Como ven sendo habitual nos últimos tempos, cada vez que a sociedade quer conmemorar colectivamente a un autor das nosas letras, ábrese un espazo na arañeira na rede para ser referencia das actividades que se organizan sobre esa figura. Así sucedeu con Valentín Paz Andrade, con Uxío Novoneira ou con Celso Emilio Ferreiro. Agora temos estas ligazóns que nos levan a excelentes recursos sobre eses autores.
No ano 2013 Roberto Vidal Bolaño será o protagonista pois a el está adicado o Día das Letras. Seguindo a estela marcada tamén se abriron espazos na rede para dar conta da traxectoria vital e profesional deste home do teatro.
Unha delas, e a que está chamada a ser a referencia principal é o web Roberto Vidal Bolaño, sustentado pola Asociación RVB, colectivo integrado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco.
O portal consta dun apartado de novas e contén un pequeno apunte biográfico no que se destaca que é considerado un dos dramaturgos europeos do último cuarto do século XX que sempre mantivo un irrevogable compromiso co galego co que contribuíu á definitiva instalación do teatro na nosa lingua.
Das outras seccións aínda está todo por construir e agardamos que durante o transcurso do ano se vaia enchendo de contidos.
A RAG tamén se preocupou de abrir unha sección adicada a Vidal Bolaño. Alén disto a RAG está publicando unha serie de respostas a un cuestionario sobre Vidal Bolaño. Ata o momento Laura Tato, Alfonso Becerra e Mónica Caamaño xa o responderon.
Ningún comentario:
Publicar un comentario