Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 8 de xaneiro de 2013

Enredando co nadal

Cos primeiros pasos do ano que comenza alégrame moito poder felicitar á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXP) por unha súa iniciativa que por veces é bonita, por veces agarimosa, e en xeral un exemplo do que se debe facer desde o organismo director da política lingüística para contribuir á celebración das festas de nadal. Estoume a referir á campaña Nadal en Rede!
É probable que moi poucos se enteraran, pero eu quedei moi agradecido de que este ano, cando o Rei Melchor antes de sentarse no seu trono a recibir os nenos d´A Estrada, nos dirixira as palabras que Antía Otero redactou xunto con outras 24 escritoras para seren lidas aos nenos das vilas e cidades galegas. Ademais duns textos cheos do mellor de cada unha da autoras, o libro está fermosamente enriquecido coas ilustracións de Marina Seoane. Aínda que o concello estradense aportou  un exemplar, posiblemente pola presbicia do Rei Melchor, tiveron que facer uso dunha fotocopia ampliada do texto que podemos descargar desde este espazo da rede. O libro dos Reis Magos foi editado por Galaxia. Víctor F. Freixanes presentouno con estas palabras:
“Hai que sacar o galego do gueto do ensino e da liturxia das institucións. O futuro da lingua está na escola. Pero non exclusivamente na escola. A lingua ten que estar activa no conxunto da sociedade"
O que non debe saber o bo de Freixanes é que por mor da política lingüística da última lexislatura o galego xa está fóra do gueto do ensino.
Outra boa iniciativa neste pasado nadal que nos chegou desde a SXPL foi a invitación a facer compras de produtos en galego por medio dunha publicación moi coidada na que se nos ofrecía información sobre produtos made in Galicia. Neste caso a proposta chega tarde con respecto a outras que coa mesma finalidade como a de Abertos ao galego, sección d´A Mesa quen ven ofrecendo nos últimos anos un boletín de características semellantes. Con todo a nota triste tivo que poñela a propia Xunta pois desde a Consellería de Industria, responsable da área de comercio dentro do organigrma do goberno galego, non se fixo referencia algunha a esta gorentosa edición. Asi que isto volve a demostrarse unha vez máis o que leva sendo cotián no goberno de Feijóo a inexistencia de transversalidade. Esta forma de proceder leva a que a iniciativa se volta inútil xa que así é seguro que non chegou aninguén que non fose xa receptivo ao boletín de Abertos ao galego.
O servizo de envío de postais que se presentan no Nadal en Rede!  foron utilizadas por vez primeira no 2010  copiando unha iniciativa da CGENDL . Naquel ano, como nos anteriores,  a proposta das postais dirxíase ao conxunto da cidadanía galega desde a SXPL. Nesta ocasión, quizais para encher de contido unha Rede de Dinamización Lingüística (RDL) completamente baleira, engádense ao seu caixón de actividades.
Tamén nos ofrece a posibilidade de descargar un modelo de Carta aos Reis, unha iniciativa necesaria e que por fin nos chega desde a SXPL. Botabámola en falta polo menos desde que desde o SNL d´A Coruña fixeran unha proposta moi ben construída hai tres anos. Outra vez eestamos diante dunha acción de caráctr xeral e que polo tanto non ten sentido ofrcela dentro das actividades da RDL.
Temos que preguntarnos se o Nadal en Rede! foi o froito dunha acción programada e asumida polo conxunto do goberno ou pola contra o que se fixo foi enredar con estas propostas nas que a SXPL acertou en grande medida grazas a que aprendeu de iniciativas promovidas desde asociación de defensa do galego; asociacións que por certo, despreza e non ten en conta. Na parte negativa temos que apuntar que a campaña Nadal en Rede! careceu de transversalidade, foi presentada demasiado tarde e ademais ficou restrinxida aos concellos da RDL. Vemos pois que incluso o pouco que se fai ben na política lingüística deste goberno, tamén se fai mal. Isto é indicativo de que o peor desa política xa non ven do que fai a SXPL, senón de todo o resto do goberno. Se por unha parte a nefasta constitución da RDL levou a unha mala distribución das actividades, o feito de que a Xunta non asuma como súa a lingua de noso, desemboca indefectiblemente na aniquilación de todas as propostas positivas en materia de promoción do galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario