Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 14 de setembro de 2012

No Béarla. 24 horas na lingua propia.


Calquera dos que procuramos usar o galego todos os momentos do día, en todos os lugares e en calquer circunstancia sabemos ata que punto está ferida a normalización. Pero Galicia non é o único lugar do mundo no que sucede isto.Un pode facer un paseo nun autobús turístico por Dublín coa posibilidade de recibir información en sete linguas, porén ningunha delas é o irlandés. Isto non é máis que o principio deste capítulo de No Béarla (Non en Inglés)  un programa da TG4 no que se documenta a viaxe de Machán Magan, que intenta percorrer Irlanda falando únicamente en irlandés, unha lingua que é oficial nese país, mesmo con obrigatoriedade de coñecemento para o acceso á función pública ou á universidade.
Pero a situación social do irlandés non está para bortar foguetes e demostráse decote neste programa. Machán Magan é expulsado de locais, sérvenlle comida equivocada, roupa equivocada, fanlle cortes de pelo que non pedira, rinse del,... incluso chegan a ameazalo con que vai acabar no hospital se continúa a falar a súa lingua [1].
Sen dúbida a situación en Galicia aínda é moi distinta á de Irlanda, mais as características do proxecto trazado polo goberno galego nos últimos anos ten a vista posta nun horizonte como o que se presenta  neste vídeo. Un horizonte cunha sociedade monolingüe en castelán e cuns guetos, ou reservas no mellor dos casos, nos que os mantedores da lingua B vivirían o castigo pola súa fidelidade á lingua do territorio. É isto o que queremos?
 Polo momento xa hai un proxecto para a realización dun documental sobre o conflito lingüístico en  Cataluña que se presenta co lema "Son bojos, aquests catalans!?" Sería un moi bo exercicio o de facer un programa deste estilo en Galicia. Polo de agora xa houbo un intento argallado na plataforma crowdsourcing Galegolab. Foi o proxecto "24 horas en galego", do que xurdiu o vídeo "Co galego... ata o inferno".

Grazas a Ollapáro, pois dalí obtiven a maior parte da información. Recomendo botarlle un ollo.

xoves, 13 de setembro de 2012

Chámalle "xe". Invitación ás matemáticas en galego.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC escolleron o lema Chámalle "xe" para promover o uso do galego no esotérico mundo das matemáticas. Pero fixeron máis.
Redactaron un texto que non sería outra cousa que unha invitación inxenua ao uso do galego a aqueles universitarios que, nun futuro, desenvolvan a súa vida profesional en Galicia. Pero é tal o estado de cousas na política lingüística do actual goberno da Xunta, que facer esta morna indicación é unha chamada ao incumprimento do aldraxante decreto 79/2010, o publicitado como o do plurilingüismo e que prohíbe a impartición das clases de matemáticas en galego.
Agora que vai dar comenzo o curso nas aulas de secundaria, convén que os profesores que estudáchedes matemáticas na USC poñades atención e, se aprendíchedes algo, que sexa polo menos isto.
Velaquí o texto da CNL da Facultade de Matemáticas:
As matemáticas contan coa súa propia linguaxe, a linguaxe matemática. Comprendela e saber utilizala é unha das competencias que debedes adquirir nos estudos do grao en Matemáticas. Xunta esta habedes conseguir outra: comunicar, tanto por escrito como de forma oral, coñecementos, procedementos, resultados e ideas en matemáticas tanto a un público especializado como non especializado.
Daquela, non só comprenderedes o que é senón que seredes quen de comunicárllelo a outras persoas. E para iso utilizaredes linguas naturais; calquera delas, a que mellor se adapte ao voso interlocutor; e que vós coñezades, naturalmente.
Moitos de vós -probablemente, a maioría- atoparedes en Galicia a vosa saída profesional. Outros sairedes ao exterior. Debedes contar coa mellor preparación posible. Aprendede linguas. Mais seguide aprendendo e cultivando tamén a lingua deste país, o galego, para poderdes trasladarlles a beleza das matemáticas aos galegos e galegas.

mércores, 12 de setembro de 2012

A castelanización da lingua literaria

Un artigo que nos leva a reflexionar sobre o estatus social da lingua galega na sociedade. Polo levantador de minas, Alfredo Ferreiro, no Praza:
Hai tempo que veño observando preocupado a castelanización da lingua literaria no que respecta aos obxectos directos de persoa. Erros gramaticais como “Sen avisar á súa nai, marchou da casa”, “Unha roupa axeitada para axudarlle a pasar desapercibido” ou “Só pretendía axudarche, non facer mal” poden ser observados en obras de principiantes así como nas principais plumas da nosa literatura, e até nas edicións máis primorosas. Son influencias dunha lingua na que os falantes se comportan cos complementos, se me permiten a licenza, dun xeito moito “menos directo” que os galegos, contravindo algún dos tópicos psicosociais máis arraigados.

Grazas á SXPL

Por fin! Véxome na obriga de darlle as grazas á SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) por facilitarnos  o novo corrector Galgo 2.0 desenvolvido pola empresa Imaxin que, polo momento, é a única contribución da Xunta de Galicia para conseguir algunha das metas do PXNL.
Esta boa nova pon máis en evidencia a defenestración da normalización lingüística levada a cabo polo goberno da Xunta nesta lexislatura. É como se a Consellería de Educación se gabara da súa oferta de prazas de profesorado por ter creado unha que non tiña previsto... despois de a.eliminar outras 1.000 das que non dá  conta ningunha.
Desafortunadamente os funcionarios non van poder agradecerlle á Xunta a difusión do Galgo 2.0 pois a primeira medida tomada encol do galego foi eliminar as probas que garantían o seu coñecemento nos procesos de acceso á función pública. Tampouco poderán facelo os profesores de matemáticas, nin os de tecnoloxía, nin os de ciencias en xeral pois o decretazo contra o galego tiña como principal obxectivo destrozar todo o traballo realizado nos últimos 20 anos baixo a sombra do carballo da normalización no ensino. Pero é que na xustiza pasa outro tanto. Os traballadores e os utentes dos xulgados xa sabían o complicado que era usar o galego en calquera trámite. Pois desde hai 3 anos o galego está completamente excluído dos xulgados ao non darse ningún paso para traducir o programa de xestión Minerva.
Resulta que os políticos que nos gobernan non van sentir a neceisade de descargar a ferramenta que nos ofrece a SXPL. Non o farán deputados nas cortes, ao que, como Ana Pastor (deputada pola provincia de Pontevedra) nunca lles oín unha palabra en galego. O mesmo podemos dicir de alcaldes como Carlos Negreira ou Abel Caballero. Noutros exemplos, estamos a falar da práctica xeneralidade dos conselleiros, usar un galego ocrrectoiría encontra dos seus principios políticos pois, recuperando a distinción sociolingüística que facía Castelao, eles non falan en galego por galeguismo, nin tan siquera por ruralismo, senón que o fan en exclusiva por oportunismo.
Os comerciantes non estarán entusiasmados co novo corrector. No seu dia, cando se aprobou a Lei do Comercio non se fixo nela ningunha referencia ao uso da lingua galega. Excluíuse calquera proposta de normalización. Tendo en conta o panorama comercial non será neste sector desde onde se proclamarán palabras de agadecemento pola difusión do novo recurso. Tampouco poderán utilizar o Galgo 2.0 todos os periodistas que están agora no paro procedentes dos medios en galego que había a comenzos da lexislatura. Chegados a este punto cheguei a pensar que os únicos que podían estar ilusionados serían os promotores de plataformas como a Mesa, ProLingua ou a CGENDL. Mais, a pouco que o consideremos, todos eles son profundos coñecedores das máis íntimas tripas da lingua.
Tendo presente que os meus coñecementos da lingua galega son máis ben pobres debido principalmente á inmersión lingüística en castelán que sufrín durante toda a miña época escolar. Ésta é a razón pola que finalmente chego a unha ineludible conclusión: que se non lle agradezo eu á SXPL que puxera ao meu dispor a ferramenta Galgo 2.0, creo que prácticamente ninguén vai estar en disposición de lle ofrendar tal agradecemento. Así que, unha vez máis, grazas á SXPL

martes, 11 de setembro de 2012

ProLingua móvese

ProLingua vén de renovar o seu web cun formato máis dinámico no que se engadiron accesos ás redes sociais máis populares.
Ademais destácanse cinco seccións principais:

VOCES: unha canle que acollerá diferentes opinións e análises da realidade expresadas por persoas da plataforma
OBSERVATORIO: un espazo para dar a coñecer o uso que do galego se fai na industria, no comercio e nos servizos.
MAPA DE QUEIXAS: Un mapa emocional da lingua, con vontade de irse enchendo e anovando coa colaboración de todos os membros.
NOTICIAS: Un espazo para acoller todas aquelas novas que ProLingua considere de interese para os seus fins.
SERVIZOS: Unha recompilación de documentos útiles para desenvolverse en galego nos diversos ámbitos da vida social.

A renovación do web hai que engadir a celebración dunha asamblea o vindeiro sábado día 15 no que renovará a súa directiva e aprobará un chamamento para as vindeiras eleccións do 21 de outubro.

luns, 10 de setembro de 2012

Memoria recente da destrución

por Mercedes Queixas, coma sempre, cargada de razón, en Sermos Galiza:

No idioma está a árbore xenealóxica dunha nación, sentenciou o escritor inglés Samuel Johnson.
A fala é a voz da terra / e máis do mar, / o vencello que nos xungue / no tempo cos que foron / e máis cos que han de ser, escribiu o poeta chairego Manuel María.
Tempos e espazos ben distantes entre si inspiraron, no entanto, nos dous escritores unha idea nuclear común para o seu pensamento e a súa obra literaria: lingua, fala e pobo como tríada indivisíbel.

domingo, 9 de setembro de 2012

A Estrada, capital da dinamitación do galego

Posiblemente a maior proxección fóra da comarca do concello estradense veña da súa Feira do Moble que se está a celebrar estes días. Supoño que moita xente lembrará aquela acertada campaña publicitaria baixo o eslogan "A Estrada, capital do moble".
O 10 de novembro do 2011 ten lugar  n´A Estrada a primeira reunión da Xunta Directiva da Rede (RDL) de Dinamización Lingüística. O caso non é de estrañar pois ademais do tristemente famosos pola súa zunia antigalega, Norberto Uzal, ou Anxo Lorenzo, os outros dous membros eran o alcalde d´A Estrada e o daquela técnico municipal do SNL, Valentín García e que neste tempo pasou a ser o máximo representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística.  O titular do día podía ser: "A Estrada, capital da RDL".
Hoxe, dez meses despois, os que se acheguen pola vila e pasen pola Avenida Benito Vigo (N-640) poden ver este cartel indicador que máis que a dirección da Feira do Moble da Estrada, o que nos indica é a dirección que marca a política lingüística da Xunta de Galicia, avalada directamente  directivos da Fundación do Moble, José López Campos, o alcalde, deputado autonómico e tamén membro da Xunta Directiva da RDL.

Eis a explicación do título deste post. Ben triste me sinto de que a miña vila de adopción leve, a partir de hoxe este deshonroso título.
Isto é o que sucede cando se usa unha lingua como medio para, por exemplo alcanzar postos relucentes na Administración, na política ou na economía. Moi outro sería o resultado se a lingua, a súa normalización,  fose realmente o fin perseguido.

mércores, 5 de setembro de 2012

As perlas do Secretario Xeral de Política Lingüística

No programa 'Galicia informa' (7/7/2012) da canle Correo.tv fixéronlle esta entrevista a Valentín García, o secretario xeral de política lingüística. No transcurso da mesma soltou algunhas perlas que aparecen destacadas máis abaixo.




"As linguas non obedecen a decretos nin a fronteiras políticas". Promovendo a insumisión ao funesto decreto chamado de plurilingüismo?

"Normalización é un termo máis técnico, a dinamización é a parte máis popular da normalización". "Temos que andar cos tempos, a ninguén lle gusta que lle digan que o van normalizar.... a ninguén lle gusta que lle digan que hai algo anormal na súa vida"   (11:40). Profundizando na terminoloxía sociolingüística.

"Antigamente dicíamos dalguén que era inútil ou mutilado. Hoxe falamos de discapacitado. Por iso preferimos falar de dinamización que de normalización" (13:00). Insiste. Armando xa unha zaragallada que polo menos é algo perigosa ao comparar termos como 'inútil' e 'normalización'. Curioso para quen ostenta o máximo cargo da SXPL. Clarificador tamén.

"Os grandes núcleos urbanos históricamente sempre foron os máis desgaleguizados" (14:00). Históricamente? Non sería máis preciso falar da castelanización das clases dominantes? Dito así parece un proceso natural: o normal é que nas urbes se fale o castelán, foi sempre así. Bonita mentira nos beizos do normalizador dinamizador maior da Xunta.

"Nas enquisas contabilizamos un galegofalante a aquel falante monolingüe que fala galego e só galego da mañán ata a noite", pola contra en Euskadi consideran euskaldún a aquel que é capaz de falalo, de lelo e de ter unhas competencias mínimas en lecto-escritura"  (16:30). Claro que a primeira norma para a manipulación dunha enquisa consiste en non facer fachenda do asunto.

"Unha mesma persoa pola mañán fala galego coa súa familia, chega ao seu posto de traballo e fala castelán, logo cos compañeiros de traballo no xantar volve a falar galego,  pola tarde cos fillos con un fala galego e co outro castelán... agora hai moita máis xente deste tipo"   (17:50). Así que os que falan galego deixan de facelo no traballo ou no trato cos fillos. Chámase iso diglosia?

"Os nenos nas cidades falaban sempre en castelán, era máis tarde cando entraban en contacto co galego e cando se  instalan en galego" (19:30). Si agora hai moitos rapaces dese tipo. Basta consultar as enquisas dos hábitos lingüísticos nas idades máis novas... ou mellor, dar un paseo por calquera espazo de lecer habitual da mocidade en calquera cidade galega.

"Aínda que teñamos escolas nas que se ensina todo en galego, se o neno ou a nena, unha vez que sae do centro educativo,... está todo en castelán" (20:00). Claro que se fóra da escola xa está todo en castelán e despois reducimos tamén o uso do galego na escola...

"O decreto 79/2010 é un decreto máis,... pero o labor de verdade coa lingua teno que facer o docente" (22:05). Que docente? o de matemáticas?

"Cando o BNG di que as clases en galego non chegan ao 20% é porque se refire a entornos urbanos e puntualmente ás clases de infantil que todos sabemos que dependen da opción da lingua materna que marcan os pais e as nais...é evidente que aquí temos moitísimo por andar... que se impliquen tamén a falarlle na casa, non é só na escola" (23:00). Non entendo moi ben a lóxica desta parte. Estase afirmando que como o funesto decreto contra o galego aprobado polo actual goberno da Xunta determina que serán os pais os que decidan a lingua das clases de infantil, o resultado foi unha importante redución o uso do galego.. por iso reclama dos mesmos pais que o usen na casa??

"[na normalización] hai ámbitos moi difíciles como o da xustiza, e non só polas reticencias que poida haber con respecto ao galego, senón que a lingua da xustiza utiliza un léxico moi preciso" (27:00). Isto si, entendémolo:  o galego é unha lingua esencialmente imprecisa.

"Estamos traballando xa [sic] na tradución do programa Minerva, que é o programa co que traballan nos xulgados e das audiencias que agardamos que este ano poida estar listo" (27:30). O programa Minerva leva implantado case 3 anos e exclúe a posibilidade de facer os trámites dos xulgados en galego. Tal e como vexo o funcionamento da SXPL, aposto a que rematará o ano sen que ningún funcionario xudicial vexa a versión galeguizada do programa. E a ninguén lle estraña que a Consellería de Xustiza non mostre ningún interese no asunto?

"Máis de cen operadores da xustiza pormeteron, entre aspas [sic], incorporar o galego ao seu traballo" (29:00). Está claro: se non fose 'entre aspas', non o prometerían.

Menos mal que a entrevista foi realizada nun ambiente amable, desde un medio afín. Senón sairía algo coma isto.

