Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 17 de xaneiro de 2013

Encher o depósito por 7 euros

por Nel Vidal Barral, no Sermos Galiza:


Se cadra tamén estivemos a fomentar a lingua por riba das nosas posibilidades, mais xa a acaban de poñer no seu sitio. Menos da oitava parte de medio punto. A dezaseteava parte do 1%. A metade dunha décima. Ese é o peso da lingua nos Orzamentos da Comunidade Autónoma. Aí está o peso que o goberno galego cre que lle hai que dedicar ao noso maior ben colectivo, ao noso maior símbolo de identidade. O 0,06%.
En termos relativos, menos da sétima parte que hai 20 anos. En cifras absolutas, menos dun terzo que aló por 1993, cando disque se facía política lingüística de baixa intensidade e tamén estabamos en crise, recesión ou como lle queiramos chamar, cando unha bolsa de pipas das grandes custaba cinco pesos, non tiñamos móbiles nin internet e enchiamos o depósito do 205 por pouco máis de 3.000 pesetas. Dedicarlle á lingua un terzo do que se lle dedicou en 1993 é como se hoxe quixésemos encher o depósito do C3 por 7 euros.
"Dedicarlle á lingua un terzo do que se lle dedicou en 1993 é como se hoxe quixésemos encher o depósito do C3 por 7 euros".

Dedícalle menos cartos a Xunta ao galego que Amancio Ortega ao seu Valoria, barco de recreo, incluíndo aí as actividades dos equipos de normalización lingüística para 1.500 centros de ensino e 350.000 escolares, o apoio á normalización lingüística en 315 concellos e unhas tres ducias de servizos de normalización lingüística, o mantemento e actividades de máis de 30 lectorados e centros de estudos en 16 países, toda a formación e acreditación Celga e de linguaxe de especialidade, as accións e campañas de fomento do galego, as actividades de dinamización en todo o país, os proxectos editoriais para a lingua galega, o Centro Ramón Piñeiro, o fomento do galego en medios de comunicación, os proxectos de investigación e doutra índole de entidades varias como ILG, RAG ou Consello da Cultura, recursos lingüísticos varios, as accións dirixidas á empresa, á mocidade, ao deporte... Sumando todo iso, máis os gastos correntes, outros convenios, luz, auga, limpeza, gasóleo de coche oficial e calefacción, papel hixiénico e outras cousas imprescindibles de mantemento básico, aínda non chega ao que custou o desfile militar do 12 de outubro en Madrid de pouco máis dunha hora, e xa recortado, sen tanques, nin boi, nin mula, nin asubíos espontáneos.
Aí está, ao peso, en euros, o que para o goberno vale a nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario