Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de maio de 2012

O músculo máis forte do corpo humano é a lingua

Unha bonita e orixinal declaración, por Francisco Castro, no Sermos Galiza:


Hai unhas semanas chegoume un curioso libro no que atopei ese dato, arrebatador, co que titulo este artigo. Que dos moitos músculos que hai no corpo humano, o máis forte é a lingua. O dato é sorprendente pois un tende a pensar nos bíceps, ou algo así, se pensamos no máis poderoso músculo da nosa anatomía. E se dicimos músculo pois iso, pensamos en chicha da dura, desa que medra a base de esforzo e traballo ximnástico ou mesmo anabolizantes, chegado o caso. Sen embargo é a lingua quen detenta o título máximo da afouteza corporal. A lingua, a saber, esa parte de nós coa que falamos, coa que saboreamos, coa que beixamos, coa que facemos bulra, coa que amamos, coa que damos pracer... a lingua dura puntiaguda frecha estilete branda mol húmida seca longa curta penetrante tímida ou como sexa que sexa a lingual forma e uso...

A lingua...
Saber iso pareceume todo un alento, e dos mellores e máis positivos para a nosa causa. Porque se hai un asunto que nos ocupa, preocupa e agobia, é o da lingua, como preservala, como saír da longa noite de pedra que, dende o século XV, nos botaron por enriba e que, agora coa escusa da crise, golpea sen piedade deixándoa morrer sen apoios de case que ningunha clase. A lingua. Esa que os encargados polo Estatuto teñen obriga de coidar e que non coidan coa enerxía que deberan.
Levamos séculos falando de que o galego morre. Que se acaba. Que a perda de falantes é tan estrepitosa que calquera día desaparecerá a nosa fala e, con ela, a historia completa deste país que, por suposto, deixará de ser país para ser nada. Xusto o que moitos galegos e galegas, por incrible que pareza e duro que sexa escribilo, desexan: o suicidio, a extinción, a amputación total ata a desaparición absoluta.
Sen embargo, non van poder. Porque a lingua é o músculo máis forte que hai. E somos moitos os que a lingua a levamos non na boca, que tamén, senón no corazón, no adn vital, na alma, no sentido. Algúns querémola tanto, pero tanto tantísimo, que teimamos en transmitirlla aos fillos e fillas, como quen outorga un agasallo de amor, vida e fe no futuro.
Que traballen contra a lingua.
Ela vai gañar a batalla.
Por fortaleza e, sobre todo, porque nós somos o bando dos bos (e xenerosos).

2 comentarios:

  1. Grazas por difundir. Pero é de Francisco Castro, non Carballo, como dis na introdución :)
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo aviso. Xa o correxín.

    ResponderEliminar