Acabo de mandarlle un agasallo á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) en calidade de órgano visible da política lingüística do noso goberno. Quizais envieillo levado pola compaixón inherente ao nadal. Quizais me influíse o continuo declive da situación social agravada polas decisións do goberno español e secundadas sempre pola Xunta. Por mor dun decreto aprobado neste funesto ano os pacientes que necesiten os servizos dunha ambulancia terán que pagar cinco euros por cada viaxe. As cadeiras de rodas, muletas e outros aparatos ortoprotésicos deixarán de ser gratuítos. Para que todas estas medidas se fagan efectivas a Consellería de Sanidade terá que realizar cambios na xestión administrativa, deberán elaborarse novos formularios, terán que reformarse os programas informáticos. Todo isto xerará gastos e dificultades de adaptación pero é seguro que dentro de seis meses ninguén entrará nunha ambulancia sen pasar antes pola caixa. Pola contra, un proceso das mesmas características que debeu facerse hai dous anos aínda está hoxe escondido nun caixón da Consellería da Presidencia. Trátase da tradución ao galego do programa informático Minerva que é o que se usa desde maio do 2010 na tramitación xudicial. O balance da política lingüística do PP na administración de xustiza pasa de recoller un ridículo legado dun uso do 5% ao completo exterminio na actualidade. Só a Irmandade Xurídica resiste facendo heroicas declaracións de compromiso coa lingua galega. Nunha reviravolta perversa a Xunta utiliza a existencia destes defensores do galego nos xulgados como se fosen o máximo bastión ao que pode aspirar a normalización. Preséntase unha prótese como se fose parte do corpo irrigado polo sangue da política lingüística. Vese que ese sangue está callado.
Unha evidencia aínda máis clara de que o modelo consiste en reducir o máximo posible o uso do galego témolo no caso do que se fixo cos Servizos de Normalización dos concellos. Grazas á xestións da SXPL hai un ano elimináronse 15 prazas de técnicos de normalización para acabar derivando esta responsabilidade á chamada Rede de Dinamización Lingüística, unha entidade que se especializou en eventos que se programan como non se debe, onde non os aprecian e cando non convén. Foi como se a unha persoa coa vista perfecta lle arrincáramos os ollos para colocarlle no seu lugar outros de vidro.
Este esquema afortunadamente non puido ser implantado no ensino pois aquí os axentes que xestionan a normalización son os profesores que se adican a este labor só a tempo parcial. Neste caso, en coherencia co que veu sendo o lema desta lexislatura "desfacer máis con menos", reduciuse a asignación presupostaria nun 80% e o tempo de adicación nun 33% mentres que dificultades para levar a normalización ao ensino aumentaron inconmesurablemente. Anxo Lorenzo chegou coa súa máscara de coiro e, como o protagonista da "Matanza de Texas", non fixo outra cousa que esnaquizar o edificio da normalización coa serra mecánica do decreto do plurilingüísimo. No paroxismo desta política gore Lorenzo aínda nos ofrecía o escaparate desta esperpéntica carnicería como o paradigma da nova política lingüística.
Na empresa e no comercio, agás rechamantes iniciativas nas que destacan a súa rareza por estaren argalladas en galego, o castelán é a lingua que goza de todas as ventaxas e proteccións. Nin unha lei, nin un decreto, nin unha liña legal que ampare ao galego no ámbito empresarial. Non debemos sorprendernos de que isto sexa así pois a política lingüística é completamente parapléxica, carece da máis mínima transversalidade. Pola contra, todas as Consellerías están empeñadas unicamente en sobre-garantir a elefantiásica presenza do castelán.
Ante esta especie de monstro de Frankestein, de amorfo ser biónico en que se converteu a política lingüística, o normal é sentir noxo e repulsión. Porén, como moitas veces a razón é prisioneira do sentimento, eu vinme invadido dunhas ansias de misericordia que me levaron a enviarlle un regalo á SXPL: un billete de cinco euros para que polo menos poida coller unha ambulancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario