por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:
A normalidade da convocatoria e do desenvolvemento da manifestación de Queremos galego! en Compostela este domingo 27 de xaneiro foi completa. Inversamente proporcional á anormalidade que concerne ao uso e promoción do noso idioma por parte do poder político do Goberno da Xunta de Galiza.
Chamou a atención, pola contra, o desproporcionado despregamento do operativo de seguridade e vixilancia exhibido —plasmado na presenza de numerosos furgóns policiais—, que semellaba deberse a unha fulminante orde emitida dende altas esferas do poder: moito coidado con eses radicais.
A climatoloxía propia do país nesta época, malia as incomodidades que puido xerar entre os concorrentes, que encheron de paraugas a Quintana —dos vivos—, converteuse nun aliado —esperado— para afrontar a realidade. Coa que está a caer, fronte ao auténtico mal tempo, para nomes abstractos de doada concreción —coma liberdade, dignidade, identidade—, unha morea de participantes proclamou, con fachenda, unha voz únanime que nada sabe de resignación.
Esta é, precisamente, a actitude indispensábel para nos ceibar do malfado dunha expresión que vai asociada ao noso asoballamento como pobo, para afirmar, só en días de temporal coma o do domingo 27: e dicimos que chove!
O lema da convocatoria, “Pola lingua que nos une”, afonda nas raíces do miolo da cuestión. Por ser o idioma propio a pedra coa que está construído o edificio da nosa personalidade colectiva. E tamén por ser a chave coa que abrirmos o mundo. Velaí o sentir fondo, das verbas do poeta Manuel María, nunha e noutra expresión.
Entre os participantes recolléronse sinaturas para reclamar, consonte as ideas de Valentín Paz-Andrade, que a lingua portuguesa goce de oferta educativa preferente en todos os centros de ensino secundario de Galiza. O cal, ademais, ao posuír o alumnado plena competencia en galego, faculta a posibilidade de acceder a unha das principais comunidades de falantes en todo o mundo.
Ben lonxe do que acontece na actualidade, para que a rapazada galega poida desenvolver unhas capacidades axeitadas en comprensión e expresión na nosa lingua débese cumprir ao pé da letra o contido do manifesto “Queremos Galego na Escola!”, lido durante o acto. Pódese acceder a el, descargar ou asinar na seguinte ligazón: http://www.cig-ensino.com/novas/5-12-2012/asina-o-manifesto-queremos-galego-na-escola
Nel esíxese a derrogación inmediata do Decreto 79/2010, en verdade aprobado para lle coutar espazos ao galego, mais, de xeito eufemístico, denominado “para o plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia”.
"Por ser o idioma propio a pedra coa que está construído o edificio da nosa personalidade colectiva. E tamén por ser a chave coa que abrirmos o mundo".
Como é ben sabido, o TSXG determinou a ilegalidade de varios puntos do seu articulado. Ao mesmo tempo, este organismo comina ao Goberno galego a aplicar unha política que promova o idioma propio do país, en consonancia co que estipula a Lei de Normalización Lingüística. Lei, por certo, promulgada en 1983, cuxa aplicación dista, cada vez máis, de se cumprir.
Cinguíndonos só ao ámbito educativo —e ignorando moitas das derivas da política de exterminio lingüístico postas en práctica na actualidade, como, por exemplo, a prohibición de seren impartidas as materias do ámbito científico en galego—, é ben reparar, a xeito de mostra do dito, na convocatoria, nos últimos tempos, dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade pública (DOG do 14 de xaneiro de 2013).
Entre os seus aspectos salientábeis está a fixación dun teito de gasto. É dicir, a asignación dunha ridícula e vergoñenta cantidade económica aos proxectos presentados. Mais isto no mellor dos casos. Porque, o organismo convocante, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mesmo reserva a potestade de aplicar a tesoura dos recortes a unhas cifras xa minguadas de seu. Eis unha cita textual da orde: “o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia par ao ano 2013”.
Como se pode ver, o que é empregar emprégase unha sintaxe ben adobiada para desvirtuar a realidade. Mais para o común da cidadanía, a fixación —na súa dobre acepción— do tope de gasto está xa asociada co denominado ‘control do déficit’ e se se trata, como é o caso, das competencias xestionadas polas comunidades autónomas, isto tradúcese en recortes e máis recortes nas prestacións públicas básicas: servizos sociais, sanidade, educación. Outra vez o emprego do eufemismo como razón de ser.
Este día de multitudinaria afirmación da lingua embaixo dos paraugas debe asociarse xa a aqueloutra histórica concentración nas rúas compostelás por causa do desPrestige asolagador da nosa paisaxe. En ambas hai un albo común a compartir: a defensa da propia dignidade.
Porque, como di a letra do tema que Uxía cantou con Sés: “aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal, resistindo a violencia de mans desas serpes e cans que nos queren calar”.
Resulta evidente que a reivindicación colectiva é fundamental perante as adversidades que estamos a padecer como pobo. A ollada, consciente e comprometida, da nosa fraseoloxía popular contén unha sabia expresión dende a que encararmos, con firmeza, embaixo de milleiros de paraugas, a inclemencia destes tempos: “Nunca choveu que non escampase!”. Velaí unha auténtica proposta radical.
Ningún comentario:
Publicar un comentario