Fragas, pazos, linguas

Un gozo ler a alguén que fala da normalización e con termos acaídos. Por Rubén Pardiñas en Praza Pública:
Antonte escoiteino de novo, en Lapamán, a un homiño bastante alporizado que co seu discurso estridente rachaba coa apracible dinámica dunha mañá na praia: “O tema non son as linguas, son os falantes. O español non está en perigo, claro que non; tanta política de normalización lingüística o que fai é impedir que poidamos exercer os nosos dereitos, por exemplo á hora de escolarizar aos nosos fillos na lingua que elixamos”, dicía nun galego do Morrazo bastante bo. Decateime axiña da vitalidade dun argumento que eu imaxinaba afundido xa na prehistoria de UPyD. Pois resulta que non, que callou ben. E se aínda abrolla entre primas de risco, rescates, subas do IVE e recortes varios, non é aventurado pensar que dificilmente nos abandonará. Cómpre, iso si, cuestionar o que non deixa de ser un slogan exitoso.

martes, 4 de setembro de 2012

El català, llengua vehicular!



Apareceu hai algúns meses. Trátase dunha canción de Josep M. Porté reivindicando o catalán como lingua nas escolas.
Fáisenos moi coñecido por aquí o tema. Non si?

luns, 3 de setembro de 2012

ORAL ou como a Deputación de Pontevedra exclúe o galego

Non  vou  comentar aquí o evidente atraco aos veciños da Estrada que supón o incremento do 100% nos recibos do IBI (os do catastro) cando ademais xa temos asegurada unha subida posterior para o vindeiro ano doutro 20%.
Non vou comentar o caso de quen tivera que pagar un recibo de 200 € o ano pasado e pase a ter que aportar agora 400 € ou 480 para o vindeiro ano nunha situación social de características verdadeiramente alarmantes ao contabilizarmos un incremento dos parados do concello de case un 50% nos tres últimos anos.
Non o vou facer porque do que se trata nesta ocasión é de denunciar que unha vez máis as administracións públicas, neste caso a Deputación de Pontevedra, gasta os cartos dos contribuíntes en aplicacións informáticas nas que se exclúe por completo o galego. Trátase da oficina virtual para o cobro de tributos (ORAL). Claro que cando se anunciou a posta en funcionamento desta oficina virtual, explicárase que estaría dispoñible tamén en galego. E non o está.
Outra vez anunciase unha cousa e finalmente acabamos sufragando a imposición do castelán, incluso para pagar, en todos os eidos da administración pública. Con estes exemplos non é de estrañar que falar de trasladar a normalización lingüística á iniciativa privada é un insulto á intelixencia dos cidadáns.
O procedemento é sempre o mesmo. De cara á sociedade proclamamos palabras de amor e de defensa do galego. Pola contra a realidade demostra que despois se trata con desprezo e minusvaloración. En concreto neste caso simplemente bótase ao lixo e non se ten en conta máis que para destacar o caro que nos custa a normalización. Mentras, os cartos que se recaudan cada vez con máis iniquidade revirten sempre na ominipotente persistencia do español. Entón un pregúntase para que serve a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

xoves, 30 de agosto de 2012

Mixólogo




" e unha vez que está deshecha, agregarle curaçao.... eso se leva ao conxelador a moi baxa  [sic] temperatura.... botamos o xeo no vaso, se escurre el hielo sobrante para que no se quede aguao [sic] o resultado"
No programa da TVG "A Revista da Fin De Semana" entrevistaban a Iván Cortón, gañador, segundo informan, dun dos máis prestixiosos concursos de coctelería. O curioso do caso é a extraña lingua (?) que fala o coctelerio (ou mixólogo). Fai unha mestura tal de linguas que é moi complicado que a un non lle abaneen as orellas cando o escoita.
Non se trata de facer escarnio co alquimista de licores, senón mais ben de evidenciar con este exemplo o que cada día é máis habitual por culpa da política de exclusión da lingua galega tanto do ensino como do resto dos ámbitos da sociedade. Sobre todo nas cidadades (pero non só) cada vez é maior o número de analfabetos do uso do galego. Viven de costas a esa lingua, cun entorno que non o usa, informados por un enxamio de medios de comunicación en español, en relación cunhas administracións de galegas só teñen o nome (cando aínda o teñen), e cun ensino no que a presenza do galego é comparable á do francés. Os resultados reflíctense en persoas como este mixólogo que a forza de mesturar bebidas, acabou tamén mesturando linguas. Un pouco de galego porque é para a TVG, e grazas, porque cada vez esta deferencia é máis infrecuente; un bo grolo de castelán e as necesarias pingas de inglés, por iso de darlle importancia internacional ao cóctel. O resultado, velaí o temos, unha especie de interlingua que só serve para substituir á lingua B, un paso intermedio para a súa substitución completa.
Saber e usar o galego non é necesario, esa é a mensaxe que se espalla cada día con máis insistencia. Desafortunadamente os maiores valedores da mesma son os que ocupan cargos establecidos xustamente para o contrario. Desde a Xunta de Galicia, especialmente desde a Consellería de Educación e a  súa SXPL están empeñados en restrinxir as posibilidades do emprego do galego a aquelas circunstancias nas que non se sinta incómodo ningún hipersensible castelán-falante.
Preguntémonos polas decisións tomadas nesta última lexislatura en materia de política lingüística. Eliminouse a esixencia de probas de galego para administración pública co obxectivo de establecer que a única lingua real das dependencias oficiais fose o hiper-protexido castelán. Organizouse unha campaña de desprestixio da defensa e o uso do galego identificándoo coa imposición ao tempo que se ligaba o castelán co uso libre. Decapitouse a promoción do coñecemento e o ensino da lingua galega cun funesto decreto co fin de que aqueles zunantes aos que lles molestaba o seu uso non tiveran problemas. Elimináronse ou reducíronse todos os ámbitos de normalización da lingua. Por poñer un exemplo, os Equipos de Normalización dos centros de ensino viron reducidas nun 80% as axudas nos 3 anos presupostados. Incluso chegou a proscribirse a palabra normalización. Estableceuse unha práctica de recuperación de uso do castelán en campañas publicitarias, declaracións institucionais, deturpación toponímica,...
As consecuencias non podía ser outra que o incremento dunha preocupante bolsa de mixólogos na sociedade galega. É isto o que queremos para o país?




mércores, 29 de agosto de 2012

luns, 27 de agosto de 2012

Galiza e a urgência de umha verdadeira reforma ortográfica

por Maurício Castro en Galicia Confidencial:

Leio nas páginas do Galicia Confidencial umha informaçom sobre os problemas e riscos para o galego na era digital, feita a partir de um estudo realizado por investigadoras galegas para umha instituiçom europeia.Polos vistos, o tal informe lamenta a escassa presença do galego no mundo das novas tecnologias e da internet, advertindo da ameaça que a globalizaçom supom para a sobrevivência do nosso património lingüístico e cultural. Como noutros estudos parecidos, conclui que é preciso investir mais em criar recursos em galego, investigar, inovar e desenvolver.

Ciencia en galego

por Marta Dacosta Alonso en Terra e Tempo:

Un exemplo de autoestima, unha pequena publicación moi específica que chegou a todos os recantos do mundo na nosa lingua.O Consello da Cultura Galega acaba de publicar Escribir de ciencia en galego, volume coordinado por Francisco Díaz-Fierros e Xurxo Mariño que recolle as actas da xornada celebrada o 20 de maio de 2011 sobre este tema. A publicación inclúe un estudo do uso da lingua nas publicacións de diferentes entidades, Universidades, Administración, asociacións… no que se pode ver cantas publicacións empregaron a nosa lingua e en que proporción até o ano 2002 (un traballo do seminario de sociolingüística dirixido por H. Monteagudo). Fago referencia a esta publicación porque nese estudo queda reflectido brevemente o resultado dun esforzo de anos: a publicación en galego dun boletín científico sobre cetáceos, promovido pola CEMMA, iniciativa que coñezo en profundidade porque con ela colaborei na corrección de textos ou mesmo mediante a publicación dalgunha nota sobre toponimia.

Mondariz-Balneario

por Xosé González en Galicia Confidencial:

Contan as crónicas que rematada a guerra civil as autoridades franquistas da Coruña mandaron cortar a páxina do Rexistro Civil na que figuraba a inscrición de nacemento de Casares Quiroga. Con aquel xesto inútil quixeron os inquisidores do novo réxime borralo da historia. De pouco lles valeu, porque a a memoria restableceuse co paso do tempo.No caso de Enrique Peinador Lines os métodos empregados non foron idénticos, pero máis ou menos. Desde 1940, ano do seu pasamento, os historiadores e axentes económicos obviaron ou terxiversaron a grandeza dun home senlleiro na historia de Galicia. Se tiveramos que definir a contribución que Peinador Lines fixo ao desenvolvemento socioeconómico do País diríamos que foi o creador da fórmula I+D+i, invocada constantemente polos teóricos da economía .El engadíulle outro sumando máis, o “G” de galeguismo, que hoxe, oitenta anos despois, aconsella calquera manual das bos prácticas empresariais, coñecido como Responsabilidade Social Corporativa.

domingo, 26 de agosto de 2012

Bandeira vermella


A foto foi tirada nun panel que hai na Praia das Catedrais.
Segundo o que se pode deducir deste aviso, fica ben claro que para os galegos, máis varudos que os naturais de Albión ou de Castela, non achamos distinción entre prohibido/con precaución. Eis que se atopamos un sinal de 'non pasar', ou se nos presentan un decreto prohibindo o ensino das matemáticas en galego, nós xa sabemos o que temos que facer que non é outra cousa que o que nos dicía o afouto Avelino Pousa Antelo: hai que seguir!.

venres, 24 de agosto de 2012

A lingua máis difícil do mundo



Desde o Colexio Luis Vives de Ourense, lectura de textos do imprescindible Made in Galiza, de Séchu Sende. Vía Made in Galiza
E outro máis de regalo:

outube.com/watch?v=K6MgBlyC8OA&feature=player_embedded

xoves, 23 de agosto de 2012

Non sexas cómplice dun crime...



Preparados,apunten, *fuego. Os incendiarios executan os nosos bosques; de forma premeditada e tamén por omisións. Estamos a *condear a morte os nosos montes, á nosa terra. Non sexas cómplice dun crime. Denúnciao.
Non sexas cómplice dun crime... contra a lingua galega.
Vía Mestra

mércores, 22 de agosto de 2012

Avelino Pousa Antelo. Recompilación

Artigos 
Morre o último loitador do PG, en Galicia Confidencial (20/08/212)
Falece Avelino Pousa Antelo, personaxe histórico do galeguismo, en Galiciaé (20/08/2012)
Pousa Antelo, defensor do legado de Castelao, en Galiciaé (20/08/2012)
O mundo da cultura e a política galega reivindican a súa figura, en Galiciaé (20/08/2012)
Feijóo: ''Dedico a súa vida a defender Galicia dentro e fóra da nosa terra'', en Galiciaé (20/12/2012)
Falece Avelino Pousa Antelo, memoria e dignidade do galeguismo, en Praza Pública (20/08/2012)
Avelino Pousa Antelo: O ‘mestre de Galicia’, en Praza Pública (20/12/2012)
De profesión, cooperativista, por Manel González en Praza Pública (20/08/2012)
Avelino Pousa Antelo, adeus ao soñador da Galiza redimida, en Sermos Galiza (20/08/2012)
Na lembranza do mestre, en Sermos Galiza (20/08/2008)
Morre Avelino Pousa Antelo, en culturagalega.org (20/08/2012)
O Consello da Cultura Galega expresa o seu pesar polo falecemento do destacado galeguista Avelino Pousa Antelo, nota do Consello da Cultura Galega
A Mesa chora o falecemento do seu presidente de Honra, Avelino Pousa Antelo, A Mesa (20/08/2012)
O presidente da Xunta de Galicia amosa o seu pesar polo pasamento de Avelino Pousa Antelo, do web da Xunta

O último adeus a Pousa Antelo, en Galiciaé (21/08/2012)
Galicia despediu a Pousa Antelo en Teo, en Praza Pública (21/08/2012)
Algunhas ideas de Pousa Antelo sobre o ensino, a súa finalidade e a súa función social, en Sermos Galiza (21/08/2012)
Avelino Pousa Antelo, adeus ao soñador da Galiza redimida, en Sermos Galiza (21/08/2012)
Boa viaxe, Lucho do Peto, en Sermos Galiza (21/08/2008)
Avelino Pousa Antelo, adeus ao soñador da Galiza redimida, en Sermos Galiza (21/08/2008)

Opinión
Avelino, o noso Lucho do Peto, por David Otero para Sermos Galiza (20/08/2012)
Carta a Avelino Pousa Antelo, por Uxío Breogán Diéguez Cequiel en Sermos Galiza (20/08/2012)
Avelino, Irmán, por Marga Romero en Sermos Galiza (20/08/2012)
Até sempre, Avelino, por Carlos Callón en Sermos Galiza (20/08/2012)
Avelino Pousa Antelo: un perfil de urxencia, por Ramón Villares no portal do Consello da Cultura Galega (20/08/2012)

O soñador, por Carlos Negro en Sermos Galiza (21/08/2012)
Avelino Pousa Antelo, memoria e futuro, por Luis Bará en Sermos Galiza (21/08/2012)
Vázquez Pintor escríbelle a Pousa Antelo, en Praza Pública (212/08/2012)
Avelino, Lucho do Peto. Um innovador no campo da agricultura, por Adela Figueroa en Praza Pública (21/08/2012)
Lucho do Peto, por Pablo Vaamonde en Praza Pública (21/08/2012)
Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais, por Xosé María Lema Suárez en ProLingua (21/08/2012)

Aquel home afouto e ergueito, por Francisco Castro en Praza Pública (24/08/2012)
Lembranzas de Avelino, por Xoán Carlos Garrido Couceiro, en Terra e Tempo (30/08/2012)


Blogues
Avelino Pousa Antelo: “Fun un hipócrita excepcional”, na Axenda Cultural da AELG
Pousa Antelo, por Perfecto Conde en Croques (20/08/2012)
Hoxe morreu un nacionalista galego, Avelino Pousa Antelo, en Cousas de Imeneo (20/08/2012)
Morreu Avelino Pousa Antelo, no Blog de César Salgado (20/08/2012)
Faleceu Pousa Antelo, en Acuática, o blogue de Marta Dacosta (20/08/2012)
Avelino Pousa Antelo, patriota galego, en Un país en lata, o blogue de Fran P. Lorenzo (20/08/2012)
Franquicias de Avelino, por Diego Giráldez en economato (20/08/2012)

Avelino Pousa Antelo, (1914-2012), por Luis Davila no Bichero (21/08/2012)
Onte 347: Mestre don Avelino, por Manuel Bragado en Brétemas (21/08/2012)

Recursos
Avelino Pousa Antelo, na Galipedia
Ficha de Avelino Pousa Antelo, da Biblioteca Virtual Galega
Pousa Antelo: "O presidente é un arrecastado", entrevista de Montse Dopico para Galicia Hoxe
Historias da vida-Avelino Pousa, documental de Xan Leira para o Consello da Cultura
Entrevista a Avelino Pousa Antelo, vídeo de Terra e Tempo
Entrevista a Avelino Pousa Antelo en Eirado, na TVG (29/01/2011)
Avelino Pousa Antelo na Estrada, vídeo dun acto da Asociación Cultural Vagalumes (23/07/2009)
Avelino Pousa Antelo na homenaxe a Castelao na Estrada, vídeo dun acto da Asociación Cultural Vagalumes (xaneiro 2011)
Avelino Pousa Antelo. Homenaxe a Ánxel Casal, vídeo da Asociación Cultural Vagalumes (agosto 2011)
Avelino Pousa Antelo: memorias de un gallego inconformista, en V Televisión (22/01/2012)
A Quenlla e Avelino Pousa Antelo  , vídeo 
Avelino Pousa Antelo, vídeo de Edukalia
Galegos, gallegos e galleguiños..., vídeo
Videoteca AELG de Avelino Pousa Antelo, vídeo da AELG
"Hai que ter a constancia dos homes máis importantes da nosa historia", entrevista en Vieiros
Avelino Pousa Antelo nalgúns actos públicos, fotografías no Galicia Hoxe
Entrevista. Avelino Pousa Antelo, por Xiana Lastra Penas para a Revista Galega de Educación
Na Cedeira dos corenta. Lembranzas dun mestre de Montoxo, por Avelino Pousa Antelo para Olláparo
Avelino Pousa Antelo. Ser galeguista en tempos difíciles, en Eduga53

martes, 21 de agosto de 2012

Entrevistas a Avelino Pousa Antelo

Documental de Xan Leira para a serie 'Historias da vida' do Consello da Cultura Galega:



A segunda é unha entrevista que lle fixeron no programa 'Eirado' da TVG o 29/01/2011

A seguinte foi realizada para Terra e Tempo:

luns, 20 de agosto de 2012

As leccións de Avelino Pousa Antelo

Foisenos Avelino Pousa Antelo cos seus mozos 98 anos.
Pídeme o corpo lembrar algún dos momentos máis importantes de reivindicación da lingua de noso, verdadeiras leccións que cómpre non esquencer nunca. Máis aínda se temos en conta que son todas dun home, que xa tiña polo menos 95 anos nas súas sempre lúcidas ideas.
Quen pode esquencer o emocionante momento que representou o seu discurso na manifestación do 18 de outubro do 2009? Lembremos que o acto fora motivado para protestar contra o funesto decreto chamado de plurilingüismo.
Algunhas palabras da súa intervención na Quintana: "Que temblen os arrecastados, que temblen os que se negan a sí mesmos, que temblen eses que pensan que poden dispoñer da liberdade e da dignidade dos galegos, que é algo sagrado. Eu citaría unha frase de Castelao no seu primeiro discurso nas Cortes Constituíntes. Foi o 18 de setembro de 1931:se os galegos aínda somos galegos, é por obra e gracia da nosa lingua, e temos que defendenla.... A miña consgina é a que foi toda a miña vida: hai que seguir!"



Este segundo momento recolle a intervención de Avelino na súa última colaboración na Estrada, invitado pola Asociación Cultural Vagalumes. Neste caso tratábase de celebrar o 125 aniversario do nacemento de Castelao, figura  á que Pousa Antelo foi sempre fiel, desde que o coñecera nun mitin no Teatro Principal de Compostela. Mellor escoitalo a el:



Neste terceiro vídeo, témolo  na presentación das 30.000 sinaturas da ILP, como sempre, na defensa da nosa lingua:

sábado, 18 de agosto de 2012

Por unha lingua sen límite II

Segunda parte do artigo de Mercedes Queixas no Sermos Galiza (aquí a primeira):

Por unha lingua sen límite 1991-2011semella ser certeiramente o título máis acaído para o novo capítulo que a política lingüística galega proxectou entre o 2006-2009.
O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a estrela debutante logo de máis de dous anos de preparación do papel, fixera a súa entrada nos fogares galegos, iso si, moi modestamente e sen apenas ruído.

xoves, 16 de agosto de 2012

No canviem de Llengua




No canviem de Llengua é unha campaña da Associació de Juristes en defensa de la Llengua pròpia. Un aviso para o que decote sucede nos xulgados galegos, que máis que cambiar de lingua establécese unha sitemática exclusión da lingua de noso.

martes, 14 de agosto de 2012

O porvir do galego. 25 anos despois



No programa "A dúas bandas" da TVG, emitido en maio do 1987 participaban Carvalho Calero e Constantino García. O tema era "o porvir do galego". 25 anos despois conviña pegarlle un repaso.



domingo, 12 de agosto de 2012

Ecolingua: mesa redonda sobre lingua e institucións





Un novo retallo do Ecolingua. Neste caso trátase dunha mesa redonda con Iolanda Veloso (profesora na Universidade de Vigo e concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo), Manuel González (doutor e profesor na USC e secretario da Real Academia Galega), Henrique Monteagudo (membro do Consello daCultura Galega) e Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística), no I Simposium Internacional Ecolingua, celebrado en Vigo os días 17, 18 e 19 de decembro do 2009.

venres, 10 de agosto de 2012

Ecolingua: mesa redonda sobre lingua e política



Ando a revisar algunhas cousas de atrás que son un aire anovador frente ao deserto que estamos a vivir nos últimos anos. Máis dunha vez incluín vídeos dese excelente Ecolingua celebrado hai xa tres anos pero aínda había algún que non recollera neste blogue, quixen recuperalos agora.
Mesa redonda cos deputados Carme Adán (BNG) e Francisco Cerviño (PSdeG-PSOE), no I Simposium Internacional Ecolingua, celebrado en Vigo os días 17, 18 e 19 de decembro do 2009.

xoves, 9 de agosto de 2012

Por unha lingua sen límite I

Un acertadísimo artigo de Mercedes Queixas Zas no Sermos Galiza (non perder a continuación):

Por unha lingua sen límite 1991-2011 é o recente título que recolle as palabras pronunciadas na xornada de celebración dos vinte anos dos equipos de normalización lingüística que, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, tivo lugar en Compostela o 5 de xuño de 2011.

mércores, 8 de agosto de 2012

A calculadora de Ramón Verea

Como profesor de matemáticas, en moitas ocasións teño que explicar o funcionamento de determinadas funcións dunha calculadora. Neses casos non podo deixar de lembrar a figura de Ramón Verea. Como teño a certeza de que é un descoñecido vou deixar aquí algúns apuntes sobre quen foi ese home.

Nun acto celebrado en novembro do 2009 e organizado polo Foro Enrique Peinador ([1], [2]), homenaxeouse a Ramón Silvestre Verea García, natural da parroquia de Curantes (A Estrada) do que se destacaba o mérito de ser o inventor da calculadora. Despois do descubrimento dun busto realizado polo escultor Manuel Molares interveñen o historiador Ricardo Gurriarán e o mestre Olimpio Arca Caldas, autor do libro Ramón Verea.




Para sermos máis precisos convén matizar o título que se lle asigna en moitos lugares a Ramón Verea como o de ser o inventor da calculadora. Non hai ningunha persoa á que se lle poida atribuir en exclusiva este invento. Os precursores xurdiron no XVII. Un deles foi o reloxo calculador de Wilhem Schikcard,, outros foron os  artefactos dos  ilustres matemáticos Leibniz e Pascal: a máquina artimética do primeiro e a pascalina do segundo.  No XIX patentaríanse moitas máquinas de calcular e faríanse importantes aportacións ao desenvolvemento da tecnoloxía do cálculo. Unha delas viría de Ramón Verea. Concretamente o seu invento, patentado no 1878 ten o mérito de poder realizar produtos directamente pois ata o momento realizábanse mediante unha repetición de sumas. Segundo as palabras do propio Verea:
A miña máquina, ademais de sumar e restar, multiplica e divide polo sistema abreviado que usamos, coa vantaxe de multiplicar todo o multiplicando á vez por cada número do multiplicador
Reivindicar a este noso veciño é tamén reafirmarse no orgullo do propio, do noso. Ramón Verea, un veciño da parroquia estradense de Curantes, mestre e redactor dun xornal, director doutro, escritor, tradutor, inventor e empresario, actividades que realiza en Cuba, Estados Unidos, Guatemala e finalmente Arxentina, onde morre no 1899.
Se un profesor de matemáticas coma min, quixera aproveitar a figura e a proximidade de Verea para facer agromar ese orgullo aparellado á reafirmación da lingua de noso, tería un serio problema pois para facelo deberá enfrentarse aos ditames da Consellería de Educación. Creo que non hai que volver a recordar os funestos mandatos do decreto 79/20120, o chamado decreto do plurilingüismo que prohíbe, entre outras,  as clases de matemáticas en galego. E aínda Valentín García, o secretario xeral de política lingüística é quen de dicir que os decretos non son importantes. Pois na súa mesma lóxica tampouco importará cambiar un por outro e por comenzar a facer algo (non se sabe de nada que fixera ata o día de hoxe), Valentín García, que asistiu ás xornadas correspondentes ao acto do vídeo, podía promover a normalización das matemáticas no ensino por medio da descoñecida figura de Ramón Verea.

martes, 7 de agosto de 2012

Trouleas?

por Lois Diéguez en Terra e Tempo:

Vaia, a Ana María Fernández, concelleira de Cultura do concello da Coruña, acaba de agasallarnos con outra das súas ocorrencias. Lembran as do 2011 cando se estreaba como tal concelleira, aquilo de que "las fiestas del año pasado no tuvieron éxito por ser demasiado gallegas"? E non lle chegou con esa boutade, pois aínda se atreveu a engadir: "el bipartito programaba cosas demasiado gallegas".

luns, 6 de agosto de 2012

Galeguiza Galicia

por Xosé González, no Galicia Confidencial:

Esta é a divisa dun grupo de entidades que ten como única misión acrecentar o discurso do galeguismo con propostas innovadoras alén dos lindes da tradición literaria.
Para acadaren os seus obxectivos estes colectivos utilizan dous medios de comunicación compartidos: www.galeguizargalicia.tv e www.galeguizargalicia.com . En ano e medio a canle de televisión foi visitada por 30.000 persoas; a incidencia a través de facebook é de 62.000 visitas, e os videos en Youtube foron visionados 5.000 veces. A importancia da incidencia social non ten dúbidas.

O galego de Oxford


 

Un capítulo máis do Ben Falado. Non necesita presentación.

Consumo responsable en galego

por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Cando merco un produto ou escollo un servizo, ademais de ter en conta o prezo e valorar as condicións de calidade, gosto de coñecer tamén a súa trazabilidade, esa información imprescindible para saber da súa orixe e do itinerario do seu proceso de comercialización. Utilizando estes criterios de consumo responsable non teño vergonza ningunha en confesar que a miña preferencia primeira está a prol dos produtos alimentarios que teñan a súa orixe en Galicia. Unha opción que nada ten que ver cun chovinismo visceral e si, pola contra, co seu excelente nivel de calidade e co apoio que precisan os seus produtores para facerse un oco nas canles de comercialización cada vez máis pechadas polos intereses do mercado maiorista. Por ventura hai moitos e excelentes produtos galegos, a prezos moi competitivos, onde cadaquén pode escoller en función dos seus gustos.

sábado, 4 de agosto de 2012

Entre línguas, outra vez

O máis que interesante documental 'Entre línguas' de João Aveledo, Eduardo Maragoto e Vanesa Vila-Verde xa foi noticia neste blogue no seu dia. Se agora volvo sobre el é sobre todo para informar que tamén o podemos ver desde o repositorio de películas Canle TV xunto a unha serie doutros seis documentais que dan unha suma total de máis de dúas horas e media facendo un percorrido beireando a fronteira portuguesa entre Zamora e Badaxoz.
Gostaría de embeber neste post,  por exemplo o documental desta serie no que o profesor Henrique Costas ten a ben comentar para este traballo, porén non é posible facelo. Así que se queremos ver estas curtas non nos queda outra que ir ao web de Canle TV. Cando atopo estes atrancos moito me acordo de Flocos!
Ademais do xa referido 'Entre línguas', os vídeos que podemos ver son Alcântara, Almedilha, Calabor, Olivença e Xalma


xoves, 2 de agosto de 2012

'¿Habla mi idioma?'

Ao procurar algo de orde pola trasteira do blogue atopei este artigo que tiña medio perdido. A autora é  Empar Moliner, publicado en Ara (02/08/2011). Como pasou  un ano aproveito a ocasión para poñelo por aquí:

"El parlant (generalment monolingüe) d'una llengua considera, sense voler, que les altres llengües són traduccions de la seva".