Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de setembro de 2018

Unha restra de agravios protagonizan a política lingüística da Xunta neste verán

Unha temporada máis a política de exclusión da lingua galega continúa a ser o distintivo da Xunta, tamén na época de verán. Poderíamos dicir que para reducir o uso do galego o goberno non toma vacacións. Ademais ten o mérito de facelo baixo un adubío propagandístico contínuo, que mostra un mundo de fantasía normalizadora mentres a témera realidade redutora se agocha debaixo das alfombras.
Como mostra disto podemos comenzar co n-ésimo acto de descuberta de placa de conmemoración de uso do galego nun xulgado, neste caso do da Estrada, mentres nese mesmo xulgado a lingua galega fica excluída na súa práctica diaria. Lembremos que é imposible usar o programa de tramitación xudicial na nosa lingua porque a Xunta de Feijóo nunca o considerou prioritario, e van alá xa 7 anos.
Durante este verán tamén se publicou a resolución bianual de axudas ás tradución. Nótese que é unha resolución bianual, polo que a dotación orzamentaria hai que dividila por dous. Ademais mestúrase nunha mesma convocatoria a tradución ao galego (da que estamos tan necesitados) coa tradución do galego a outras linguas. Sobre este particular cómpre ler o informe que realizara no 2014 a editorial Hugin e Munin, denunciando as irregularidades e trapicheos destas convocatorias (por certo, na resolución deste bienio nomean a esta editorial como *Huguen e Munin e, nun alarde de transparencia non especifican as cantidades asignadas a cada un dos beneficiarios)
Un dos maiores alardes de cinismo é o da divulgación do Festival Resurection Fest como actividade coparticipadora na normalización do segmento máis desgaleguizado da sociedade, o da mocidade. A Xunta aportou 77.000 euros ao festival, e de volta temos o cartel en castelán (e inglés)
Tamén se publicou neste verán a resolución das axudas aos concellos para a promoción da lingua galega., dotada unha cantidade ridícula, 245.000 €, para repartir entre máis de 100 concellos (hai outros 200 que quedan a cero). Con todo, se só miramos para aqueles que reciben algunha esmola por esta vía, conviña que, polo menos unha vez, o secretario xeral de política lingüística explicara que clase de políticas vai poder levar a cabo un concello con 1.300 €. Pero o panorama aínda pode volverse máis negro...
Hai dous anos, ProLingua denunciaba que a SXPL estaba disposta a participar nun premio no que o galego podía estar ausente. Demencial, non?  Parece ser que ProLingua estaba moi ben informada pois neste mes de xullo a SXPL anunciaba o seu apoio á convocatoria do I premio de novela "Camiño de Santiago", as bases, indican que se outorgará un premio de 6.000 € a unha novela que non ten por que estar escrita en galego.
A principios de agosto publicouse a resolución das subvencións para materiais curriculares en galego. Ademais da escasa dotación orzamentaria, esencia dunha política de redución do uso do galego, estas resolucións caracterízanse por excluir a posibilidade de elaborar materiais de matemáticas, fisíca, química e tecnoloxía en galego. Estamos, xa que logo, ante un ataque á lingua, disfrazado baixo a capa de "subvención para a dinamización". Tal é o desprezo que polo uso do galego no ensino hai nos corredores de San Caetano que nin tan siquera se fixo anuncio da resolución no apartado de Novas do portal da SXPL. Aínda peor, como pode comprobar calquera que lea o DOG dese día, verá como os motivos de denegación da subvención están escritos en castelán (no DOG en galego):
Tanto na prensa, como nas RRSS ou no propio portal da SXPL puidemos ver referencias a que case 1500 rapaces participaron nun programa de campamentos de verán en galego. Pola contra, anunciárase que a Xunta ofrecera 10.000 postos para campamentos de verán. Unha pregunta xurde naturalmente: que pasa coa lingua das outras 8.500 prazas? O 15% é o que a Xunta lle reserva ao galego? Un dato, só o 18% dos nenos aprenden a falar en galego.
A última argallada do departamento da Xunta encargado da cousa da lingua foi o de programar durante este mes de setembro un total de 11 proxeccións de películas en galego O resultado, xa o adianto, vai ser un fracaso total.  O problema é que non hai películas en galego, polo que terán que proxectar filmes xa vellos e, polo tanto, nada gorentosos. Pensemos que na miña vila, A Estrada, cada semana hai máis do dobre de proxeccións cada semana, todas en castelán, por suposto, porque non hai outra alternativa. Velaquí repetida a imposición do español, mil e unha veces.
Para finalizar, unha pregunta que me leva proendo desde que se publicou, hai máis dun mes: que ten que ver isto coa normalización?

A morte do galego

por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:


Morre ou matámolo? O galego é a única lingua cooficial que perde falantes en España un ano tras outro. Os datos son teimudos e non poden agocharse, pero obrigan a pensar.

martes, 21 de agosto de 2018

Ben falado!: Ciencia en galego


Aproveitando que a canle de You Tube da TVG se encheu estes días cunha chea de capítulos do ben querido programa Ben falado!, quixen recoller un deles, o 326, adicado á miña teima, o uso do galego na ciencia.
O capítulo en cuestión é do ano 2010, un ano funesto para a lingua galega pola publicación do ignominioso decreto do plurilingüismo. Nótese como neste capítulo aínda se respiran ansias de normalización, que proveñen da etapa gubernamental do bipartito. Pouco despois, todo este discurso eliminaríase desde as institucións, sendo substituído por outro consistente en "canto menos galego, mellor para o galego" para xustificar as prohibicións que aínda a día de hoxe penan sobre o uso da lingua de noso.

luns, 23 de xullo de 2018

Carta ao reitor da Universidade da Coruña

por José Manuel Pazos Riveiro, nas Voces de ProLingua:

Estimado señor reitor:
Namentres desenvolvía os labores propios do meu sexo, - face-lo xantar, tende-la roupa, - tiña posta unha orella en “El coruñés opina”do pasado domingo,17 de Xuño.

domingo, 22 de xullo de 2018

xoves, 19 de xullo de 2018

Teima o vento en que todo é aire

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de ProLingua:

Xa non é só Orense ou Sangenjo, ou a enésima versión do que poida vir. O problema da RAE coas linguas baixo administración española diferentes do castelán é xenérico, e o xénerico serve para o que queiramos, coma as citas da Biblia, para un obxectivo e para o contrario.

mércores, 18 de xullo de 2018

mércores, 11 de xullo de 2018

Fina Casalderrey e Alonso Montero falan de Mª Victoria Moreno



O alumnado de 3º ESO PMAR do IES María Soliño (Cangas) entrevistou a Fina Casalderrey e a Xesús Alonso Montero e comparten neste vídeo o que nos din sobre a figura de María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras deste ano.

xoves, 5 de xullo de 2018

A viaxe de Xabier

por Manuel Bragado en Luzes:

«Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato. Por iso os camiños que emprende o Viaxeiro son vieiros que conducen ao coñecemento e á aprehensión da beleza, que tantas veces hai que rescatar do medio da miseria e do mal…»
«Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto.»

A tua privacidade é importante para nós

por Carme Adán no Sermos Galiza:

Moitas palabras fermosas e xustas afondan no gran legado que Xabier P. Docampo deixa tras de si. Aínda así, sabemos que moito fica por escribir da súa obra e da personalidade vital e comprometida que conseguíu fascinarnos.

A túa cerdeira

por María Canosa en La Voz de Galicia:


«Todas as viaxes son un regreso». Comeza así un dos teus libros. Memorizadas as palabras desde ese primeiro instante que as lin, como fixen con tantas outras frases túas, imposibles de esquecer, gravadas a lume. Aínda ben non marchaches e eu xa non sei como hei facer para regresar sen ti. A todos os que te choramos estes días só nos vai quedar retornar a ti, ás túas palabras, ao que nos ensinaches, ás lembranzas que compartimos, á túa cerdeira, esa que axudei a plantar.

mércores, 4 de xullo de 2018

Que siga vivindo o libro galego

´

A finais de maio deste ano Xabier P. DoCampo realizou o seu último discurso público. Viña de recibir o premio de Narrativa na Gala do Libro Galego. Vía Nós TV

martes, 3 de xullo de 2018

O outro Xabier

por Xosé Manuel Pereiro en Luzes:

«Oichó…» O primeiro motivo de complicidade con Xavier P. DoCampo foi formar parte os dous dese escaso 13% dos galegos que somos de Lugo, ou máis exactamente dese aínda máis cativo porcentaxe de lugueses con memoria vilega ou rural. Os que podemos manexar como vocativo ese «oíches, ho!» contraído, ou ese «ño!» exclamativo que expresa a meirande dimensión da marabilla ou da sorpresa. Cando Xabier, que sei que o usaba a feito con Agustín Fernández Paz, por exemplo na habitual chamada nocturna pospelícula, se dirixiu a min co «oichó!» foi o maior galardón que tiven en anos. E é dese Xabier do que lles quero falar.

luns, 2 de xullo de 2018

Oir unha lingua que leva morta un século



Neste impresionante documental escoitaremos falar unha lingua morta hai 100 anos. Blas Jaime conserva as falas herdadas da súa bisavoa por unha cadea que pasou pola avoa e a nai. Nunha reportaxe xornalística Blas Jaime explica que "los nombres aborígenes fueron prohibidos (...) Y a las niñas que hablaban chaná les cortaban la punta de la lengua"
Cando quixo ensinarlle esta lingua á súa filla Evangelina, ésta respondeulle que "no quería ser india, que la iban a maltratar e insultar". Evangelina cambiou de opinión cando ela mesma tivo unha filla. Agora quer transmitirlle os seus coñecementos.
A min encantoume a explicación da numeración chaná:
1 = gui,
2 = ama,
3 = jeit,
4= colí,
5 = nam,
6 = nam ati gui,
10 = nam ati nam = ama nam,
25 = nam nam

mércores, 27 de xuño de 2018

O noso idioma, o galego





Prexuízos nun triste branco e negro e normalización chea de cores. Un gorentoso traballo de tres mozas compostelás.


As grafías tradicionais do topónimo 'Sanxenxo'

por Luz Méndez no portal da RAG:



O nome da vila de Sanxenxo provén de SANCTUM GENESIUM, o acusativo do nome do santo a quen está dedicada a parroquia de Padriñán, á cal pertencen. Corresponde a Sanctus Genesius de Arlés, un santo francés, morto a principios do século IV e que tivo un culto temperán en Hispania.

Toponimia galega

por Mª Pilar García Negro, en La Voz de Galicia:

O único artigo prescritivo da Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) é o que estabelece como única forma legal dos topónimos galegos a súa xenuína, isto é, a galega, xa que á lingua galega pertencen. É por isto deplorábel que, en pleno século XXI, se discuta ou deforme o que unha lei que cumpriu 35 anos de vixencia -que non de aplicación- estipula verbo dos nomes de lugar galegos, orixe, en tantos casos, dos antropónimos correspondentes. Que unha institución académica española, como a RAE, ditamine que tal principio básico poda ser vulnerado, apelando ao artificio dunha adaptación «grafofonolóxica» ao español (!) mostra ás claras até que ponto as mínimas verdades histórico-filolóxicas poden ser alteradas en nome do imperio do idioma oficial do Estado, o español, con capacidade auto-atribuída do «ordeno y mando» sobre as linguas diferentes que están baixo o xugo da mesma estrutura política. Os académicos da RAE -entre os que se contan significados galegos, a comezar polo seu director- semellan ignorar evidencias flagrantes: tan galegos son topónimos como Celanova, Pontevedra, Chantada, Pazos, Barallobre ou Faramontaos como Sanxenxo, Rianxo, Teixeiro ou Chandrexa de Queixa. Os primeiros mencionados sobreviveron á vaga españolizadora porque, aínda sendo exóticos, podían figurar como admisíbeis no español. Os segundos posúen un fonema inexistente neste idioma. O que se practicou con eles non foi unha tradución: foi a ortopedia forzosa de adaptación á lingua española, isto é, a súa barbarización, que os converte nun híbrido indixeríbel. Como é que, en nome desa suposta adaptación, a RAE non considera lexítimos chou (inglés show) ou Yeneralitá (catalán Generalitat), xa que esa é a fonética común dos español-falantes, meios de comunicación incluídos?

martes, 26 de xuño de 2018

Señores/as da RAE: Sangenjo nin é forma legal, nin lexítima, nin castelá

comunicado de ProLingua, no seu portal:

Os pasados días 5 e 6 de xuño, a Real Academia Española publicou uns chíos na súa conta cos que respondían a unha pregunta dunha usuaria sobre a forma correcta do topónimo correspondente ao concello galego situado entre Poio e O Grove: “La grafía es “Sanjenjo” (sic), mientras que “Sanxenxo” es la grafía en gallego”. Ante a falta de ortografía que cometera a propia RAE, o día 6 corrixía: “Este topónimo tiene en español la grafía “Sangenjo”.

domingo, 24 de xuño de 2018

Notas ao vivo: Idioma en perigo (6)

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

No ano 2015 faleceron en Galiza 31.403 persoas, a maioría delas galegofalantes, e só houbo 19.346 nacementos. Por outra banda, como é ben sabido, nos últimos anos volveu caer sobre nós a sombra da emigración, e entre 2009 e 2015 máis de 142 mil persoas, todas elas menores de 35 anos e con coñecemento da lingua propia, abandonaron o país.

sábado, 23 de xuño de 2018

Rianxo Fala na radio



Alumnado do proxecto de radio RIANXO FALA do IES Félix Muriel (Rianxo) durante a visita ás instalacións da RTVG e a entrevista improvisada que Kiko Novoa e Carlos Jiménez, lles fixeron en directo durante a emisión do programa Galicia por diante.

xoves, 21 de xuño de 2018

En galego en Foz




Reportaxe audiovisual realizada polo Equipo de Normalización do IES de Foz en colaboración co alumnado do centro. Este traballo aborda a utilización do galego no concello en distintos ámbitos laborais a través das entrevistas con distintos veciños e veciñas. Foi estreado publicamente na Casa da Cultura de Foz o 12/06/18

martes, 19 de xuño de 2018

A unión fai a forza



Non poucas veces penso que me chegaría con seguir o traballo que fan no Equipo de Normalización do IES Félix Muriel (Rianxo). Hoxe, cando prendín o computador vin que se me enchía con 45 vídeos publicados por estes rianxeiros. Este de aquí é un deles, o resto pódense procurar na canle de You Tube do ENDL.
Parece increíble, pero esta excelente reportaxe foi elaborada por alumnado de 1º da ESO, rapaces de 12 anos.  No vídeo sentiremos a forza cargada de razón destas rianxeiras que se pecharon no edificio municipal para reivindicar un centro de día para o concello. A súa unión tivo éxito, e a casa do cacique Viturro, do que nos falaba Castelao, será o edificio destinado para atender aos maiores de Rianxo.
Mil parabéns a este rapaces de 1º e a todo o ENDL

luns, 18 de xuño de 2018

Que non podes dicir en galego?


Audiovisual elaborado para o concello de Cuntis para celebrar a súa III Festa das Letras.

Hipocrisía e premios científicos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgaba o seu apoio [e +] aos premios Ofelia Devesa que se conceden no IES Xelmírez II (Santiago) e gabáse de contribuír así ao espallamento da ciencia en galego, xa que os premios Ofelia Devesa valoran que se ofreza algún aspecto científico tendo como protagonistas aos participantes.
A calquera se lle fai evidente que o nivel de hipocrisía non pode ser maior. Por unha banda sacamos a foto cos gañadores dun certame centrado na divulgación en galego dun aspecto científico mentres que a política lingüística que se leva a cabo é xustamente a contraria: a de prohibir impartir aulas das materias científicas na nosa lingua. Con este tipo de actos preténdese lavar as mans manchadas polo sangue do asasinato da transmisión da lingua ás novas xenenacións. Hai que ser moi estúpido, moi hipócrita ou ambas cousas para acreditar neste tipo de manipulacións.

Os traballos premiados
Os audiovisuais que recibiron o premio son os que compartimos aquí.




O primeiro dos vídeos da categoría (1º a 3º da ESO) é unha recreación do conto Dióxenes do libro Made in Galiza, de Séchu Sende que trata sobre a morte dos porco espiños, e en xeral, os animais mortos nas estradas. A este respecto, convén lembrar a guía de lectura realizada por Pilar Ponte. No apartado adicado a este conto recolle unha proposta de reflexión do IES Ramón Mª Aller:
Segundo os datos da UNESCO cada ano morren entre 25 e 30 linguas no mundo, e o 90% extinguiranse nos vindeiros cen anos, ao mesmo tempo asistimos ao nacemento ou consolidación doutras, especialmente os denominados crioulos ou pidgins. Cal coidas que será a lingua máis falada en Galicia dentro deses cen anos?




O segundo dos vídeos premiados, o da categoría 4º ESO e Bacharelato, trata sobre a comparación entre o cerebro e os ordenadores. Unha reflexión sobre o funcionamento da mente.

mércores, 13 de xuño de 2018

Videoconectad@s2018



O proxecto VIDEOCONECTAD@S é unha proposta de DINAMIZAESTRADA . O IES Antón Losada (A Estrada) realizou dúas videoconferencias sobre un variado repertorio de temas científicos e que estaban destinadas a dous centros de Primaria. Neste vídeo recóllense as charlas dixitais e correspondente coloquio final co alumnado do CEIP O Foxo (A Estrada) co alumnado de 4º ESO da materia de Cultura Científica.

sábado, 9 de xuño de 2018

A Xunta renega da defensa dos topónimos galegos


Hai uns días un chío (xa borrado) da RAE xenerou moita polémica:



A resposta foi múltiple e indignada. Pero como a zunia sempre ten que estar demostrando que o é, a resposta da Real Academia Española foi a de rectificar parcialmente, para insistir na deturpación



Se o 5 de xuño a grafía era *Sanjenjo, o 6 de xuño pasou a ser *Sangenjo. Son as cousas das linguas como o castelán, que cambian dun día para outro. Con esta inseguridade lingüística eu recomendaríalle aos que aínda falan nesa lingua, que comenzaran a valorar seriamente facer a súa vida en galego, xa que nesta nosa lingua non se dan eses bailes aleatorios.
Con todo, o empecinamento da RAE é de

Aunque hay documentación histórica de ambas grafías, la que ha quedado fijado como forma tradicional española es «Sangenjo».


Ante este agravio houbo varias institucións que responderon. A Deputación de Pontevedra consideraba que non se trataba dunha cuestión de grafía, senón de respecto, ao tempo que consideraba escandalosa a recomendación da RAE "fóra de usos oficiais". A Academia Galega tamén interveu establecendo que só recoñece a forma "Sanxenxo", e que éste é un topónimo galego e ésta é a única forma recoñecida.
Nin a Xunta, nin a Consellería de Cultura e Educación, nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística interviñeron para defender a lingua galega. Isto é o máis terrible do episodio, mais tamén isto é o que ven sendo habitual pois parece que estes organismos están do lado dos agraviadores. As razóns de por que isto é así poden sacarse do seguinte vídeo, no que o ex-presidente do goberno español, Mariano Rajoy anunciaba que deixaba de dirixir o PP. Nun momento da rolda de prensa fai referencia a este partido:
"yo se lo he dao todo desde hace muchos años. Hace 40 yo pegaba carteles en el municipio pondevedrés de *Sanjenjo/*Sangenjo"




Se aqueles que nos gobernan son os que renegan da lingua, pouco importan leis e normas, os agravios ao galego están garantizados e serán defendidos por moitas razóns que se lles poñan por diante, sexan éstas lóxicas ou legais, non importará. Soldados e capitáns réxense todos por unha mesma ideoloxía, a do supremacismo lingüístico.
Para que despois digan que hai que deslindar a lingua da política. Ben se ve que é imposible.

Dende Ribadeo a Varsovia. Unidos pola lingua


Un diálogo entre o alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o alumnado de galego do Centro de Estudos Galegos de Varsovia. Sabedes que é un fato? un cocho? os chuchos? un pícaro? Ademais de escoitar aos polacos falando a nosa lingua, non convén perder a tertulia final. Moito teñen que aprender os tertulianos das nosas teles deles!

xoves, 7 de xuño de 2018

A mocidade coa lingua 2018



Foron dúas horas de festival na que participaron 800 rapaces dos centros de ensino da comarca ferrolán. Foi pasado 5 de abril no Auditorio de Ferrol. Trátase da XXVI edición da "Mocidade coa Lingua"
 A banda da Loba, foi a estrela da programación na que tamén estaban, soben a escenario outros 35 músicos en 8 actuacións en dúas horas de festival.
O primeiro en subir ao escenario será o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, de Narón, seguidos de Irene Beceiro e Manolo Dopico, do IES Concepción Arenal. En terceiro lugar, Arredemo, do IES de Fene, Raptios, do CPI de Atios (Valdoviño), cunha proposta de rap en galego, o Carvalho Quartet, do IES Carvalho Calero, seguidos de Pay FUNk-Ta, do CPR Tirso e no peche,Indianos, está formado por alumnos do IES Fernando Esquío, de Neda.

mércores, 6 de xuño de 2018

María Victoria Moreno: mestra da vida

Escucha"Maria Victoria Moreno, Mestra da Vida" en Spreaker.

Este podcast é un dos moitos que podemos achar entre as actvidades realizadas pola Biblioteca a Deputación da Coruña . O que se pode comprobar é que está moi ben elaborado, e que ten como resultado un excelente programa radiofónico sobre a autora protagonista do Día das Letras 2018. Conta coa participación de Francisco Castro, Fran Alonso, Montse Pena, Xavier Senín, Marilar Aleixandre, Ánxela Gracián, Eli Ríos, Pilar Álvarez, Antonio Fraga, Pedro Ferriol e Begoña Llácer.
Outra excelente achega traballada arredor das celebracións do 17 de Maio, e non é a única.

Non é éste o único podcast sobre María victoria Moreno. Nesta ligazón podemos acceder a unha boa colección deles.

luns, 4 de xuño de 2018

Mar de Sangenjo

Recollo esta imaxe de Carlos Rodríguez Pérez, e que tivo certo "éxito" estes días na arañeira virtual por motivos obvios.
O triste do caso é que este produto xa leva anos comercializándose e que personaxes públicas de moita relevancia espallan a mesma deturpación do topónimo.

domingo, 3 de xuño de 2018

Notas ao vivo: O idioma e a ignorancia (3)

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Un grupello reducido de antigos alumnos da Escola de Náutica da Coruña abandonaron o acto de homenaxe á súa promoción, a do ano 1968 -celebrábase o 50 aniversario da mesma-, porque as autoridades presentes, alcalde da Coruña, secretario da UDC e un representante da Xunta, utilizaban en tan solemne acto académico o idioma galego, lingua propia e oficial da universidade e do país. Particularmente, un dos ex alumnos, bocalán e malfalado, ergueu a voz, mentres abandonaban el e outros a sala, para bramar cheo de carraxe contra o uso do idioma galego en tal contexto, afirmando que tal utilización era unha vergoña. Mais tamén é certo que a inmensa maioría dos antigos alumnos e persoas diversas asistentes ao acto manifestaron en todo momento a atención precisa e o respecto debido en tan formal, e por outra banda entrañábel, cerimonia universitaria.

Alpabardas verdes

por Carlos Lixó no Sermos Galiza, Praza Pública, Que Pasa na Costa, La Voz de Galicia:

Entrei na casa e bañoume un cheiro intenso a caldeirada, a voz de miña nai ouvíuse no fondo, atende ao que ten túa nai, unha cousa que nunca viches, tróuxenos para ti. Enriba da mesa uns toros de peixe cocido que para os meus ollos pouco espertos podería ser perfectamente xarda apañada antes do tempo. Abre un, abre. E fiquei parvo. Tiña por dentro unha espiña dunha cor tan bonita e tan intensa e tan difícil de definir... O máis próximo sería o espazo entre verde mar e azul turquesa. Apunta a palabra que despois esquénceme, son pataguillóns.

xoves, 31 de maio de 2018

A intervención Lía Lema na Academia Galega




Un ano tras outro facemos referencia neste blogue á iniciativa 21 días co galego , por ser un traballo referencial na normalización lingüística. Por múltiples razóns, nesta ocasión, foise adiando esta entrada. Entrementres 21 días co galego recibiu un merecido recoñecemento da Academia Galega ao seren invitados nunha xornada de Encontros coa xente nova que se celebrou por primeira vez o pasado día 08/05/18 na Rúa Tabernas nº 11 (A Coruña)-
Quen mellor relatou este Encontro foi o portal educativo Botóns nun artigo cargado de información e con vídeos propios no que se daba conta fiel do desenvolvemento do acto. De alí recollín este vídeo, coa intervención de Lía Lema, alumna do Colexio Fogar Santa Margarida, cun discurso realmente impresionante e que debería divulgarse e fomar parte do peto educativo para a reflexión sociolingüística.
Lía é de Laxe, chegou á Coruña hai 8 anos. Explícanos como actúa a presión lingüística do español para o cambio de lingua e propón algunhas consideracións sobre o uso do galego e a súa situación actual.

martes, 29 de maio de 2018

Na política lingüística, detrás do fume está o incendio


De seguirmos as actuacións da política lingüística da Xunta de Galicia, concluiríamos que as súas actividades redúcense a fumegar o panorama político. Collamos un exemplo típico, o que se presenta neste vídeo. Feijóo acude ao VIII Encontro da industria alimentaria na Coruña,  e a súa intervención, en contra de todos os consensos en materia lingüística, faina en castelán. Este proceder é tan habitual no presidente da Xunta que case a diario hai un audiovisual mostrando esta práctica. Podemos imaxinar que a cantidade de actos e intervencións nas que renega do galego é moito maior.  Se o presidente renega da lingua galega acotío está dando a entender que é completamente prescindible. A un tempo demostra que a Xunta non está comprometida co seu uso nin coa súa normalización.
Entón, como debemos entender que o mesmo o día e á mesma hora o secretario xeral de política lingüística se reúna cun pequeno grupo de empresarios para sacarse unha foto con eles e poder emitir un comunicado no que pretendidamente se está a favorecer a galeguización no mundo económico? De ser certo o que se di neste comunicado, teriamos que estar escoitando a intervención de Feijóo en galego. Como isto non é así, ese presunto apoio á galeguización empresarial queda nunha fumareda intoxicadora que pretende ocultar unha realidade atroz, a dunha Xunta aniquiladora da lingua. O máis grave deste intento de encubrimento  é que está substentada por un organismo, a SXPL, que debería ser o máis radical garante de normalización da lingua.
Unha cuestión á marxe. No comunicado da SXPL fálase dun Plan de dinamización do galego no tecido económico. Alguén sabe dalgunha medida efectiva dese Plan?

luns, 28 de maio de 2018

Lingua propia, lingua común

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza

O galego, ademáis de ser a lingua propia de Galicia, constitúe o noso principal patrimonio inmaterial, o que nos fai propios e diferentes. O cerne da nosa cultura e do noso xeito de estarmos no mundo. Malia non ser xa a lingua materna de centos de milleiros de galegos a nosa lingua é un patrimonio común a todos. Tamén aos que aprenderon (aprendimos) falar en castelán.

sábado, 26 de maio de 2018

Mil futbolistas máis para a lingua galega

por Iván Méndez López, na revista Luzes:


Pasou o “Día del gallego” e a lingua xa está toda feita até o ano que vén. Co esmero deste ano, ademais, quedounos niquelada incluso até o 2020.A edición 2018 da festa das letras vernáculas prometía xa hai unha semana cando Feijóo I O Sociolingüista achou a resposta á pregunta do millón: por que perdemos clientela galegofalante na rapazada? “Porque os mozos son libres e quedaron fartos da política lingüística do bipartito”. Os menores de 9 anos, que son os que leva O Noso Presidente en Monte Pío, falarán todos en galego, supoñemos. E, se non, culpa do bipartito. De non marchar a Madrid ou ao consello de administración dunha eléctrica, Feijóo ben pode fichar por algún club de primeira como defensa central: expeditivo e mestre en mandar balóns fóra como el hai poucos.

venres, 25 de maio de 2018

Como a lingua modela o noso pensamento


Chegoume este vídeo de Trafegando Ronseis. Ao premer o play, Lera Boroditsky, profesora de ciencias cognitivas da Universidade de California ofrece neste relatorio TED varios exemplos de como a lingua modela a forma do noso pensamento.
Hai linguas que teñen unha gran cantidade de palabras para identificar as cores do espectro, outras apenas diferencian "claro" de "escuro". Os Kuuk Thaayorre, de Pormpuraaw na costa oeste do Cabo York, no continente australiano, foron obxecto de estudo de Lera Boroditsky. Eles non usan conceptos como "esquerda" ou "dereita" pois todo o refiren aos puntos cardinais. Esta forma de comunicación está moi ligada ao territorio, xa que Pormpuraaw é un lugar desértico, sen referencias xeográficas que indiquen as direccións. Pola contra, os galegos temos todo o territorio nomeado. A nosa lingua é xeografía, de aí que só nós teñamos un Otero Pedrayo. Tal é o noso apego á xeografía que cando nos pregunta por unha dirección, contestamos: "vai por ese camiño e á man dereita verás un desvío e unha casa de pedra. Por aí non é. Segue dereito...."
En español "ponte" é masculino, en alemán (e en galego) é feminino. Lera comenta que os españois atribúenlle ás pontes cualificativos que os prexuízos e as convencións sociais asocian ao "masculino", porén os alemáns danlle atributos "femininos". Pregúntome cal é a conformación galega do concepto "ponte".

"Hai 7000 línguas faladas en todo o mundo e podemos crear moitas mais.  O tráxico é que estamos a perder moita desa diversidade linguística a cada momento Perdemos cerca de unha língua por semana e segundo as estimacións, a metade das línguas do mundo desaparecerán nos próximos 100 anos. Unha notícia ainda peor é que agora, case todo que sabemos sobre o espírito e o cerebro humanos baséase en estudos de estudantes universitarios normalmente americanos e anglófonos. Isto exclúe a case todos os seres humanos."

A xente non lle falla ao galego

por Xosé Mexuto, no Sermos Galiza:

Iso é así. A grande maioría do país tenlle lei ao galego. Quérelle ben. Se reparades, poucas causas hai no país -se algunha- que mobilicen tanto -que sexan tan transversais, por usar ese palabro- como a causa colectiva pola dignificación do idioma que nos dá nome.

Querida Victoria

por Beatriz Gutiérrez Caneda, no Sermos Galiza:

Coñecina en 1993. Por aquel entón eu estreaba os 26 con ilusión e ganas de cambiar o mundo. Coma todos. Cando cheguei a aquel instituto de Pontevedra pensei que sería máis doado do que foi. Normas non escritas, un alumnado problemático, profesores que levaban anos na ensinanza. E eu que acababa de saír da facultade, cos meus zapatos de cores e un sorriso nos beizos.

xoves, 24 de maio de 2018

O asasinato do galego

por Antón Losada, na revista Luzes:

Dise con frecuencia que a lingua galega está morrendo. Non podo estar máis en desacordo. Á lingua galega estana matando. Non morre coma se fora vítima dun accidente, dunha enfermidade ou das inexorables leis da evolución que obrigan a adaptarse ou morrer. Trátase dun crime premeditado, planificado e executado por criminais perfectamente conscientes, que saben o que fan e o que queren e actúan con premeditación e aleivosía; nin sequera se lles pode aplicar a atenuante de ignorancia porque saben perfectamente o que están asasinando e o que significa.

mércores, 23 de maio de 2018

O "Mar adiante" do CRA de Vilaboa


Os cativos da Escola de Barciela, pertencente ao CRA de Vilaboa, presentan "Mar adiante", a primeira novela de María Victoria Moreno. Vese que traballaron o tema, pois no vídeo vemos como presentan un libro feito por eles. Ademais son quen de presentarnos á autora homenaxeada no Día das Letras 2018:




Letras galegas: de guímaros e suicidas

por Iolanda Teixeiro Rei, no Sermos Galiza:

Todo empezou por un viño nunha cea dun interesante encontro herculino de psicanálise onde se falava de Sade e da esencia da perversión. O viño era tan bon que deu parola a preguntármonos que era a verba guímaro coa que se bautismara aquel gorentoso viño. Eu só lembrava que Franco Grande definía ese vocábulo como un adxectivo semellante a espilido, vivo, activo e sagaz. Meu irmao pequeno, o mitólogo, díxome ao telefone que era unha especie de familia mítica das terras luguesas. Así as cousas, mentres preparava o poema para a homenaxe a Carvalho Calero, desprezado un ano máis pola Academia Galega, un amago de neurose obsesiva adonouse da miña vontade e deime á pescuda deses enigmáticos guímaros. Alén dos viñedos de Doade debruzados no Sil, o primeiro guímaro dun dicionario de español falavame de bufón e hazmereir, mais tambén dun apelido común en Brasil e Portugal.

Para que serve o galego?

por María Xosé Porteiro, na revista Luzes:

A primeira vez que intentei expresarme en galego tiña catorce anos, recén chegada de Cuba. Non coñecía a familia de aquí, en particular, a miña avoa Xosefa Fernández Millares. Meu avó, Xosé Porteiro Irimia, morrera pouco antes e non me deu tempo de preguntarlle polos devanceiros, nin de que me levase persoalmente ata o pedregal onde nace o Miño, ou saber daquel bisavó que se alistara no exército carlista, tampouco de como facía aquelas zocas tan xeitosas que todo o mundo lembraba, ou da fabulosa historia daquela súa irmá que lle botou un meigallo e lle fixo perder varias colleitas e ver morrer as súas vacas máis prezadas. Pero tiven durante tres anos -logo morreu- a nai do meu pai que nacera en Santalla, na Ribeira de Piquín. Casou con aquel mozo lanzal e máis novo ca ela, de Candedo, preto de San Martín de Lúa. Meu pai, Xesús, foi o fillo máis vello pero cando sendo un rapaz viu o cepelín cruzar o ceo, metéuselle na cabeza que quería ser piloto, marchou a Madrid para facer o servizo militar como voluntario en aviación e xa non regresou.

martes, 22 de maio de 2018

Resaca das Letras



Pasou o día, pero para os que amamos e vivimos nela, hoxe segue sendo Días das Letras.
Onte dábamos conta do principal acto do Día das Letras, a manifestación de Quremos Galego!. Hoxe toca repaxar algúns momentos que seguen ecoando como, por exemplo o deste vídeo publicado por Praza Pública, e que me encantou. Non só o vídeo, senón tamén o artigo co que se acompañaba, denunciando a actitude antigalega da Xunta, que vía o funesto decreto do plurlingüismo, quer desligar ciencia de uso do galego. E aínda máis, a restra de artigos deste dixital arredor do Día das Letras deste ano, é antolóxica. Debería ser de lectura obrigatoria en centros de ensino.
O certo é que a semana xa comenzara a tomar corpo arredor da celebración da lingua coa efervescencia dos chíos etiquetados cos hastags #Microespañolismos e #SiCaféConLeite. Todo comenzou cun reto do secretario de comunicación do BNG:

Se ampliamos o intervalo de tempo, temos innumerables achegas dos centros escolares. Por poñer algúns exemplos, remítome ás que fun recollendo por aquí estes días anteriores: "A festa no faiado", da Escola Infantil de Sarria, "Xa non teño medo" do CEIP do Carballal (Marín), "Anagnóriseando" do IES de Vilaboa, ou o case-oficial Telexonal do CPI dos Dices (Rois)
Alén do mundo docente, tamén houbo achegas signficativas. Velaí o documental sobre María Victoria Moreno do concello de Pontevedra ou a agradable sorpresa do club de fútbol gaélico vigués Keltoi, que elaborou un audiovisual con lecutas da obra de María Victoria Moreno.
Houbo, e seguramente haberá, artigos de opinión que afortunadamente non poden deixarnos indiferentes. Eu escollín dous publicados pola revista Luzes. Un, do sempre sarcástico Antón Losada, cun título que adianta a melodía do contido: "O asasinato do galego", e outro do máis enterado do que se move no mundo dixital no ámbito sociolingüístico (e non só), Iván Méndez, quen en "Mil futbolistas máis para a lingua galega" mostra as caras da zunia, aínda máis monstruosas cando se comparan coa faz da defensa da lingua desde o que debería ser a normalidade máis normal de todos os días, pero que ata se ve rara, por infrecuente nun país anormalizado pola forza.
Para rematar este repaso á resaca do 17 de Maio, un par de ideas que me chegaron á ialma. Viñeron da Agrupación Astronómica Io, quen tivo a feliz iniciativa de elaborar un chío-fío coas (poucas) obras de ciencia publicadas en galego. Paga a pena miralo para decatármonos da febleza da cultura galega, e de quen é o responsable de estarmos nesta situación. Só se pode ser un hipócrita ou un idiota e seguir negando que os autores materiais da elaboración e aplicación do funesto decreto do plurilingüismo non son responsables da laminación da lingua de noso. Finalmente, uha nova luzada da Agrupación Astronómica:
Sei que houbo moitas máis cousas, pero estas son as que quixen destacar.

luns, 21 de maio de 2018

Manifestación 17M 2018: A lingua non para



GZ contrainfo parece que sempre saca os mellores vídeos das manifestacións do 17 de Maio. Desta vez acertaron completamente ao tomar como fío condutor do audiovisutal o manifesto do Correlingua coa actuación dos Labregos da Linguaxe rapeando "Rapea, que a lingua no para". Estes rapaces do IES Antonio Fraguas (Santiago) estiveron fantásticos.
Nieves Rodríguez foi a encargada de conducir o acto na praza da Quintana. Marga Romero, do Consello de Administración do Sermos Galiza foi a encargada da lecutra do minifesto  “En galego día a día”. Tamén interviñeron, Marcos Maceira, da Mesa, Concha de la Fuente, produtora do programa da Radio Galega “O Diario Cultural”, Anxos Sobriño, presidenta da CTNL, Cesáreo Sánchez da AELG, Adela Figueroa, escritora, que foi quen sofriu en primeira persoa o famoso agravio contra a lingua galega no edificio da Xunta en Lugo cando ao solicitar que a atendesen en galego recibiu como resposta “Yo solo hablo castellano.

sábado, 19 de maio de 2018

A festa no faiado



Ao estar metino no ensino secundario un acaba tirando sobre todo por recursos desta etapa cando é verdade que hai un mundo marabilloso para a normalización que cómpre desenvolver, sobre todo na educación infantil. Hoxe vai un exemplo, a adaptación do conto "A festa no faiado" de María Victoria Moreno feita polos nenos e nenas da Escola de Educación Infantil de Sarria

Unha viaxe á máquina da mente



Velaquí a quinta charla do ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia" realizada no edificio do Vello Cárcere de Lugo, na que Xurxo Mariño fala sobre a neurociencia.
Noutras entradas ([1] e [2] )xa déramos conta deste excepcional programa de divulgación científica coparticipado polo concello de Lugo e o colectivo Caladiños.

venres, 18 de maio de 2018

Xa non teño medo


Os alumnos do CEIP do Carballal (Marín), repiten éxito musical. O ano pasado fóra o Casares-ton, agora chegan coa produción "Xa nont teño medo", elaborada polo profesor  Víctor Alfonso Castro Martínez, con coreografía de Paloma Pazos e texto de María Victoria Moreno. Tamén parcipa a ANPA!
vía Román Landín e Aula Botóns

Novos finais para contos vellos



Encantoume esta idea que recollín do IES Félix Muriel (Rianxo). Os rapaces de 1º e 2º da ESO traballaron os prexuízos machistas sobre os contos clásicos, pegáronlle unha volta, e devolvéronos unhas creacións dunha rapazada que traballou os prexuízos de xénero dunha forma orixinal e da que saeu un poduto agradecido.


http://www.bicodaria.com/2018/05/novos-finais-para-vellos-contos/

xoves, 17 de maio de 2018

En galego día a día


Con certeza o acto máis importante do día se hoxe é a manifestación de Queremos Galego!. Alí nos veremos, clamando contra as prohibicións á lingua galega e por unha política lingüística realmente normalizadora.

A nosa lingua, mastro das nosas letras

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

O 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, é unha data que confirma identidade e, tamén, respecto polo legado de permanencia no noso idioma. O idioma galego é o noso maior monumento inmaterial que confirma un profundo sentimento que manifesta a maior cimeira do que somos e do que non podemos ser alleos ao que nel expresamos, na palabra como nas letras. A homenaxeada deste ano é María Victoria Moreno (Valencia de Alcántada, 1939-Pontevedra, 2005). Veu a Galiza da longa e tantas veces esquecida Extremadura, a exercer de pedagoga e moi pronto pasou a exercer de galega falante, algo pouco usual naqueles que viñeron co idioma castelán ás costas e que non se desprenderon del, lamentabelmente. María Victoria asumiu o repto e foi unha pedagoga que exerceu de escritora infantil, maioritariamente. Neste caso, percibiu o problema que tiña a nosa lingua no espazo infantil, e fixo valentes esforzos de integrarse a unha realidade moi descoidada polos poderes institucionais. Confirmando o desfase daquelas escolas do antigo réxime, fixo posíbel alertar e alentar a seus alumnos cunha literatura propia. É verdade que ela non foi a iniciadora da literatura infantil galega, pensamos no noso grande Manuel María e en tantos outros. Mais non deixa de ser prodixioso que unha escolante en lingua castelá exercera en galego e, alén da literatura infantil, aportara outras escollas literarias. Non toca outra que recoñecer o seu esforzo e eficiencia, nunha época tiránica en que o ensino estaba vetado para o noso idioma. María Antonia Moreno foi valente e dignificou a fala que falamos. Por tanto fíxose nosa por amor á palabra que sae da nosa lingua e crea literatura. Unha referencia para volver á cal do rego, onde xermina semente verdadeira, e nos ofrenda perenne froito que a recoñecemos na lingua.

mércores, 16 de maio de 2018

Cantas cousas podes facer en galego!



O Concello de Carballo puxo en marcha unha campaña para convidar a usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais. Ademais do vídeo, a campaña acompáñase dunha serie de carteis CC. Que é iso? Así o explican:

Para corazóns contentos, para Compras e Caprichos, para Conxeniar e Convivir, para Cálidas Cancións, para Cafés e Confidencias, para Cabezas Creativas, para Cóxegas Cómplices, para Conversas Cruzadas, para Crebar Cadeas, para Celebrar Conquistas..., para Cantas Cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira.


martes, 15 de maio de 2018

Nomes e apelidos galegos: Agora é o momento!



Campaña do BNG animando á galeguización dos nomes e restauración dos apelidos. No seu portal ofrecen información de como facelo.
Gustaríame ver esta campaña repetida noutros partidos políticos.

Pódese querer moito a este país, e traballar por el cada día, chamándose José Luís, Alejandro, Ángeles ou Blas. Para mostra Mini, deputado do BNG, que aínda hoxe é José Luís e vai galeguizar neste 17 de maio o seu nome. Do mesmo xeito, practicamente todas e todos levamos en nós a marca da deturpación sistemática dos nosos apelidos: Ameijeiras, Teijeiro, Lage, Naya, Rey... Isto non vai de sentirse máis galego ou galega, a inmensa maioría vivímonos galegas con naturalidade e con afecto ao lugar e á cultura da que facemos parte. Trátase de dar un pasiño -sinxelo e rápido, pero moi importante- para corrixir a historia neste ámbito e facer xustiza. Bonita e necesaria. Restaurar a forma correcta dos nosos apelidos e galeguizar os nosos nomes. Queremos máis Xosé Luís, Alexandre, Anxos, Brais, Ameixeiras, Teixeiro, Laxe, Naia, Rei... Con plena normalidade, con orgullo e cun sorriso na boca. Para o galego nunca é tarde. Este 17 de maio, é o momento. Galeguiza o teu nome ou restaura a forma correcta dos teus apelidos.

luns, 14 de maio de 2018

Anagnórese de Keltoi



O Keltoi Vigo Gaelic Athletic Club é un equipo de fúltbol gaélico vigués formado no 2014. Tiveron a excelente iniciativa de gravárense nun vídeo lendo Anagnórese, de Mª Victoria Moreno
A páxina de facebook do Keltoi

O supremacismo de "Hablamos español"

por Xoán Antó Pérez Lema, no Sermos Galiza:

Aquela “Galicia Bilingüe” dos anos 2008, 2009 e 2010 guindou de todo a máscara e presentouse este sábado n’A Coruña a faciana descoberta como plataforma “Hablamos español”. Canda grupos parellos de Euskadi, Catalunya, Nafarroa, as Illes ou o País Valencià queren que no ensino non se use lingua distinta do castelán ao longo e largo de todo o Estado español. Vaites, vaites… O mundo ao revés. Cando case todos pensamos que o problema é unha lexislación galega discriminatoria coa lingua que limita substancialmente o uso do galego como lingua vehicular e impídeo de feito no ensino infantil das nosas cidades.

domingo, 13 de maio de 2018

O ronsel do Vindel



Manuel Bragado publicou no seu merecidamente famoso blogue unha entrada sobre o libro "As cantigas de Martin Codax en 55 idiomas", publicado pola Universidade de Vigo. Esta publicación é un dos ronseis que nos deixou a vista do Pergamiño Vindel á nosa terra os pasados meses. Non se trata do único, pois para despedilo cara terras americanas (como tantos galegos que alá foron) varios membros da Academia deixaron neste vídeo tamén as súas reflexións. E aínda hai máis achegas.
O pasado 01/03/18, poucos días antes da súa marcha definitiva,  a RAG e a Universidade de Vigo celebraron un acto académico-literario arredor do Pergamiño Vindel con intervencións de Camiño Noia, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e o artista Roi Casal [1], [2], [3]
Agora que fica soíño en Nova York, sen o agarimo da xente que con emoción o foi visitar, quizais sexa o momento de que gardemos as fichas da exposición "Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas"

Binormativismo: tentativa de resposta a um problema que nom se colocou

por Maurício Castro, no Sermos Galiza:

Som da opiniom de que todo isto do chamado “conflito normativo” que arrastamos há décadas manifesta umha impotência: a de avançarmos, como formaçom social, na adoçom e normalizaçom do galego como língua nacional.

Medo nas aulas

por Iván Méndez, na Revista Luzes:
O PP do País Valencià da Comunidade Valenciana lánzase á nobre causa de que as nais e os pais participen máis activamente na vida educativa das súas crianzas. Os mércores, quedada coa titoría. O xoves, reunión da Anpa. O venres, denuncia do profesorado que adoutrina nas aulas aka que non pensan coma nós.

sábado, 12 de maio de 2018

Anagnoriseando



María Victoria Moreno foi profesora en Vilalonga. Hoxe dúas mozas do IES de Vilalonga recollen repasan a súa vida e falan especialmente da súa obra máis coñecida "Anagnórise" (Galaxia), na que podemos ler unha dedicatoria:
 "Para os meus alumnos de Vilalonga, que me aledaron os días que eu enfiaba esta historia, que me regalaron o bolígrafo co que a escribín"

Tribulações de um reintegracionista para modificar seu apelido

por Nemésio Barxa, no Sermos Galiza:
Seu apelido ou seu nome. Ultimamente neste digital esta-se a reivindicar o direito que todos temos de reintegrar ao galego nossos apelidos ou nomes deturpados ou castelanizados. Eu ao remate de este escrito vou deixar um resumo dos trámites e condições que devem darse para obter a modificação. Mas, primeiro, vai uma mensagem para os que comigo compartem as teses reintegracionistas e que podem pensar em optar a mundanças não sempre de facil decissão.

venres, 11 de maio de 2018

O himno de Galicia



Non entendo isto do fútbol, e moito menos as paixóns que provoca. 
Parece ser que hai uns días se celebrou un deses denominados derbis. No club futbolístico do Celta de Vigo tiveron a feliz idea de publicar este vídeo no que miles de gorxas unidas no evento deportivo cantaron o himno con orgullo. Un himno que nos une e un himno que nos une coa lingua na que foi escrito polo gran bardo da nosa literatura.


xoves, 10 de maio de 2018

O Correlingua 2018 comenzou na Estrada


Alí estivemos, xa o comentamos nalgunha outra entrada. O pasado xoves 3/05/18 comenzou a 18ª edición do Correlingua na Estrada que rematará o vindeiro 16/05/18 en Vigo. 
Seguro que imaxes moi semellantes a estas se repetirán por todo o país durante estes días cunha chea de participantes celebrando a lingua galega polas rúas das vilas e cidades. 

mércores, 9 de maio de 2018

Mª Victoria Moreno, galega por amor


O concello de Pontevedra regálanos este documental sobre María Victoria Moreno, a profesora e escritora protagonista do Días da Letras deste ano. 
É sabido que todos os anos os actor oficiais celébranse na patria do autor. Aínda que orixinaria dunha pequena vila de Cáceres Mª Victoria Moreno acabou escollendo Pontevedra como a súa patria. Agora o concello págalle este acto de amor á terra con este coidado documental. Trátase dunha peza de alto valor didáctico e que pode significar un reto para os concellos das vindeiras edicións das Letras Galegas. Mil parabéns a un concello que ten na súa carteira unha chea de iniciativas normalizadoras, nada que ver coa triste etapa da alcaldía de Juan Luís Pedrosa, que foi a que me tocou vivir como veciño desa, agora sí, luminosa cidade.
Unha das leccións que nos deben quedar na memoria para sempre é a da represión lingüística nas carnes de Mª Victoria Moreno. Por impartir cursos de galego, non remunerados, foille denegado o pasaporte.
No documental participan unha boa cantidade de coñecedores, amigos e familiares de Mª Victoria Moreno: Xesús Alonso Montero (académico e amigo),  Luís Bará (concelleiro e compañeiro), Manuel Bragado (editor), Fina Casalderrey (académica, escritora e amiga), David Castro (director do IES Torrente Ballester), Francisco Castro (escritor e editor),  Pedro Ferriol (viúvo), Rosa María Gómez Cuerpo, Manuel González Fernández e Manuel Seijas Marinero (amigos), Begoña Llacer Moreno (filla), Eli Ríos (escritora), Francisco Xavier Senín Fernández (escritor, tradutor e amigo),  Magariña Valderrama Curás e Pilar Álvarez (libraría Xuntanza), Mariló Valiño (compañeira no IES Torrente Ballester e amiga), Luz Gallego (librería Seijas).
Pois iso, hai que velo, e usalo.


Dío en inglés, que queda máis moderno: o caso dos ‘badges’

por Xusto Rodríguez, no GCiencia:

Se algunha vez cursastes un MOOC, estaredes familiarizados cunha palabra coa que eu batín hai unhas poucas semanas, ao rematar a miña primeira experiencia de formación por esta vía. Xa comezara algún outro, pero… ai, a falta de constancia!

luns, 7 de maio de 2018

A pancarta do Losada



Noutra ocasión xa escribíramos unha entrada semellante a esta. Daquela facíamos referencia á pancarta que elaborara o IES Antón Losada para galanear no Correlingua do 2015 co lema "QuéroTE na miña lingua". Hoxe temos que facelo para a presente edición do Correlingua que celebramos o pasado 3 de maio polas rúas da Estrada.
Este vídeo serve ademais como mostra de que o Correlingua é moito máis que unha xornada festiva de celebración da lingua. Arredor dela realízanse múltiples actividades nos centros. No caso do IES Antón Losada, ademais da impresionante pancarte, organizouse un concurso de adhesivos que se repartiu entre os participantes no Correlingua.

domingo, 6 de maio de 2018

As escollas electivas

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A finais de abril deste ano a plataforma virtual blogaliza, en vigor dende 2003, pechou as portas. Nela albergábase o blogomillo, ou conxunto de bitácoras existentes en galego.

21 días co galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Hoxe escribimos dende o optimismo, dende a alegría de saber que as cousas poden mudar. Ou que podemos axudar a que muden: con intelixencia, vontade e imaxinación. Hai cinco anos, unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, con alumnos de ESO e Bacharelato, botou a andar unha experiencia que xa corre polas redes. Rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, moitos deles non galegofalantes, aínda que cunha competencia elemental no uso da lingua, comprométense a vivir tres semanas (21 días) usando decote a lingua galega: nas aulas, cos amigos, coa familia, na vida común, no lecer, dentro e fóra da casa. Tres semanas en galego, reflexionando sobre o que esa práctica significa, as dificultades que atopan, as contradicións, os prexuízos… Ao rematar a xornada, o rapaz ou rapaza conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.

sábado, 5 de maio de 2018

Os nomes da Estrada: Codeseda



Hai xa dúas semanas que comenzou a xeira de presentacións polo rural do libro de Clara Iglesias, Os nomes da estrada. (Edicións Fervenza 2018). Nestes vídeos vemos como se desenvolveu o acto, presentado por David Otero. No primeiro interveñen dous estudosos desta parroquia, Xesús Ameixeiras e Luís Ferro.
No seguinte vídeo temos a intervención da autora, no que ademais de dar referencias toponímicas da Estrada, recolle algunhas particularidades da comarca de Codeseda.