A Secretaría Xeral de Política Lingïuística (SXPL) anunciou que o vindeiro venres 3 de setembro a música en lingua galega chega ao Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 grazas ao apoio da Xunta. O que esconderon foi que o festival programou actividades durante 33 días entre o 14 de xullo e o 9 de setembro. Na linguaxe habitual dos comunicados da Xunta isto significa que só o 3% das actuacións serán na nosa lingua. Usando a súa terminoloxía poderíamos dicir que o 97% do festival Go! GO Zo! Xacobeo 21-22 excluíu o galego co apoio da Xunta.
Como certificación de que o desprezo á lingua galega é estrutural dentro do goberno galego, basta pasear pola páxina do festival. O primeiro que me chamou a atención foi que en distintos formatos, e na versión suspostamente galega, os meses apareceran sempre en castelán. Os vídeos encargados para difundir os eventos tamén se esqueceron do galego. Velaquí a mostra:
😱 Pero aínda no te enteraches? En Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 temos moitas actividades... e, o máis importante, DE BALDE! 🥳 📆 Aproveita o noso programa de 🎼 concertos, 🎧 sesións DJ, exhibicións e propostas infantís 🧒👧 ☀️ Despide o verán como se merece connosco!#GoGoZoFestivalpic.twitter.com/FyLsjxxIdS
Coma sempre, a aniquilación do galego e da normalización difúndese con descarada propaganda como se foso todo o contario. Son reveladoras as palabras de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística afirmando que isto
É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural e sen medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo”
Moi interesante a última afirmación, que explica por que desde esa mesma SXPL defenden a prohibición das aulas en galego en infantil e moitas das materias do ensino non universitario, especialmente as de carácter científico. Non sei se cómpre traducir o que significan;
"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"
'Risco de giz' é un documental no que Xarda viaxa pola fronteira entre Galiza e Portugal, desde o Castromil da provincia de Zamora ata a desembocadura do Miño. Parando e facendo vida nas vilas dos dous lados da raia, falamos con veciñas e expertas sobre as súas culturas, da lingua, do despoboamento, da covid ou lembrando como era a vida nos tempos das ditaduras e do contrabando.
Dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés. Pola contra, só 25 están en versión orixinal galega e cero contan con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. Pode resistir un idioma nestas condicións?
Xa noutra ocasión César Caramés denunciou irregularidades nos CELGA. Neste vídeo debulla as respostas do secretario xeral de política lingüística na comisión do Parlamento mostrando todas as mentiras que contou nesa comparecencia. Entre outra cousas denuncia que:
Houbo a directriz de non ter en conta que non se saiba usar o sistema fonolóxico galego
Houbo ameazas ao profesoreado avaliador CELGA
Houbo un cambio do procedemento avaliador, establecendo a presenza de dous profesores cando ata o momento sempre houbera só un
Houbo contratacións a dedo de persoal de secundaria e manipulouse o calendario para que non puidese acceder todo o persoal que quixera
Establecéronse grupos ad hoc de alumnos, o que fai sospeitar que aqueles que se pretendía aprobar a toda costa acabaran sendo avaliados polo persoal contratado a dedo.
Na que se auto atribúe como a maior plataforma de abaixo-asinados do mundo, iniciouse unha petición, que xa chega a perto de cincuenta mil asinaturas, para lle mudar o nome á coruñesa avenida de Buenos Aires polo de Samuel Luiz. É comprensíbel unha reacción así, que reflicte a conmoción social provocada por un salvaxe asasinato tinguido de odio. Porén, tais decisións transcendentais non se deberan fechar en quente, sen a necesaria perspectiva temporal e a debida coherencia con que cumpre abordar, na súa globalidade, os rueiros dos nosos concellos.
Aloleada fiquei cando lin que se creaba unha "Oficina del Español" en Madrid. O nome é insuperábel, pois, como mínimo, é bisémico: tanto podemos entender que se trata dun gabinete público ao xeito de embaixada-refuxio para esta nacionalidade ou, como logo verificamos, para o idioma oficial do Estado. Aclarado este aspecto, tiven ocasión de ler abondosas críticas dirixidas ao seu titular, antano debelador de "chiringuitos" e experto en transfuguismos varios. Non concordo con elas. Na realidade, Toni Cantó non practica o transfuguismo senón a arte da reubicación dentro do mesmo campo españolista, e ao servizo dos mesmos obxectivos imperiais. Hai quen se escandaliza do pagamento de 75.000 euros anuais por semellante cacicada, mais non hai problema: os 5'4 millóns de euros de sanción aos cargos públicos cataláns, divididos por ese salario anual, dan para 72 anos de remuneración. Nengún problema.
O pasado xoves 15/07/2021 presentouse na Praza da Música o libro de Xosé Mª Lema "Pola nosa lingua". O acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, foi presentado por Marcos Borrageros. Acompañaron ao autor do libro na presentación Maca Arca e Héitor Picallo, a primeira, membro de ProLingua tamén é autora do epílogo e o segundo ademais de ser o autor do prólogo é o ilustrador do texto.
Xa se indica no subtítulo do libro que se trata dunha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
Durante a súa intervención Maca Arca achegounos un termo propio do Val do Fragoso (Vigo), "niquiricas", "niguiriqueiro" e o seu verbo asociado "niquiricar". Refírese a aquel que aparenta con acenos, sons e exhibicionismo que se traballa ou fai algo con dedicación cando na realidade non se fai nada de nada. Velaí o termo máis acaído á política lingüística que practica a Xunta.
Marzo, mes das matemáticas. Sempre me pareceu un mal nome para esta enorme iniciativa pois sobarda con moito o citado mes. A rede de divulgación das matemáticas DIMa, a partir da proclamación por parte da UNESCO do 14 de marzo como Día das Matemáticas, decidiu participar cunha serie de eventos durante todo o mes. Pero parece que o asunto botou por fóra e o listado de actividades xa ocupa máis de medio ano e non se lle ve trazas de que teña finalización.
Entre outros proxectos divulgativos hai unha gorentosa colección de exposicións. Agora podemos acceder á versión en galego dalgunha delas. En concreto:
O primeiro destes recursos lévanos á descarga do material desta exposición. O segundo é un portal no que podemos acceder á exposición Matemáticas para un mundo mellor, con 10 pósteres distintos xunto con outra exposición de 12 fotografías matemáticas comentadas.
De toda esta colección de recursos sabemos grazas a Elena Vázquez Abal, profesoa do Departamento de Matemáticas na Área de Xeometría e Topoloxía da USC quen comparte todo isto coa seguinte petición:
A descarga de todo este material é libre, o único que pedimos é que no caso de realizar unha exposición pública se nos informe (por motivo de recollida de impacto) ao enderezo marzomates@ull.edu.es do lugar e período da exposición e, se é posible, que nos envíen fotos.
Se comparten información en redes da exposición, por favor, inclúan #MarzoMates DiMa - Divulgación MatemáticasF E C Y T ·
Sen dúbida ningunha son unha boa colección de recursos que permiten abordar novas miradas ás matemáticas. Tamén aparecen recollidos no web Retallos de matemáticas, no seu apartado de Material didáctico.
Hai uns meses, asistía á presentación dun proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para recoller moita da inesgotábel riqueza toponímica do país: https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio. Todo moi bonito. Un proxecto necesario, plural, participativo, sinxelo no que calquera persoa, asociación ou institución pode colaborar.
Nos próximos 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, o que practicamente silenciaría culturas enteiras. Nesta breve charla, o activista lingüístico Daniel Bögre Udell mostra cómo pobos de todo o mundo están encontrando novas maneiras de rescatar as súas linguas ancestrais e reconstruír as súas tradicións. Anímanos a todos a investigar as linguas dos nosos ancestros e afirma que "reclamar a túa lingua e aceptar a túa cultura é un xeito poderoso de ser ti mesmo".
Vídeo no que se mostra o traballo realizado polo polo Equipo de Normalización do colexio SEI San Narciso (Marín) sobre a toponimia deste concello. Tomando como base a tese doutoral de Elixio Rivas Quintas sobre a toponimia de Marín realizaron un traballo de xeolocalizaron en Galicia Nomeada
O título da coluna desta semana vai entre vírgulas porque, ainda que seja uma afirmação reiteradamente sustida pelos galeguistas, é aqui uma frase de Ramón Otero Pedrayo num dos seus ensaios: Morte e Resurrección (Ourense 1932); onde fala do galego como um povo em caminho desde a sua origem céltica, na que “callou o principio da nebulosa maternal de Galiza”. Um caminho no qual “a Galiza xoga a morrer e a viver”, e no que “o galeguismo quer decir a integridade do ser e da alma galega”; salientavelmente na língua galega. Galeguismo quer dizer reconhecimento dos valores galegos, reconhecimento de Galiza como povo de seu, com a sua identidade própria.
Ó fío de que hai uns días estivese de triste actualidade unha empresa conserveira galega por excluír a lingua do país dun concurso titulado “Relatos del mar”, anímome a sacar a luz o caso doutra non galega -á que non teño reparo en facerlle propaganda-, que, atendendo á petición dun cliente galego, non só incorporou a nosa lingua á súa páxina web, senón que acometeu unha campaña no noso idioma para a súa clientela de Galicia.
No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística, nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.
"Explícoche matemáticas 2.0" chega á súa novena edición. Trátase dun concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC no que se promove o galego como lingua de transmisión de coñecementos matemáticos fronte ao deostado decreto 79/2010 que prohíbe os materais didácticos na nosa lingua para materias de carácter científico no ensino non universitario.
Outra vez o concurso foi todo un éxito de participación pois recibiron un total de 60 propostas. O traballo que recibiu o primeiro premio consiste nun vídeo sobre Ada Lovelace, realizado por Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (Cambre)
Dous foron os vídeos premiados cun accésit. Seguramente é casualidade, pero os dous tratan as progresións xeométricas. Son ‘Explícoche matemáticas cociñando e xogando’ de Aroa Blanco Guerreiro do IES Castro da Uz (As Pontes) e ‘Pódese chegar á lúa dobrando un papel?’ de Alba Casás Fuentes IES Manuel Murguía (Arteixo)
O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos ‘As inecuacións’ de Andrea Freire Valiño do IES Pontepedriña (Santiago)e ‘Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II’ de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real do IES Mendiño (Redondela)
O traballo máis popular foi ‘Coñeces a banda de Möbius?’ de Hada Galán Lamas daEscola Waldorf Meniñeiros (Friol). A categoría B dedicada a alumnado universitario ficou deserta.
Pola miña banda eu tamén faría referencia a un vídeo do Colexio San José de Cluny (Santiago) por estar técnicamente moi ben realizado, "Os corpos de revolución"
Penso que tanto os organizadores como os premiados merecen os parabéns. O que boto en falta é un portal que recolla todas as edicións e premios outorgados, pero polo menos temos unha escolma dos vídeos de varias edicións na canle de Youtube da Facultade de Matemáticas. Á correspondente á edición 2021 pódese acceder desde aquí.
Coma sempre o aspecto negativo foi a presenza na persoa da subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística deste organismo na entrega de premios. Supoño que agardaba que a ela tamén lle darían un, o da hipocrisía. Teno ben gañado.
Este chío de Iván Méndez López foi o que me informou sobre este audiovisual no que o grupo metálico vigués Dioivo pon a música e o autor do texto, Xosé Luís Méndez Ferrín pon tamén a voz. A mestura é xenial. Ao escoitalo non podo deixar de sentir a Ramón Piñeiro remexéndose na súa tumba.
As actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, integrantes da "Panadaría Teatro" xunto co actor Daniel Celester protagonizan o terceiro capítulo da serie 'Conseguiremos', a produción da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela que abre o proxecto 'Novas voces para a lingua'.
O episodio, gravado no IES Eusebio da Guarda da Coruña, recorda a historia de amor de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron nesta mesma cidade en 1901 pola igrexa. Unha reivindicación do desexo e da diversidade, tamén a lingüística.
"Buscando solucións a pandemias lingüísticas". Con este enunciado comeza o vídeo presentado polo alumnado de 5º curso do CEIP Figueroa (A Estrada), os meus futuros alumnos. Son os gañadores do concurso de vídeo do Correlingua 20-21
En decembro do 2016 ProLingua denunciaba que a Secretaría Xeral de Política Lingüística estaba disposta a subvencionar un premio no que o galego podería estar ausente. A denuncia parecía increíble, pero desafortunadamente todo apuntaba a que era certa. Comprobámolo pouco despois. En colaboración cunha ultrasubvencionada Academia Xacobea puxeron en marcha un concurso (xacobeo, por suposto) de obras narrativas no que podían concursar obras en castelán e que, aínda que gañase unha obra na nosa lingua, a SXPL contribuiría a que se publicase traducida ao castelán. E despois aínda hai quen di que o subvencionado é o galego!
Por se todo isto non chegase, o concurso tivo unha segunda edición e ameaza con continuar así un ano tras outro, subvención tras subvención, proclamando que é unha . Aínda máis, no ano 2019 ampliaron a desfeita a un novo concurso (xacobeo) de poesía. Tamén o subvenciona a SXPL. Tirando do fío, no 2020 convocaron tamén un premio de ensaio (xacobeo) coas mesmas bases. Isto significa que se poden premiar obras en castelán e que, en caso de ser premiada unha obra en galego, tamén se publicará en castelán. Se non paramos isto para a vindeira ocasión aínda teremos outro de teatro (xacobeo), pero sempre difundido que se promociona o galego como irmán menor do castelán. A diglosia!, amigos, velaquí a razón última da política lingüística.
Como todo isto lles debe parecer pouco oprobio, aos responsables da política lingüística galega, acaban de dar un paso máis ao difundir con orgullo que, como representantes desa política lingüística participaron na presentación do libro "Un camino de cine Xacobeo. La recopilación más completa del Camino de Santiago", de Pilar Falcón. Superando todos os niveis de hipocrisía, atrevéronse non só a publicar esta nota no portal da SXPL deturpando o título do libro para disimular que estaba escrito en castelán, senón aínda a reivindicar "a importancia que ten para a difusión da cultura e a lingua galega o feito de que a industria cinematográfica incorpore o fito Xacobeo nas súas producións" cando vemos que unha e outra vez se utiliza o maldito xacobeo para excluir a lingua galega.
A idea desta imaxe douma Manuel Gago con este chío no que comparaba a distribución xeográfica de dous nomes usando as ferramentas sobre onomástica que ten o Instituto Galego de Estatística (IGE). Pensei en comparar o mesmo nome na súa versión galega vs. a súa versión castelá. Na imaxe de arriba vemos como "Alberte" só ten 110 incidencias e pola contra "Alberto" 12.227.
Pasará o mesmo con outros casos? Pode ser este un retrato do auto-odio. Na seguinte parella compárase "Xosé" vs. "José" con frecuencias de 450 e 51.767 respectivamente.
Parece confirmarse na onomástica unha actitude de negación da identidade galega. Porén se facemos outras comparacións, como a de "Uxía" con 4025 casos fronte aos 461 de "Eugenia"
O seguinte caso, dos 5.560 "Brais" fronte a só 184 "Blas"
Por último, non puiden resistir introducir o meu nome: 169 na versión galega fronte aos 225 da versión en español. Enton pensei nunha cuestión de carácter puramente matemático. Haberá algun nome que teña o mesmo número de incidencias en galego e castelán? De aí o absurdo do título.
Na única facultade de Medicina de Galicia, tan só o 1,2% da docencia é impartida en galego. Coa diglosia e a marxinación do galego dentro das aulas xorde o grupo de normalización lingüística “Medicina en galego”. Onde queda o noso dereito a estudar en galego nunha facultade pública galega? Por que non se ve como unha prioridade formar ás futuras médicas galegas na lingua que falarán a maior parte das súas pacientes?
O IES Rosalía de Castro (Santiago) e Arraianos Producións en colaboración co programa Ponte nas Ondas e a RAG e a SXPL convocou un ano máis o Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera Pérez O vello dos contos. O podcast gañador na modalidade de secundaria está protagonizado polo alumnado de 2º da ESO do IES Fontexería, baixo a coordinación da profesora de galego Olalla Liñares García, e contou tamén coa participación das docentes María Cernadas e María Viturro.
"Vibrando con Xela Arias" é obra do CEIP Mestre Manuel García (Oia). Foi gravado por boa parte dos alumnos e alumnas de 5º curso grazas ao traballo da súa titora, Sofía González Cordero, e o profesor de música, Elías Domínguez Pereira.
O centro de educación especial Saladino Cortizo fíxose cun premio especial pola peza radiofónica titulada “Xela”, realizada polo alumnado de tránsito á vida adulta, de entre 16 e 21 anos, e gravada pola súa titora, Rebeca Medina.
Quen siga algo este blogue terá visto algunha vez o telexornal do CPI Os Dices (Rois) que desde hai uns anos lle adican ás letras galegas. Aquí achegamos unha revisión desta idea feita polo alumnado de 1º da ESO do IES Xelmírez I (Santiago), pero chéganos multiplicada por tres.
Quen está detrás deste enorme proxecto é Alexandra Fisteus. Cando foi compañeira miña no IES Antón Losada (A Estrada), xa osmaba que algunha vez había de soltar ao vento algunha perla coma esta. As súas motivacións son serias e tristes. Comparto parte das mesmas do seu perfil de facebook:
Dos 58 alumnos que tiven este curso en 1º, tan só dous ou tres falan galego fóra das miñas aulas. Así que reforzar a súa competencia oral era un reto e unha prioridade.
Do primeiro vídeo (arriba) destacaría a conversa con Mercedes Queixas.
Deste segundo vídeo recomendo especialmente a reportaxe da biblioteca do IES Xelmírez. Creo recordar que alí vin unha primeira edición dun libro de Leonhard Euler.
Deste último non podedes perder a entrevista que lle fan a Marga do Val sobre Xela Arias.
A campaña, segundo informa a DPGaliza, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Porén no portal desta secretaría non hai ningunha mención á mesma.
"Pola nosa lingua" (2021, autoedición) podía ser o título dun manifesto ou ben o lema dun escudo que levar sempre con orgullo no peito. Mais neste caso o "Lema" era outro, Xosé María Lema. El é o autor dun libro deste título que se presentou o pasado venres 11/06/2021 na Biblioteca do Grilo, en Cacheiras (Teo). Alí estivo acompañado de Francisco Fernández Rei e Héitor Picallo.
Trátase dunha recompilación de artigos aparecidos en diferentes medios durante a última década, todos arredor do tema da lingua e a súa relación coa sociedade. Por detrás enxérgase a pantasma do decreto de exclusión do galego, protagonista de moitos deles. Lembro con especial emoción o titulado "Unha gran pira (de libros galegos) no Obradoiro", do que recollo estas palabras que fan referencia á eliminación e posterior prohibición dos libros de texto das materias científicas en galego
Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao
O autor non aforra en calificativos aos supremacistas que nos gobernaron nesta funesta década para a normalización. De Jesús Vazquez Abad, o conselleiro que promulgou o decreto de exclusión, di que é un podador de bonsais. A Santiago Amor, do que fora alcalde de Ames, repróchalle a súa hipocrisía recollendo o premio Lois Peña Novo para aniquilar o SNL catro meses despois. Sobre todos os demais está Feijóo, ao que acusa de practicar coa lingua políticas franquistas, fronte a el o ex-ministro de Franco, Manuel Fraga pode gabarse de ser todo un demócrata.
As teimas de Lema abrollan unha e outra vez en varios dos artigos nos que aparecen a figura do Balbino de "Memorias dun neno labrego" ou a activista Rosa Parks. Tamén destacaría outros aparecidos no portal de ProLingua como os adicados ao cornuallés ou á situación lingüística belga (I e II). En definitiva, estamos diante dun bo fateixo de reflexións sobre a lingua que non pode faltar na biblioteca de calquera cun mínimo de sensibilidade co galego.
Todo un acerto foi contar coa colaboración de Héitor Picallo para ilustrar a edición, desde a acertadísima portada ás múltiples caricaturas, achéganos unha chuvia de cores e, tal e como comentou o propio ilustrador, achega unha carga de modernidade que o fai máis atractivo para un público ben precisado deste tipo de lecturas, os rapaces novos.
Monanga, esta youtubeira de Guinea Ecuatorial, reflexiona sobre a perda da súa lingua, o Ndowé. Conta como os castigaban por falar a súa lingua e como non se usa na escola. A súa nai fálalle en Ndowé pero ela responde en español. Neste vídeo explica os seus sentimentos. Algo que ver co estado da nosa lingua?
Opinar é tratar de acoutar unha illa de certezas nun mar de dúbidas. Hoxe opinarei para interpretar alguén que non coñezo persoalmente; velaquí a primeira das incertezas. Sei, por outra banda, que unha cousa é o que unha persoa pensa, outra o que esa persoa di nunha entrevista, outra o que recolle un medio escrito e outra o que ese medio escrito escolle para titular unha nova. Até aquí as inseguridades, que todo o relativizan. Imos logo coas que entendo como certezas.
Opinar é tratar de acoutar unha illa de certezas nun mar de dúbidas. Hoxe opinarei para interpretar alguén que non coñezo persoalmente; velaquí a primeira das incertezas. Sei, por outra banda, que unha cousa é o que unha persoa pensa, outra o que esa persoa di nunha entrevista, outra o que recolle un medio escrito e outra o que ese medio escrito escolle para titular unha nova. Até aquí as inseguridades, que todo o relativizan. Imos logo coas que entendo como certezas.
A recuperación da memoria histórica da xeración dos avós e bisavós que foron escolarizados durante o fanquismo é a protagonista deste documental realizado polo alumnado de 2º e 3º da ESO do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). O propio alumnado entrevistou e gravou cos seus teléfonos móbiles a máis de 25 persoas que narran as súas vivencias na escola franquista, tamén as relacionadas coa represión lingüística.
O documental inclúe a colaboración póstuma de Xosé Neira Vilas, que tamén reflexiona sobre esta etapa histórica.
Cando o Partido Popular (PP) impulsor do decreto lingüístico que na escola impide dar aulas de matemáticas en galego ou nas oposicións elimina o requisito do seu coñecemento celebra “a lingua que nos une” e promete medidas de fomento do seu uso, lembro unha entrevista na radio a un veterano humorista e debuxante de cómic andaluz, o grande Andrés Vázquez de Sola, na que lle escoitei a xenialidade de que “os curas malos había que aforcalos coas tripas dos curas bos”.
DIGÁMOLO alto é claro: en Galiza existe o negacionismo idiomático. Sempre existiu, pero non comeza a ter expresión política até que Núñez Feixóo consegue a presidencia do PPdeG, asume os postulados da FAES e pasa a usalo para desgastar electoralmente ao nacionalismo.
César Caramés, avaliador dos CELGA 4 explica neste vídeo como se lles indicou que non deberían ter en conta o dominio fonolóxico galego para estas probas. En concreto, debíase "pasar" a aqueles que se expresasen co sistema fonolóxico do español. Conta como os ameazaron no caso de que non lles fixeran caso e ante a petición dunha orde escrita que cambiara os criterios de avaliación, negáronse a darlla.
Ademais conta que se creou unha estraña comisión con contratos sen criterios obxectivos co fin de aprobar a xente no CELGA 4 que non acade os estándares establecidos.
Na semana das Letras Galegas, a todas nos preocupa especialmente a saúde do galego, que non anda moi aló ultimamente. Imos probar hoxe a darlle a volta á pregunta e interrogarnos, non sobre que podemos facer nós pola saúde da lingua, senón que fai a lingua pola nosa saúde.
Temos que adaptarnos aos tempos da era dixital. Enténdoo. Pero, para iso, deben ofrecernos as ferramentas axeitadas. Hai máis dun mes que tiven que presentar unha factura dixital. A administración permite facelo, de xeito gratuíto, mediante a ferramenta FACe. Alá fun. Xa lles comunico que os dous teléfonos que había para poñerse en contacto co soporte técnico deixaron de funcionar no 2019. Ben me terían axudado se alguén me puidese resolver as dúbidas... Pero é practicamente imposible.
As meniñas e meniños galegofalantes que non foron criados en Galicia tamén festexan o día das letras galegas. O galego é a lingua que se desfruta non só no territorio que limita as 4 provincias, tamén fóra destes límites. A comunidade galega no exterior leva a terra, a patria, e a fala nas maletas cando emigra. As raíces da árbore da lingua esténdense máis alá da copa que se divisa dende arriba, pero esta perspectiva normalmente non se alcanza a ver dende Galicia.
Polo meu oficio, colecciono textos varios sobre a lingua galega. O abano é heteroxéneo, pois é un tema-imán que suscita moitas opinións e, mesmo, altisonantes ditames. Tamén prognósticos que, polo xeral, predican máis do emisor que do obxecto comentado. Concordo co xuízo expresado por Xosé Luís Barreiro cando valora que cómpre falar do tema con liberdade. A ela apelo para me declarar fascinada pola tese que sostén que o declive da lingua galega se debe a quen a usa. Claro que esta atribución non se expresa así. Dise que o problema reside en ela ser distintiva do nacionalismo e, por aquí, contaminada por parcial ou grupal, adherida a unha militancia e, xa que logo, limitada a súa expansión.
por Xosé Henrique Costas González, nas Voces de ProLingua:
O sábado 8 de maio lemos en Sermos Galiza unha entrevista co presidente da RAG, Vítor Freixanes. Nela valoraba os resultados dun traballo do Seminario de Sociolingüística da RAG segundo o cal un 35% dos rapaces e rapazas de 4º da ESO en Galicia carecen de competencia en lingua galega, de xeito que se conculcaba así gravemente o art. 14 da LNL/1983 que indica que ao final do ensino obrigatorio tería que estar garantida a igualdade de competencia entre os dous idiomas oficiais.
Ramón Villares vén de afirmar en Faro de Vigo que “os rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten”. Non é unha frase collida ao voo polo xornalista para compoñer un titular rechamante, senón que vai na liña doutras que aparecen na mesma entrevista e na liña tamén doutras opinións anteriores. É unha afirmación polémica.
O pasado venres moita xente non puido entrar no local do MOME da Estrada para seguir en directo a velada "Ámame coa lingua: fálama" orgainzada pola A.C.Vagalumes. Algún seguiron o seu desenvolvemento por streamin. Agora podemos velo todo neste vídeo.
“Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero. Nesta intervención fai un seguimento exhaustivo da vida e a obra de Xela Arias; 7:55
O Colectivo RECUNCHO DA LINGUA formado por Natalia, Kenia e Pilar Bernardez, que recitarán o poema colectivo CRISTAL Grupo de alumnas e profesoras do IES UN que recitarán: Sara Espiño Baamonde o poema “NON ME GUSTABAN DE NENA OS PELUCHES”, Helena Castaño Pazos “INTEMPESTIVA”, Beatriz Quintela “TES A CARA INCHADA DE PREGUNTAS” e Andrea Pérez Gañete “SÓ PODE SER” : 45:50
2ª parte do recital poético sobre a obra de Xela Arias: Tino Regueira recitará o poema de Xoán Xosé Abella “TRÍPTICO PARA XELA ARIAS”, Sabela Carracedo lerá o texto “NON TE AMOLA” e Xosé Luna recitará o poema “ A POESÍA ESTÁ NA RÚA (25 de abril)”.
As eleccións autonómicas na Galiza do pasado mes de xullo, abriron un exaltado ambiente para recobrar e conectar cos grandes problemas que tantas veces ficaron cubertos coa nebulosa da indiferencia, ou disimulados polo anticuado sentimento de aceptar os problemas tal como veñen e os vivimos. Deste sentimento morno, de outras épocas, renaceu un innovado pensamento para afrontar os problemas comúns que interesan resolver con un proxecto firme e pragmático, concretándose nas ofertas nacionalistas que o electorado foi capaz de asumir as propostas e as accións dinamizadoras. A evolución do voto nacionalista desas eleccións, marca unha innovadora aritmética no que respecta ao valor cualitativo e cuantitativo. De seis deputados que tiña o nacionalismo pasou a dezanove, naquel histórico día do 12 de xullo de 2020, clarificando o interese de conexión cos problemas nos que está sumido o pobo galego. O crecemento numérico de representación de escanos, mostra que a conciencia nacional na Galiza pasa por un activo crecemento interesante e determinativo no que respecta aos diversos e grandes temas, silenciados e suspendidos, polos que negan progreso e solidariedade en seus actos de desgoberno. Neste contexto, tan complexo e contraditorio, no que respecta a políticas sociais, económicas, culturais e, sobre todo, lingüísticas, polos que pasa o actual e retrógrado escenario político empregado na Galiza dunha maneira omnímoda e asimilista.
Este é o vídeo que montou de divulgou o BNG da Coruña e que leva unha chea de visualizacións nas redes sociais. A min recordoume o anuncio da pizza de Casa Tarradellas, a vos non?
O BNG presentouno coa seguinte mensaxe:
Nas vésperas do Día das Letras Galegas 2021, lanzamos un vídeo coa historia dunha rapaza que se decide a falar galego na nosa cidade. Si, é certo q a lingua perde falantes, mais tamén o é que cada día se incorporan ao seu uso moitas persoas, tamén o é que hai futuro e esperanza! Todos os días hai boas noticias para a normalización da nosa lingua, como a de esta rapaza a tomar a decisión de falar galego na nosa cidade. O asunto clave é que estes impulsos desde abaixo se vexan acompañados pola complicidade das institucións públicas. Infelizmente iso non se está a dar no noso país en relación ao goberno galego, en mans dun gabinete, o de Núñez Feixóo, que é o autor da primeira lexislación na historia da comunidade autónoma que reduciu a presenza da nosa lingua nas aulas. Canto á cidade, se ben timidamente, si que se deron algúns pasos adiante, como a recente aprobación da Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG da Coruña, un necesario impulso á normalización do noso idioma cuxo cumprimento loxicamente vixiaremos. En todo caso, claro que queremos galego e querémolo como presente e como futuro; querémolo porque nos fai ser o que somos; querémolo, como di a rapaza no vídeo, “porque si, porque me gosta, porque me peta, porque me sae de dentro, de aquí do fondo... porque teño esperanza!
Parte dos argumentos que usa a moza para dar o paso de comeza a falar galego están tirados do texto 18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña que Antonio M. Fraga escribiu para seu blog O Lugar do Sapo. Obrigad@s por nos permitires o seu uso! Aquí o texto completo.
Recollen 10 recomendacións que, en certa medida podemos trasladalas ao galego:
1. Ao abrir unha páxina, busca se ofrece a versión en galego
2.Cando vendas un produto, escribe a descrición en galego
3. Cando difundas a túa conta profesional, utiliza tamén o galego
4. Cando busques información na Wikipedia, faino en galego (a Galipedia)
5. Cando teñas ganas de entreterte, procura influencers en galego.
6. Cando fagas unha búsqueda en Google, faino en galego
7. Cando contrates un servizo ou compres un produto, faino en galego
8. Cando configures unha web, non relaciones un estado cunha única lingua.
9. Se non encontras o contido que queiras ver na túa lingua, créao.
10. Se eres unha empresa, aposta pola mercadotecnia dixital en galego.
Antes indiquei que estas recomendacións podemos adaptalas só en certa medida. A razón é que a Xunta non nos acompaña nesta viaxe. Por exemplo, a Generalitat puxo en funcionamento unha campaña xunto con diversas accións de axuda para que os negocios se inscriban nun dominio .cat. Aquí, o .gal fai o seu camiño en solitario.
Alá teñen un buscador de aps en catalán fornecido pola administración. Aquí, a administración fica ausente de calquera iniciativa normalizadora.
Alá teñen unha liña de axudas para a incorporación do catalán nos produtos tecnolóxicos. Aquí, coa desculpa de os medios de comunicación teñen un 10% de información galego (desculpa completamente falsa, por certo) subvencionamos con millóns de mantemento da exclusión do galego.
En conclusión, fai máis polo galego a Generalitat, que nos mostra iniciativas para a normalización, que o goberno galego, que fai todo canto pode para aniquilalo
[NOTA de Baía edicións: Queremos facer pública unha aclaración sobre estes versos que se están a compartir nas diferentes redes sociais como autoría de #XelaArias, cando realmente son de
@emma_pedreira e están incluínos no libro XELARIAS. PALABRA Á INTEMPERIE, de #EmmaPedreira e #LauraRomero]
Na Estrada, o vindeiro venres 14 ás 20:00, na Praza da Música, a Asociación Cultural Vagalumes invítanos a que nos sumemos a un acto de celebración do Día das Letras Galegas mediante este comunicado:
A nosa lingua encóntrase nunha situación de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística. Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza, entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua.
Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país.
No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes intervencións: “Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero; “Dereito a vivirmos en galego” do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira; actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias, no que convidamos a participar a todas as persoas que o desexen.
O acto será retransmitido en directo en streaming a través da páxina Tabeirós Terra de Montes así como nas canles de youtube e facebook desta asociación.. Agardamos que sexa proveitoso para reflexionarmos sobre a situación actual do galego e para non esquecermos que cada un de nós pode colaborar na construción dun futuro digno para a nosa cultura e a nosa lingua. Así o escribiu Xela Arias: “Ámame coa lingaua. Fálama”
Desde hai moitos anos reclámase da Consellaría de Educación a realización dunha avaliación obxectiva da situación da lingua. Mais as únicas avaliacións que existen son as que realizaron entidades como a CIG e a AS-PG ou a Mesa que foron dando conta do incumprimento dos sucesivos Decretos do uso da lingua galega no ensino. Só na lexislatura en que non gobernou o PP se solicitou desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística ao Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago unha investigacións sobre a competencia do alumnado en galego e español en 4º da ESO.
Nestes días publicouse un novo estudo que vén continuar e mellorar aquela investigación. Os datos reclaman a nosa atención.
A Consellaría debería ler o informe, polo menos o que se recolle na coda: “resulta imprescindible promover novas investigacións que permitan afondar en dimensións específicas”, porque o que é innegábel, a pesar das respostas automáticas da Consellaría, é que estamos nun “proceso progresivo de desgaleguización familiar e ambiental da infancia e da mocidade”.
Este estudo pon de manifesto que non se están a cumprir a Lei de Normalización Lingüística respecto do coñecemento e competencia que ten que ter o alumnado ao rematar o ensino obrigatorio. Aínda máis, compróbase que cando os centros non son públicos esa diferenza na competencia da nosa lingua é maior. Por que será?
Que van facer? Farán de novo como estes días cando o BNG lles reclamou o cumprimento da Carta europea das linguas? Volverán tirar do seu repertorio de respostas: “temos un modelo propio que dá resultado” (u-los datos que avalan esta resposta?), “o número de galegofalantes aumenta” (onde os demais lemos que descende, vostedes len que aumenta) ou “Galicia é modelo de convivencia lingüística” (supoñemos que cando din convivencia estanse a referir a que se prohibe o uso do galego nas ciencias, ou que a penas está presente na xustiza...)?
Nós, seguiremos a reclamar un cambio de política lingüística. De vez.
Martxelo, Vicent, ollade o triste panorama que sufrimos co idioma propio da Galiza. Segundo os datos recollidos nun informe presentado pola Real Academia Galega (RAG) esta semana, o alumnado galegofalante ten un dominio similar do galego e do español. Porén o 35% dos estudantes castelanfalantes presentan unha escasa competencia en galego. O relatorio sinala que case o 44% dos perto de 600 estudantes da ESO participantes na enquisa teñen o galego e o español como lingua inicial; o 36,1% o español e o 18,1% o galego. O 70% responde que fala única ou preferentemente español. Aí quedan uns números que confirman investigacións anteriores, como a do Instituto Galego de Estatística, dependente do Goberno galego, que advirte de que 24% das persoas menores de 15 anos non falan nin escriben na lingua propia da Galiza.
Editorial de Nós Diario a cargo de María Obelleiro:
A Real Academia Galega presentou onte os resultados do proxecto de avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Un estudo que volve demostrar o obvio: as mozas e mozos galegofalantes son bilingües, ao teren competencia en ambas as linguas, mais as castelanfalantes non o son, pois carecen dunha competencia aceptábel no idioma propio da Galiza. Da análise tamén chama a atención o feito de que o alumnado que estuda en centros de titularidade privada teñan un dominio bastante máis deficiente en galego que en castelán.
A catástrofe da pandemia da COVID 19 obrigou a que a programación de conferencias presenciais, reservadas para o público da localidade, multiplicase un tipo de charlas paradoxalmente máis próximas, máis cara a cara e máis preparadas para poder ver en vídeo. Presento aquí a conferencia que M. Victoria Otero Espinar impartiu telemáticamente para o Ateneo de Santiago baixo o título "Matemáticas, linguas e outros asuntos"
Na conferencia explícanse varios modelos matemáticos que desenvolven a dinámica entre dúas linguas en conflito. Botei en falta unha perspectiva normalizadora. Fálase da morte de tal forma que parece natural e non se incide en que o declive dunha lingua vén dado pola implantación dunha política lingüística co obxectivo do asasinato lingüístico.
As matemáticas poden sintetizar a evolución lingüística nun territorio? O problema consiste en cuantificar a dinámica lingüística
Pártese das seguintes hipóteses: o uso da lingua aumenta cando aumenta o número de falantes e tamén cando aumenta o seu prestixio.
Establécese o cambio lingüístico dunha lingua X a outra lingua Y en función das hipóteses anteriores. A partir de aquí establécese unha ecuación diferencial
onde tanto s coma o resto dos parámetros, toma valores no intervalo [0,1] e mide o estatus da lingua X fronte a 1-s que nos daría o estatus da outra lingua. O parámetro a pondera a fracción de membros dun grupo para atraer novos falantes. Demostrouse que este parámetro a é prácticamente igual independentemente das linguas que estean en competición.O primeiro sumando representa os falantes de Y que cambian a X e o segundo o dos falantes de X que pasan a falar en Y.
Este modelo, publicado por Daniel M. Abrahams e Steven H. Strogatz en Nature no 2003 predice a morte dunha das linguas. O problema deste modelo é que considera linguas moi diferentes como o éuscaro e castelán e considera unha dinámica entre grupos estrictamente monolingües. Por iso introduciuse outro parámetro, k, que cuantifica a proximidade entre dúas linguas e tamén se introduce un grupo B de bilingües.
Este novo modelo, de Otero Espinar, Seoane, Nieto e Mira, axustouse para Galicia atendendo á evolución do galego e o castelán entre os anos 1875 a 1975. O seguinte paso consistiría en empregar este modelo para predecir a evolución da dinámica lingüística no futuro e establecer simulacións segundo cambien as condicións iniciais.
Partindo dunha alta similaridade entre galego e castelán: k=0.8 (o 1 sería a coincidencia), e dunha medida para o estatus do galego s=0.26 (versus un prestixio do castelán de 1-s=0.74) situariamonos onde está marcado o punto vermello. Como vemos está na zona verde, isto indica que as dúas linguas coexistirían pero cun claro declive do uso do galego. Como referencia, ao final do vídeo coméntase que os valores do éuscaro eran k=0,22 e s=0,4.
Este modelo de Otero Espinar et al é máis elaborado que o de Abrahams-Strogatz, pero desde o meu punto de vista ten aspectos cuestionables. Introdúcese mediante o parámetro k o concepto de "similaridade lingüística" pero isto pode ocultar un fenómeno cada vez máis presente en casos como o galego e o catalán. Resulta que a lingua minorizada, por ser semellante á dominante e tamén por esa minorización, vai recollendo como propias as estruturas da lingua A. Así temos un galego cada vez máis inzado de castelanismos, pero tamén, e isto é moito máis perigoso para a supervivencia da nosa lingua, a sintaxe galega está perdendo forza e converxendo cada vez máis cara a española. Neste sentido a similaridade entre linguas ten un efecto de dilución da lingua B que non vexo tratado neste modelo e que aceleraría a súa decadencia nun aspecto aínda máis preocupante que a da simple perda de falantes. Como se ve, hai campo para seguir elaborando modelos. O que teño claro é que en todos eles, unha perspectiva social normalizadora de defensa sen ataduras da lingua minorizada dará prediccións con perspectivas de crecemento e afianzamento da lingua ameazada nas condicións iniciais.
Pero, pódese medir a similitude entre linguas? Como se fai? Neste artigo do GCiencia divúlgase o traballo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e, entre outras cousas coméntase un estudo de Xulio Sousa no que se mide mediante un índice a proximidade da fala de cada lugar co estándar. Entre outras cousas desmóntase o mito da enorme diferenza entre o galego falado e o normativo. Este tipo de estudos dialectolóxicos inclúen mapas tan fermososos como o seguinte, elaborado con diagramas de Voronoi ,como o deste chío do ILG sobre a denominación do derradeiro día do ano
Día tras día, chegamos hoxe ao 31 de decembro, o último día do ano. Despedímonos do 2018 e desexámosvos o mellor para o 2019! pic.twitter.com/xUo4o0Zg1t
Na última parte da conferencia Victoria Otero toca fala do uso do big-data, supuxo un cambio moi importante na análise da evolución das linguas. Están a crearse mundos virtuais no que o sofware pode crear linguas novas. Conta o caso duns investigadores de facebook que deixaron a dúas máquinas manter unha conversa entre elas. O resultado foi que crearon unha nova lingua, máis eficiente que o inglés.
Finalmente tamén se fala do problema da escaseza de licenciados en matemáticas que teñan como perspectiva profesional o ensino.
Marta está facendo un máster de conservación de produtos pesqueiros. Ten unha dúbida e faille unha consulta á profesora. O que pasou despois non é sorpresa ningunha. Como fixo a pregunta en galego, comezaron os problemas. Subiu o caso ao Twitter e entón chegáronlle unha chea de insultos.
Programa emitido no mes de maio do 1987 no que debatían sobre a situación naquela altura da lingua galega Xavier Alcalá (enxeñeiro de telecomunicacións), Xesús Ferro Ruibal (estudoso en temas sociolingüísticos), Pilar Garcia Negro (profesora e ensaísta), Juan Carlos Goñi (director de Radio Noroeste), Luís Moure Mariño (notario e escritor) e Manuel Taboada (director xeral de Política Lingüística) con Luís Álvarez Pousa como moderador.
Queremos galego vén de convocar unha mobilización popular para o 17 de maio na Praza do Obradoiro co lema Queremos vivir en galego. Expresa así a vontade dun significativo sector da sociedade galega que, malia todos os limites, coaccións e exclusións que o uso da nosa lingua soporta, é dicir, os seus falantes, con conciencia da situación opresiva ou sen ela, non está disposto a renderse, a renunciar aos seus dereitos individuais e colectivos, como pobo. Un deles, vital, é gozar a nosa lingua dun status de normalidade no propio país, deixarmos de vivir como estranxeiros na nosa patria. En efecto, pretendemos vivir en galego, sen os poderes institucionais ou económicos, ignoraren e esmagaren, como fachendosos poderes coloniais, os nosos dereitos lingüísticos, insensíbeis, de costas nada menos que á lingua que nos define e identifica como galegos e galegas. Símbolo da nosa realidade enteira como pobo, é síntoma tamén da consideración que nos temos a nós propios e a que lle merecemos aos demais.