Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de xaneiro de 2013

Unha lingua para todos




Velaquí unha invitación a participar na manifestación convocada por Queremos Galego para o vindeiro domingo 27 de xaneiro ao mediodía na Alameda de Santiago e que moi xenerosamente quixeron publicar na Praza Pública:

Nos pasados meses tivemos varias noticias sobre o decreto para o plurilingüismo no ensino. A primeira foi o informe do Consello de Europa no que nos achegan a súa preocupación pola redución do uso progresivo do galego en todos os niveis educativos desde a aprobación dese decreto e comprobaron que na práctica nin tan sequera se cumpren os niveis de galego dese decreto. En consecuencia  o Consello de Europa estableceu a necesidade de establecer a prioridade e un apoio diferenciado para o uso do galego nas aulas. Isto significa que a Xunta incumpre a lexislación europea. Sorprendentemente tres meses despois da publicación do informe non houbo contestación por parte do goberno.
Case inmediatamente despois comezaron a coñecerse varias sentenzas do TSXG nas que ditaminaban que o decreto para o plurilingüismo era ilegal. E non foron dúas nin tres sentenzas, nin media ducia. Foron sete, unha tras outra.  Á Xunta non lle queda máis remedio que cambiar a lexislación e podería facer uso desta necesidade para comezar a realizar unha política favorecedora do galego. Porén os indicios móstranos que na axenda do noso goberno non teñen outros apuntamentos que os de intentar forzar incluso fóra dos límites legais as restricións ao uso do galego en todos os ámbitos sociais. O mellor exemplo é o proxecto que se presentou para ser a futura lei de educación, a LOMCE e ao que o goberno de Feijóo xa anunciou apoio incondicional.
No proxecto da LOMCE establécese unha xerarquía de materias clasificadas en tres grupos. No privilexiado estarían as denominadas materias troncais e entre elas, xunto coas matemáticas atopamos á lingua española ou o inglés. Está previsto que a cerna das futuras reválidas se configure sobre as materias troncais. A lingua galega queda relegada ao terceiro e último grupo xunto cunha materia optativa e ábrese a a posibilidade de que non se inclúa nas reválidas.
A LOMCE, tomando como lei o que o TSXG xa declarou ilegal por atentar contra o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, pretende blindar a negativa a recibir clases en galego obrigando á Administración a garantir e pagar a escolarización dos insubmisos ao galego nun centro privado, no que xa se dá por suposto que non existirá ensino en galego. O proxecto consiste en amurallar o ensino privado para que dentro del non teña cabida a nosa lingua, e reducir as súas posibilidades ata máis alá dos límites legais no ensino público.
Contra esta política de racismo lingüístico proponse unha alternativa de consenso ratificada pola totalidade do parlamento no 2004: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Trátase dun programa que entre outras cousas establece a integración do alumnado de infantil no coñecemento do galego e unha garantía dun mínimo dun 50% de aulas na nosa lingua. Non queremos un ensino discriminatorio, que privilexie a lingua privilexiada e que exclúa a lingua marxinada. Queremos galego para todos, para que non haxa exclusións, para construírmos unha sociedade máis solidaria, conformada arredor dunha lingua compartida por toda a sociedade galega durante máis de oito séculos.
Tanto a LOMCE como o decreto para o plurilingüismo obedecen a prácticas radicais e sustentadas no odio á lingua é á cultura galegas polo que se fai un chamamento a todos os cidadáns dignos que garden nos seus corazóns un mínimo de orgullo polo noso, polo galego, que é a lingua que nos une.

Pola lingua que nos une. Manifestación o domingo 27 de xaneiro. Ás 12:00 na Alameda de Santiago de Compostela.
Queremos Galego na escola. Manifesto para asinar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario