Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 25 de xaneiro de 2012

Poder e oficio na SXPL

O novo secretario xeral de política lingüística, Valentín García, é veciño meu. Tan próximo que aos dous nos toca tirar o lixo no mesmo contenedor. Por iso sei, por exemplo, que Valentín participou na lectura de poemas de Lois Pereiro que a plataforma Queremos Galego da Estrada organizou o pasado 17 de maio baixo o lema "Paremos os ataques contra o galego". Pola contra tamén sei que isto non significa ningún cambio de rumbo na política lingüística da Xunta.
Valentín xa era o responsable técnico da Rede dos SNL dos concellos e, significativamente,  na lexislatura do bipartito era a persoa que se ía nomear para, baixo a dirección de Marisol López para dirixir un Consorcio de Planificación Lingüística que finalmente non chegou a constituirse.
Valentín sucede, como todo o mundo sabe, a Anxo Lorenzo quen levou a cabo unha sistemática redución de espazos e usos para o galego. A súa práctica caracterizouse por destrozar toda a arquitectura da normalización ao tempo que ofrecía un discruso que aparentemente a defendía. O seu oficio foi o de taxidermista do galego: destrozalo por dentro e darlle apariencia de vida a aquilo que mataba, destripaba e enchía de palla. É incuestionable o feito de que as políticas de Marisol López e as actuais son inconmensurables. Así e todo, Anxo Lorenzo fíxolle as beiras á anterior etapa; basta lembrar este seu artigo n´A Nosa Terra.
Vemos nos exemplos que nos ofrecen os dous secretarios xerais de política lingüística da era Feijóo unha clara evidencia de como son as formas de acceso ao poder. O seu perfil é de persoas que non teñen un proxecto, un obxectivo que os mova. Precisamente é a súa ausencia o que os caracteriza xa que o seu interese fundamental é sentarse nas cadeiras de mando. Isto, en aparente paradoxo, deriva no alleamento do poder. O exercicio deste só será posible ao postulánrense baleiros de vontade propia. Así o verdadeiro poder é exercido por axentes que actúan fóra da pista do circo político, e no caso que nos ocupa, tan lonxe das iniciativas normalizadoras que fican xusto frente a elas.
A este respecto, xa Bertrand Russell, facía a seguinte análise. Parafraseo:
Hai unha gran diferenza entre o poder como medio e o poder como fin en si mesmo. O que busca o poder como medio, supeditará a obtención dese poder á consecución duns obxectivos. O que busca o poder como fin en si mesmo elixirá o obxectivo en función únicamente da posibilidade de asegurar ese poder.
Se a busca de poder ha de ser beneficiosa, debe estar inspirada noutro obxectivo distinto que no do poder. O desexo dalgún outro fin debe ser tan forte que sen el o poder por si mesmo non ten sentido ningún.
Ademais ese propósito debe ser tal que se é alcanzado axude a satisfacer os desexos dos demais.
Por último os medios para chegar a ese fin non deben producir uns malos efectos que excedan aos beneficios do fin que se procura. El poder. Un nuevo análisis social. RBA
O oficio do novo secretario xeral
Valentín García aceptou o cargo para dirixir a SXPL sabendo cal é o presuposto que ten para desenvolver as súas políticas. Nunca tivo tan pouco: o 0,089% do total da Xunta. Ademais o peixe xa vén cortado. Redúcese en todos os capítulos en cifras importantes, que chegan a supoñer unha baixa de ata un 90% a respecto do ano 2005, cando tamén gobernaba o PP. É significativo que os capítulos de gasto corrente xunto co adicado á investigación son os únicos se se ven incrementados en comparación co desglose do ano anterior.
O novo secretario xeral de política lingüísta aínda non puxo un pé nos zocos do cargo e xa é o responsable da eliminación de 15 Servizos de Normalización Lingüística, asume a desaparición das axudas ás editoriais para proxectos didácticos en galego, e carga cun retraso co orzamento para os proxectos dos ENDL de tal magnitude que podemos certificar a defunción por este ano da normalización no ensino.  Nada disto nos debe estrañar pois nunha entrevista que lle fixeron en Correo TV en xaneiro do 2010 (min 23), Valentín defendía, non xa o  radical decreto de plurilingüismo, senón algo aínda peor, o coñecido como Borrador do galego, un documento que, entre outras cousas, promulgaba a aniquilación da normalización da admistración educativa e dos Ciclos Formativos. Toda unha declaración dos vieiros polos que vai discorrer a política lingüística que vai poñer en práctica  nos vindeiros meses.
Pregúntome cal vai ser o verdadeiro oficio que practique Valentín ao frente da SXPL. Polo exposto ata o momento, se o encontro tirando o lixo, non vou poder deixar de pensar que o que leva nesas bolsas son a miña lingua e a miña identidade.




6 comentarios:

  1. a verdade é que resulta moi clarificador e dá horizontes para non termos esperanzas.parabéns, pois estas opinións son as necesarias para abrir os ollos E VER,E VER...

    ResponderEliminar
  2. Pois algo debín escribir mal. Non pretendía que se lera que non hai esperanzas pois non telas leva á inacción.
    Si quería facer un diagnóstico da situación e aclarar que non se pode ir á fonte seca a por auga. E a auga, e a esperanza, que debería habela, está noutro sitio, non na SXPL.

    ResponderEliminar
  3. Totalmente de acordo co teu dicir.Falaches pola boca de moitos.

    ResponderEliminar
  4. cando dogo esperanza, digo a referida ao que poidan facer os oficiais.da outra ben sei que a temos que construír cada día e a cada obra.posiblemente fun eu quen non se expresou ben.

    ResponderEliminar
  5. Ou eu que entendín mal.
    Non imaxinades o agradecido que vos estou pois ás veces, observando o que hai arredor, chego a pensar que eu son o único que pensa coma min.

    ResponderEliminar
  6. A primeira bolsa de lixo está aquí. É unha pena, pero pronto comenza a verse que eu tiña toda a razón:
    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2012/02/04/escola-non-e-determinante-lingua-vehicular-do-neno/0003_201202G4P12991.htm

    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2012/02/04/e-dificil-promover-uso-dun-idioma-dia-detras-da-pancarta/0003_201202G4P12993.htm

    ResponderEliminar