Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 5 de febreiro de 2011

Aniversarios de Rosalía e Castelao

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:


Que feliz e rara coincidencia que dúas figuras senlleiras da Cultura de Galicia cumpran este ano o 125 aniversario: Castelao, do seu nacemento; Rosalía, do seu pasamento. Xusto ao ano seguinte do pasamento de Rosalía (1885), vén ao mundo Daniel Castelao (30-8-1886). Por esta razón, 2011 foi declarado pola Xunta Ano de Castelao. Segundo lin na prensa, hai quen se lamenta que a Xunta o fixera "tarde, mal e arrastro". Polo menos, iso lle parece a Ana Pontón, responsable de Cultura do Grupo Parlamentario do BNG, quen reclamou que este 2011 fose declarado Ano de Castelao.
Todo isto proba o que xa escribín noutras ocasións: Que os nosos actuais gobernantes xunteiros, en especial os responsables da Cultura deste País, non son devotos das figuras de Castelao nin tampouco de Rosalía. O presidente Núñez Fejóo lamentouse de que o presidente de España non se dignara honrar o Xacobeo visitando Galicia. Non lle falta algo de razón; pero si enviou o seu segundo de abordo, porque Zapatero foi a Barcelona para despedir, xunto ás súas Maxestade os Reis, a Súa Santidade o Papa. Puido vir noutro día calquera durante todo o Ano Xacobeo. E non o fixo. Mandou tamén un dos segundos de a bordo. En fin, cuestión de sensibilidades, preferencias e prelacións. Por iso, os rianxeiros tamén poderiamos lamentarnos (incluso, deberiamos) respecto da ausencia da Xunta nos actos de Castelao, polo menos nas conmemoración máis significativas.
Respecto de Rosalía, teño noticias de desatencións semellantes e incluso máis graves, especialmente nas cuestións económicas referidas á súa Fundación. Unha vítima máis dos famosos recortes da Xunta por mor da crise? Polo que se vai vendo noutras institucións de tipo socio-cultural, parece máis unha cuestión de amor que de diñeiro. Ou, dito doutro xeito, aténdense ben aquelas institucións que lle son máis queridas por seren tamén máis afíns ideoloxicamente. Se son galegas, ben está. Pero, aqueloutras que, sendo máis galegas, non gozan desas afinidades, deben ser tratadas dun modo proporcionalmente equitativo. Iso, polo menos. Porque deber, ética e politicamente consideradas, as entidades socio-culturais galegas deberían ser tratadas dun modo preferente por un autenticamente galego e para os galegos. Isto sen prexuízo das e atencións que, como Comunidade Autónoma, nos correspondan respecto do Estado.
Outra das peticións importantes que fixo a Deputada Ana Pontón foi a de que a obra de Castealo sexa declara Ben de Interese Cultural (BIC). A casa da familia Castelao xa foi declarada BIC polo Goberno anterior. Pero, a súa obra, non. E penso que, ademais de moi conveniente, é absolutamente necesaria. E, neste punto, é preciso posuír un catálogo integral desa obra que ata non hai moito tempo estaba sen facer. Era necesaria unha exhaustiva investigación desa obra desperdigada por mans particulares. A Fundación Castelao encargoulle esta tarefa ao Sr. Seixas. Tería que dar conta dela. Fíxoo? A un servidor non chegou..

venres, 4 de febreiro de 2011

Outro cambio de normativa

por Manuel Núñez Singala, no dixital A Nosa Terra:

Hai uns meses a Real Academia Española publicaba a súa Nueva ortografía (a da “ye” en troques da “i griega”). Houbo algún comentario de desacordo, pero moi poucos. E creo que ninguén en Galicia se queixou publicamente de que cambiaban de novo a normativa do español. A mudanza anterior fora recente, do ano 1999 (a da desaparición do ch e do ll como letras do alfabeto) e daquela tampouco lembro que ninguén se queixase. Algo anterior é o cambio precedente, do ano 1959 (o que lle suprimiu o til a fue, jesuita ou Feijoo), que foi previo ao meu nacemento polo que non gardo lembranzas, pero presumo que tampouco xerou grandes protestas.
Agora ben, cando os cambios son na ortografía do galego todo son queixas, escándalos e arrepíos. De feito, moitas persoas teñen a sensación de que os cambios na normativa son continuos, anuais, cando non mensuais. E a xulgar polos laios dalgúns mesmo parece que a ortografía cambia cada cuarto de hora. Cando en realidade as normas que rexen a escrita do galego, que datan do ano 1982, só sufriron un pequeno axuste no ano 1995 e unha reforma necesaria no ano 2002. Unicamente dous cambios nos 30 anos que a nosa ortografía cumprirá o ano que vén! Tanto é? Tanto nos parece?
Porén, non hai queixas cando o cambio é na ortografía do español. E a verdade é que resulta lóxico que non as haxa, xa que é natural que as ortografías muden, dado que tamén cambian as linguas. No caso do portugués os últimos acordos son de 1990, precedidos doutros nos anos 1971, 1931 e 1911. A reforma ortográfica do alemán é do ano 1996. O ruso sufriu unha profunda reforma en 1918 e a súa codificación final data do ano 1956. O turco pasou por un cambio drástico no ano 1928, cando deixou de se escribir con carácteres árabes e adoptou o alfabeto latino. Se as linguas mudan as normas da súa escrita, non é lóxico e normal que no galego tamén ocorra?
É máis, a reforma na normativa do galego do ano 2002 (ben máis cativa do que moitos cren, por certo, todos os cambios caben nun par de páxinas) incluía un valor engadido que case pasou desapercibido e que deberiamos salientar como un fito da maior relevancia para a lingua galega: por primeira vez na historia de noso chegamos a un acordo que nos permite á inmensa maioría compartir unha ortografía única. Velaí un motivo de orgullo que non deberiamos ignorar, velaí de novo un feito positivo que a moitos galegos nos custa percibir.

A autenticidade da lingua: presenza do infinitivo flexionado no galego do Eume

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:

Coinciden moitas voces ultimamente na necesidade de facermos un esforzo cotián por mellorar a calidade do galego que usamos.  Moitas destas recomendacións parecen ir encamiñadas a persoas con certa proxección pública, persoas que  poden ser referentes ou modelos a imitar para outras moitas. Porén,  no que se refire ao ámbito do cotián, é ben recoñecermos que este esforzo ás veces atopa non poucas dificultades para algúns falantes, sobre todo os máis novos, que teñen que afrontar falta de modelos (non abundan nos medios de titularidade pública), incomprensións e dúbidas, prexuízos e, como non, unha presión esmagadora  do español que provoca non poucas  interferencias e conduce a actitudes contemporizadoras ou de abandono e desleixo.

Xorden a perpetúanse deste xeito unha serie de prexuízos sobre  os supostos cambios constantes que experimenta a escrita do galego, sobre a imposibilidade de falalo ben, sobre a dificultade derivada dunha especial complexidade da nosa lingua. Van unidos a toda unha serie de preconceptos que nos remiten irremediabelmente á causa última desta situación: un proceso de normalización dificultoso, cheo de  impedimentos e incertezas, que repercute directamente nunha falta de estandarización  e depuración de facto  da  lingua propia. E xa sabemos que a can fraco todas son pulgas.

Complexidade existe na medida  das nosas expectativas, mais nunca pode ser escusa e impedimento para comezar ou seguir a utilizar o galego. Nin máis nin menos complexidade que a que ten calquer lingua. Non podemos dicir de ningunha delas que sexa unha forma pura, exenta de dificultades, que non estea suxeita a variacións e vacilacións, que as fan evolucionar e ser máis matizadas e máis ricas. Mesmo as máis extensas e canónicas levan inherente a tendencia á diversificación e non permanecen inalterábeis ao longo do tempo. Por outra parte, no referente á  complexidade, de habela,  tamén é conveniente recoñecermos que canta maior complexidade teña un instrumento, maiores prestacións nos poderá ofrecer . E isto será  válido  tamén no terreo comunicativo. Para o uso doméstico diario, a suposta complexidade e o medo a falalo mal, cúranse da mellor maneira posíbel como case todas cousas na vida. Cúranse na práctica, que é o prioritario. Por tanto, para chegar a falalo ben, como xa se ten dito tantas veces,haberá que empezar mesmo a falalo mal, porque ninguén nace aprendido. Non hai outro camiño que o que se anda.

É certo que o galego  ten unha variedade de matices -tradición e riqueza acumulada- nalgúns niveis que non se pode asimilar de boas a primeiras ou que precisa unha certa decantación ou mesmo superación, por canto remiten a unha cultura tradicional que hoxe xa non ten referentes materiais na cultura en que vivimos. 

Hai trazos morfolóxicos, moi  característicos, como poden ser o futuro de subxuntivo e o infinitivo flexionado ou conxugado, que revisten certa dificultade de manexo por parte dos falantes menos experimentados. Mesmo os máis instruídos acaban tropezando nalgunha que outra pedra e cometendo erros.

Neste sentido, para aspectos relacionados coa corrección da lingua que usamos día a día, considero moi recomendábel o libro de Freixeiro Mato, Lingua de calidade, publicado en 2009. Nel ofrécese  unha análise dos trazos fundamentais a corrixirmos para percorrer un camiño que inverta o proceso de deturpación da lingua a que antes aludimos. Ao remate do mesmo, preséntasenos un breviario práctico cun conxunto de normas precisas para lograrmos os mínimos de corrección lingüística que esixe unha lingua de calidade. Sintomaticamente, o profesor Freixeiro Mato considera o infinitivo flexionado un dos trazos máis tradicionais e representativos da nosa lingua, presente desde a época medieval á actualidade. Afirma, neste mesmo apartado, que esta característica tan singular  é privativa  do galego-portugués e o húngaro.

Teño para min que o uso espontáneo do infinitivo conxugado sempre foi considerado por nós algo así como a garantía de saúde do idioma e a súa expresión en plena forma. É por iso que os cidadáns galegos máis conscientes das posibilidades da nosa  lingua nos esforzamos por utilizalo con naturalidade  tanto na fala como na escrita. É un recurso que, para alén dos matices afectivos de implicación do interlocutor, serve para desfacer ambigüidades en certos contextos. Se dicimos, por exemplo  "Todo pasou por andares de esmorga", atribuímos a acción do infinitivo a un suxeito determinado, que pode ser outro en función da intención ou das necesidades comunicativas.  Desde logo, tamén os  clásicos da nosa literatura, entre eles Castelao, foron conscientes da súa importancia e fixeron esforzos  ben notorios por utilizalo e por recrealo como fiel reflexo da fala popular no seu estado máis puro..

Pois, malia a todas as consecuencias negativas derivadas do proceso de deturpación do galego, non deixa de resultar reconfortante descubrirmos zonas onde este trazo se mantén aínda vivo na fala popular espontánea. Unha destas comarcas é a do Eume -concretamente no Val Inferior do río Eume (a falta de máis datos, non podería precisar os límites, mais esténdese por Pontedeume, Cabanas, Miño...). É certo que nas vilas como Pontedeume se utiliza un galego moi desvirtuado pola influencia do español. Como contrapartida, tamén se fala un español moi ruín, unha especie de híbrido con trazos de galego. Mais para alén destas falas deturpadas, pervive  asombrosamente un galego coidado e esmerado, con recursos moi expresivos e claras reminiscencias da vitalidade que en tempos pasados tivo o noso idioma, cando  era a lingua tanto de mariñeiros, labregos e artesáns, como de cabaleiros, nobres e reis. Chama poderosamente a atención que en Pontedeume -por máis que sexa nas súas parroquias: Andrade, Boebre, Centroña, Nogueirosa, Ombre, Vilar- perviva  na lingua oral este representativo trazo do galego. Non hai que esquecer  a indubidábel influencia españolizadora das áreas urbanas próximas da Coruña e Ferrol (militares, construción naval, funcionariado,...).

