Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de abril de 2018

A aldraxe de *Riveira apoiada pola Xunta




Cartel anunciador da V Feira da Educación de Ribeira



Hoxe remata a "B Feira da Educación de Riveira".
Non é que me equivocara ao escribilo, non. Está escrito mal a mantenta, por seguir a mesma lóxica que proclama o alcalde de Ribeira. Se el pode escribir un b coma un v, eu ben podo escribir un v coma un b e falar para denominar a V Feira da Educación de Ribeira.
Hai unha lei, a de normalización lingüística, que deixou ben claro que os topónimos teñen unha forma oficial e hai un desenvolvemento deste aspecto regulado por varios decretos. Un deles o 189/2003, establece recolle a toponimia maior da provincia da Coruña. O establecemento destes topónimos contou co traballo dunha comisión de especialistas. Aínda máis, como o empecinamento dos alcaldes de Ribeira en renegar da súa verdadeira denominación foi tan esaxerada, publicouse un estudo específico sobre o caso que podemos consultar aquí.

O alcalde de Ribeira recibe
aos visitantes con este insulto
Só pode haber dúas razóns para continuar insistindo na forma deturpada. Unha é a ignorancia. Eu non creo que este sexa o caso de Manuel Ruiz Ribas, o alcalde do concello. A outra razón é o do radicalismo do desprezo á lingua galega.
Respectar unha lingua, significa, entre outras cousas, fornecela de institucións, coidar os sabios que a estudan, e seguir as súas recomendacións. Respectar unha lingua é considerala como acervo común, intentar usala e escribila coa maior corrección da que sexamos capaces. Montar á entrada da cidade un letreiro co nome do concello deturpado é unha aldraxe á lingua, unha ofensa a todos os galegos. Pois isto foi o que fixo o alcalde Ruiz Ribas.

Apoio insitucional
Manuel Ruiz Ribas non é un calquera no PP. Lembremos que foi o portavoz do seu grupo parlamentario antes de chegar á alcaldía de Ribeira.
A celebración da V Feira da Educación contou co apoio da Consllería de Educación e a SXPL. Os seus máximos representantes acudiron a reforzalo coa súa presenza nesta edición: Román Rodríguez e Valentín García. Non podemos ver nisto outro cousa que un apoio á cruzada do alcalde contra o topónimo oficial, máis aínda, cando no cartel de anuncio da Feira, se insiste na grafía deturpada. As dúas entidaden achegaron axudas económicas para celebración da Feira, velaí que unha vez máis os cartos destinados ao prestixio da lingua galega se volvan a utilizar en arrastrala polo chan.

Manuel Bragado

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:


Hoxe as velas traen un pouco menos de vento. A retirada, «renuncia voluntaria», cese ou como queiramos dicilo, de Manuel Bragado ata hai dous días director e primeiro responsable de Edicións Xerais de Galicia abre un oco certamente importante na cultura do libro galego e na cultura galega en xeral, tan necesitada de azos, pulos estratéxicos, entusiasmos e firmezas. Durante 28 anos o editor vigués foi construíndo e, ao mesmo tempo, reforzando un proxecto que velaí está: no catalogo de títulos, na nómina variada de autores, nas ofertas de risco, na forza dos lectores e, moi especialmente, na proposta educativa, que foi a orixe do nacemento da editorial con Xulián Maure en 1979 (cun libro para o ensino das matemáticas) e que el continuou durante case tres décadas. De todos os que pasamos pola dirección de Xerais (penso agora tamén en Luis Mariño), Bragado foi o que máis tempo botou na ponte do navío. Ímolo botar de falta.

mércores, 18 de abril de 2018

Amando o común: a toponimia



Nas XXV Semana Galega de Filosfía orgnizada pola Aula Castelao participou Xosé Lois Vilar cunha conferencia sobre a toponimia na que reflexionou sobre a importancia e urxencia da recollida dos topónimos que están a piques de perderse pola falta de transmisión xeneracional debida aos cambios de vida dos últimos decenios.
Nesta conferencia escoitaremos ducias de topónimos, da súa recollida, dos seus significados, da súa relación coa historia e co patrimonio cultural do país.

luns, 16 de abril de 2018

O deporte galego fala galego



O 12 e o 13 de abril celebráronse os XX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega. Unha das actividades máis exitosa dos mesmos foi a divulgación de varios vídeos nos que deportistas do país defenden con orgullo a lingua galega.

sábado, 14 de abril de 2018

Como poñer o contestador telefónico en galego


Moi boa iniciativa da Mesa que nos insta a poñer o contestador telefónico en galego. Cun vídeo de pouco máis dun minuto explica como facelo en cada unha das operadoras telefónicas.
Lémbrannos que aínda que a comunidade de galegofalantes vai medrando, tamén medran os nosos obxectivos.

venres, 13 de abril de 2018

Ciencia en galego no punto de mira do Taboada Chivite



Velaquí un dos 8 vídeos da lista que elaborou o alumnado de 2º de bacharelato C do IES Xesús Taboada Chivite (Verín). Tal e como nos contan desde o ENDL dese centro, este gorentoso traballo  tivo o seu inicio na lectura do libro A ciencia no punto de mira (Auga editora 2011), da autoría de Jorge Mira. 
A lista de reprodución titulárona Facendo ciencia en galego!, así, con admiración. E hai que facelo así porque desde o decretazo contra o galego a Xunta prohibiu traballar nas aulas de materias científicas en galego. Temos aquí, xa que logo, unha labazada en todos os fuciños da zunia gobernante. Isto encende aínda máis a nosa admiración polo traballo feito por estes mozos verineses (e o seu profesorado). Parabéns.
De entre os 8 vídeos escollín este de arriba porque trata dun tema que, a priori, parece pouco científico: a comunicación cos extraterrestres. Porén esta alumna de Verín explícanos marabillosamente como enfocar esta cuestión alonxándose de interpretacións pseudocientíficas. No segundo vídeo que recollo aquí relátasenos a peripecia científica do estudo da cancelación dos efectos do café e o alcol. O discurso é excelente e entretido, ademais, como no primeiro dos vídeos,  regálannos as tomas falsas. Que máis se pode pedir?


xoves, 12 de abril de 2018

O galego enxebre

por L. C. Carballal, no Praza Pública:


A castelanización do noso idioma, hogano galopante, trouxo consigo a lóxica perda de boa parte dos nosos trazos máis senlleiros, tanto léxicos coma gramaticais e, en menor medida, fonolóxicos –dado que a maioría dos castalanfalantes galegos presentan unha inconfundíbel dicción de orixe galega–. Poderíase afirmar que “todo o que non coincida ou se asemelle ao castelán está condenado a desaparecer”. De feito, é nos escritos onde máis e mellor galego se pode ver, algo, por outra banda, perfeitamente normal que ocorre en calquera outra lingua, mesmo naquelas plenamente normalizadas, mais que no noso caso é moitísimo máis rechamante pola nosa especial situación sociolingüística. Cando alguén, afeito á leitura en galego, ten como interlocutor unha persoa galegofalante pro non versada na nosa cultura, é case obrigado baixar o nivel de enxebreza do seu idiolecto pra manter unha conversa non interferida polas continuas explicacións sobre a súa linguaxe, que sería percibido normalmente como aportuguesado ou simplemente portugués.

Linguas para galegos

por Xavier Alcalá, en La Voz de Galicia:

Bruxelas é unha Babel moderna. En poucos lugares do mundo haberá tal concentración de falas por metro cadrado, e tanto interese por falar varias. De aí que no metro se vexan anuncios de aprendizaxe; e que pola utilidade se suxiran distintas linguas do globo. Hai dez anos primaban os cursos de mandarín; ultimamente, de turco. España anda revolta, e no enguedello político xorden as linguas. A utilidade é un dos argumentos en rexoubas e Cámaras parlamentarias. Así chegamos a se o galego é útil ou non; e daquela podemos volver a Bruxelas, onde os stagiaires galegos con vontade de chegaren a funcionarios da Comisión Europea escollen cursos de portugués. Entran nel coa máis alta cualificación, e grande envexa dos colegas alleos á lingua matriz da lusofonía: a galega.

Linguas para galegos

por Xavier Alcalá, en La Voz de Galicia:


Bruxelas é unha Babel moderna. En poucos lugares do mundo haberá tal concentración de falas por metro cadrado, e tanto interese por falar varias. De aí que no metro se vexan anuncios de aprendizaxe; e que pola utilidade se suxiran distintas linguas do globo. Hai dez anos primaban os cursos de mandarín; ultimamente, de turco. España anda revolta, e no enguedello político xorden as linguas. A utilidade é un dos argumentos en rexoubas e Cámaras parlamentarias. Así chegamos a se o galego é útil ou non; e daquela podemos volver a Bruxelas, onde os stagiaires galegos con vontade de chegaren a funcionarios da Comisión Europea escollen cursos de portugués. Entran nel coa máis alta cualificación, e grande envexa dos colegas alleos á lingua matriz da lusofonía: a galega. 

mércores, 11 de abril de 2018

A lingua non para. Vídeos gañadores do Correlingua 2018



Espectacular. Este primeiro é o vídeo gañador, na categoría de educación secundaria e bacharelato, do concurso de vídeo do Correlingua 2018, a lingua non para!, . Os creadores desta proposta foron os alumnos da ESO do CPR Seminario Menor a Inmaculada (Ourense), que puxeron en audiovisual un retallo do inmorrente Sempre en Galiza, de Castelao.



O segundo que presentamos aquí é o gañador na categoría de educación infantil e primaria. Este vídeo foi feito polo alumnado de 5ºA do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela).

P.S.: A organización do Correlingua tamén otorgou o premio ao Manifesto: 3ºC do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). A súa proposta, Rapea, que a lingua non para!, abrirá todas as festas finais do Correlingua 2018.
A Banda Deseñad gañadora foi a de 5ºB do CEIP Albeiros (Lugo)-  A súa banda deseñada titúlase De viaxe por Galicia. A lingua non para.

Sermos Galiza

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, no Sermos Galiza:


Co título que encabeza estas liñas viu a luz hai uns anos a publicación que as acolle e nel sintetízase a vontade de ser e de existir dunha nación con nome e con idioma propios, o primeiro posto en cuestionamento e o segundo en situación preocupante. O galego, a pesar das modificacións no seu status nas últimas décadas, pasa por un dos momentos máis críticos da súa historia, fundamentalmente pola acelerada perda de falantes que se produciu no tránsito intersecular, como pon en relevo a comparación dos datos do mapa sociolingüístico de 1992 cos do mapa de 2004. A situación inverteuse de forma dramática, pois a posición cuantitativa amplamente maioritaria do galego virou minoritaria nese breve período temporal. E aínda nun estudo da Real Academia Galega, de 2016, se afirma que na década de 2003-2013 se perderon 280.000 galegofalantes habituais, o que equivalería a case 20% do total dese grupo. Só en 10 anos!

luns, 9 de abril de 2018

Enreguéifate cos mozos da Pontepedriña


Enreguéifate 2018 from Raquel F on Vimeo.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso. O vídeo que se achega aquí vén do IES da Pontepedriña (Santiago). Nel podemos ver o ben que o pasan nunha clase de regueifa. Ademais, non se trata só de reforzar a aprendizaxe oral da lingua, senón que centraron as creacións regueifeiras na denuncia do machismo.

sábado, 7 de abril de 2018

Telexornal María Victoria Moreno



Un ano máis chega desde o CPI dos Dices (Rois) o telexornal da figura homenaxeada no Día das Letras, dirixido por Luís Aldegunde. Un gran equipo e un gran resultado.
Supoño que a RAG non tardará en facerlles un contrato indefinido.
Nesta ocasión contan coa intervención dos escritores Xosé Antón Neira Cruz, Montse Pena Presas, Xesús Rábade Paredes, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Susana Sánchez Arines, a profesora da USC Blanca Ana Roig Rechou, e o tradutor Xavier Senín. Non se pode perder.

venres, 6 de abril de 2018

Galego de lenda



Unha magnífica achega que vén do IES de Vilalonga na que nos traen algunhas lendas das máis salientables da comarca. Foi realizada por alumnas de 2º de bacharelato dese centro. Visibilizando o patrimonio inmaterial. 

mércores, 4 de abril de 2018

Matemaxia ou o decreto de plurilingüismo en evidencia


A banda de Möbius, a numeración binaria, as propiedades das mesturas por arrastre...Calquera profesor de matemáticas pode explicar sen dificultade calquera dos trucos que o mago Paco presenta neste excelente vídeo que gravaron no CEIP do Carballal (Marín). Está claro que a actividade resultou gorentosa para a rapazada que tivo a sorte de participar nela. Aprenderon matemáticas e, a un tempo, asistiron a espectáculo de maxia. 
A cara escura desta actividade non está na actividade en si, senón en que, para os absurdos parámetros da Xunta de Galicia, esta é unha actividade ilegal. Efectivamente, trátase dunha clase de matemáticas en galego, prohibida polo funesto decreto do plurilingüismo. O monstruoso do asunto sería que ésta fose a única clase en galego que este alumnado de 5º de primaria tivese en toda a súa vida escolar. Vendo un exemplo concreto do que prohíbe a Xunta é máis evidente de ata onde chega o nivel de odio á lingua galega dos gobernantes que padecemos. 
Unha vez máis, parabéns ao profesorado do CEIP do Carballal por achegaren ao alumnado unha actividade lúdica e formativa. Parabéns que fago extensivos ao mago Paco, por botar man das matemáticas nun dos seus espectáculos, ofrecendo unha nova perspectiva para o achegamento desta materia ás aulas.

domingo, 1 de abril de 2018

168 pasos cara á normalización

por Iván Area Carracedo, en La Voz de Galicia:

Non lembro exactamente a data. Era un mes de agosto e podería ter eu arredor de 10 ou 11 anos. Estaba de excursión nun autobús indo ao norte de Portugal cun grande amigo meu, dentro das actividades das «Jornadas do Ensino de Galiza e Portugal». Antes de chegarmos á alfándega, o pai do meu amigo preguntoume polo permiso paterno/materno necesario para entrar en Portugal. Non o levaba comigo. Ao chegar ao control, subiu unha parella da Guarda Nacional Republicana para facer a oportuna revisión de pasaportes. O meu amigo mais eu estabamos sentados na última fila do autobús, xunto co seu irmán e a súa irmá. A medida que a parella avanzaba cara a nós, xunto co organizador José Paz que ía explicando quen era cada unha das persoas, o medo era maior. Ao chegar a nós, José Paz dixo: «Aqui os meus filhos: Jorge Paz, David Paz, Núria Paz, e Iván Area». E a parella respondeu «óptimo». Pasado o susto, e xa en Portugal, entrei nunha oficina (posibelmente) da Caixa Geral de Depósitos coa intención de trocar un billete de 500 pesetas (aqueles azuis con Rosalía de Castro) en escudos. A persoa que me atendeu preguntou simplemente ‘canto’ e eu respondín ‘cinco centas’, que interpretou como ‘cinco contos’ (cinco mil -pesetas-). Este malentendido foi máis complexo de resolver que o permiso para entrar en Portugal. Penso que foi a primeira vez que tiven conciencia da importancia dos números en galego.

xoves, 29 de marzo de 2018

Os tres últimos falantes do badeshi



Segundo o Ethnologue, o badeshi é unha lingua que non se fala desde hai tres xeneracións. No entanto neste vídeo da BBC podemos oir falar a tres homes (Said Gul, Ali Sher e Rahim Gul) nesa lingua do norte paquistaní, no val de Bishigram.
Segundo estes informantes hai unha xeneración toda a aldea falaba badeshi. Eran unhas nove ou dez familias.  En pouco tempo a súa lingua foi desprazada polo torwali. 

Algunas frases en Badeshi :

  • Meen naao Rahim Gul thi - O meu nome é Rahim Gul
  • Meen Badeshi jibe aasa - Eu falo Badeshi
  • Theen haal khale thi? - Como estás?
  • May grot khekti - Eu comín.
  • Ishu kaale heem kam ikthi - Non nevou moito este ano

luns, 26 de marzo de 2018

Que pensan os indíxenas mexicanos das súas linguas?


O castelán non é a única lingua que se fala en México. Hai outras 364 linguas. En total, unha para cada día do ano. Aínda que o estatus legal, na teoría, é o mesmo para todas as linguas, a situación real é de minorización lingüística onde o español é quen detenta realmente todos os dereitos mentres que as linguas indíxenas fican minorizadas e restrinxidas ao uso familiar.
Isabel Corral presenta un estudo feito a unha mostra de 154 persoas que se autoidenficaban como indíxenas do sur de México e comenta os resultados mediante aspectos sociolingüísticos da realidade galega. Por exemplo, na identificación como "indíxena", a lingua non é o aspecto de máis importancia. Do mesmo xeito, a na identificación como "galego" a lingua ocupa un terceiro lugar.
En que lingua debería falar un indíxena? En que lingua te sentes máis cómodo? Cal é a lingua que se lle debe falar aos nenos? Cal é a lingua de uso na familia ou cos amigos? Con que lingua falan cos profesores? Cales son os principais prexuízos lingüísticos? Cal é a política lingüística?
E se trasladamos agora estas cuestións ao caso dos indíxenas galegos?

domingo, 25 de marzo de 2018

Deshumanización na Estrada

Zona dos viños                                                                     Zona  de los Vinos
Dun tempo a esta parte chámanlle humanización á pavimentación das rúas. Retátase aquí o pouco acaído que é este vocablo para referirse ao que vén de facer o concello da Estrada nas rúas que se coñecen como a Zona dos Viños.... ou Zona de los Vinos, según se mire. Para quen non sexa da vila, debe saber que hai dúas entradas principais desde o centro cara esa Zona (dos Viños / de los Vinos). Seguramente as mentes colonizadas que argallaron esta trapallada pasean contentas e felices pola Zona de los Vinos mentres que os sufridos transeúntes que intentamos circular pola vida en galego, vemos como se nos pechan as entradas á Zona dos Viños.
Non é esta a única barrabasada nesta actuación no lugar. Coma sempre, non se realizou unha previsión de futuro e a intervención no subsolo non estará preparada para soster novos servizos como os das telecomunicacións (e isto nunha área no centro da vila). Para máis, inzaron o chan de luces que apuntan ao ceo e molestan a que se atreva a pasear por alí pola noite, alén da contaminación luminosa innecesaria que xeneran. Por certo, o da contaminación luminosa é un concepto incógnito para o actual alcalde e compañeiros de goberno.
En conclusión, hoxe na Estrada, depois de gastar unha manchea de cartos, estamos máis deshumanizados que hai uns meses.

sábado, 24 de marzo de 2018

Máis Galicia

por Anselmo López Carreira, no Sermos Galiza:

Isto de que os galegos dispoñamos de dúas formas normativas para denominar o país (Galicia e Galiza), ambas no mesmo idioma, conforme a preferencia do usuario/utente (non como Bélxica, que ten dúas ou tres, ou Suíza, que ten catro, pero cada unha no idioma correspondente), constitúe un trazo digno de admiración, e tamén unha riqueza lingüística; e iso que xa nos fomos empobrecendo, porque na Idade Media aínda gozábamos de maior variedade: Galiza, Galisa, Galliza, Galisia, Galicia, etc.

venres, 23 de marzo de 2018

Valoración da lingua galega por veciños do Carballiño



Vídeo-reportaxe realizada para o IES Chamoso Lamas (O Carballiño) por Damián Otero Álvarez e Antonio Pinal Lois, que saíron á rúa coa cámara e micrófono e preguntáronlle aos veciños polas súas ideas arredor da lingua:

  • Cres que o galego, fóra da Galiza, serve para algo?
  • Xa que o galego é unha lingua minorizada, pensas que só se debería empregar o castelán para poder comunicarnos todos correctamente?
  • Debería modificarse a Lei de Normalización Lingüística e promover máis o uso do galego?
  • Ao iniciar unha conversa en castelán, pensas que é de mala educación responder en galego?
  • Pensas que podes progresar socialmente empregando o galego?
  • Deberíase eliminar do ensino o galego e adicarlle máis horas ao castelán?
  • Pensas que as persoas galegofalantes e nacionalistas son uns radicais?

E a entrevista final é apoteósica.
Un produto audiovisual entretido, ben realizado,  e un recurso educativo máis. Será moi interesante reflexionar na aula sobre as preguntas e as respostas que aquí se ofrecen.
Non tardaremos en ver as reportaxes de Damián e Antonio na galega. Teñen alma de periodistas, e dos bos.

xoves, 22 de marzo de 2018

Achegando a ciencia: "O sexto sentido, as matemáticas"



Nunha entrada anterior falabamos da excelente iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da USC de abrir unha canle de vídeos didácticos nos que profesores da Universidade nos achegan ideas da súa especialidade de forma amena e accesible. Unha das colaboradoras nesa proposta é a profesora da Área da Xeometría e Topoloxía Elena Vázquez Abal. Ela é a protagonista desta entrada na que presentamos unha conferencia que impartiu o pasado 9 de marzo no Vello Cárcere de Lugo dentro dun gorentoso programa titulado Achegando a ciencia.
Eu xa lle escoitara esta conferencia na Facultade de Matemáticas hai uns meses, por iso, e aínda que non teña o mesmo sabor que gozala en directo, recomendo velo de principio a fin. De forma moi clara, e  por outra banda, sen cometer traicións á ciencia matemática, a profesora Elena V. Abal lévanos polos camiños da xeometría e, a un tempo, fainos reflexionar sobre o papel que se lle obriga a xogar á muller na ciencia.




martes, 20 de marzo de 2018

Vídeos didácticos do SNL da USC



O SNL da Universidade de Santiago acaba de abrir unha canle con vídeos didácticos na que diversos especialistas desenvolven unha cuestión con rigor científico e académico. Entre os primeiros vídeos que nos achega esta canle quixera destacar un par deles porque tratan tópicos das matemáticas e a física...en galego! Ademais realizan as explicacións de forma moi clara, o cal os convirte en ferramentas didácticas para o ensino secundario de aproveitamento prácticamente obrigado. Quero que isto sirva  para vergoña da Consellería de Educación que é quen prohíbe, vía o funesto decreto 79/2010, se poidan reproducir estes vídos nunha aula do ensino secundario. Eu animo a todos os docentes a que o fagan, e de paso expliquen nas súas aulas a atrabiliaria prohibición emanada dunha Xunta enemiga do uso da lingua que debería defender.

O primeiro dos vídeos é unha fermosa introdución á xeometría da esfera. Trátase de determinar a xeodésica na superficie terrestre e está protagonizada pola incansable profesora Elena Vázquez Abal, que sempre parece disposta a colaborar en proxectos de divulgación das matemáticas.



No segundo dos vídeos Cibrán Santamarina explica en que consiste a natureza ondulatoria da luz, tamén a un nivel ideal para o alumnado do ensino secundario.



Para saber máis:

luns, 19 de marzo de 2018

A fiestra de Rosalía



A resaca do Día de Rosalía non remata, e isto a pesar de que a Consellaría de Educación lle virou as costas á celebración escolar da xornada. Velaquí un exemplo máis de como a longa sombra de Rosalía chega ata nós. No IES Chano Piñeiro (Forcarei), aproveitando o lema do Día de Rosalía deste ano, #AbrideAfiestra, construíron unha fiestra a mantenta para abrirlla a Rosalía.

A consciencia dun idioma moribundo

por Pablo L. Orosa, en Luzes:

Nas illas Surín, quizais o recanto máis fermoso e afortunadamente máis afastado dos circuítos turísticos de Tailandia, atopei unha desas historias que che cambian a perspectiva: era a hora do solpor e estaba a morrer unha palabra.

venres, 16 de marzo de 2018

Pino ou piñeiro



Grazas a este chío de Miguel Grandío, souben da existencia deste vídeo, un máis dos que participan nesa xenial iniciativa que é Youtubeir@s
Na descrición do audiovisual infórmasenos que é o primeiro capítulo dunha serie titulada "Descubrindo as palabras". A cousa promete.
O Portal das Palabras adicoulle unha entrada a "pino" e outra a "piñeiro" indicando que a etimoloxía de ambas palabras procede do mesmo vocablo latino pinus-i, só que a segunda sufriu maior variación xa que parece ser que deriva da forma pinarius, do baixo latín.
Tamén é moi curioso ver como as corporacións municipais se meten a ensalzar símbolos por presuntas relacións lingüísticas sen fundamento lingüístico ningún. No vídeo vemos á presentadora a carón da estatua do galo piñeiro. Bo sería que antes consultaran a alguén que saiba do tema, e aínda mellor sería que actuasen con respecto á lingua de noso.

mércores, 14 de marzo de 2018

Palabras secuestradas, palabras liberadas






















Parémonos un momento a reflexionar en como valoraríamos un goberno que prohibe palabras como democracia,  referéndum, liberdade de expresión,...
A mesma valoración merecía un goberno que non mermitise o uso destas palabras no seu contexto natural, isto é, no debate político, na lexislación, no sistema educativo....Nunha sociedade occidental actual iso sería inimaxinable.
Se o secuestro terminolóxico se referise a palabras como cotanxente, grafo, multiplicación ou topoloxía, a nosa consideración iría aínda máis alá. Efectivamente, alén da valoración moral e política cualificaríamos a situación con adxectivos como kafkiana, irracional, surrealista.,...
E se vos dixera que isto está a suceder agora e aquí?
O pasado luns (11/03/18) o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o responsable do Seminario de Lexicografía desa mesma institución, Manuel González, presentaron xunto a uns representantes dun grupo de traballo de terminoloxía matemática, a actualización de 168 termos do dicionario da Academia. Esta boa nova non o é só desde o punto de vista puramente lingüístico. Chega máis alá porque “un paso imprescindible para a normalización é o establecemento dunha terminoloxía suficiente e precisa”. Nesta mesma liña, destácase a preocupación "pola prohibición do emprego da terminoloxía matemática no ensino non universitario vía o decreto 79/2010 "pois un segundo paso esencial para a normalización é o uso natural da lingua no seu contexto. No caso dos termos matemáticos este contexto está nas aulas de matemáticas, especialmente do ensino non universitario, que é onde se aprende o significado dos mesmos.
Velaquí un grupo de palabras secuestradas. Pídovos que as liberedes nas aulas de matemáticas. Son vosas:

anelaplicaciónarranxobasebicadráticabilinealcentenaconxunto (baleiro), cordacosecantecotanxentecovarianciacrebadocubocadrado (perfecto), desviacióndesvíodeterminantedivisorelipseesferafocofracción , grupografohomeomorfismohomomorfismohexadecimalimaxeinterpolacióninterpolarintervalolímitemaximizarmedianamediaminimizarmodamódulomultiplicaciónmultiplicadornegativonúmero (abstracto, alxébrico, composto, e, i mixto, perfecto, pi, números_congruentes), optimizaroctalóvaloparámetroperimetralpipolinomialrecíprocaregresiónrestasecantesecuenciasucesiónsumatanxentetopoloxíatransitivaunidadeuniónunitario (conxunto)varianciavarianza

Como vedes, non son todas mais en todas elas poderase ver unha mensaxe como na da imaxe que acompaña esta entrada, informando da actualización. Certamente hai máis palabras que estas que se referencian aquí, pero non teñades medo a usalas. Non se gastan. Máis ben ao contrario, canto máis se usan máis forza cobran.
E quen pode ter medo de que as palabras, e con elas a lingua, cobre forza?

luns, 12 de marzo de 2018

Paixón pola toponimia



Claridade e paixón pola toponimia. Esas son as carácterísticas principais desta exposición de Clara Iglesias na presentación do seu libro "Os nomes da Estrada" (Edicións Fervenza 2018). Por esas razóns este vídeo é máis que ningunha outra cousa, un excelente recurso educativo para explicar o que é a toponimia e a xustificación da importancia para interesármonos por ela.
O libro ofrécenos un estudo etimolóxico de todos os topónimos maiores do noso concello; é dicir, os nomes das parroquias e dos lugares que as conforman. En total, son case 400 nomes obxecto de análise. Na súa orixe todos os topónimos tiñan un significado axeitado á realidade que denominaban e formaban parte do vocabulario habitual do momento en que naceron; mais, co tempo, moitos deles, a causa da evolución do sistema lingüístico, convertíronse en verdadeiros enigmas porque a súa significación deixou de ser evidente. En "Os nomes da Estrada," a autora intenta dar resposta a esta curiosidade, explicando o significado e a orixe de cada topónimo.

domingo, 11 de marzo de 2018

"Os nomes da Estrada" por David Otero, Calros Solla e Manuel Cabada

Antonte a Asociación Cultural Vagalumes organizou unha gorentosa velada para acoller a presentación do libro "Os nomes da Estrada" (Edicións Fervenza, 2018) da autoría de Clara Iglesias Cortizo, sobre a toponimia maior do concello.
Aínda que os medios de comunicación deron fe do acto, [1, 2], non achegaron ningunha nota do que realmente aconteceu no local de Abanca na tardiña do 09/02/18.
O primeiro en intervir foi David Otero. A súa presenza é sempre unha garantía de dinamismo pois todos coñecemos e coñecémonos, tal e como diría el, nese volcán de palabras coas que nos regala en cada presentación.
David Otero falounos do pensar dun pobo, que se materializaba nas follas do libro que tiña entre as mans, "Os nomes da Estrada" e corporizou os nomes da súa Compostela natal. Os outros intervintes habían de facer o mesmo, referirse ao topónimo do seu lugar de nacemento. Tal é a forza da terra que nos dá á vida.



Calros Solla referiuse en repetidas veces á súa Abeleira natal. A súa intervención merecía ser recollida en papel para poder gozar dunha lectura demorada. Por momentos parecía un poema: "noméote para que existas, ármote coa vareta máxica da palabra. Un ermo é aínda máis ermo cando do difunto leva á microtoponimia para o outro mundo. Cando unha lingua morre, un ecosistema desaparece con ela"




Manuel Cabada destacou que o libro que estaba a presentar dignificaba as parroquias e lugares nos que nacemos, vivimos ou finamos. El é natural de Sabucedo, a única das 51 parroquias que non ten máis que un lugar. O topónimo desta parroquia procede do nome dunha árbore, o sabugueiro, que se daba no lugar. Cabada referiu a historia dun bispo non galego de Compostela (a maioría non foron galegos) que nalgún documento antigo cambiara este nome polo castelanizado *Sauquedo. A colonización política e eclesiástica castelanizaba sen máis tanto seres vivos como entes inanimados.




sábado, 10 de marzo de 2018

O odio ao galego

por Miguel Anxo Fernán Vello en El Progreso:


CONTAN AS crónicas que dúas funcionarias da Delegación da Xunta da cidadede de Lugo se negaron a atender en idioma galego a unha cidadá que lles demandaba unha determinada información, e aínda por riba unha das dúas empregadas públicas, ademais de enxalzar alegremente ao ditador Franco, desexou a morte expresa do idioma no que escribiu don Ánxel Fole: "Pues si se pierde mejor", expresou —con ánimo sepultureiro— a traballadora administrativa do órgano colexiado do Goberno galego, que toma o nome da Xunta do Reino de Galicia creada en 1528.

A menos

por Ramudo, en El Progreso:

Foi no supermercado. Trataba de explicarlle a miña filla a diferenza entre unha mandarina e unha laranxa. A simple vista, non é moita. Un pouco máis grande unha e un pouco máis pequena a outra. Mentres pesaba unha bolsa de kiwis, díxome a froiteira: "Gústame moito que lle fales en galego". Como. Pensei en voz alta. "Si, que lle fales en galego á nena. Agora moi pouca xente o fai". Colleume co pé cambiado. Por un momento quedei calado. Non sabía moi ben que dicir. "É que eu sempre falo en galego. Con ela tamén, claro", resposteille. Sen máis. Gustaríame ter a posibilidade de sacarlle algo máis de brillo ao meu propio comportamento. Dicir que a miña forma de expresarme e de dirixirme á pequena, e tamén aos demais, responde a unha actitude militante no idioma propio, pero o certo é que, polo menos no meu caso, é moito máis sinxelo que todo iso. Falo no mesmo código no que penso, na miña lingua nai. Cando mudo ao castelán, polo que sexa, teño que traducir o que sae do meu propio maxín. Non me costa traballo, pero é unha fala procesada, menos espontánea. "Xa, pero é que moita xente cambia de lingua para falar cos rapaces", insistiu. Deixoume matinando. Non é que non fose consciente de que iso sucede, pero sorprendeume o feito de que sexa algo tan frecuente como para que eu mesmo chamase a atención por non facelo. E máis nun lugar polo que, ao longo do día, ten que pasar moita xente. Unha morea de pais cos seus fillos. Non me gustou ser unha rareza por isto. Mellor sería ser a excepción polo contrario.

venres, 9 de marzo de 2018

Galicia é única



Foi o rapaz o que me avisou da exitencia deste vídeo que se presenta no concurso Youtubeir@s na categoría "Vídeo-opinarmos".
Foi realizado polo alumnado de 1º de Bacharelato do IES Manuel García Barros (A Estrada) e ben pode ser unha boa mostra no que se coce nesa magnífica proposta normalizadora que é Youtubeir@s

xoves, 8 de marzo de 2018

Grandes mulleres galegas na historia e na ciencia



Encantoume este vídeo realizado polo ENDL do IES Pontepedriña (Santiago), realizado para a concienciación da discriminación da muller co gallo do 8 de marzo.
Non foi esta a única achega deste ENDL, senón que hai unhas semanas potenciaba o recoñecemento do labor da muller na ciencia a pesar de que a metade feminina da humanidade se viu excluída do acceso ao coñecemento durante práctiamente toda a historia. Con todo, sempre houbo espíritus que foron quen de romper barreiras e que se recoñecen no seguinte vídeo.




mércores, 7 de marzo de 2018

Os institutos da Estrada abríronlle a fiestra a Rosalía


O pasado 26/02/18 reuníronse os tres institutos da Estrada para celebraren nun acto conxunto o Día de Rosalía 2018. Cancións, recitado de poemas e mesmo rap. Unha xornada completa para a reivindicación dunha figura e unha lingua únicas no mundo.

luns, 5 de marzo de 2018

Ana Pontón denuncia o decreto de plurilingüismo


Nótase ben que este vídeo foi gravado nunha mañán de intenso frío. Ese mesmo frío que senten os Equipos de Normalización cando reclaman o apoio da Administración para desenvolver con acerto o seu labor. O mesmo frío xélido dos que zoa cando os profesores de ciencias que entramos cada día na aula coa ameaza do funesto decreto do plurilingüismo. Esa xiada que entra na casa dos que teñen que mandar os nenos á escola, e saben que os mandan falando en galego pero que van volver latricando en español (cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros). Contra todo isto a bafarada que acompaña a voz de Ana Pontón vai brindo o camiño da primavera.

Precisamos da inmersión lingüística

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

PP e Cs desenvolven una absurda competición por lle amosar á cidadanía quen é máis españolista. Deste xeito, o Goberno do Estado estudou a introdución do castelán como lingua vehicular, mentres Cs vén de propor una reforma da lei básica estatal de emprego público para que ningunha das autonomías bilingües poida esixir o coñecemento da lingua propia, que só podería avaliarse como simple mérito.

domingo, 4 de marzo de 2018

Presentación do libro "Os nomes da Estrada"

O venres 9/03/18 ás 20:00 h. na sala de exposicións de Abanca, a Asociación Cultural Vagalumes presentará o libro Os nomes da Estrada. Orixe dos topónimos das parroquias e lugares do Concello da Estrada, editado por Edicións Fervenza. Intervirán a autora, Clara Iglesias (presidenta da AC Vagalumes), e mais os escritores Calros Solla e Manuel Cabada Castro.
O libro ofrécenos un estudo etimolóxico de todos os topónimos maiores do noso concello; é dicir, os nomes das parroquias e dos lugares que as conforman. En total, son case 400 nomes obxecto de análise. O interese polo significado do nome dos lugares vén de moi antigo; desde sempre as persoas sentiron interese e curiosidade por saberen por que o lugar onde vivían recibía un determinado nome. Na súa orixe todos os topónimos tiñan un significado axeitado á realidade que denominaban e formaban parte do vocabulario habitual do momento en que naceron; mais, co tempo, moitos deles, a causa da evolución do sistema lingüístico, convertíronse en verdadeiros enigmas porque a súa significación deixou de ser evidente. En Os nomes da Estrada, a autora intenta dar resposta a esta curiosidade, explicando o significado e a orixe de cada topónimo.
A toponimia é un verdadeiro tesouro do patrimonio inmaterial dun pobo, xa que é testemuña das circunstancias históricas e garda a memoria dos momentos máis antigos da lingua. Ademais, funciona como un importante referente colectivo e un forte sinal de identidade. Os topónimos son verdadeiros monumentos históricos que se manteñen en pé a través dos séculos. Por iso, o coñecemento da orixe da nosa toponimia serve para facérmonos máis conscientes de quen somos, para identificármonos como sociedade e como país.

A lingua galega na mocidade

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Andrea ten 15 anos, estuda derradeiro ciclo de secundaria nun colexio concertado en Santiago, gústanlle as ciencias sociais, aínda que non ten decidido cara a onde orientar os seus estudos futuros, no caso de que acceda á universidade, que de seguro accederá. A reflexión que reproduzo é súa, case que literal: «Nacín nunha familia galegofalante. Os meus país e os meus avós falaron e falan galego comigo. Pero cheguei á escola e dende o primeiro momento, xa dende moi pequeniña, decateime de que, na práctica, o galego non contaba, ou contaba ben pouco, nas relacións sociais, na comunicación cos mestres (con algunha excepción), no tempo de recreo no colexio, nos cómics, no cine, na televisión… O mundo, fóra da relación íntima cos meus pais, vivía e desenvolvíase en castelán, e os nenos e as nenas, no colexio, aínda que moitos estaban na miña situación, instalámonos entre nós tamén en castelán, porque era a lingua que mandaba. ¿Que podemos facer para que isto non suceda?».

Retos para un xornal en wolof… ou en galego

por Cheikh Faye, no Sermos Galiza:

Gústame ler cada día a prensa en papel. É a forma de ler que coñecemos a xente da miña xeración. Eu vin con esa costume do Senegal, e case desde que cheguei leo a prensa a diario. Ao principio tiña problemas para comprender os textos, pero a lectura axudoume a aprender o español. Eu leo a prensa nos bares, que é unha forma de estar con xente e combater un pouco a soidade. A lectura dos xornais tamén me permite estar ao día da actualidade galega, estatal e internacional. Así que para un inmigrante coma min os xornais teñen tres funcións: aprender a lingua para integrarme, sentirme parte dunha comunidade e da conversa, e estar ao tanto das cousas que pasan no mundo.

sábado, 3 de marzo de 2018

Rosalía universal en 21 linguas



A Universidade de Edimburgo celebrou o Día de Rosalía cunha lectura en galego, italiano, gaélico, tamil, malaio, francés, catalán, español, polaco,... e así ata 21 linguas distintas.
Vía SXPL

Ademais desta proposta, temos varias intervencións máis desde diversos Centros de Estudos Galegos polo mundo adiante:

"Xan" en galego e catalán









Desde o CEG de Río de Janeiro



"Negra sombra", en alemán e galego desde o CEG de Kiel



En húngaro e galego desde o CEG de Budapest



Desde o CEG de Granada



Adiós ríos...en trilingüe en galego, gaélico irlandés e inglés desde o CEG de Cork

xoves, 1 de marzo de 2018

Versos de Rosalía para nós



Velaquí un novo exemplo da forza con que Rosalía de Castro chega ata os nosos días. Trátase dunha videomontaxe cos traballos do alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) que multiplican a pegada do Día de Rosalía 2018. Eu xa os vexo nos corrdores do insituto todos os días, pero non quería deixar de compartilos con quen pase por este corredor virtual.

Neogalego

por L.C. Carballal, na Praza Pública:

Un recente libro: “Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual” (Consello da Cultura Galega, 2017), trata unha realidade linguïstica innegábel: a existencia dun galego actual, basicamente urbano, que non se corresponde con ningunha das áreas lingüísticas tradicionais. Unha fala xurdida da situación sociolingüística contemporánea de bilingüísmo obrigado e inelutabelmente influída polo castelán e o galego estándar.
A estandarización dun idioma é un fenómeno imprescindíbel para a supervivencia de calquera lingua no mundo actual, moito máis importante ca o seu número de falantes, e similar ao seu recoñecemento legal nun determinado territorio. Leva sempre consigo un grande avance no seu desenvolvemento como meio de comunicación, mais tamén a consecuencia negativa dunha perda gradual e inexorábel da súa variación dialectal. É o galego non vai ser unha excepción. Ende mal, a estandarización da nosa lingua é relativamente recente e ten en contra a súa non aceptación total. Algo parecido sofreu o basco, onde o éuscaro batua foi contestado polos defensores dos diferentes “euskeras” vivos como invento sen falantes reais que remataría co verdadeiro éuscaro –algo que nunca se lle achaca ao estándar castelán ou de calquera outra lingua de prestixio–. O catalán tivo a sorte de se estandarizar con anterioridade e dotarse dunhas normas en 1932, tamén de non perder a súa referencia da lingua medieval coma si sucedeu co galego, pero así e todo tamén tivo e ten a súa réplica por parte dos partidarios de diferenciaren as diferentes variedades –algo que non se reivindica para as variedades do castelán–.

mércores, 28 de febreiro de 2018

Rosalía infinda



O concello da Estrada estalle dando un decidido apoio ao Día de Rosalía, un exemplo que estaría ben seguiran noutros municipios. Onte no Museo do Moble o alumnado de colexios e institutos participaron nunha lectura compartida de versos da escritora. Ao remate do acto proxectouse, como primicia, este fermoso vídeo dunha Rosalía que nunca se acabará.
No audiovisual compártense fragamentos de vídeo con recitado de versos rosalianos  chegados dende Glasgow, Leiden, Fuerteventura, Turaif, Dubai, Copacabana, Polonia, Japón, Jerez, Munich, Venecia, Guanzhou, Tailandia, Los Angeles, París, Portugal, Buenoss Aires, Granada, Inglaterra, Irlanda, República Checa, Suíza,... e tamén retallos gravados centros educativos do concello da Estrada.

Parabéns pola iniciativa, e polo excelente resultado. 


martes, 27 de febreiro de 2018

Os idiomas, como a escritura, son unha porta

por Sara Plaza nas Voces de ProLingua:

Aínda non se derretera a neve nas montañas entre as que nacín e vivo, cando na caixiña de correo electrónico agromou a primeira flor. A destinataria dun modesto galano acompañado dun feixe de liñas manuscritas agradecíame o envío, e contra o final da súa mensaxe comentaba:

luns, 26 de febreiro de 2018

A gráfica que explica a política lingüística en Galicia

Uso do galego por idades
O conto é que o pasado 21/02/18 soltei no Twitter un chío con esta imaxe e o seguinte texto:
Uso do galego por idades ... ou
a política lingüística explicada nunha gráfica
No momento de escribir esta entrada o chío andaba próximo aos 1000 recouchíos, moitos deles procedentes de Cataluña, o cal pon en evidencia a preocupación pola cuestión da lingua que teñen por aquelas lonxitudes. De termos nós un nivel de concienciación semellante, as gráficas que nos describisen terían outras formas.
A gráfica en cuestión está sacada do informe Lingua e sociedade en Galicia. Resumo dos resultados 1992-2016 editado pola RAG ese mesmo día, o 21, co gallo da celebración do Día da Lingua Materna. A Academia denunciaba "un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos" e a gráfica da páxina 23 do informe sobre o uso do galego por idades era a que mellor explicaba as consecuencias dunha política lingüística lingüicida.
Alá polo ano 2001 asistira a uns cursos para membros de Equipos de Normalización Lingüística que houbera na Estrada. Estaban organizados pola Dirección Xeral de Política Lingüística e contaban coa colaboración do SNL do concello que daquela tiña como técino a Valentín García, o actual secretario xeral da cousa da lingua. O discurso que se nos presentara era de conformidade e rendición. "As cousas son como son e non poden ser doutra maneira". Lembro, coma se fose hoxe que Anxo Lorenzo, un dos participantes como confenciante, afirmara que "o uso da lingua galega irá descendendo ata o ano 2020" independentemente da política lingüística que se aplicara. A recuperación da vitalidade lingüística nos países cataláns e en Euskadi demostraron xustamente que é precisamente a política lingüística que se aplica o que nos leva por un camiño ou outro. Nós, baixo o sodomizador discurso do bilingüismo harmónico, levamos despois dos 40 ano de dictadura, sofrindo case outros 40 anos de supremacismo coas súas infaustas consecuencias.
A resposta da Xunta a este terrible panorama está ao nivel da que podería dar Groucho Marx nunha das súas películas. A realidade non podería ser máis triste. Agora, o conselleiro de educación anuncia que van elaborar un plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade. Agora, despois de levar oito anos excluíndo acotío a lingua galega na escola mediante o funesto decreto de plurilingüismo que desartellou o comenzo dunha viraxe en positivo da política lingüística en Galicia. Vexamos como funciona, xa hoxe, xa desde hai 8 anos, a promoción do uso do galego nas idades máis temperás.

No segundo número de Cumieira, unha publicación da Universidade de Vigo na que se recollen traballos de investigación sobre a lingua galega hai un artigo ben interesante asinado por Nuria Díaz Guedella, titulado A influencia do ensino no proceso de adquisición lingüística no que se trata de profundizar na cuestión de se chega con que o galego sexa a lingua da escola para que o alumnado infantil a asimile como lingua propia. A conclusión do estudo demostra que o uso do galego na aula non é suficiente para que os rapaces o usen cotidianamente. Pola contra o emprego do castelán na escola implica que os galegofalantes abandonen a súa lingua. É imposible non ver aquí os nefastos efectos decreto 70/2010. En primeiro lugar, Nuria destaca un importante factor en contra: a falta de material didáctico en galego, e continúa:

Ademais, cabe destacar que o feito de que o Decreto 79/2010 de plurilingüismo afirme que «na etapa de educación infantil o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado (...)», causará efectos negativos que influirán posteriormente no escaso desenvolvemento da lingua galega entre o alumnado galegofalante, pois, nas aulas en que predomina o castelán como lingua materna, o cumprimento da lei dá lugar a unha perda completa do idioma galego.Quizais o ámbito escolar non sexa suficiente para manter o uso do galego como lingua materna nun contexto tan castelanizado como o estudado por nós (hábitat urbano), pero si o é para educar a nenos e nenas que sexan capaces de familiarizarse co idioma sen desenvolver actitudes negativas cara a el. En cambio, o caso contrario si se dá: o uso do castelán na escola provoca a perda total da súa lingua materna no escaso alumnado galegofalante que hai neste contexto. Xa que logo, consideramos fundamental revisar a distribución das linguas que se está levando a cabo actualmente no ensino.

Está moi claro que os responsables de expulsar á mocidade  do uso do galego son os mesmos que agora anuncian medidas homeopáticas para o impulso.
E así todo.

domingo, 25 de febreiro de 2018

sábado, 24 de febreiro de 2018

Abrindo fiestras



Con este audiovisual o ENDL do IES Manuel García Barros (A Estrada), convídanos a que lle abramos a fiestra a Rosalía de Castro, abrámoslle a firestra ao galego!

Abride a fiestra

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2018, por María Reimóndez:

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.

Eu non son neofalante

por Olga Brañas, no Sermos Galiza:

É curioso, a maioría de xente que me coñece pensa que son neofalante. Certo é que na fala (e nas publicacións de facebook, que vén sendo o mesmo) tendo a castelanizar toda palabra que se me pon por diante, pero a miña impresión é a contraria: as persoas neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto.

mércores, 21 de febreiro de 2018

O Día da Lingua Materna explicado desde Rianxo


O ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo) elaborou este vídeo para explicar en que consiste a celebración do Día Internacional da Lingua Materna que ten lugar todos os 21 de febreiro.

domingo, 18 de febreiro de 2018

Rosalía desde a Dalmacia



Estamos próximos a celebrar un novo Día de Rosalía. Centos de persoas sumarán esforzos e desde plataformas culturais ou desde centros de ensino programarán e colaborarán nesta nova edición. 50 concellos aprobaron mocións de apoio a esta celebración. As deputacións das provincias con acceso ao mar tamén. A deputación de Ourense e a Xunta de Galicia manteñen a súa falta de apoio á iniciativa. Non lles debe gustar o éxito que tivo ano tras ano desde a súa primeira convocatoria no ano 2011. Con esta actitude demostran o seu odio, o seu desprezo á cultura galega e lixan a figura do seu símbolo máis afouto e internacional.
Como gorentosa introdución á multitude de actos que se celebrarán nos vindeiros días achego aquí un clásico. Trátase dun vídeo que veñen de gravar Sara Mašek e Katarina Drenovac no Centro de Estudos de Galego en Zadar. En todo un exemplo paradigmático do que é (isto si é) o bilingüismo harmónico Sara e Katarina recitan «Teño un mal que non ten cura», de Follas Novas. Agora cómpre pegarlle ao play.


Teño un mal que non tén cura,
un mal que naceu comigo,
i ese mal tan enemigo
levarame á sepultura.

Curandeiros, ceruxanos,
dotores en medeciña,
pra esta infirmidade miña
n'hai remedio antre os humanos.

Deixá, pois, de remexer
con concencia ou sin concencia,
os libros da vosa cencia,
pois para min n'han de ter.

¿Que o dudás? Duda non cabe
nesto que digo, doutores,
anque pese, hai amargores
que non pasan con xarabe.

¿Asañasvos porque digo
verdás que sabés de sobra?
Pois a probar... mans á obra:
vede de curarme, amigo.

O meu mal i o meu sofrir
é o meu propio corazón:
¡quitaimo sin compasión!
Despois: ¡faceme vivir!

venres, 16 de febreiro de 2018

Unha ducia de cousas para darlle á lingua



Unha enorme alegría levei ao ver solto pola rede este vídeo no que se achega de forma maxistral o valor da lingua galega como central para os galegos e tamén, para os que non o son.
Cal é o segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela? Pois é un lugar rotulado íntegramente en galego, un lugar no que a lingua de comunicación é o galego. Cal é o elemento que valoran os turistas como o que ofrece de Galicia un destino turístico atractivo?
Nel Vidal mostra múltiples potencialidades da lingua chegando a todolos públicos a través de cousas cotias e convídanos a que empreguemos o galego como elemento diferenciador, que pode aportar valor a produtos e servizos que se asocian ao mesmo.
Nel traballa a prol do uso e prestixio do galego como técnico de normalización lingüística. Foi presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (aínda que isto non signifique nada necesariamente; hai contraexemplos)

xoves, 15 de febreiro de 2018

O libro galego precisa un cambio político

por Goretti Sanmartín, en La Voz de Galicia:

A situación do libro galego foi sempre un bo termómetro do estado de Galiza como país con conciencia de seu, do esplendor literario, do dinamismo cultural e da galeguización da nosa sociedade. O libro galego, tanto de creación como de investigación e divulgación, só foi posíbel grazas ao compromiso activo e á xenerosidade dunha minoría intelectual con conciencia que nunca lle faltou a Galiza en todos os períodos da súa historia; e, naturalmente, a existencia do libro galego foi posíbel, así mesmo, polo apoio entusiasta dun público lector con fame de cultura en lingua galega, aquí e alén mar, na Galiza emigrada ou exiliada. 

mércores, 14 de febreiro de 2018

A Igrexa e a lingua galega en Vigo hoxe

por Xosé-Henrique Costas nas Voces de ProLingua:

En 1963 Xoán XXIII establecera en Paceminterris 97-99 que os gobernantes debían favorecer o uso das linguas dos fieis e nesta liña o Concilio Vaticano II acordou que o latín deixase de ser a lingua opaca da liturxia e que a lingua para falar con Deus fose a lingua propia de cada país.

domingo, 11 de febreiro de 2018

Quero xogar



Este é o videoclip do grupo Os nenos da vella, gañador do primeiro premio na categoría infantil do II Certame de música infatil e xuvenil Quero Cantar. Foi rodado na cidade vella da Coruña baixo o paraugas da Deputación da Coruña.
O grupo musical gañador está formado por Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros); acompañados de Javi, o seu mestre de música.

sábado, 10 de febreiro de 2018

Imaxes de Castelao en Buenos Aires



Filme de 1972 que recolle a presenza do escritor Castelao en Arxentina dende a súa chegada en 1940 ata o seu pasamento. A fita foi un agasallo do reporteiro gráfico Eligio González, de orixe ourensá e emigrado a Bos Aires, que lle ofreceu ao Centro Galego da cidade. Durante anos filmara o escritor en diversas aparicións, que ordea neste filme documental de fondo valor patrimonial. A película foi restaurada polo CGAI en 1995.

venres, 9 de febreiro de 2018

Olimpio Arca e o antroido da Ulla


Este pasado mes de novembro celebrouse a II Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas, organizadas pola A. C. Vagalumes. Canda elas organizouse unha xornada arredor da figura de Olimpio como estudoso e promotor do entroido da Ulla. Agora que se achegan estas festas quixen recuperar esta conferencia do mestre D. Olimpio sobre o tema. 

Unha arca en Buenos Aires

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de ProLingua:

Conta Isaac Xubín que os irlandeses máis preocupados pola lingua e cultura do seu país son os que viven fóra da República de Irlanda. Ou como din por Belfast, de seguro que diante dunha ben cumprida pinta de retranca, que para ser irlandés hai que ser británico. A narración do capítulo que comprende o século XX galego ocupou millóns de cartas e foi ditada desde cabinas telefónicas a máis de dez mil quilómetros, en comunicación transatlántica. Convén non esquecelo: os países produtores de emigrantes sempre soubemos darlle a benvida á Historia, esa suma de retallos, no nome doutro país. Tampouco nos deixaron outra.

martes, 6 de febreiro de 2018

Prexuízos lingüísticos



Ao facerse un ano da publicación deste vídeo de Xano Cebreiro quixen colgalo neste blogue. Trata sobre algúns tipos de prexuízos lingüísticos : as súas causas, o que son, e a súa transmisión.
Un excelente recurso educativo para introducir nas aulas a reflexión sobre o tema dos prexuízos.

Vía Moradías do vento

luns, 5 de febreiro de 2018

Vindevídeos de Secundaria



Cunha semana de retraso, (pregúntome se era necesario este desprezo polo traballo dos participantes no concurso), a SXPL publica finalmente os vídeos gañadores do certame Vindevídeos. Se hai uns días xa comentabamos o asunto felicitando aos centros de primaria, agora debemos facelo cos de secundaria. Arriba, o vídeo Cantigueando do IES Franciso Asorey (Cambados) [por certo, este foi o meu primeiro destino, alá no século pasado, xusto o ano que o abriron]. Máis abaixo O peque do Coro do Xan Viaño, elaborado polo  Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, (Ferrol)

domingo, 4 de febreiro de 2018

Sacar a lingua é de mala educación

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

Oportunidades do multilingüismo na infancia e na idade adulta é o explícito subtítulo deste novo volume publicado, na “Biblioteca Intervención Social / Didáctica”, pola Editorial Galaxia.

venres, 2 de febreiro de 2018

Na segunda feira



A música "Na segunda feira" foi composta para divulgar os nomes tradicionais dos días da semana entre os nenos e nenas galegas.
É da autoría de Gloria Mosquera (Mamá Cabra) para a Mesa pola Normalización Lingüística e a AGAL.