Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de xaneiro de 2013

O radicalismo da política lingüística antigalega da Xunta

Velaquí a resposta da Xunta á petición popular manifestada o pasado domingo na Quintana seguindo a chamada da plataforma Queremos Galego! para reivindicar a derrogación do funesto decreto para o plurilingüismo e a aínda máis nociva LOMCE coa que se nos ameaza.
A propia nota de prensa na que a Xunta anuncia está inzada de erros ortográficos e gramaticais, unha evidencia do desleixo e destrución da nosa lingua que é o eixo director da política lingüística desenvolvida polo goberno do PP. Cínicamente falan de consenso cando eles foron os que  o romperon e cando aqueles que dous días antes estabamos baixo a chuvia da Quintana gritamos como unha soa voz que queremos recuperar o acordo escrito letra a letra no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Qué é o que buscan os que se parapetan detrás do muro dun poder que nos roubaron e que usan en contra nosa, en contra da lingua que lle dá sentido á súa existencia? Xa o explicaron cando manifestaron a súa incondicional adhesión a ese monstruo que é a LOMCE, un proxecto de lei, que na súa disposición adicional nº 39, parágrafo d) [ver o documento adxunto],  establece que polo menos se garantirá a exclusión total e absoluta do galego nos centros privados para que aqueles zunantes que levados polo odio á nosa cultura, queiran non aprender nada da nosa lingua, poidan facelo. Ademáis establécese que os gastos derivados desta exclusión serán asumidos pola Xunta, isto é, por todos nós.
Os que acudimos e os que apoiamos a manifestación do 27 de xaneiro fixémolo para abrirlle unha oportunidade á nosa lingua. A resposta volve a ser unha vez máis o radicalismo máis atroz. A Xunta, baleira por completo de decisión propia, tórnase en portavoz e brazo executor do ideario extremista, herdeiro directo da doctrina ultraliberal en antigalega.
Ninguén, cun mínimo de respecto pola cultura galega, cunha migalla de responsabilidade pola defensa do noso ou que garde no seu peto tan siquera un refugallo da necesidade do coidado e do coñecemento da lingua de noso, ninguén garde un pouco de amor polo galego pode sentir outra cousa que noxo diante da actitude de desprezo protagonizada pola Xunta.

P.S.: Vese que a Xunta, anoxada de si mesma, cambiou a nota de prensa orixinal. Agora ao premer nesa dirección achamos unha sobre Jesús Vázquez celebrando a paz. Pero esa paz non é a paz lingüística. No sistema de publicación de notas de prensa da Xunta, cada unha delas publícase no seu portal web cun número de serie: 5304, 5305, 5306, 2291,...!!!?. A nova 2291 publicouse o 2/08/2012 e trataba sobre a conselleira Mato falando da RISGA, pero foi substituída por unha nota anunciando o recurso contra as sentenzas do TSXG que declaran ilegal o decreto de plurilingüismo, a nota con número de serie 2291.



2 comentarios:

  1. Eu non sei se haberá outro país no mundo no que os que terían que coidar o patrimonio son precisamente os que fan alarde da súa ignorancia. Porque isto é inaudito.

    ResponderEliminar
  2. Xa o dicía Baltar (pai) temos ao raposo a coidar das galiñas.
    O plan está claro: destrozando a lingua aniquílase a identidade e auméntase o saco de votos cunha masa difusa, manipulable.

    ResponderEliminar