Resultou  ser algo así como unha   revelación sorprendente, despois de ter coñecido con certa profundidade o galego de zonas máis rurais e afastadas, presuntamente menos interferidas polo español.  En concreto, o da zona onde nacín e me criei, o do Val do Ulla no Concello da Estrada. Mais tamén o da Costa da Morte na zona de Camariñas, Vimianzo..., onde traballei algún tempo. Mesmo facendo un traballo de campo, ao rematar  os estudos de Filoloxía galego-portuguesa , para a Comisión de Toponimia, percorrendo zonas moi recónditas da provincia da Coruña e falando con xente de lugares moi diversos, non teño conciencia de ter escoitado os infinitivos flexionados. Recordo  aínda destas últimas   dúas décadas de estadía en Pontedeume os nomes de moitos homes e mulleres e o testemuño das conversas nas que xurdía, como unha flor ventureira, o infinitivo flexionado, con toda a naturalidade e con suma mestría, nas diferentes formas persoais. Trátase tanto de persoas maiores como de persoas de menos idade,  mesmo que andan nos corenta.  Teño case  a certeza de que é un trazo transmitido de xeración en xeración; de feito, moitas destas persoas máis novas, tiñan sempre na casa outra persoa  ou outras persoas de avanzada idade. Sen dúbida, non creo que sexa debido á influencia da TVG.

En síntese, para rematar, quixera subscribir aquí a apelación que nos fai Freixeiro na obra arriba mencionada:

"Non  podemos deixar perder o infinitivo flexionado porque iso suporía a desnaturalización do idioma. Máis importante que o correcto uso dun "v", un "b" ou un "h" é a utilización deste trazo morfosintáctico que mantén viva a esencia da nosa lingua".

Hernández corrixirá topónimos

por Cris Moss, no Xornal:


Que ao conselleiro Agustín Hernández se lle poden criticar moitas cousas menos o seu esforzo por falar e promocionar o galego é algo que hai tempo quedou fóra de dúbida. Agora volvemos atoparnos con outra proba de que este madrileño fai máis pola lingua que compañeiros seus de Vigo ou A Coruña.
O BNG advertíralle á Consellería de Infraestruturas hai un tempo a través de varias preguntas noParlamento de Galicia sobre a presenza de toponimia deturpada na sinalización de varias estradas de titularidade autonómica. Agora chega a resposta correspondente do departamento que dirixe Hernández.
Recollendo a petición do BNG, e tras recoñecer que a toponimia efectivamente aparecía mal recollida, Hernández indica que xa deu orde de realizar as oportunas correccións. Correccións que fará o seu departamento sobre erros cometidos hai tempo por gobernos anteriores.
Así, Hernández asegura na súa resposta ao Parlamento que Puebla volverá ser A Pobra do Caramiñal, a poboación arousá denominada Las Sinas retomará o seu nome de As Sinas e o núcleo lucense chamado Barjamayor recuperará á súa denominación oficial de Barxamaior.

Mundo Lois

Nace a web que acompañará ao espectáculo Mundo Lois.
Segundo informan na propia web:

A través dos blogs, vídeos, twitter, facebook, descargas e de toda aquela  información  que se vaia creando, contribuiremos a  homenaxear ao poeta que “somentes intentaba conseguir deixar na terra algo que me sobrevivise”.
“Mundo Lois” é un espectáculo baseado en textos de Lois Pereiro e dirixido por Lino Braxe. A escenografía audiovisual de Manu Paz e Antón Reixa, conta coa  banda sonora de Alexandro González.

xoves, 3 de febreiro de 2011

Literatura exiliada e lingua prohibida

A nota redactada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística tería un punto de absurdo se non fose polo triste papel que está xogando ao actuar precisamente en contra dos obxectivos para o que foi creada e que se resumen nunha soa palabra: normalización. Por certo, palabra proscrita nesta lexislatura, para esta Secretaría Xeral. Imos ao caso:

Segundo podemos ler no comunicado ao que facemos referencia, a SXPL parece que vai colaborar en dúas iniciativas. Nunha delas tratou co centro PEN de Galicia para pagarlle unha viaxe a algúns membros do mesmo a un evento do english PEN que se vai celebrar en Londres no vindeiro mes de abril. A desculpa é "aproveitar este ano para proxectar a lingua e a cultura galegas no ámbito anglosaxón".
Na outra iniciativa a SXPL destaca que prevé participar na dixitalización da información dos escritores en galego. Neste caso destácase o seu interese reside na  "proxección internacional da lingua e literatura galegas, xa que facilita o acceso universal a estes recursos" (sic).
Está visto que o que lle importa a Anxo Lorenzo e compañía da literatura galega é, sobre todo, levala ao estranxeiro. E a iso chámanlle promoción da extensión social do galego!
Acabamos de ver como unha das patas do proxecto do organismo dirixido por Anxo Lorenzo: o camiño da  literatura é o exilio. A outra é ben coñecida por todos: a prohibición do uso da lingua galega no ámbito das ciencias.
Aplicando este tipo de políticas a ver quen se atreve a dicir que non estamos a sufrir os males dunha dictadura lingüística, a dictadura do único que non se expulsa, do único que non se prohibe... a dictadura do castelán.

Ano do Libro?

por Xabier López López, no dixital A Nosa Terra, xa hai algúns días, o 15/01/2011:

Á espera de saber en qué ficou a idea aquela de Alberte Núñez Feixóo de prorrogar o Xacobeo, boto a ollada atrás para volver dicir entre min –sen pasmo ningún, no entanto– que este 2010 que está para o remate non só foi o ano que non ha volver en 11 anos (segundo rezaba a publicidade dese evento que había paliar as penurias  económicas todas ), senón tamén, e como declaraba con certa pompa o Decreto  369/2009 de 23 de xullo, o Ano do Libro e da Lectura. Aínda que xa tiven ocasión de apuntar algunha cousa ao respecto, co gallo da visita dun tristísimo bus á miña vila alá polos primeiros meses do ano, os labores de inventario aos que nos arrebolamos algúns nestas datas volven traer aquí o que, de estarmos de mellor humor, ben poderiamos considerar unha brincadeira. Mercaron vostedes máis libros (grazas á Xunta)? Leron vostedes máis (grazas á Xunta)? Melloraron vostedes a capacidade de abstracción, de intelección, de análise (grazas á...)? Co do Xacobeo, mal que ben –e pese a que, polo visto, haxa que esperar un tempo para valorar os beneficios “reais” da visita papal– aínda haberá algunha declaración, algún cruzamento de cifras, algunha desas medallas que adoitan pór os que perden o cu por debruzarse nun micro e espetar a lea aquela da misión cumprida! Porén, non creo que ninguén se atreva a dicirnos a todos nós (os que depositamos nos libros, na lectura, na instrución... as esperanzas para tantas e tantas cousas) algo remotamente parecido. Entre outras razóns, porque grazas ao famoso Decreto do Plurilingüismo foron directamente ao lixo preto de 200.000 manuais de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química. Si. Xa sei que cando un pensa en libros e en lectura non está a visualizar un libro de texto. O fracaso do Ano do Libro e da Lectura vai por outro lado, xaora (a campaña morreu por puro raquitismo), pero non me digan que non deixa de ser sintomático de certo estado de cousas, que no ano que nos prometeron tan libresco, a única que deu en probar libros a mancheas fose a guillotina.

Agitprop e lingua común

por Xabier López López, no dixital  A Nosa Terra:

Recoñezámolo. Postos a facer as cousas, son auténticos especialistas. E no asunto das linguas –o do Senado é realmente circunstancial– non ían baixo ningún concepto a andar menos espelidos ca noutras lides. Se paramos mentes na súa estratexia, resulta que calquera das súas campañas de agitprop adoita ter dúas texturas: unha de sal groso, de corte anecdótico e mesmo chocalleiro  –os pinganillos, a lingua na que as súas señorías toman o café, o gasto económico seica inconcibible para os millóns e millóns de parados– e outra, máis perfilada, que conforma algo así coma un convite ao debate que algunhas almas refinadas e amantes do diálogo dan en aceptar sen demasiadas reservas. Neste último caso radica, e seguimos co asunto da Cámara Alta, o argumento da “lingua común”. Porque vexamos. É ou non é razoable que 200 e pico individuos, á hora de comunicarse, escollan a lingua común a todos eles? Queiramos que non, todas as nosas argumentacións non deixan de ser matices ou excepcións ao que parece –en forma e fondo– un parámetro obvio de conduta, unha regra xeral. Que se o Senado é precisamente a cámara de representación territorial, que se o fenómeno da representación política debe acadar tamén a opción lingüística do representado, que se o estado é legal e de facto plurilingüe... O dito: matices, correccións, derivacións dunha fórmula que, en abstracto, non dubidaríamos talvez en asumir mesmo coma un imperativo categórico. No entanto, o problema é que, como tantas outras veces, amosan a patiña por debaixo da porta e... Dálle! Caemos na trampa. Porque o miolo do asunto está en negar a maior. É o castelán a “lingua común”? Examinando a Constitución –porque o asunto radica en último termo no que se diga ou non se diga nesta sede– podemos saber que o castelán é a lingua española oficial do Estado e que todos os españois teñen o deber de coñecela (amais do dereito a usala). Isto é: lingua oficial e “debida” ou “obrigada”, se queremos chamala así. Pero “común”? De onde sacan tal cousa? De centrármonos na desapaixonada frialdade dos textos legais, resulta que o castelán está moito máis perto de ser unha “lingua imposta” ca unha “lingua común”. Claro que chamándoa polo nome, a súa posición xa non é tan presentable. Va que non?

"Na xudicatura o labor de normalización debería ser moi intenso"

Entrevista que lle fixeron para O Cartafol dixital a Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na USC:

Dende o punto de vista da lexislación lingüística en Galicia, que resaltarías deste 2010 que rematou?
Hai bastante pouquiño que resaltar, basicamente retrocesos en canto á protección ao galego con respecto á normativa anterior. Neste senso temos que destacar que o Decreto do plurilingüismo reduce as porcentaxes de presenza do galego nas materias que se imparten no ensino obrigatorio, polo que  é claramente regresivo.

Que consecuencias poden ter estas medidas normativas?
As consecuencias son, por suposto, negativas. De todos os xeitos, máis aló de como pode afectar a lexislación, creo que tamén hai facer fincapé no papel tan agresivo da Xunta contra o galego, con ese discurso que se lle lanza á cidadanía de que o noso idioma é unha carga que limita. Ese é un prexuízo para a lingua gravísimo. O ambiente negativo que logrou crear o PP é algo que, aínda que grande parte da sociedade non comparte, si que asenta prexuízos sobre a lingua.

A Xunta presentou o anteproxecto da Lei de convivencia e participación na comunidade educativa, que inclúe cuestións vinculadas á lingua no ensino. Como o valoras?
O proxecto en si é moi rancio na concepción que ten de participación e convivencia, xa que basicamente as concibe dende un punto de vista represivo e non de fomento da resolución de conflitos de forma pacifica, do cal xa hai moitas experiencias nos centros escolares. No aspecto concreto que pode afectar ao idioma, pretende regular a consulta ás familias sobre o uso das linguas en relación coa programación educativa, e eu penso directamente que é ilegal. É ilegal dende o momento no que a participación das familias, da que fala o artigo 27 da Constitución, se concreta a través de dúas leis orgánicas: a Lei orgánica da educación e a Lei orgánica do dereito á educación, que establecen claramente que a participación da familia se canaliza a través dos consellos escolares. Si se lles pode preguntar aos pais directamente, por exemplo, se o horario de entrada ao centro debe ser ás 9 ou ás 9.30; pero son consellos escolares os que deben pronunciarse pola programación educativa: a fixación do currículo escolar, a decisión sobre as linguas nas que se imparten as materias ou o calendario escolar en sentido amplo. A lei impide que os pais decidan sobre estas cuestións porque son responsabilidade dos poderes públicos.

Como xurista, que valoración fas da introdución do galego no mundo xurídico nestes últimos anos?A introdución do galego neste eido é moi reducida e non hai unha vontade clara de aumentala. O mundo xurídico é un concepto moi amplo. Se o entendemos no sentido xudicial, a presenza do galego é moi baixa e ademais está minguando, así o constatan as propias estatísticas do poder xudicial. Polo tanto, é preciso facer unha acción decidida de formación, de valoración dos coñecementos de galego dos xuíces para os efectos da súa mobilidade, e de integración do galego en toda a oficina xudicial. Porén, e isto é un exemplo constante que poñen os xuíces, as ferramentas informáticas que usan dificultan ditar sentenzas en galego porque implica dobre de traballo que facelas en castelán. E é unha responsabilidade da Xunta  proporcionar os recursos á Xustiza. E os avogados actúan en función do que fan os xuíces. Se notan un poder xudicial reticente ao emprego do galego, non van forzar a máquina. Aínda así hai algúns colexios profesionais da avogacía, como o de Santiago, que están a traballar polo galego. Podemos afirmar que hai sensibilidade, pero que a figura do xuíz impón. 

Se o mundo xurídico tamén abrangue a administración pública, aí o grao de normalización é elevado, sobre todo na escrita, mais aínda hai pasos que dar. Por exemplo, a atención telefónica aínda presenta bastantes eivas. Non se garante, logo, o dereito da cidadanía a manter as súas relacións coa administración en galego.

Por que cres que o mundo do dereito é un mundo tan desgaleguizado?
Como case todos os ámbitos de poder, a xudicatura, os propios poderes públicos e as administracións son un mundo moi desgaleguizado. Pero tamén sucede con outros colectivos cunha certa proxección social, como a sanidade. O labor de normalización debería ser moi intenso e iso non se realizou nunca.

Ti licenciácheste en dereito neste centro e agora exerces como docente. Cambiou moito a situación do galego dende daquela?
Moito non, pero cambiou. Cando eu estudaba só tiven un profesor que me dese clases en galego. Hoxe en día hai un grupiño máis grande de docentes que o usan. Non é unha taxa elevadísima, pero medrou algo, especialmente nalgunhas áreas de coñecemento. De todos os xeitos pódese dar o caso de que haxa alumnos que saen da facultade sen recibiren en todos os anos de carreira unha soa clase en galego, e iso é unha eiva para a súa formación.

Polo tanto, cres que unha maior formación en galego na universidade repercute nunha mellor formación como profesionais?
Por suposto. Cando saian, van exercer nunha sociedade que ten dous idiomas oficiais e isto séntese á hora de redactaren documentos, de establecer procedementos coa propia administración ou seguir procesos xudiciais. Na súa realidade social diaria o galego é necesario incluso para atender axeitadamente aos seus clientes, xa que usar a súa lingua é un xeito de achegarse mellor aos seus problemas. O feito de que un futuro avogado ou unha futura xuíza non coñezan con corrección os termos xurídicos que se aplican á súa profesión é bastante triste.

Hai estudantes de Dereito que afirman que algúns profesores non ven con bos ollos o galego. Forma parte do mito?
Eu creo que non é o mito desta facultade senón o mito de moitas facultades desta universidade. Non se pode presentar  Dereito como un becho raro con respecto ao resto dos centros; non é das facultades que menos usan o galego, especialmente se a comparamos con algunhas de ciencias. Agora ben, igual que sucede na sociedade, si que é certo que hai profesores que teñen prexuízos lingüísticos contra o galego. Eu agardo que con iniciativas como esta campaña de “Témoslle Lei” poidamos axudar a eliminalos.

No marco da campaña «Témoslle Lei» púxose a disposición do estudantado e dos profesores lexislación básica en galego. Cres isto vai axudar a que haxa unha medra  no uso do noso idioma?Confío en que si. Para preparar a docencia non ter materiais en galego é un inconveniente, pero iso non nos debe impedir usalo con normalidade. En todo caso o principal ámbito no que cómpre incidir é no do profesorado. Pola miña experiencia vexo que os estudantes usan máis ou menos galego dependendo da medida en que os profesores o utilicen. Debería realizarse algún tipo de acción para que haxa máis profesores que impartan aulas en galego e que polo menos un grupo de cada materia se dea en galego. É algo factible polos coñecementos que posúe o profesorado hoxe en día, e probablemente se se argalla de forma colectiva sexa máis fácil obter uns bos resultados.

Que modelos lingüísticos se seguen en facultades de dereito doutros países nos que se usan dúas ou máis linguas?
En xeral neses países os estudantes manéxanse cunha certa soltura nas linguas oficiais; no caso belga, nas dúas linguas oficiais e tamén en inglés. Nos plans de estudo de Dereito das universidades belgas inclúese o coñecemento da linguaxe xurídica en flamengo, francés e inglés, o que facilita o uso fluído dos termos especializados nesas linguas.

Todas as linguas de España son españolas (e II)

por Plácido Lizanco Santos, no Galicia Hoxe. Tamén se pode consultar "Todas as linguas de España son españolas (I)


Actualmente, a diglosia favorece os castelanfalantes nunhas rexións, pero non noutras. E na resurrección dos sentimentos autonómicos, non poucos ven na lingua castelá o instrumento que serviu para reprimir os idiomas autóctonos. De aí que a Constitución de 1978 teña recoñecido oficialmente o bilingüismo en todos os territorios que se constitúan en comunidades autónomas, e conten con linguas propias.
Xa están consagrados na Constitución que di así no seu artigo 3:
1.- O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.
2.- As demais linguas de España serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas, de acordo cos seus Estatutos.
3.- A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
Iso implica que o castelán deberá seguir aprendéndose en toda a nación, e que as demais linguas que teñan a cooficialidade contarán co mesmo dereito nas distintas comunidades autónomas cuxos estatutos así estipulen.
España debe aspirar a superar a diglosia que a caracterizou secularmente, e a instaurar definitivamente un bilingüismo satisfactorio para os españois que posúan outra lingua materna, e á que aman, como é lóxico, coa mesma intensidade con que os españois nacidos no seo da lingua castelá aman a súa. O ideal que a Constitución pretende favorecer é que consideren como realmente propias as dúas.
O castelán tivo o seu nacemento nun lugar xeográfico moi preciso, como idioma dunha pequena comunidade que, co seu espírito emprendedor e o seu xenio estendeuno ata ser unha das linguas máis importantes do mundo: é un idioma internacional, que mantén a súa unidade firmemente.
Nalgúns Institutos Cervantes a lingua e a cultura de España só é en español: a oferta cultural destes centros culturais espallados polo mundo e pagados polos impostos de todas as autonomías limítanse só ó flamenco e á cultura centralizada; non verán vostedes arte galega ou na lingua de Castelao en Londres, polo menos ata o de agora..

mércores, 2 de febreiro de 2011

Datos da docencia en galego na USC

No Cartafol dixital, acaban de publicar varios artigos referentes aos datos do uso das linguas na docencia na Univerisade de Santiago no presente curso 2010-2011.
A pesar de ser ésta a universidade con niveis máis altos de normalización, o galego só se usa no 30% da aulas, porén o castelán é a lingua do 66%.  Máis precisamente apuntan que

Das 111 titulacións de grao ou 1º e 2º ciclo que se están a impartir actualmente na USC, 11 ignoran totalmente o uso do galego; entre elas, cinco relacionadas con idiomas; as restantes, relacionadas con Ciencias da Saúde. Outras tantas non chegan ao 10%, mesmo sendo estudos cun grande impacto polo número de matriculados, como Medicina.


Tamén se explicitan os datos por departamentos. Aínda quedan 7 deles nos que está excluído o uso do galego (Zooloxía e Antropoloxía Física, Ciruxía, Estomatoloxía, Pediatría, Xenética, Fisioloxía Vexetal e Filoloxía Inglesa e Alemá).
Todos estes datos hai que enmarcalos dentro da evolución plurianual. Durante os últimos anos o uso do castelán debuxaba unha curva descendente que agora parece estabilizarse. De confirmarse esta tendencia, o galego non seguiría gañando puntos na universidade santiaguesa.
Lonxe do tan difundido equilibrio lingüístico desde os departamentos da Xunta, os datos apuntan, por todas partes o que todos sabemos: que o uso do galego continúa descendendo, e que lonxe de potencialo, desde as insitucións públicas póñenselle todas as dificultades para o seu avance. Ata tal punto isto é así que incluso as pequenas conquistas son mal vistas por quen debería ser o seu principal impulsor.

Daniel García Ramos en galeguizargalicia.tv

Acabo de ver na web da CTNL a nova do nacemento da canle galeguizargalicia.tv, vencellada ao dominio do mesmo nome. Eu pediríalles que comenzaran por galeguizar esta nova canle: as pestanas documentales e promocionales. Espero que non tardarán en facelo.

Para celebrar a apertura desta iniciativa colocarei máis abaixo un dos seus vídeos, un sobre a figura de Daniel García Ramos.
Eu tiven a sorte de oir algunha vez a Daniel García Ramos, quen fora maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e quen fora sobre todo defensor da lingua galega especialmente no mundo xudicial. A finais dos anos 90 tiña unha idea moi clara: había unha gran porcentaxe de casos nos xulgados nos que unha das partes estaba representada por un concello. Os concellos eran institucións razonablemente galeguizadas, se se establecía un plan para que os servizos xurícos dos concellos actuasen sempre en galego, estaría dado tamén un paso de xigante no camiño da normalización da xustiza. Ao pouco García Ramos morreu e ninguén lle colleu o testigo.
Os pasos seguidos no ámbito xudicial foron, desde aquela, ou ben nulos, ou ben na dirección da anormalización. O caso máis grave foi que o cambio ao sistema de xestión informatizado Minerva, non permite realizar ningún trámite habitual dun xulgado na nosa lingua e isto temos que llo agradecer á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, comandada por Alfonso Rueda.

A importancia de chamarse galego

por Pilar García Negro, dándolle voltas a unhas declaracións de Luís Tosar, sobre a identidade e o sentimento de ser galego (ou non), no Xornal:


Vai para un ano que escrebín un artigo, co gallo da entrega dos premios “Goya”, en que felicitei efusivamente a Luís Tosar e mais a Emma Lustres, non só polos premios recebidos naquela gala senón polo uso público, con tan importante megafonía, da lingua galega. Agradoume sempre o traballo actoral do noso compatriota e admirei o seu compromiso con causas extraprofisionais, sociais e políticas. O último filme que tiven ocasión de ver foi “También la lluvia”, magnífico en todos os aspectos: a súa directora, Íciar Bollaín, e toda a equipa actoral e técnica, coido que realizaron un dos mellores traballos cinematográficos dos últimos tempos. O diálogo histórico entre o colonialismo de outrora e o neocolonialismo actual está perfeitamente conseguido. A evolución da personaxe que encarna Luís Tosar é ben elocuente do valor que ten coñecer as realidades de perto, de primeira man, para poder xulgar a causa e a finalidade de tantas loitas que no mundo existen por dereitos humanos básicos (como, neste filme, a posesión e desfrute da auga). Tamén habemos de pagar pola choiva?, pergúntanse os habitantes daquela comunidade do altiplano boliviano. Igual que, entre nós, no XIX, tal e como recolle Xoán Manuel Pintos, aos nosos campesinos “só lles falta / que lles tarifen o alento”, na denuncia que o escritor fai da máis que gravosa carga impositiva que pesaba sobre unha economía xa de seu ben castigada; ou, xa no XX, en e despois da guerra civil española (requisa de escopetas de caza, de cereais e outros alimentos, impostos estatais e municipais…), cando a xente paisana dicía que só faltaba ter que tributar polas pulgas dos cans… O personaxe Daniel, da fita que comentamos, que abandeira a revolta da súa comunidade, tamén estivo emigrado no corazón do Imperio, nos USA, exactamente igual que, durante todo o XIX e gran parte do XX, miles e miles de galegos e galegas procuraron traballo e asento a moita distancia da súa terra, nomeadamente en América. O quéchua ou quíchua, submetido ao castellano e penetrado por el, é o correlato da situación do galego e da erosión nel provocada polo idioma oficial do Estado.
Cadroume ler, nas mesmas datas en que fun espectadora de tan bon filme, unha entrevista con Luís Tosar. Confeso que me apenou. Nun momento da mesma, o noso admirado actor declara: “Cada vez soy de menos banderas. Menos nacionalista, más descreído de la política. Hoy no daría mi apoyo a ningún partido. El tiempo y los ejemplos de los políticos me han hecho más escéptico. Creo que escuchan poco, entienden menos y les sobra mucho despacho. Ahora no llevaría ninguna bandera, son peligrosas, carecen de sentido y te pueden caer hostias por todos los lados”. Ségueme chamando a atención que se xeneralice (“os políticos”) un traballo ou unha actividade que ten, como todas as demais, prácticas, ideoloxías e resultados non só diferentes senón antitéticos. O problema de declarármonos non-nacionalistas non está no dereito evidente a facelo, senón en que, decontado, tal e como están as cousas, inclúennos á forza no grupo dos anti-, isto é, dos españois que visan a desafección da condición de galegos, que estarían satisfeitos cunha laminación e homoxenización total da variedade nacional existente. No filme mencionado -onde tan ben interaccionan arte e vida- as vítimas da privatización da auga non poden declararse neutrais, sen bandeira, porque a súa subsistencia depende da loita emprendida. Hoxe, Luís, acaso temos permitido declarármonos galegos con todas as consecuencias? É moeda corrente que desfrutemos dos nosos recursos ou recebamos do Estado o que nos correspondería polo que pagamos?
A nosa é unha historia chea de anomalías. Eu son dezaoito anos máis vella do que Luís Tosar. Coñecín antes do que a bandeira galega a española, por suposto, mais tamén a arxentina. Viaxei (de rapaza) á meseta castellana e a Madrid polo menos un ano antes de coñecer a nosa Terra Cha, Xustás incluída, cando no verán de 1970 fun hóspede dos pais do hoxe xornalista Arcadio Silvosa, curmán dunhas amigas miñas de Lugo. Moi a rentes do chao: o nacionalismo galego actual aínda ten que servir á tarefa de que (re)coñezamos o que somos, sen imposturas. A condición de galego non é redundante, como o proprio Luís asume: é, aquí e agora, política, góstenos ou non…

martes, 1 de febreiro de 2011

A Lei de Convivencia segundo Nova Escola Galega

Nova Escola Galega fai unha análise do anteproxecto  presentado pola Consellería de Educación para a Lei de Convivencia . Un documento imprescindible para avaliar e coñecer o que ata o momento foi a tramitación dun novo texto legal cuxa principal motivación é dar cobertura legal ao funesto decreto de plurilingüismo.
Tamén se pode descargar aquí.

NEG Opina Lei Convivencia Xaneiro 2011

Laiovento: 20 anos construíndo país

por Alfredo Iglesias Diéguez, quen na conmemoración deste aniversario destaca os libros de defensa do galego editados por Laiovento,  no Galicia Hoxe:

Hai vinte anos, o 17 de de-cembro de 1990, Xosé Manuel Beiras, Francisco Pillado Mayor -a alma desta empresa-, Suso Couceiro, Pepe Carreiro, Manuel González Millares e Afonso Ribas, que habitaban naquel momento o pazo de Laiovento, facían a seguinte declaración de principios: "Convidamos a todos os homes e mulleres deste vello país a participaren connosco nunha empresa que ten como único obxectivo o de contribuír desde unha óptica plural, aberta e progresista, á construción nacional da Galiza".
O balance, vinte anos despois, non pode ser máis que positivo. Nun país ermo intelectualmente, en tanto que á volta dese ano 1990 apenas había produción científica e filosófica propia (agás algúns textos de Felipe Martínez Marzoa, Xenaro García Suárez e pouco máis) e a publicación de autores estranxeiros estaba moi limitada (habería que remontarse ao Heidegger traducido por Piñeiro), Laiovento (aínda que tamén habería que recoñecerlle á editorial Sotelo Blanco, que asumiu a edición d"A Trabe de Ouro nese mesmo ano, un mérito semellante, pero limitado á publicación periódica de pensamento crítico) fixo unha aposta radical pola lingua galega e, xa que logo, polo pobo galego, asumindo catro tarefas complementarias: primeira, fomentar a difusión, en lingua galega, do pensamento crítico universal de actualidade, tanto político como económico, sociolóxico, filosófico ou biolóxico -por citarmos algúns dos eidos do saber que máis lles preocupan aos editores-, velaí están as traducións de Galeano, Badiou, Callinicos, Chomsky, Zizek, Puente Ojea, Labica, Löwy ou Lewontin -por citar só algunhas-, e contribuír ao fortalecemento dun pensamento crítico propio, propiciando a difusión das obras de autores como López Suevos, Souto, Sampedro e do propio Beiras, entre outros; segunda, facilitar a lectura de clásicos da literatura universal en galego, velaí están as traducións de Ionesco, Sartre, Apollinaire, Beckett, Brecht...; terceira, implícita nas anteriores, traballar pola normalización da lingua galega, primeiro apostando por unha normativa de consenso, e agora, ante os recentes ataques lingüicidas do goberno da Xunta, defendendo a nosa lingua como a herdanza cultural que nos sitúa no mundo, de aí os libros de Lingua e futuro de Goretti Sanmartín, Sobre o racismo lingüístico de Pilar García Negro, 55 mentiras sobre a lingua galega de Xosé Henrique Costas,Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüimo de Luís Villares Naveira ou Feijóo, o galego e nós de Xosé María Álvarez Cáccamo, que se veñen sumar á longa listaxe de obras dedicadas ao estudo da lingua e literatura galegas e ao conflito lingüístico, velaí están as obras de Calvet, Ninyoles ou García Negro; cuarta, ofrecerlle ao público galego obras de teoría ede historia do nacionalismo, tanto galego como irlandés ou vasco.
En fin, vinte anos traballando, nun país no que o avance do odio das clases dominantes contra o pobo fai triunfar o autoodio polo galego e por Galicia, a prol dunha cultura universal, progresista e emancipada en galego..

Feijóo múdalle a fonética a Saramago

por Cris Moss, no Xornal:

O titular da Xunta substituíu onte ao portugués Carlos Lage na presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e marcouse retos. No acto, celebrado no Porto, Alberto Núñez Feijóo apelou, por exemplo, á necesidade de que os cidadáns sintan “orgullo de pertenza” á Eurorrexión.
Se cadra con ese obxectivo, o titular da Xunta botou man en dous treitos do seu discurso das frases nas que o Nobel portugués José Saramago falaba da Península Ibérica coma dunha “balsa de pedra”. Malia a atoparse ante un auditorio lusófono, Feijóo pronunciou o nome “José” con fonética castelá.
Se ben só un dos oradores do acto –representante empresarial e non político– decidiu falar unicamente castelán ante os representantes galegos e portugueses, algunhas das intervencións, a comezar pola do propio Feijóo, si contrastaron coas chamadas á unidade das dúas beiras do Miño do propio acto .
Así, por exemplo, o titular da Xunta gabou a capacidade da Eurorrexión por dar “un grande exemplo” de cooperación, se ben pasou por riba das ligazóns culturais e lingüísticas de Galicia e Portugal para sinalar que, para se coordinar, non foi preciso que ambos territorios “falen, pensen e sintan o mesmo”.

A manipulación informativa e o Consello Escolar de Galiza

por Eduardo García Parada, profesor no Mestrado para o Profesorado de Educación Secundaria da Universidade de Vigo, en Terra e Tempo:

Venres 28 de xaneiro o Consello Escolar de Galiza rexeitaba o Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Escolar, pedindo a súa retirada e a devolución á Consellaría de Educación. Este Anteproxecto foi presentado publicamente o 4 de xaneiro, cando non hai actividade escolar e sen consultas previas a ningún sector da comunidade educativa.

O Consello Escolar de Galiza é máximo órgano de participación da comunidade escolar e o seu plenario está composto por representantes dos diferentes sectores da comunidade escolar e da sociedade: oito do profesorado, cinco dos pais e nais, tres do alumnado, dous do persoal de administración e servizos, dous titulares de centros privados, tres das centrais sindicais, dous do empresariado, tres dos movementos de renovación pedagóxica, seis da Administración Educativa, cinco dos Consellos Escolares Territoriais, oito da Administración Local, dous da Universidade, dous persoeiros a proposta do Conselleiro, un do Seminario de Estudos Galegos e un do Consello da Xuventude. 

O Anteproxecto de Lei de Convivencia recibiu 21 votos en contra, 4 abstencións e só 11 votos a favor de mantelo, entre os que obviamente estaban os 6 altos cargos da Administración Educativa e un escollido directamente pola Consellaría. Por tanto só 4 votos a favor dos representantes sociais da comunidade educativa. 


Esta pormenorizada explicación vén a conto pola intoxicación informativa á que outravolta máis nos acostuma o Goberno de Feijóo e nomeadamente o Conselleiro de Educación Jesús Vázquez. Unha vez máis, ao igual que fixo co Decreto do Plurilingüismo, Vázquez sae do armario para manipular aos galegos e galegas e deslexitimar os órganos de representación democrática da comunidade educativa como é o Consello Escolar de Galiza ou como tamén foron co Decreto do Plurilingüismo o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou o Consello Consultivo. Faise representante da sociedade galega e dise sabedor do que quere, titorizándoa dun xeito repugnante ao máis puro estilo fascista e caciquil, dando por suposto que todos os cauces de expresión social e democrática agás os votos que lles deron o poder son fraudulentos e están manipulados de xeito interesado contra o que eles deciden que pensa e quere a sociedade. Eles son os únicos albaceas do pobo, ninguén ten dereito a opinar se non vai dicir o que eles queren oir.

E neste último caso, co único obxectivo real de denigrar e desvalorizar a nosa língua, invéntanse a chamada "Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Escolar" para ás agachadas darlle cobertura legal ás denigrantes "consultas aos pais" sobre o idioma nas escolas. Acaso, como vimos pormenorizadamente, non é o Consello Escolar de Galiza e nomeadamente os Consellos Escolares dos centros de ensino a forma de participación máis acaída e plural? Son moito máis representativos que contar soamente cos pais e nais do alumnado a través de preguntas-trampa, pois na educación está implicada toda a sociedade e toda a sociedade ten o dereito e a obriga de opinar e participar.

Daba noxo ver no Telexornal do día seguinte o tratamento da nova: declaracións do Conselleiro, dicindo que as decisións do Consello Escolar (cando non lle son favorábeis) non eran vinculantes e que ían seguir adiante coa lei, que el sabía o que a sociedade galega necesitaba e o que o profesorado demandaba; declaracións dun representante das ANPAs dos colexios privados (que nin siquera é membro do CEG), que votaron tamén a favor do borrador, dicindo que era unha mágoa, que a lei era moi boa e que era un avance; o representante de Educación do PP, Román Rodríguez, dicindo que todos os axentes sociais que presentaron as emendas á totalidade do borrador (CIG, FETE-UGT, CC.OO, a Coordinadora Galega de Movementos de Renovación Pedagóxica, a Federación Galega de Movementos de Renovación Pedagóxica, a Confederación Galega de ANPAs de centros públicos e o Seminario de Estudos Galegos) estaban manipulados e cativos do BNG e do PSOE, e que non representaban á sociedade galega. Ningún destes "axentes sociais" saiu na TVG; só o dos centros privados.

Tamén a páxina web da Consellaría convertiuse desde o primeiro día da chegada do PP á Xunta nun mintireiro oficial: xa non é a páxina de comunicación coa comunidade educativa, senón que é un panfleto ao servizo do PP que terxiversa as novas e oculta a información: no caso que nos ocupa do Consello Escolar, cando os ditames lle son esmagadoramente desfavorábeis, como neste Anteproxecto ou no Decreto do Plurilingüismo, non aparece a información ou minte descaradamente dando unha información parcial e deturpada. Cando se resolve favorabelmente, ainda que sexa polo voto de calidade do presidente logo dun empate, a noticia dá a entender o rotundo apoio ao decreto presentado, neste caso o que regulaba a Formación Permanente do Profesorado. E isto é nunha páxina web oficial!

Este Anteproxecto de Lei Convivencia e Participación da Comunidade Escolar ignora ademais o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galiza do 2007, que foi no seu día sometido á consideración de toda a comunidade educativa na procura do maior consenso posíbel e foi asinado por máis de 35 entidades e colectivos pedagóxicos. Claro que isto, segundo o PP, non é participación real, senón manipulada, pois só eles saben o que pensamos, queremos e sobre todo necesitamos o profesorado, o alumnado e a sociedade galega. E a quen e como lle preguntarán? Serán visionarios?