por Susana Méndez, no Sermos Galiza:
En Ávila, ás 5h da mañá, érguese, despois de parar o espertador, un home chamado Pedro. Aséase, vístese, almorza e marcha ao traballo nunha factoría industrial. Regresa á casa ás 15h, despois de ter pasado polo supermercado, para mercar pan e algúns produtos básicos. Despois de xantar vendo as noticias na televisión, séntase un anaco para ler o xornal. Fai algunhas cousas pendentes, recibe unha chamada dunha teleoperadora que intenta venderlle unha tarifa de telefonía, acode a unha consulta médica, mentres agarda a súa vez intercambia mensaxes de texto desde o seu móbil, consulta certa información en internet e envía un par de correos electrónicos, e finalmente decide ir ver o filme que lle recomendaron a unha sala de cine.
E todo isto, toda a vida de Pedro, totalmente na súa lingua. Sen ningún tipo de conflito, problema ou dificultade. No súper intercambia saúdos co persoal na súa lingua, que tamén é a deles. As noticias que ve na televisión están na súa lingua, o mesmo que o xornal. Atende o teléfono sen cambiar de lingua e sen ter que pedir que lle falen o seu idioma. Na consulta médica tampouco tén ningún problema. O seu móbil, a mensaxería, o correo electrónico, internet, no seu idioma. E o filme que ve no cine enténdeo sen dificultade porque está na súa lingua. Unha vida plena nun idioma normalizado.
Pedro vive en Ávila, é de Ávila de sempre e non coñece outro idioma que o que lle falaron a súa nai e o seu pai. O mesmo no que se formou, no que lle falaban os mestres e mestras na escola e no que leu os libros de texto ou as lecturas. E nesa lingua desenvólvese todos os días sen ningún problema. Con NORMALIDADE.
Iso, a normalidade, é o que reclamamos moitas persoas para a nosa lingua. Poder facer como Pedro, todas esas actividades e calquera outra que se nos ocorra no noso idioma. Sen termos que dar explicacións, nin que cambiar de rexistro segundo a circunstancia. Sen termos que nos sentir menosprezadas, humilladas, silenciadas, obrigadas. Sen perdernos moitas cousas por non estaren en galego, por non podermos gozalas na nosa lingua. Sen ter que estudar e formarnos nunha lingua que non é a nosa. NORMALIDADE.
27 de xaneiro. 12h. Alameda. Santiago de Compostela.
Queremos Galego. Queremos NORMALIDADE para a nosa lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario