por Xosé Manuel Sánchez Rei en Terra e Tempo:
A literatura especializada leva ponderado que o idioma galego se escoita nas vilas grandes e nas cidades moito menos que no mundo rural, ao paso que tamén ten subliñado que tales entidades populacionais foron en moitas ocasións centros de españolización. Isto corresponde a unha situación detectada xa en épocas pasadas con relativa facilidade, como ben o demostra o feito de que o presbítero Saco Arce, nun artigo intitulado “Poesía gallega contemporánea. Sus defectos más comunes” e dado a lume en 1876 na publicación El Heraldo Gallego, deixase claro que as urbes eran núcleos que favorecían a hibridación lingüística: constatou na lingua da altura que achaban “grande acogida en el lenguaje usual de las poblaciones próximas á las ciudades […] ‘aconsexar, cuchera […] güerta, sépea, puñia, haiga’, etc., en lugar de las formas legítimas ‘consellar o aconsellar, culler […], horta, saiba ó sábea, puña, haxa’”. A día de hoxe, a situación devalou, en primeiro lugar, para unha aínda maior presenza do español, até ao extremo de o galego presentar graves carencias de utilización nos ambientes citadinos; os informes do MSL así o recollen, nos cales se sinala que as localidades en que menos se emprega o noso idioma corresponden ás cidades de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, ao paso que onde máis se ouve é na localidades de Lugo ou Ourense. E en segundo lugar, evoluíu tamén para unha maior mestura ou barbarización da lingua, moito máis acusada agora que nos tempos en que o clérigo de Toén facía esas atinadas observacións.
Porén, o certo é que, utilizándose pouco ou até se usando profundamente interferida polo español, a nosa lingua tamén se emprega nas cidades, embora nuns índices baixísimos, contribuíndo desta maneira para fertilizar tópicos asaz matizábeis á volta da súa presenza en tales contextos. Sabermos como son as características gramaticais dese galego continúa a ser un tema de certo interesante, mais sobre o cal hai escasos estudos, pois coñécese pouco a respecto de tales modalidades lingüísticas: na actualidade, grazas aos estudos de dialectoloxía desenvolvidos no marco da Universidade de Santiago de Compostela polo Instituto da Lingua Galega, posuímos unha radiografía singularmente precisa de como é a fala das nosas aldeas, casais e lugares, nomeadamente en cuestións fonéticas, morfolóxicas e en menor medida lexicais. No entanto, a respecto dos trazos gramaticais dalgunhas grandes localidades, encontrámonos cunha situación paradoxal, pois áchase en falta unha dedicación equivalente para os modos de ser empregada a lingua; así, por exemplo, en canto do punto de vista fonético e morfolóxico é posíbel determinarmos con moita precisión, como é o galego das pouco máis de 2.300 persoas censadas no concello de Sobrado dos Monxes, porén non se podería levar a cabo idéntico traballo para nos referirmos ás características lingüísticas das 250.000 que habitan A Coruña ou das 300.000 que moran en Vigo.
Convén acrecentarmos a isto unha outra circunstancia, cal é o feito de que algunhas desas cidades están en zonas dialectalmente fronteirizas. A xa clásica división en tres faixas debida a F. Fernández Rei (Dialectoloxía da lingua galega, 1991), en que se diferencia unha grande rexión occidental, unha central e unha outra oriental, permite comprobarmos como A Coruña e Santiago de Compostela son alfándegas entre as dúas primeiras. En Cances, poñamos por caso, achabamos até non hai moito tempo unha forma do adxectivo como bon, restos de seseo total esporádico en palabras isoladas (i.e.: cansiños, mansiñas), pretéritos como morreu ou viveu, solución -án (i.e.: ermán, mañán, man), gheada e plurais do tipo can / cas. A dous ben escasos quilómetros, en Meicende, entidade de populación xa pertencente ao Concello de Arteixo, son detectadas similares solucións, mais con algunha diferenza: sempre canciños e manciñas, morriu e viviu e plurais do tipo can / cans. Na capital do país, por seu turno, son facilmente atestábeis equivalentes puntos de confluencias gramaticais conforme sinalou F. Dubert García (Aspectos do galego de Santiago de Compostela, 1999): así as cousas, abrochan en Compostela variantes para a segunda persoa do pretérito do indicativo da segunda conxugación do tipo colleches / colliches ou mostras de colleu / parteu ao lado de colliu e partiu.
Por outra parte, nos bairros coruñeses en que o galego é aínda lingua maioritaria cando menos na oralidade (A Silva, Bens, Cances, Feáns, Mazaído…) ou naqueles en que conta cunha notábel presenza (Agra do Orzán, Os Mallos etc.), ocorren fenómenos lingüísticos nin sempre coincidentes co esperábel nesas respectivas zonas xeográficas, o cal é produto de antigas divisións administrativas e eclesiásticas ou de determinados procesos migratorios do campo á cidade acontecidos nas décadas de 60-80 do pasado século. No recente e populoso bairro coñecido como Agra do Orzán, cunha grande presenza de habitantes provenientes da Costa da Morte e de Bergantiños, aparecen trazos propios desas rexións (casos de cheísmo, plurais tipo corazón / corazóns), ao paso que polos Castros e polo Castrillón, cunha ponderábel cantidade de xente natural de comarcas do interior, son rexistrados diversos exemplos de formas lingüísticas desas áreas (i.e.: chao, irmao etc.).
Con certa frecuencia, os cantares tradicionais compilados noutras épocas permiten repararmos en que o galego sofreu certas mudanzas e, no caso das variedades das urbes, non nos achamos perante unha excepción. Repárese, por exemplo, en como algúns dos versos colixidos no Cancionero popular gallego (1885-1886) de Pérez Ballesteros na capital herculina rexistran fenómenos gramaticais que hoxe xa non se detectan nesa cidade nin nos seus arredores, como o seseo implosivo e explosivo (Catro e cinco fan nove, / par’a ducia faltan tres; / choraches porque me fun, / aquí me tes outra ves, vol. III; Dices que non tendes crus / para rezar o rosario; / cásate, miña miniña, / e terás crus e calvario, vol. III; Non me podo despedir / desta Curuña famosa, / dunha nena cigarreira / da frábica da Pallosa, vol. II; etc.), a ausencia de preposición acompañando un CD cando é nome de persoa (Algún día quixen Pepa, / agora quero Marica, vol. I; etc.) ou a interpolación pronominal (agora vou eu sabendo / donde m’o zapato pica, vol. I); etc.
Diversos estudos especializados, como a Sociolingüística (2003) de M. Almeida, refírense ao factor procedencia, variábel que pon de relevo como a proveniencia xeográfica é capaz de se constituír nun elemento de primeira orde para explicarmos trazos lingüísticos de variedades que non corresponden ás características esperábeis xeográfica ou estraticamente: por un lado, é sabido que o francés quebequiano conserva singularidades picardas e normandas xustamente pola procedencia das xentes vindas da Europa que se instalaron alí, e é igualmente coñecido que determinados falares do español sudamericano fican relativamente próximos das falas andaluzas por causa da importancia que tiveron as persoas nadas no Mediodía ibérico ao colonizaren rexións dese continente. Aplicado ás cidades e aos tempos actuais, tamén o factor procedencia pode dar moito xogo como orientación pesquisadora nun futuro mesmo a curto prazo. As principais cidades da nación galega acolleron tradicionalmente grupos humanos provenientes dos arredores ou doutras partes do país, como é o caso de Vigo (con relación á rexión do Morrazo e do Baixo Miño ou mesmo de Ourense), cal é o exemplo da cidade de Lugo (no tocante a xentes doutras áreas da actual provincia lucense) ou como é tamén o caso da Coruña (no referente a mulleres e homes que chegaron da Costa da Morte, das Mariñas, de rexións interiores etc.). Así pois, embora non existan abondosos datos no tocante a eses fluxos migratorios, a diversa proveniencia xeográfica é capaz de estar detrás de trazos lingüísticos (e mesmo de tendencias relativamente ao uso) que ocorren espontaneamente nesas localidades: plurais tipo corazois en Lugo (quizais debidos á migración vinda das comarcas orientais), formas conservadoras como cual, cuatro ou cuanto na cidade olívica (probabelmente explicadas pola chegada de xente ourensá ou de rexións orientais), -e paragóxico na fala de persoas idosas da Coruña ou de Compostela (talvez produto do substrato rural) etc.
Noutra orde de cousas, a existencia do padrón, transmitido mediante a escola e os medios de comunicación, aínda que dunha maneira totalmente fraudulenta debida ás políticas lingüicidas do PP, vai facendo con que determinados fenómenos locais reduzan a súa presenza na lingua ao deitarmos unha rápida ollada a falantes de idades diferentes. Voltando á cidade da Coruña, nalgúns lugares eran habituais formas para o verbo ulir como *ghuelir, *ghuelo, *ghueles, *ghuele etc., vulgarización do verbo español mesturada co fenómeno da gheada; hoxe en día, as persoas que tiveron acceso á escola, fillas e netas daquelas que usaban *ghuelir etc., empregan ulir ou cheirar, mais nunca as formas híbridas a que fixemos referencia. Na mesma área, como acontece noutras partes da nación, a propia gheada vai, felizmente, retirándose dos labios deses veciños e veciñas, ao paso que formas verbais do tipo comíchedes ou trouxéchedes están devagariño a ceder o posto a comestes ou trouxestes, típicas da variedade estandarizada, cando menos en neofalantes.
Imos ficar por aquí. Moito máis habería que sinalar a respecto do galego das cidades. Sinteticamente, podemos concluír que ten uns niveis de uso certamente baixos no mundo citadino, o que non é sinónimo de se non utilizar. Sabéndomoslle tirar todo canto tiver de alleo, o seu estudo debe axudarnos dalgunha maneira a recuperármolo e a valorizármolo nuns momentos tan transcendentes para a propia sobrevivencia da lingua e nunha época en que vai depender particularmente das persoas neofalantes a que fixemos referencia no parágrafo anterior, adoito moradoras nas grandes urbes, que o idioma non se extinga na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario