Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 15 de xaneiro de 2013

Anatomía dunha mentira (II) – Réplica a Ceferino de Blas

por Filipe Díez en Praza Pública:

Este artigo é unha resposta ao discurso plasmado por Ceferino de Blas (directivo e alma mater do Faro de Vigo) no seu artigo Mejor zarrapastroso que con traductores. En primeiro lugar, e antes de entrar na análise do texto de Ceferino de Blas e na réplica, desexo facer chegar a Xesús Vázquez e a Anxo Lorenzo unha proposta a respecto da Cidade da Cultura: non é outra que a creación, no monte Gaiás, dun Museo do Disparate. Poderíase considerar un xesto de autohomenaxe por parte de ambos, é ben certo, mais iso combina perfectamente coa propia xénese da Cidade da Cultura; e ademais, non deixa de responder a unha das características nacionais máis marcantes do noso país. Desde logo, no caso de tal petición ser atendida, propoño que o texto de Ceferino de Blas que me dispoño a comentar e rebater figure no frontispicio do novo museo, pois difícil será atopar outro capaz de contraer maior cantidade de méritos en menor espazo.
* * * * *Antes de entrar en materia, permitide que esclareza que non teño por costume dar réplica a todos os disparates lingüísticos que leo, mais fágoo neste caso pola relevancia do autor, pola difusión do medio no cal se publicou e –fundamentalmente– pola condición programática do texto, auténtico compendio das mistificacións nas cales se apoian os ataques contra a diversidade lingüística –e especificamente contra a lingua galega– destes últimos anos. Tentarei pór orde na resposta, xa que Ceferino de Blas non se deu ao traballo de facelo no seu texto, polo que estruturarei o artigo en un preámbulo e catro partes, deixando para a derradeira a análise máis especificamente orientada á situación lingüística galega.
Preámbulo. Suma de ignorancia atrevida e prexuízos caducos
Nada teño en contra de que persoas que non son especialistas en cuestións lingüísticas opinen sobre a lingua, xa que como patrimonio social que é, a discusión sobarda amplamente o ámbito académico. Porén, sempre é de agradecer cando as persoas non ultrapasan certos límites, e Ceferino de Blas descoñece os propios; de aí que se aventure en terreos nos cales demostra ignorar mesmo o abecé máis elemental. Vexamos algúns dos erros máis groseiros que comete:
Confunde a corrección cun estado de cristalización lingüística, previo á globalización, á crecente influencia dos produtos culturais de masas e ao emprego das novas tecnoloxías da comunicación. Ignora de Blas que as linguas sempre están en evolución, e que ningunha tentativa de parar o reloxio da historia ten a menor probabilidade de éxito; ignora, tamén, que en calquera momento dese pasado idílico que el evoca, existiron tensións lingüísticas equiparables ás actuais.Identifica o uso dunha lingua co seu grao de coñecemento, cando calquera estudante da ESO sabe que son conceptos moi diferentes; ten maior pecado, ademais, que iso se publique nun xornal galego, cando todos sabemos que o nivel de uso da lingua propia do país é moi inferior ao de coñecemento. Pero é que, ademais, restrinxe a transmisión do coñecemento lingüístico ao ámbito escolar, ignorando a multiplicidade de modos de aprendizaxe existentes no mundo contemporáneo.Limita a corrección no uso á dicción (prosódica), a pesar de que este é só un dos varios elementos que interveñen na corrección, e nin de lonxe o máis relevante: seique non importan a riqueza vocabular, a precisión na selección léxica, o manexo das estruturas sintácticas... O deber do sistema escolar, segundo Ceferino de Blas, é ensinar os alumnos galegos a falar español con sotaque pucelano. Precisamente esa visión restrita da corrección é a que leva o sr. de Blas a teimar unha e outra vez nos prexuízos xeográficos, pondo reiteradamente Valladolid como exemplo a seguir, até o punto de dar a impresión de sofrer un severo complexo por non ter nacido nesa cidade e/ou aprendido o español que nela se fala.Cualifica o español como o “maior patrimonio de quen nacemos neste país” (enténdase España). Ora, se de patrimonio lingüístico falamos, é absurdo reducir a riqueza dun Estado plurilingüe a unha soa das linguas que o compoñen, por máis que sexa a de maior extensión no seu seo.Establece un ranking de lugares onde se fala “mellor” o español, de xeito abertamente contraditorio co eloxio ao carácter internacional desa lingua. E é que, aínda que de Blas semella ignorar tamén este detalle, toda lingua intercontinental posúe varios padróns de prestixio de primeiro nivel; ben como o feito de que, á medida que a globalización avanza, nomeadamente co crecemento no intercambio de produtos culturais, téndese a constituír unha koiné que, lonxe de responder a criterios xeográficos, renuncia a eles para resultar aceptable en todas as partes que conforman o respectivo dominio lingüístico.
Mais a verdadeira xoia do discurso de Ceferino de Blas é que, sen percibilo, trata o español... como unha lingua estranxeira! Só así se explica que coloque Valladolid ao lado de Cambridge ou de París, modelos a imitar por aqueles que non son falantes nativos –por tanto, estranxeiros– do idioma en cuestión.
I. A proposta de Wert á luz dos espellos deformantes
Da proposta lingüística promovida polo ministro Wert, afirma de Blas que pretende que o español se estude nas “condicións mínimas esixibles”, mais “sen suplantar as linguas vernáculas”. Xa que non se nos explicitan cales sexan esas tales condicións mínimas, debemos supor que de Blas adhere ás definidas por Wert, como por exemplo garantir o pagamento estatal da inmersión en español, pero sen facer o propio no caso daqueles pais e nais que escollan o ensino en galego. Por certo, canto á non suplantación das linguas vernáculas, pouca credibilidade ten o artigo do sr. de Blas, que se declara partidario dun suposto e inconcreto “uso equilibrado” do español e do galego, mais constrúe o seu texto preocupado unicamente pola boa saúde do español –debe ser que o galego non está doente e o español, si; de aí que unha persoa tan equilibrada coma el se preocupe polo segundo e non diga ren do primeiro– e que menciona a lingua de Cervantes en dezanove ocasións –catorce, de xeito explícito; as demais, mediante antonomasias– e a de Rosalía en só unha.
Por se todo iso fose pouco, o sr. de Blas permítese a licenza de aludir á mobilidade laboral como álibi para a promoción do español como “idioma común” fronte aos “autóctonos”, impropios dun “mundo globalizado”. Dous erros polo prezo de un: o primeiro, evidente, é que a mobilidade laboral non se limita ao Estado español, como ben poden testemuñar os milleiros de mozas e mozos do noso país emigrados ao exterior desde a chegada de Feijoo ao poder; e mesmo no seo do Estado, o coñecemento do español pode ser insuficiente, precisamente polo carácter plurilingüe que tanto parece incomodar ao sr. de Blas. O segundo erro é de incoherencia: resulta que a mesma globalización que o autor estigmatizaba no inicio, por ir contra a suposta pureza da lingua española, agora vira coartada a favor da superposición do español ás linguas propias dos territorios españois con lingua de seu... ou, peor aínda, que a globalización debe entenderse como limitada ao ámbito do Estado español e –como moito– ao dos países de lingua oficial española. Este é o tipo de inconsistencias que os defensores da supremacía do español cometen a todas horas, mais que costuman pasaren inadvertidas; e é urxente poñelas en evidencia para desmontar a falacia que pretenden contrabandear baixo o belo e digno nome de liberdade.
II. Cataluña como modelo a evitar
A sociedade catalá, segundo Ceferino de Blas, pasou do exercicio do seny ao estado de alboroto da noite para o día. Non hai análise dun proceso histórico, senón que se interpreta o aumento da adhesión ao soberanismo e a defensa do modelo de escola catalá como unha arroutada, algo así como o efecto dunha macumba ideolóxica perpetrada polos “sectarios” e “hipócritas” defensores da inmersión lingüística.
Mais o sr. de Blas logo tira a carauta: non está en contra da inmersión porque sexa un mal modelo pedagóxico, senón porque supón a detracción do “idioma común por cuestións ideolóxicas”. De novo, dúas falsidades nunha soa frase: en primeiro lugar, porque os exames internacionais demostran que o estudantado catalán posúe un dominio do español superior á media estatal, o que refuta de plano a tese da detracción desa lingua á mocidade catalá; en segundo, porque falar do español como “idioma común” si é un ideoloxema, cando o autor acusa reiteradamente os demais de utilizaren esas estratexias.
E non pára por aí a cousa: mais unha vez, de Blas recorre ao discurso sobre o futuro da xente nova ao servizo da mistificación ideolóxica, como se o dominio do español garantise un lugar ao sol nun mundo globalizado. Mágoa que non predique o mesmo da lingua galega, cuxo carácter de vehículo de comunicación transcontinental semella ignorar por completo. Aínda que, ben é certo, todos sabemos que tampouco o dominio de ambas linguas é garantía suficiente, mais desde logo aumenta en moito a capacitación da mocidade galega e dalle unha vantaxe competitiva que é absurdo seguir a desperdiciar.
Para completar a parodia, de Blas sitúase nunha sorte de progresismo populista, ao sinalar que a inmersión na lingua catalá é cousa do ensino público e só para os pobres. Curioso que o diga alguén que, como veremos a seguir, tece rasgados eloxios a Feijoo, denodado destrutor do ensino público do noso país.
III. Laudatio de Feijoo, o ecuánime
Sen dúbida, Feijoo posúe importantes virtudes como político, pois non en van gañou dúas eleccións con maioría absoluta (de escanos). Mais entre elas non están as tres que sinala Ceferino de Blas, e que son radicalmente falsas, a saber:
Que foi Feijoo quen tomou a iniciativa de parar a reforma estatutaria impulsada por Touriño e Quintana. É ben sabido que houbo un acordo total na comisión redactora e que a orde de dar marcha atrás veu directamente de Madrid; de feito, hoxe Feijoo goberna sen instrumentos que lle virían moi ben por conta daquela traizón aos intereses de Galiza.Que Feijoo procedeu á implantación do “bilingüismo na práctica”. Na práctica, segundo os datos da propia Xunta de Galicia, o 20% do alumnado galego remata a ESO sen ser capaz de falar –non digamos escribir con fluencia– a lingua propia desta terra. Na práctica, o galego retrocede cada vez máis en orzamentos públicos, en presenza nas industrias culturais e de lecer, nos medios de comunicación de masas ou en transmisión interxeracional. Na práctica, ninguén ignora –nin sequera o sr. de Blas– que estamos nunha encrucillada decisiva para saber se o galego sobrevivirá ou ficará nun canto da historia: ese é o equilibrio ao cal nos levan a política de Feijoo e as dinámicas sociais que impulsa a dereita neocentralista que el encarna.Que Feijoo se situou no medio termo entre os “radicais dos extremos”. Fará falta que lle lembre ao sr. de Blas que á manifestación de febreiro de 2009 organizada por Galicia Bilingüe compareceron Alfonso Rueda, Corina Porro ou Carlos Negreira? Será preciso refrescarlle a memoria a respecto da oposición da Real Academia Galega e do Consello da Cultura, nada sospeitosos de radicalismo, ao decreto que cerceou a presenza do galego no ensino? Necesitarei recordarlle que o PSdeG e os sindicatos estatais participaron en todas as mobilizacións pola lingua e mesmo presentaron recursos nos tribunais contra os ataques ao galego? O PP ficou só, nun extremo; e todo o resto das forzas sociais (políticas, académicas, sindicais, culturais...), en frente: polo cal, ou asumimos que toda a xente sensata e non extremista apoia o PP, ou do contrario teremos que concluír que é ese partido quen se situou en posicións extremistas, incómodas até mesmo para boa parte da súa militancia e cargos institucionais.
IV. Galiza, ano V despois de Feijoo
O día que a profesora do parvulario explicou que non se pode sumar peras con mazás, o neno Ceferino de Blas estaba na cama con gripe. Só así se explica o dislate de comparar a realidade lingüística das escolas catalás coa das rúas galegas, como se ambos ámbitos fosen equiparables nin sequera dentro dunha mesma sociedade, cando máis entre dúas diferentes. Resulta rechamante que non compare o panorama lingüístico dos sistemas escolares catalán e galego, nun sinal inequívoco de que a escola galega está lonxe de supoñer un problema para os propósitos ideolóxicos defendidos polo sr. de Blas. Resulta igualmente rechamante que non pida nas escolas galegas a mesma porcentaxe de galego que se fala nas rúas, moi superior á das materias impartidas en galego –e ademais, como é ben sabido, banido daquelas con maior prestixio social e revestidas do halo da modernidade.
Na única referencia explícita á lingua galega, o sr. de Blas apóiase na cita de autoridades sociolingüísticas tan eminentes na área como Torrente Ballester e Julio Sigüenza, retrotraéndose á realidade dos anos '60 do século pasado para pontificar a respecto da sociedade galega dos nosos días. E despois aínda terá a coraxe de dicir que son os demais quen pretenden recrear mundos pretéritos destinados a non máis voltaren...
Por se iso non bastase, identifica a promoción das linguas diferentes do español cunha imposición (“tratar de impoñer o idioma autóctono sobre o de uso común”) perpetrada no nome dunha “coherencia identitaria e sentimental”. Ou sexa: que os galegos falemos o idioma milenario da nosa terra é unha imposición, pero que abandonemos a nosa lingua para falar español con sotaque de Valladolid, non; ademais, falar galego é un acto ligado ao irracional, mentres que falar español responde a vantaxes de tipo material, pois seique o español é a única lingua do mundo desposuída de connotacións identitarias e sentimentais. De feito, esa idea é tan do gusto do sr. de Blas que máis adiante insiste en contrapor a promoción do español como unha mostra “da racionalidade, do sentido común e da defensa dos intereses xerais” fronte ás linguas que el chama vernáculas –como se o español non fose tamén vernáculo!–, cuxa defensa identifica con “intereses particulares”. Belo defensor do bilingüismo, este que unha e outra vez reitera a primacía, a superioridade e a prevalencia que deben ser recoñecidas ao español sobre as demais linguas do Estado!
Chegado a esta altura, Ceferino de Blas decide que un discurso tan redondo como o seu merece pasar á historia, polo que decide inovar, introducindo o concepto de “idioma maioritario”. Di textualmente: “Tampouco abonda co inglés, como argumentan os que priman as vernáculas, porque o castelán é un idioma maioritario”. Maioritario, onde? Desde logo que o é en Valladolid, pero a nivel de sistema-mundo, ningunha lingua goza desa condición: hai unha lingua franca, que é o inglés; e un ramallete de linguas internacionais de primeiro nivel (chinés, árabe, francés, español, portugués, ruso e alemán); só quen domine a primeira e polo menos dúas das segundas pode considerarse medianamente preparado para un mundo globalizado, e acontece que a inmensa maioría dos galegos dominamos de entrada dúas delas, grazas ao bilingüismo que xente como Ceferino de Blas pretende destruír no altar do monolingüismo en español.
Xa perto do final, de Blas afirma que o español é “o cordón umbilical” e que por iso, á marxe das desexables “delicadezas lingüísticas”, no fondo “a traxedia sería non entendernos”. Así, sibilinamente, atribúelle en exclusiva ao español a capacidade de comunicación, ao tempo que involuntariamente o reveste das características identitarias (a expresión “cordón umbilical” remite irremediablemente a ese ámbito) que tanto deosta nas demais linguas, nunha nova incoherencia das que o texto está cheo.
Para concluír, o sr. Ceferino de Blas dá un salto mortal sen rede: a defensa da absoluta primacía do español, realizada no seu texto e xa abondo analizada nas liñas anteriores, chámase... bilingüismo! Non contento, alude ao “imperativo cidadán”, contrapoñendo o programa da supremacía do español, executado no nome da cidadanía e do futuro das novas xeracións, co sectarismo político e ideolóxico do cal Cataluña é o exemplo máis acabado, na opinión do sr. de Blas. Vexamos o que di, textualmente: “É un imperativo cidadán salvagardar o bilingüismo e dispoñer as bases educativas para que todos os que vivimos neste país nos comprendamos sen necesidade de tradutores”. Iso non se consegue mediante o aprendizado doutras linguas, senón simplemente falando todos español –a ser posible de Valladolid–, pois se ousarmos falar galego, é posible que alguén precise dun tradutor para entendernos. En definitiva, estamos perante unha proclamación da imposibilidade práctica de vivir en galego na nosa propia terra; iso si, no nome da racionalidade, do sentidiño, do equilibrio... e do bilingüismo! Baixo esas máscaras, o que se esconde é a pretensión dunha absoluta hexemonía social do español, co galego –e o mesmo vale para as demais linguas "vernáculas"– confinado unicamente aos usos que non perturben ese estado de cousas.
Ante este programa empobrecedor, que fai apoloxía da ignorancia, da renuncia e da sumisión, debemos enarborar o do coñecemento, a autoestima e a liberdade, o do galego como lingua que suma e abre portas mundo afora. Non é sen tempo.
* * * * *Relacionada: Anatomía dunha mentira (I)

Ningún comentario:

Publicar un comentario