Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 31 de xaneiro de 2013

Lingua, xustiza española e discriminación

por Xabier Cordal, nas Voces de ProLingua:

Tras a demanda interposta por un feixe de familias moi incómodas co feito de que Cataluña teña lingua propia, o Tribunal Superior de Xustiza (o que representa o poder xudicial español en Cataluña) ditou hai uns días seis resolucións que obrigan a Generalitat, “de forma cautelar”, a ofrecer a seis alumnos as clases de infantil, primaria e secundaria “tamén en castelán” e na mesma proporción ca en catalán.
A Constitución española consagra, sen citalas, e non é unha omisión casual, a oficialidade das “linguas españolas” cando esta se contemple en calquera dos Estatutos de Autonomía. Non entramos agora a xulgar a ideoloxía constitucional nin os incumprimentos, máis evidentes no tempo último, do articulado máis progresista. A resolución do TSXC continúa revelando a fotografía resesa do Réxime (deste Réxime en canto prolongación do anterior).Se as clases en español se conciben como dereito fundamental que ha de ser garantido mentres non chega a sentenza definitiva; se os informes da UE constatan que a lingua galega quedou varrida das aulas, sobre todo no ámbito urbano, cal é a razón para non garantir “cautelarmente” a súa presenza?Si, cumpriría superar a fase das preguntas retóricas. Hoxe a xustiza non sae gratis, mais non parece quimera ningunha sufragarmos en rede unha iniciativa para que familias agredidas polo plan de exterminio do goberno Feijoo tomen nota da resolución en Cataluña e acudan aos tribunais. Ata Europa, se for preciso. Satisfacernos coa ética da denuncia verbal significa admitir implicitamente que a oficialidade do idioma, o seu dereito á vida pública, é unha etapa superada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario