mesma.
Publicou edicións e estudos sobre moitos autores e autoras da nosa literatura, como Lamas Carvajal, Blanco Amor, Castelao, Manuel María, María Mariño, Carvalho Calero e un longo etc. No ano 2010, con O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Militante do movimento nacionalista desde 1975, foi deputada polo BNG no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... foron os seus temas de atención preferente. Á sua iniciativa débese a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os dereitos das mulleres".
Participa tamén moi activamente no mundo asociativo e colabora con diversas institucións culturais e pedagóxicas: entre outros cargos, foi presidenta da Agrupación Cultural "Alexandre Bóveda"; é colaboradora da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística; presidenta da federación de asociacións culturais Galiza Cultura…
Vén de ser recoñecida pola AELG co premio Escritora na súa Terra, que recibirá en Lugo no próximo mes de xuño.


xoves, 9 de marzo de 2017

Día da Muller Traballadora no CPI de Navia de Suarna


Cunha música ben escollida, unha pequena monlla  de frases ben insertadas e un bo fateixo de fotos, os do ENDL do CPI) de Navia de Suarna fixeron este vídeo para o 8 de marzo

mércores, 8 de marzo de 2017

No centenario da morte de Eduardo Pondal

Como a Consellería de Cultura e Educación, e en xeral a Xunta, desprezaron a celebración do centenario de Pondal, non queda máis remdio que botar man dos recursos de  quen si se acorda del. Neste pequeno vídeo temos a Sabela, lendo Meniñas da Cruña, tirado do facebook da Fundación Eduardo Pondal

Suso, do facebook da Fundación Eduardo Pondal



martes, 7 de marzo de 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol: A banda da Loba



O 17 de febreiro pasado celebrouse no Auditorio de Ferrol unha gala para homenaxear a Agustín Fernández Paz na que participaron artistas como Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. Deste último grupo son as actuacións que recollo aquí.


luns, 6 de marzo de 2017

"O universo matemático", apuntes para o bacharelato

Sacado de Xerais
O universo matemático. Das ideas e das técnicas é o segundo libro da colección de Xerais Básicos Ciencia. O propio autor, Antóm Labranha, explica moi claramente os parámetros baixo os que se move o texto:
Este libro trata os contidos matemáticos propios do bacharelato, intentando poñer de manifesto reflexións, habitualmente implícitas, acerca do sentido dos conceptos, das propiedades e das fórumas que utilizamos...

Como un anxo da garda, un espírito da xustificación percorre todo o libro. Para ilustralo vou centrarme nun aspecto concreto: nalgún punto do currículo aparece a distribución normal. Cuestión chea de espiñas é a de como presentar nunha aula a función de densidade desta ditribución:
$$f\left( x \right) =\frac { 1 }{ \sqrt { 2\pi  }  } { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } }$$
Pódese dicir que caeu do ceo, e a enorme extensión do currículo do bacharelato parece indicar que isto é o que se lle pide ao profesorado neste, e en moitos outros aspectos. Labranha presenta unha alternativa baixo o estudo natural da función exponencial y=ex. Ampliando, y=e-x2, un bo exemplo de función par, xenaralizando y=e-ax2, con a un número positivo calquera. A segunda derivada desta última función:
$$y''=-2a{ e }^{ -a{ x }^{ 2 } }\left( 1-2a{ x }^{ 2 } \right) $$
lévanos a determinar que terá puntos de inflexión cando $$a=\frac { 1 }{ 2{ x }^{ 2 } } $$
Polo tanto, se os puntos de inflexión se deran cando x=+1 e x=-1 (lembremos que é par), teremos que forzar a que a=½, neste caso a función será y=e-½x2..
Cal será a área que garda esta función? Neste punto teremos que recorrer á análise multidemensional. O cálculo de $$\int _{ -\infty }^{ \infty }{ { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } } } =\sqrt { 2\pi } $$ pode consultarse aquí. Finalmente, cando estamos á procura dunha función de densidade, bastará dividir a nosa última función por √2𝛑:
$$f\left( x \right) =\frac { 1 }{ \sqrt { 2\pi  }  } { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } }$$

Propostas para a aula
Estou afeito a explicar a regra de l' Hopital como unha consecuencia do teorema de Cauchy (teorema do valor medio xeneralizado). Labranha ofrece unha alternativa interesante, fundamentada na idea da recta tanxente a unha función nun punto como aproximación da función na veciñanza dese punto. Se partimos de dúas funcións f(x) e g(x), as respectivas rectas tanxentes nun punto x0, no que ambas as dúas función toman o valor cero:
f(x)≃ y=f''x0)(x-x0)
g(x)≃ y=g'(x0)(x-x0)
Polo tanto
$$\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f\left( x \right)  }{ g\left( x \right)  }  } \simeq \lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'({ x }_{ 0 })(x-{ x }_{ 0 }) }{ g'({ x }_{ 0 })(x-{ x }_{ 0 }) } =\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'({ x }_{ 0 }) }{ g'{ (x }_{ 0 }) } =\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'\left( x \right)  }{ g'\left( x \right)  }  }  }  } $$
En varias ocasións Labranha aproveita para ofrecer unha presentación das ideas mediante valores heurísticos.Todo isto lévanos a unha aposta por alternativas ás clases autoritarias.
En definitiva, estamos ante un libro pensado como complemento para afrontar o bacharelato que ben pode ser un punto de referencia para o profesorado da materia, un lugar do que partir para levar a cabo o traballo na aula.

venres, 3 de marzo de 2017

Da arañeira. 004

Da Wikipedia

xoves, 2 de marzo de 2017

Informe da Mesa sobre a exclusión do galego na Educación Infantil

Velaquí o informe que elaborou A Mesa sobre (a falta de) o uso do galego en infantil durante o curso 2016-2017.
Este tipo de informes debería elaboralos a Consellería de Educación, incluso ten a obriga de o facer con periodicidade anual, segundo a disposición adicional quinta do funesto decreto de plurilingüismo. Van alá seis cursos e nunca se fixo. Xa que logo, non pretenderá a Consellería, que se ela non cumpre co seu decreto, impoñer o cumprimento do resto das disposicións desa aberración ao resto da comunidade educativa.
Destaco só un dato, consecuencia directa da barbaridade do decreto: hai máis material audio-visual en inglés que en galego.

luns, 27 de febreiro de 2017

Philip Duncan Webb

Xosé Antón Laxe Martiñán entrevista a Philip Duncan, nas Voces de ProLingua:


Philip Duncan Webb (Cheltenham, 1992) estudou galego o ano que viviu en Bos Aires como bolseiro da University of Birmingham. Escolleu o destino, di, en gran parte, pola importancia da cidade arxentina na historia de Galicia.

venres, 24 de febreiro de 2017

RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe, RosalíaTe

Na orde pola que se aprobou o calendario escolar do presente curso 16-17, a Consellería de Educación recomenda celebrar as seguintes conmemoracións (artigo 8):
  • 20 de novembro de 2016: Día Universal da Infancia.
  • 25 de novembro de 2016: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
  • Do 1 ao 11 de decembro de 2016: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.
  • 10 de decembro de 2016: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
  • 30 de xaneiro de 2017: Día Escolar da non Violencia e da Paz.
  • 8 de marzo de 2017: Día Internacional da Muller.
  • 15 de marzo de 2017: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
  • Do 6 ao 10 de marzo de 2017: Semana da Prensa. 
  • 7 de abril de 2017: Día Mundial da Saúde.
  • Entre o 17 e o 21 de abril de 2017: Semana do Libro.
  • 9 de maio de 2017: Día de Europa.
  • Do 9 ao 17 de maio de 2017: Semana das Letras Galegas.
  • 5 de xuño de 2017: Día Mundial do Medio Ambiente.
Un total de 13 conmemoracións. Entre elas non aparece o Día de Rosalía a pesar de que, a instancias da CIG-Ensino, se solicitara a inclusión desta data nese listado. Razóns para esta exclusión non parece haber ningunha máis que o intento de poñerlle freo ao orgullo pola lingua que nos identifica. Agora ben, despois de visto o tremendo éxito que está a ter a celebración do Día de Rosalía, vai ser mellor que os responsables da Consellería de Educación busquen un agocho onde ocultar as súas vergonzas, se é que as teñen.
Como mostra da enorme repercusión do Día de Rosalía, vai esta escolma de mannequin challenges realizados ao abeiro da convocatoria da AELG. Os que están aquí son só unha pequena mostra, para máis información consultar na páxina da AELG ou no seu blogue.


Ten moitísimo mérito que estes cativiños da EEI (Escola de Educaición Infantil) Monte da Guía de Teis (Vigo) ficaran tan inmóbiles como estatuas para este Mannequin Rosalía



O seguinte mannequin ten a particularidade da súa enorme duración, percorreron todo o CPI As Mirandas (Ares) para levalo a cabo



No terceiro, do IES de Curtis, descúbrennos unha biblioteca moi ben coidada. Canto traballo silencioso hai en moitos centros de ensino! Ademais cunha música e realización envexables



A rapazada o IES de Salvaterra de Miño tivo a orixinal idea de facer o seu mannequin na Casa da Matanza (e non foi o único que fixeron)



No IES Campo de San Alberto (Noia) xogaron coa velocidade das imaxes polo que conseguiron, nun vídeo de curta duración, percorrer todos os corredores do centro



Pódese aplicar a técnica do mannequin challenge para realizar unha curta, contar unha historia, recitar un poema e pegalle unha volta a uns versos do XIX tales que resulten plenamente actuais? Se pensar que non pode ser, mira este vídeo do IES Laxeiro (Lalín)



No IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) teceron xuntas o nobelo de Rosalía



Do IES Xelmirez II (Santiago) recoollín este vídeo de 1ºB, aínda que alí nos abriron as portas a todas as aulas de 1º da ESO.




Finalmente, no meu centro, o ENDL compuxo este inquietante vídeo con referencias á emigración e reivindicando o nome de Rosalía de Castro para o aeroporto de Santiago:




P.S.:BNG pide á Xunta a inclusión do Día de Rosalía no calendario escolar, 24/02/14, Sermos Galiza

Rosalía eu, Rosalía ti, Rosalía nós


Onte celebrouse na Estrada un acto de recitado da rapazada dos centros escolares. Houbo representación de todos os centros da Estrada, incluso acudiu un grupo de mozos do IES Chano Piñeiro (Forcarei) interpretou a Alborada. Finalmente presentáronse dousvídeos. Un deles realizado polo ENDL do IES Antón Losada (A Estrada) e o outro, do Concello da Estrada, que é o que hoxe traio aquí. Nel aparecen moitos veciños, coñecidos, xente que acotío atopamos pola rúa, incluso algúns que residen fóra. O vídeo engastalla a Negra Sombra e Unha vez tiven un cravo cun canto coral de reivindicación social da nosa poeta nacional: Rosalía eu, Rosalía ti, Rosalía nós.

xoves, 23 de febreiro de 2017

Sebastián Martínez-Risco por Isabel Risco e Manuel María por Xurxo Souto



Con ese seu estilo atropelado na forma de falar, achegamos aquí a intervención da actriz Isabel Risco no acto de homenaxe a Sebastián Martínez-Risco, que se celebrou no nº 11 da rúa Tabernas da Coruña o pasado día 1/01/17.
Últimamente na RAG están acertando coa subida de vídeos á súa canle nos que se nos ofrece unha cara máis divertida, e polo tanto, de achegamento á sociedade. Estou facendo referencia a este outro vídeo, no simposio Manuel María, no que Xurxo Souto puxo a cantar a todos os presentes o poema do poeta chairego:



Máis:

martes, 21 de febreiro de 2017

A Estrada mola



No curso 2015-16, no CEIP de Figueroa (A Estrada) desenvolveron un PDI (Proxecto Documental Integrado) chamado "Estrada de estradas" no que podemos enmarcar a realización deste vídeoclip da canción, orixinal, "A Estrada mola"

O uso do galego na cooperativa "Hoxe"

por Lito Andión, nas Voces de Prolingua:

http://www.hoxe.es/
Cooperativa HOXE é unha sociedade creada alá polos anos 70 por un grupo de gandeiros e labregos que tiñan como fin común facer rendibles as súas explotacións gandeiras familiares.

luns, 20 de febreiro de 2017

21 Días co galego. Especial Agustín Fernández Paz

Outro ano máis esa excelente iniciativa do IES da Pobra do Caramiñal, comenzou e rematou con éxito. Estamos a falar dos 21 días co galego que nesta ocasión tiñan de especial o de adicárense a un mestre querido por todos, Agustín Fernández Paz, que deixou un ronsel de contos e vivencias que servirá para sementar novos contos e novas vivencias a prol da lingua.
Eu invito a quen non o fixera, que pegue un paseo por estas 21 entradas:



Desta volta quixen escoller un par de vídeos, os que máis me chamaron a atención.
O primeiro deles, pola súa coidada feitura, chegou desde o IES As Barxas (Moaña)



Do segundo encantoume a alegría e desenvoltura deste rapaciño, Hadrián Teiga, que ofrece as súas impresións sobre o libro O soño do Merlo Branco




Manifesto polo Día de Rosalía de Castro 2017

por Ledicia Costas, quen se lamentou de que os medios de comunicación estén a difundilo en castelán:

En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía, posúe as cores reveladoras da primeira luz.

domingo, 19 de febreiro de 2017

Lingua encadeada



Non acho mellor título para describir a situación do galego. 
Por deLombaos e Ceive. Vía Música en galego

venres, 17 de febreiro de 2017

Poder e hexemonía lingüística




A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acolleu o pasado mes a presentación do do libro Crónica Córnica de Francisco Coimbra, finalista do Premio Xerais de Novela 2016. Acompañado ao autor estiveron Xosé Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, e os escritores Anxo Angueira e Xosé Luis Méndez Ferrín.
Aquí recollo o vídeo da intervención de Quique Costas porque foi quen centrou máis claramente o seu discurso arredor do panorama sociolingüístico. Ben significativo é o título que lle buscaron na canle da Unversidade de Vigo: "Poder y hegemonía lingüística" (nota aparte: por que nesta canle hai vídeos titulados en inglés e en castelán, pero non en galego?).
Quique comenta que en Europa hai unhas 140 linguas das que 100 están en risco de desaparición. A vontade dos falantes está meditatizada e controlada polos poderes. Expón o caso do aranés (4000 falantes) que se elevou a lingua oficial grazas a unha lei da Generalitat. O goberno español denunciou esta lei perante o Tribunal Constitucional. Trátase do memo goberno que vén incumprindo a CELRM, tal e como se ditaminou nos catro informes que fixo o Consello de Europa.
Henrique Costas tamén falou do libro, e se alguén quer, ademais do que se comenta no vídeo, algunha desculpa máis para lelo, pode botarlle un ollo a este artigo de Manuel Cabada Vázquez.

mércores, 15 de febreiro de 2017

Os sumidoiros da Consellería de Educación envelenan o galego

O decreto 124/2007, o aprobado polo bipartito, determinaba un mínimo dun 50% de docencia en galego no ensino non universitario. A promulgación do funesto decreto 79/2010 implicaba que ese 50% sería unha barreira superior e, como toda disposición gubernamental, daba a entender que se abrían as portas a renegar da lingua galega. Os informes que subministrou A Mesa nos últimos anos sobre a práctica desaparición do emprego do galego nas aulas de infantil son indicativos disto. Algúns centros de ensino, especialmente privados, excluíron por completo o galego das súas aulas porque entenderon que teñen todo o apoio da Consellería. A posterior aprobación da LOMCE non fixo máis que empeorar a situación. As materias asignadas ao saco do castelán ampliaron o seu horario. Sobra dicir onde se reduciron. A farramallada de leis e decretos van todos na mesma dirección, na de prohibir e afogar o emprego do galego no ensino.
Este pasado 13 de febreiro o conselleiro reafirmouse nesta política de aniquilación do galego, así llo confirmou aos representantes da CIG e A Mesa que se reuniron con el.
Un detalle que demostra cal é a actitude da Consellería é a circular que o Coordinador do Grupo de Traballo das reválidas de acceso á universidade fixo pública este mes. Vai alá máis da metade do curso escolar para o alumnado de 2º de bacharelato e finalmente publicáronse as directrices para as reválidas de todoas as materias. Ben, non todas. Todas agás Lingua galega e literatura. A Consellería tiña que ter publicado unha resolución para que este grupo de traballo adiantara as características da proba. Por máis que se lle insistiu, a Consellería está a adiar a publicación da resolución. Despois aínda din que a situación é de equilibrio. Pódese ser máis hipócrita?
A seguir reproduzo as palabras de Francisco Cidrás, o Coordinador do Grupo de Traballo, indicativas do que sucede nos sumidoiros da Consellería:

a concreción dos contidos susceptibles de avaliarse nas PAAU vén determinada por unhas Matrices de especificacións que nas restantes materias foron publicadas xa no BOE en decembro pasado, pois dependen do Ministerio. A peculiaridade en que se atopa a nosa materia é que esa matriz de especificacións (neste caso dependente da Consellería) aínda non está publicada e só aparecerá como anexo a unha "Resolución na que se ditan as instrucións para a realización da avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade para o curso 2016/2017" que, por máis que nos foi anunciada como inminente, non se dá publicado no DOG.
[...]Nas múltiples consultas que levamos feitas sempre se nos indica que a publicación deses documentos é inminente. Mais como a inminencia é un concepto insospeitadamente relativo e o tempo pasa, decidín enviarvos esta información.

martes, 14 de febreiro de 2017

Un programa de Radio Abrente

Onte foi o Día mundial da radio, o mellor momento para compartir estre programa radiofónico realizada polo alumnado do Colexio Abrente (Sanxenxo). Normal que a serie de programas de radio que realizan se chame Radio Abrente.
Teño a seguridade de que todo aquel que non se puxera a sacar adiante un programa de radio escolar, non é quen de imaxinar o traballo que ten que haber detrás. Preparación e mantemento dunha sala de gravación, elaboración dos contidos, a procura de momentos e persoas para entrevistar,  a escolma de cortes musicais, o proceso de gravación e edición....
Foi grazas a un chío de Música en galego que me chegou a noticia deste programa que ben podería emitirse por calquera canle radiofónica, se non fose porque a maior parte do espazo radiofónico está tomado por emisoras que renegan da nosa lingua, unha constante no noso esquilmado panorama social. Esperemos que o futuro veña da man dos rapaces que podemos escoitar neste podcast que presentaban con estas palabras: "Queremos informar sobre a situación de risco que sofre, as causas e consecuencias. O mesmo tempo animar a profesorado, alumnado e familias a falar na lingua de Rosalía de Castro e mantela viva entre todos."




A escaleta do programa é a seguinte:

  • 1º de primaria cantan "O Mercado" de María Fumaça.
  • 2º de primaria din palabras bonitas en galego.
  • 3º de primaria refráns e frases con retranca.
  • 4º e 5º de primaria, frases para animar a falar a nosa lingua, eslogans.
  • 6º rap da lingua.
  • 1º da ESO, poema.
  • 2º da ESO, poema.
  • 3º da ESO, entrevista a Laura Sáez, da editorial Patas de Peixe.
  • 3º e 4º da ESO, presentan o programa cunha reflexión sobre o galego.
Parabéns a todos os que fan posible este pequeno milagre.

luns, 13 de febreiro de 2017

O do Blablacar


O do Blabacar, Iago Varela, explicando o caso do Blabacar e, de paso, dando unha lección de sociolingüística sobre prexuízos.

Memoria da noite

por Xosé Luís Santos Cabanas, nas Voces de ProLingua:


Para sardiñas Aguiñopara bolos Castiñeiraspara rapazas bonitasSanta Uxía de Ribeira

Comezo este meu artigo cos versos finais da cantiga que Esperanza Mariño escolleu como remate da súa reportaxe do concerto de Luar na Lubre que se publicou nesta sección “Voces”, da páxina web de ProLingua. Un texto ateigado de entusiasmo e de música.

domingo, 12 de febreiro de 2017

Políticas novas para a lingua galega

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Ten razón o conselleiro cando di que o problema do galego non é nestes momentos o seu coñecemento, senón o seu uso nas novas xeracións, que son a garantía de continuidade . Os modelos urbanos seguen ignorando a lingua, ou marxinándoa a espazos moi concretos de liturxia e representación, fóra de círculos militantes e ideoloxizados, e non hai no horizonte deseño político ningún que afronte o tema. Deseño político, digo ben, pois de política se trata, o que non quere dicir política partidaria. E falo de modelos urbanos porque no discurso histórico da modernidade (mesmo da nova modernidade global e tecnolóxica do século XXI), o modelo urbano é o modelo dominante fronte ao modelo rural ou tradicional, que aínda sendo moi significativo non é o que debuxa o futuro.

venres, 10 de febreiro de 2017

Un eodermdrome galego

Foi o artigo do blogue Xogos de lingua, Non apto para sesquipedalofóbicos, o que prendeu a chispa para que elaborase esta entrada. Xogos de lingua, como indica o seu nome, é un blogue adicado á ludolingüística. Como tal, ten algunha entrada na que fai referencia ao gran divulgador das matemáticas, Martin Gardner, coñecido por utilizar os xogos como punto de partida de moitos dos seus artigos. Velaquí o punto de encontro entre a lingua e as matemáticas: o xogo.
No libro Rosquillas anudadas (Labor, 1987), Martin Gardner fai referencia a un famoso reto de Henry Dudeney, aparecido no libro Amusements in Mathematics: auga, gas e electricidade consistente en unir co lapis as casas A, B e C cos subministros de auga (W), gas (G) e electricidade (E) de forma que as liñas de subministro non se corten. Tal e como o propio Dudeney adianta, é imposible realizar o que se pide no reto:
Figura 1:Amusements in Mathematics
Este problema entra dentro do campo da teoría de grafos. Os matemáticos chámanlle grafo a unha colección de vértices con arestas entre os mesmos. Cada aresta conecta dous vértices. Velaquí un par de exemplos.

Figura 2. Dous grafos simples
Nota: aquí debuxei as arestas mediante segmentos rectos, pero non hai porque facelo así. O importante dunha aresta consiste nos vértices que conecta.
Figura 3:Grafo K5
Cómpre avisar que os únicos vértices do grafo son os marcados en cor. Neste grafo denominado K5  hai 5 vértices e 10 arestas.  O grafo completo de grao n, denotado Ké o un grafo de n vértices na que todo vértice está conectado con todos os demais vértices. Aquí presentamos o grafo completo de 5 vértices. Algunhas das arestas deste grafo crúzanse, o mesmo lle sucede ao grafo que representa o problema de Dudeney (cada unha das arestas superiores representa unha compañía subministradora e as inferiores representan as casas)
Figura 4: grafo K3,3
Na Figura 1 podemos ver como este grafo podería representarse con só un cruce, pero sería imposible facelo sen cruce ningún, niso consiste a imposibilidade da resolución do problema das tres casas. Os grafos que poden representarse sen cruces, como os da figura 2, chámanse grafos planares. Hai que ter en conta que nun grafo só nos interesa a forma en que están conectados os vértices, non esta ou aqueloutra representación particular. Para un grafo dado, sempre poderemos buscar a representación que teña o menor número posible de cruces. Na seguinte figura vemos como o grafo que está representado (á esquerda) con cruces, pode representarse (á dereita) sen cruces. Trátase, polo tanto, dun grafo planar.
Figura 5: Grafo planar
Hai unha forma de saber se un grafo é planar ou non grazas ao teorema de Kuratowski: se o grafo non contén ningún subgrafo K5 nin K3,3 será planar.

Grafos de palabras
Podemos combinar os grafos coas palabras conectando cada letra con aquelas ás que é adxacente. Se unha letra aparece repetida e consecutiva, non debuxamos aresta ningunha xa que consideramos a letra conectada consigo mesma. Por exemplo, as palabras touporroutou e nacionalismo terían os seguintes grafos asociados:
Figura 6
Figura 7
A pouco que un remexa nos grafos de palabras, decatarase de que prácticamente todos son planares. As palabras que dan lugar a grafos non planares chámanse eodermdromes. Por suposto, propia palabra eodermdrome é un eodermdrome (ver a figura 7). A. Ross Eckler elaborou no ano 1980 un dicionario de eodermdromes para a lingua inglesa. Martin Gardner cualificaba esta publicación como unha aplicación extravagante do estudo do número de cruces dun grafo fronte á indubidablemente interesante aplicación ao deseño de microcircuítos.
Temos unha lista de eodermdromes en inglés pero, haberá algún en galego? As candidatas deben ter unha cantidade considerable de letras, canto máis longas, máis arestas terá o seu grafo e máis posibilidades haberá de que teña un cruce inevitable. Por iso, cando na  entrada de Xogos de lingua vin que se referenciaban as palabras máis longas do noso vocabulario, púxenme a comprobar se entre elas había algún eodermdrome.  O grafo correspondente á palabra máis longa, esternocleidomastoideo, é o seguinte:
Figura 8
Como podemos observar, esternocleidomastoideo é planar. Tamén o son preterintencionalidade,
contrarrevolucionario, electroencefalografía ou incluso hipopotomonstrosesquipedaliofobia. Pero a outra palabra, extraterritorialidade contén un subrafo K3,3,, o que establece todas as arestas entre os dous conxuntos de vértices {t,r,d} e {i,a,e}. Por fin, aquí temos un eodermdrome da nosa lingua:

Figura 9
Haberá outros? Existirá algún que conteña un subrafo K5?
As arestas destes grafos representan un par de letras adxacentes. Cales serán as arestas máis frecuentes en galego?, e noutras linguas? Poderán determinarse a lingua en que vén redactado un texto estudando o tipo de arestas máis frecuentes do mesmo? Todo un extravagante campo de traballo  para a lingüística informática.


xoves, 9 de febreiro de 2017

XXX aniversario de Luar na lubre (1986-2016)

por Esperanza Martiño Davila, nas Voces de ProLingua:


O pasado sábado 28 de xaneiro de 2017 tivo lugar no auditorio de Abanca de Compostela un concerto moi especial; o gaiteiro e membro fundador Bieito Romero (1964), comentou a inusual continuidade deste grupo folk coruñés despois de trinta longos anos...

mércores, 8 de febreiro de 2017

Un bengalí pola Terra de Montes


Uns días atrás, o blogue Lingua de Montes do ENDL do IES Chano Piñeiro (Forcarei), divulgaba a noticia da visita do sociolingüista bengalí Anik Nandi. Un día despois xa colgaban esta entrevista que lle fixeron dúas alumnas de 1º de bacharelato.
Anik Nandi, falante de bengalí, lingua minoritaria de 260 millóns de falantes chegou por primeira vez a Galicia no ano 2007, despertóuselle o interese pola nosa lingua e este interese fixo que non lle custase moito aprendela.
"O galego é a lingua do corazón", esta é unha das súas frases, coas que Anik Nandi explica que o futuro da nosa lingua pasa porque nos sintamos orgullosos da lingua que falamos.

Esta visita non foi a única que Anik Nandi realizou aos centros de ensino. Durante algo máis dun mes o sociolingüista pasará por unha ducia de institutos. Trátase dunha iniciativa ben orientada, o cal, non deixa de ser sorprendente por vir de quen vén. En todo caso é unha mágoa que a voz deste galego bengalí non se achegara a máis lugares da nosa xeografía.

Máis:
IES San Clemente (Santiago de Compostela), 10 de xaneiro de 2017
IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), 17 de xaneiro de 2017
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, 18 de xaneiro de 2017
IES Félix Muriel (Rianxo), 19 de xaneiro de 2017

luns, 6 de febreiro de 2017

"Canto ao idioma galego", desde Guitiriz



O alumnado de música do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz), baixo a dirección de Sandra Tenreiro, interpretaron varios poemas de Díaz Castro xunto ao Canto ao idioma galego de Manuel María. Neste vídeo podemos escoitar a gravación deste último.

venres, 3 de febreiro de 2017

A cuestión da lingua, segundo Luís Villares



O Instituto de Estudos Miñoráns está levando a cabo unha gorentosa serie de encontros  cos voceiros parlamentarios dos catro grupos con representación no Parlamento baixo o título Faladoiros Galicia 2017-2020: presente e futuros. 
Os contidos destes encontros están sendo gravados e podemos consultar os vídeos de cada un deles: Ana Pontón (BNG), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG-PSOE), Luís Villares (En Marea) e Pedro Puy (PP). O que traio aquí é un recorte da intervención de Luís Villares no que aborda a cuestión da lingua. Cómpre escoitalo pois o xuiz Villares ten traballado con proveito nos aspectos xurídicos da lingua. Concretamente, é un dos colaboradores no libro Sobre o racismo lingüístico (Laiovento, 2008) e foi o coordinador doutro, Estudos xurídicos para o decreto para o plurilingüismo (Laiovento 2010)

xoves, 2 de febreiro de 2017

21 días co galego, apadriñado por Roberto Vilar


Hai uns días botou a andar a 5ª edición de 21 días co galego. Desta volta cunha sentida homenaxe a quen fora o seu primeiro padriño e incondicional colaborador, Agustín Fernández Paz. 
Para esta nova edición chamaron ás portas de Roberto Vilar, o archicoñecido humorista que presenta na galega un programa semanal en horario de máxima audiencia, Land Rober Tunai Show.
Coma sempre, os obxectivos fundamentais desta iniciativa son a de provocar o uso continuado do galego (para comprobar que non é morte de ninguén) e a reflexión sobre a nosa relación co uso das linguas.

Sempre Castelao

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza


Estamos no mes de Castelao. O 30 de xaneiro de 1886 naceu e o 7 de xaneiro de 1950 faleceu. Dúas efemérides conxuntadas nun mes iniciático que nos envolve arredor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dunha maneira pragmática e na descuberta dunha nación que aínda moitos galegos descoñecen e outros negan, chamada Galiza. Sen Castelao posiblemente non houbese ese segundo Rexurdimento -neste caso, un rexurdir político-patriótico- que se manifesta no intenso legado da obra de Castelao, no que se configuran temarios e abordaxes que contemplan a problemática nacional e social do noso país. Con frecuencia, Castelao é o gran descoñecido para os galegos, refírome a que aínda o seu ideario está exento dun exercicio de lectura que nos faga reflexionar sobre as problemáticas que laceran á sociedade galega mais desprotexida e tamén a unha toma de conciencia nacional. Isto non quere dicir que a imaxe de Castelao sexa descoñecida para os galegos, dado que con frecuencia a vemos nos medios de comunicación, tantas veces terxiversada e dunha maneira superficial e sen contido do que a súa personalidade e obra esixen. Mais a mediocridade histriónica que desgoberna Galiza elixiu ese escenario para ocultar, dunha maneira grotesca, as esencias vivas da ideoloxía nacionalista que emerxeron do ideario de Castelao.

mércores, 1 de febreiro de 2017

Da arañeira 003

da Wikipedia