Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 12 de xaneiro de 2013

Manifestación pola lingua que nos une


A plataforma Queremos galego convoca á cidadanía a unha manifestación na alameda de Santiago o vindeiro 27 de xaneiro ás 12:00 baixo o lema: pola lingua que nos une.
As motivacións polas que se convoca esta manifestación son dúas:
A derrogación do decretazo que reduce e prohíbe o uso do galego no ensino non universitario. O ámbito no que o nível de galeguización era maior na altura do 2007 era o do ensino (encol dun 40% segundo este informe do CCG) e isto era insoportable para a zunia que consigue o poder da Xunta nestas últimas lexislaturas. Este decreto ven de ser declarado ilegal na cerna da súa constitución polo TSXG. A Xunta debe rectificar e nesta manifestación pedimos a derrogación definitiva dese funesto decreto.
Non á lei Wert (LOMCE) que volve a desprezar o galego. O goberno central pretende impoñer unha lei para un ensino excluínte que lle abra o camiño ao negocio privado en detrimento da calidade do ensino. No relativo a lingua cabe destacar que o proxecto de lei determina que se emparella o castelán coas materias de prestixio social (matemáticas, ciencias sociais, ciencias naturais e inglés) e será materia con carácter fundamental (a terminoloxía é troncal) e de obrigada impartición en todos os cursos. Porén o galego será unha materia emparellada cunha optativa de impartición non obrigatoria.
Queremos Galego tamén nos invita a asinar este manifesto no que se pide a volta do galego á escola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario