por Ignacio Prados Ansede, en Praza Pública:
A catalanofobia existe. Só hai que botar un ollo a algúns xornais editados en Madrid, a algunhas cadeas de televisión ou aos comentarios que xorden en redes sociais e blogs cando se trata o tema catalán. Hai unha especie de odio acirrado cara ao catalán que dá un pouquiño de medo. Pero ninguén fala sobre a galegofobia, non sei se porque non se percibe ou ben porque non interesa falar, pero aínda que máis sutil e moitos menos agresiva, a galegofobia existe. Non en forma dese odio acirrado, senón máis ben en forma de desprezo sutil, infravaloración e conmiseración.
Zapatero es gallego, en el sentido más peyorativo de la palabra, isto dixo Rosa Díez nunha entrevista con Iñaki Gabilondo. Desde UPyD, o partido que lidera a política, afirmouse que quen se sentía ofendido polas declaracións desta señora tiña un grave problema de complexo de inferioridade e vitimismo. Pero por un momento pensemos que Díez dixese ”Zapatero é xudeu, no sentido pexorativo da palabra”, ou “Zapatero é catalán, no sentido pexorativo da palabra”: a ofensa é clara. Peor o temos agora, cun presidente do Goberno galego que protagoniza titulares como Una bruma gallega envuelve a Rajoy, Rajoy, muy gallego al hablar del rescate, Rajoy, gallego desde el primer día, Rajoy se hace el gallego, Mariano Rajoy, como buen gallego, contestó lo que le dio la gana ou un Rajoy más gallego que nunca. Parece ser que o termo galego serve para todo menos para describir asepticamente o pontevedrés Mariano Rajoy. Sempre que se usa o termo galego nestes casos connota unha calidade do presidente, normalmente negativa, que se cre xeneralizada entre os galegos (e prometo que non é así). É máis, nin sequera a súa muller, Elvira, tamén galega, se libra disto e protagonizou unha portada en Yo Dona. Directa, pasional e nada galega, definíaa a revista de El Mundo. O que significa exactamente nada galega? E cambiando ao PSOE, todos coñecemos José Blanco, pero ás veces nos medios esquécense do seu verdadeiro nome e chámano Pepiño. Se fora de Valladolid, dirían Pepito?
Pero non é só nos medios onde se percibe certa galegofobia. Nestes días, desde a conta de Twitter @15M (que a saber o que ten que ver realmente co movemento 15M) publicábase este tuit:
Se han perdido 850.400 empleos en el primer año de la reforma laboral del gallego.Do galego. Cando Zapatero gobernaba ninguén dicía “do leonés” (si que dicían o neto do fusilado, por exemplo), pero entón, por que “do galego” si? É como cando nas eleccións ao Parlamento de Galicia deste outono Feijóo revalidou a súa maioría absoluta, e Twitter fervía con improperios de españois que atacaban os galegos por dar ás ao PP nos seus recortes sociais. Coma se a Rajoy só o votaran os galegos e non o 50,84% dos madrileños que acudiron a votar, o 64,27% dos murcianos ou o 53,32% dos valencianos.
Outro tema é xa o dos grandes tópicos sobre os galegos, comezando polo acento. “Ai, es galego, dime algo con acento”. Así seguen moitas conversacións cando o teu interlocutor descobre que es galego. Logo xa está o momento máis bochornoso, no que alguén tenta imitalo e parece máis siciliano que do Barbanza, e tes que finxir que che parece divertido cando acabas de coñecer esa persoa. Aínda máis estraño é o que afirma Artur Mas, que segundo el hai coruñeses (e sevillanos e malagueños) aos que non se lles entende ao falar. E logo está o tópico das vacas. Aínda hai xente por aí fóra que pensa que eu habitualmente vexo vacas e coméntamo entre risiños, cando sendo de cidade e de costa vexo máis outras cousas igual de loables, como barcos de pesca, caixas da lonxa ou mariscadores. E aínda que vise vacas, que? De onde pensa esta xente que sae o leite?
En definitiva, a galegofobia existe, moitas veces disfrazada de simpatía e condescendencia. “Ai, que riquiño es, galego” ou “É que tedes un acento tan bonitiño” forman parte da vida dun galego que emigrou. Certo é que onde eu vivín, Barcelona, non existe esta sensación como noutros sitios, basicamente porque os cataláns nos ven como o irmán pequeno nisto do nacionalismo e porque a súa verdadeira fobia é realmente contra os andaluces, pero ás veces si que se percibe. Iso si, ninguén lle quitará ese posto de denigrador absoluto de todo o que é distinto (vasco, catalán, galego, asturiano ou o que sexa) a ese nacionalismo que non existe, o español.
Ningún comentario:
Publicar un comentario