Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de xaneiro de 2013

A letra miúda. E dúas críticas aos estudos sociolingüísticos máis difundidos

Un dos aspectos que calquera ENDL debería tratar é o de aportar coñecementos aos profesores que formamos parte deles e que normalmente carecemos dunha mínima formación neste saber. A Xunta, como é habitual, debe andar ao bonito no Gran Sol. Menos mal que a Coordinadora Galega de ENDL nos ofrece outra vez o seu traballo xestionando e buscando unha forma de tapar ese enorme oco que se abría no eido da normalización escolar.
Velaí outra (cantas van xa?) excelente iniciativa da Coordinadora: a edición dunha revista dixital para facilitar a formación do profesorado en aspectos sociolingüísticos: A letra miúda. Nela atopamos artigos, recensións, ligazóns e recomendacións. Todo un mundo para aprender.
Vou comentar únicamente dous puntos do primeiro número d´A letra miúda. E de cada un deles tirarei unha crítica aos estudos sociolingüísticos que máis se usan e citan en Galicia: o do uso do galego da Enquisa de condición de vida das Familias do IGE, e o Mapa Sociolingüístico de Galicia (V.I, V.II e V.III).

Actitudes e prexuízos. Estudos cuantitativos vs. cualitativos.
Un dos artigos que se nos ofrecen neste número de letra miúda ven da man de Ana Iglesias,  profesora na Universidade de Vigo e autora do libro editado por Xerais Falar galego:'no veo por qué', un ensaio que nos ofrece un traballo que é todo un exemplo de precisión metodolóxica e análise profunda das actitudes sobre a lingua. No artigo  Ana Iglesias ofrécenos un discurso que segue as mesmas directrices. Cóntanos como a case completa totalidade das investigacións sociolingüísticas son de carácter cuantitativo. A autora demostra que esta perspectiva pode levar conclusións erróneas no referente ás actitudes sobre a lingua. Efectivamente, estes estudos daban conta de que os enquisados declaraban actitudes favorables para o galego e que incluso eran mellores canto máis novos fosen os consultados. Porén estes datos daban lugar a unha situación contraditoria pois a xuventude máis castelanizada ofrecía as mellores actitudes. As razóns compría buscalas en que nas respostas que se ofrecen a un cuestionario estatístico inténtase ofrecer unha imaxe positiva polo que o que aparece como resultado é un retato dun ente imaxinario, o do perfecto cidadán, o individuo políticamente correcto.
Por razóns sociolingüísticas evidentes á profesora Ana Iglesias interésanlle sobre todo os máis novos, que conforman un grupo social castelanizado. Para reverter esta situación os mozos instalados no castelán deberán saltar varios muros:
  • Romper cos hábitos adquiridos. Como di Séchu Sende, ao cambiar de lingua, cambias de vida.
  • O muro da competencia. A calquera que coñeza o ensino con algo de profundidade non lle será necesario que o convenzamos de que as competencias do uso da lingua galega non están á altura das alcanzadas polo castelán. Isto crea inseguridades que poden resultar insalvables.
  • O entorno hostil invita decote a usar o castelán. Os medios, a televisión, o comercio,...e a necesidade de aceptación grupal na adolescencia pode ser determinante
Para facer abrollar os prexuízos tamén se fan varias recomendacións:
Mentres nas primeiras etapas a influencia do mestre vai ser directa e ademais inevitable, en secundaria sería un erro por parte do profesor intentar modificar as actitudes directamente, xa que o resultado podería ser incluso o contrario do esperado. En lugar disto, é necesario recorrer a técnicas grupais, do tipo “tormenta de ideas”, “debates”, “dramatizacións”, “visionado de películas ou lectura de libros relacionados co tema”, etc. Deste xeito, serán os mesmos alumnos os que vaian poñendo en evidencia as actitudes negativas dos compañeiros e buscando argumentos para botalas abaixo
Recomendacións. O concepto perdido.
No apartado de Recomendacións da revista dixital A letra miúda podemos atopar, entre outras cousas, os resultados achegados por L’Enquesta d’usos lingüístics de la població 2008. Comento o caso porque me chamou moito a atención un concepto que utilizan nos estudos sociolingüísticos en Cataluña, "lingua de identificación", e que nunca vin nos estudos sociolingüísticos galegos. Esta comparación, ou mellor dito, esta omisión, evidencia que eses nosos sesudos estudos sociolingüísticos poden partir de preconceptos que fican agochados detrás dunha abrumadora lista de táboas de datos e gráficos de cores onde se debulla por provicias, sexo, idades e toda clase de variables adicionais cal é a "lingua inicial" ou a "competencia lingüística" (e nada máis). Por que o IGE ou no MSG non se pregunta nas súas enquisas pola "lingua de identificación"?

Conclusións
Se os datos obtidos do IGE e do MSG son fundamentais para coñecermos datos relevantes sobre a nosa lingua, debemos profundizar e mirar máis alá do que nos indican as súas táboas para facer unha mellor aproximación á realidade. Para que este propósito sexa unha realidade, a revista A letra miúda enxérgase como unha ferramenta utilísima. Velaquí unha invitación para o seu seguimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario