Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 21 de marzo de 2014

Javier Gómez Noya. Premio Leixapren 2013



A CGENDL concedéralle o premio Leixaprén na súa edición do 2013 a Javier Gómez Noya, triatleta de prestixio mundial. Como a un iso do deporte lle queda moi lonxe, a cousa quedárame nos cavorcos da memoria. Mais pegándolle un repaso ao blogue do ENDL do CEIP Campolongo fun bater con esta entrevista que un traballador incansable do ensino pola lingua, Nito, lle fixo ao campión mundial. Para ser máis precisos, Nito é o portavoz do alumnado do CEIP, quen foi realmente quen redactou o cuestionario.
Un exemplo máis de que restrinxirlle funcións á lingua ten tanto sentido como andar batendo paus contra o vento.
Vía Ghafos

xoves, 20 de marzo de 2014

Rosalía 3.0


ROSALíA 3.0 from JOSEAN PAZOS on Vimeo.

Xa ventaba eu que iso do Abalar servía para algo. No CEP Sequelo (Marín) deron cunha aplicación realmente orixinal.
Cunha referencia a esta actividade tamén deixo de actualizar a entrada sobre as celebracións do Día de Rosalía

mércores, 19 de marzo de 2014

Lingua estranxeira para a Consellería de Educación

O pasado 12/03/14, por medio dun chío de J.J. Rodríguez, chegábame a noticia de que desde a perspectiva da Xunta, o galego é unha lingua estranxeira. Polo menos así aparecía ese día como etiqueta dun anuncio dos agora polémicos cursos Celga.
Un par de días despois reproducían a noticia desde a Confederación de Anpas.

O conto non tería moito que comentar... se a política lingüística da Xunta fose moi outra. O que non nos estraña xa é a identificación da Xunta co desprezo da lingua galega, por algo será.
Neste erro (?) o que vemos é un retrato da súa forma de actuar respecto da nosa lingua, que polo que se ve, non é a deles. Nós, os que falamos galego, somos de facto os estranxeiros na nosa patria, somos os que, sen lar nin arrrimo,  contemplamos as palabras da nosa lingua  como se fosen lumes fuxitivos esvaéndose nesta podremia pantanosa.



¿A Cruña ou A Coruña?

pola Cerna de Prolingua nas Voces de Prolingua:


No facebook de ProLingua do pasado 11 de marzo Adrián Blanco expuña unha dúbida sobre o topónimo A Coruña e preguntaba“por que non se usa a palabra A Cruña coma forma oficial?”.

martes, 18 de marzo de 2014

Non impartimos cursos Celga

Este é un exemplo da escurantista e revanchista forma de actuar da Consellería de Educación. No día de onte, 17/03/14, recibiuse no meu centro unha chamada do  Gabinete de Normalización de Pontevedra, dependente da Consellería de Educación, ofrecéndolle ao profesorado de Lingua e Literatura Galega do noso centro a impartición dos cursos Celga que se programan na Estrada. E ao dar resposta negativa, a quen chamarían despois? ao IES de Forcarei? ao de Cacheiras?, ao CPI de Cuntis? Con que criterio se fan as contratacións co diñeiro público? Non derivará este tipo de actuacións na calidade dos cursos Celga? Por que non se ten en conta para nada o criterio da experiencia da impartición nos anos anteriores?
Se eu puidese dar os cursos, negaríame a impartilos. Así que o menos que podo facer é recoller esta entrada do ENDL As Ferreiras:

Velaí que a Consellería, deixa de ofrecer os cursos preparatorios Celga ao profesorado en paro e cos que segundo o informe da Inspección de Traballo mantén unha relación laboral. Concretamente, a Inspección Provincial de Traballo da Coruña, despois dunha inspección á Secretaría Xeral de Política Lingüística, comprobou que o profesorado que viña impartindo os cursos Celga non estaba dado de alta na Seguridade Social, non se cotizaba por el como corresponde e non tiñan recoñecidos os seus dereitos laborais. En consecuencia a Xunta terá que asumir unha forte sanción económica e debería reformar a escurantista metodololxía de contratación coa que actúa.A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) fixo unha proposta para a mellora da planificación dos Celga na que incluía a creación dunha lista pública e transparente de profesorado colaborador na que se valorara obxectivamente a experiencia e a formación para a impartición destes cursos e se abrira o camiño á profesionalización no sector.
En vista do exposto, considerando que esta forma de realizar contratos para a adminstración pública carece da transparencia e as garantías necesarias, e en solidariedade co profesorado especializado na formación de galego para a acreditación Celga, o profesorado do noso centro rexeitou o ofrecemento da Consellería.

Máis:
CIG-Ensino denunciará por improcedentes os 476 despedimentos de docentes do Celga, no Sermos Galiza

luns, 17 de marzo de 2014

A cara da imposición



Neste retallo audiovisual pónselle cara á imposición lingüística. Cando o periodista se achega obtén unha resposta chea de fachenda, prexuízos e falta de educación. Faino así porque se sinte fortalecido polo discurso da imposición do español. Segundo o seu construto mental, un finxido "no entiendo" debería chegar para que o interlocutor teña que verse forzado a cambiar de lingua. Consiste nunha actitude agresiva, de imposición da lingua que ten todas as garantías, co fin de reducir a presenza da lingua da terra e dar un paso máis no proxecto nunca declarado de lingüicidio.
Vía Cousas de Imeneo.

domingo, 16 de marzo de 2014

Ollos de aula13 + A letra miúda 5

Xa van 13, e está claro que non poden parar aquí.
Un retalliño para provocar a lectura deste novo número da revista:

o look estrela para os vindeiros meses vai ser a combinación da lingua galega coas actitudes abertas e sen prexuízos; un estilo atractivo e contemporáneo, que se adapta perfectamen-te a ámbitos urbanos e ao ritmo de vida das xeracións máis novas
 Tamén aproveito para recomendar o artigo de Mercedes Queixas no número trimestral da outra revista da CGENDL, A letra miúda. Neste artigo desenvólvense criterios básicos para a confección dun documento maltratado e que desde a posta en marcha do funesto decreto 79/2010 normalmente fica aparcado e sen desenvolvemento nos centros de ensino. Trátase dos Proxectos Lingüísticos de Centro. Dese unha perspectiva normalizadora, temos unha guía para o seu desenvolvemento.

sábado, 15 de marzo de 2014

O “Adiós ríos, adiós, fontes” da St. Mary’s Primary School



por Xela Cuñarro Otero explicando o que hai detrás deste marabilloso vídeo,  nas Voces de Prolingua:

Non me lembro da primeira vez que escoitei falar de Rosalía de Castro. Crecín con ela, a súa poesía acompañoume ó longo da miña vida, sempre da forma brillante e perfecta na que só ela soubo cantar e entender a alma e a forma de sentir da súa xente, de todos/as nós. Hai dez anos, mentres estudaba o bacharelato no I.E.S. María Soliño en Cangas, tiven a sorte de que un dos mellores mestres que tiven me ensinara outra Rosalía máis: a técnica, os recursos, a teoría. A descrición e a reivindicación, a sensibilidade e a forza. A perfección.

venres, 14 de marzo de 2014

Telexornal desde o CPI de Navia de Suarna

)

Gustoume moito este telexornal gravado polo Alumnado do CPI de Navia na Fundación TIC dependente da Deputación de Lugo. Unha iniciativa lúdica e que de seguro aportou novos e gorentosos coñecementos ao alumnado do CPI. Parabéns!.
Vía ENDL Navia de Suarna

mércores, 12 de marzo de 2014

Dicir a palabra complexo



Especialmente adicado ao profesorado de matemáticas, para que cando fale dos números complexos, o faga coa pronuncia correcta.
Ademais Xosé Luis Regueira tamén nos comenta a pronuncia de  reflexo e crucifixo.
E de postre, unha explicación sobre as palabras que deben pronunciarse con ks, do blogue Dúbidas do galego

Compromiso e desleixo

por Andrés Coruñago Laxe nas Voces de Prolingua:

A principios dos anos oitenta tiven coñecemento da actividade dunha asociación barcelonesa comprometida coa normalización da lingua catalá na cidade de Barcelona. Comezaran o seu labor, dunha forma moi intelixente no campo da hostalería. Querían que os restaurantes da cidade contasen coa carta de menús tamén en catalán. Hai moitísimo tempo que os cataláns saben aquilo que dixera Castelao: “unha lingua non nace por vontade dos homes, senón por necesidade do seu progreso”. E así lles vai.

martes, 11 de marzo de 2014

Os empresarios, sen galego


Ésta é a nota que se pode ver na páxina da Confederación de Empresarios Galegos  facendo referencia ao peche desde o 31/12/12 do peche do seu servizo normalización lingüística.

Supoño que ninguén, agás algún zunante, dubidará da necesidade de contarmos cun servizo de normalización no ámbito comercial e empresarial. Pero aínda antes deberiamos contar cunha política lingüística que realmente desenvolvera a normalización no mundo económico. Sabe alguén dalgunha medida que se tomara desde o goberno nos últimos anos favorecedora do uso real do galego na empresa? ... Por iso, atopar con noticias como a recentemente divulgada por Prolingua da edición da revista de Eroski para os consumidores sobrepasa xa o ámbito da normalización e pasa a ser todo unha heroicidade. Non sei se hai que lembrar que o goberno de Feijóo tirou ao lixo todas as propostas de promoción do uso do galego no comercio e aprobou unha lei do comercio na que as referencias ao uso da lingua galega destacan pola súa ausencia.


luns, 10 de marzo de 2014

A educación: dereito ou mercadoría?

A educación: dereito ou mercadoría?. Estamos diante doutro libro que recolle unha multiplicidade de mans e cerebros, todos eles con experiencia e coñecemento do mundo educativo. A coordinadora é Mariló Candedo Gunturiz, presidenta da Nova Escola Galega explica o obxectivo fundamental desta obra:


manter activo o debate e a mobilización cidadá que non quere renunciar á conquista democrática que representa a educación pública

Baixo esta premisa preséntanse 12 traballos que ofrecen outras tantas reflexións sobre aspectos fundamentais cando do que se trata é de analizar a situación educativa actual, face a unha contrarreforma asentada no desmantelamento dun servizo público esencial para o desenvolvemento social.
Nun dos capítulos, do que a autora é a propia Mariló, apúntanse as principais características da LOMCE:
  • Anticipación da segregación do alumnado aos 13 anos. Este aspecto terá como corolario o descarte de boa parte do alumnado cara a FP básica. Fundaméntase na culpabilización do propio alumnado do seu fracaso escolar.
  • Xerarquización, simplificación e recentralización do currículo. Volta á lei Villar-Palasí. Fundaméntase enque só importan os resultados, sen ter en conta as circunstancias (recursos, ratio, ambiente social,...)
  • Autonomía pedagóxica e modelo de gobernanza. Establécese co claro obxectivo de facilitar a privatización do ensino. 

Noutro dos capítulos repásase a dimensión dos recortes en educación que está tendo como consecuencia un empeoramento da calidade educativa e un encarecemento do que debería ser o dereito á educación mediante a conxelación de bolsas,  redución da cobertura dos programas de axuda para libros de texto, repagamento dos comedores escolares, encarecemento das escolas municipais de música, redución da financiación dos programas de formación do profesorado, dos programas contra o abandono escolar,...
Cocha Fernández repasa os tópicos falsos da FP: en Galicia o 60% do alumnado da secundaria post-obrigatoria cursaba FP vs. un 52% que é a cifra en Europa. Tamén comenta a complicada implantación da publicitada FP dual e tufo privatizador e de recurte dos dereitos dos traballadores co que vén adubiada.
No libro tamén hai espazo para unha panorámica da escola infantil (0-3anos), a educación inclusiva e a atención á diversidade, a autonomía dos centros educativos coa LOMCE, as perspectivas do ensino universitario, ou tendencia ao desmantelamento da educación social nun contexto de crise económica.

As reválidas na LOMCE
Para invitar á lectura deste libro non hai nada mellor que ler un artigo dun dos co-autores, Xosé Ramos Rodríguez, que foi publicado no dixital Praza Pública baixo o título "As reválidas na LOMCE, ou como segregar o alumnado".  Efectivamente, a LOMCE establece toda unha serie de obstáculos/reválidas que ao tempo que son un desprezo pola labor do profesorado terán como efecto a curto prazo a defenestración do labor pedagóxico ao poñelo ao servizo desas probas. No canto de espazos para aprender, teremos fábricas de pasantías.
Para que o caramelo sexa máis gorentoso, se o artigo de Xosé Ramos é moi clarificador, mellor é aínda ler a súa achega a este libro: "Alcance das avaliacións e o seu alcance na LOMCE"

A normalización usurpada
Valentina Formoso é a autora dun capítulo adicado ao estado da normalización lingüística no ensino. Nunhas poucas páxinas repasa o esencial da súa historia nos últimos 20 anos, destacando que pasamos do "a modiño" (en palabras de Agustín Fernández Paz) á involución.
No ano 2004 aprobárase co consenso de toda a sociedade o PXNLG. Sobre esta base redactouse o decreto 124/2007 que establecía un mínimo dun 50% de docencia en galego, un impulso do galego como idioma base na educación infantil e abríaselle paso á liñas de galego. Rachado o consenso, e cunha gran oposición social, o decreto 79/2010 abre unha vía involutiva establecendo un máixmo do 50% en galego, a prohibición expresa do seu uso na ciencia e a tecnoloxía e a apertura dun panorama desolador cunha imaxe negativa para o uso da lingua, excluíndoo das escolas infatís urbanas e  pervertendo incluso o ditame do TSXG que ditaminou que nin as familias podían escoller a lingua do ensino nin o alumno tiña liberdade para empregar na aula a lingua que lle petase.

domingo, 9 de marzo de 2014

A lingua dos peixes, dos paxaros e das mozas de aldea

por José Luís Sucasas, en Letra en Obras:

Na súa ansia por situarse no mundo, tódolos pobos, sexan grandes ou pequenos, remexen nos rexistros civís e camposantos na procura de persoeiros senlleiros que enfeiten os seus folletos turísticos; e se non atopan ningún, repasan o inventario das casas, por se viviu nelas durante algún tempo alguén importante ou famoso. Incluso Lalín -que nin é pobo grande nin pequeno, senón un “bota por ela”- ten os seus próceres: o matemático José Rodríguez, o astrónomo Ramón María Aller e o pintor Laxeiro. Fáltalle un escribidor para facer pleno en artes e ciencias, pero non lles preocupa: seica xa lle botaron o ollo a un e só están á espera de que espiche. Pola contra, en Vilanova de Arousa -nas antípodas do Deza e saída natural ao mar dos dezaos- teñen de sobra o que lles falta a Lalín: Ramón María Valle-Inclán e Julio Camba.

Entrevista a Moreno Cabrera



O catedrático de lingüística xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera,  nunha entrevista para o programa da TVE "Para todos la 2" no que desmonta prexuízos e desvela mitos sobre a lingua.

venres, 7 de marzo de 2014

Resurección de Díaz Castro



O entroido é a época ideal para asumir outras identidades. Algunhas veces faise co ánimo irónico e crítico pero noutras, e ésta é uha delas, o obxectivo é a homenaxe. Neste caso é o poeta  Xosé María Díaz Castro quen recibe esta acertada resurección no ano do seu centenario. Así se presenta:
Desde Guitiriz, e desde a pastelería - cafetería Nimbos, así chamada polo libro que escribiu este xenial poeta galego e estudioso investigador das letras galegas, o autor dos Villares lembra a Galicia nunha versión revisada e actualizada dos seus propios textos ( Entroido de Guitiriz - 4/03/2014 )

xoves, 6 de marzo de 2014

Día de Rosalía 2014: moitas celebracións e unha negación

Vai, de seguido, unha recompilación dunha pequena parte do que se moveu arredor da celebración do Día de Rosalía o pasado 24 de febreiro. Ao final engádese a nota triste.


Día de Rosalía nos medios
O Día de Rosalía acolleu a presentación das súas cartas dixitalizadas e un concurso de autofotos nas redes, Código Cero
"Todas con Rosalía", os chíos levan seu nome e seus versos, Sermos Galiza
É 24 de febreiro, #EuRosalía, en Praza Pública
Muxía e Carballo celebran por todo o alto o Día de Rosalía, Qué pasa na costa
Ferrolterra celebra hoxe o Día de Rosalía, que o colectivo Terra conmemorou xa por adiantado, Diario de Ferrol

A Radio Galega conmemorou o Día de Rosalía cun programa especial e un libro desde a Casa Museo de Padrón, CRTVG

Día de Rosalía nas institucións
Historia dunha placa, RAG
Rosalía de Castro. Epistolario, CCG
Cantares para Roslía, CCG
Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2014, AELG

Día de Rosalía nas escolas
Día de Rosalía en Moaña. Lectura pública, no blogue O Morrazo en fotos
A fenda nos muros, Aquisfalamos blogue do ENDL do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis)
Lembrando a Rosalía, en Tes moita lingua, blogue do ENDL do CPI Conde de Fenosa (Ares)
Presentación de Rosalía, en Sempre en galego, blogue do CEP Pilar Maestu Sierra (A Pobra do Caramiñal)
Selección de textos de Rosalía, no Bico da Ría, revista do IES Félix Muriel (Rianxo)
24 de febreiro Día de Rosalía, en ENREDEmos, blogue do ENDL do CEIP A Pedra (Bueu)
Farewell to my land!, no equiPAZO, blogue do ENDL do IES Pazo da Mercé (As NEves)
O Día de Rosalía de Castro, no biblioblogreboreda  do CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela)
Día de Rosalía. 24 de febreiro de 2014, no CEIP Carlos Casares (Nigrán)
Así celebramos o Día de Rosalía, no Lar de Frianciño, do CEIP Frián (Vigo)
O rostro da poeta cos seus versos, en Biblioteca do IES San Paio, do IES San Paio (Tui)
Día de Rosalía (I), en Lingua de Montes, do IES Chano Piñeiro (Forcarei)
Día de Rosalía (II). Silencio!, en Lingua de Montes, do IES Chano Piñeiro (Forcarei)
o graffiti rosalía 2014, O larchán do Cotarelo, do IES Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa)
Falamos con Rosalía, no blogue Palabras de pedra, do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces)
24 de febreiro de 2014. Día de Rosalía, no blogue Móllate coa lingua, do CEIP Terras de Maside (Maside)
Cantares Gallegos, O Caghaboi, do ENDL do IES nº 1 de Ribeira
GraffitiRosalía, A Charca dos libros, do CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia)
24 de febreiro de 2014. Día de Rosalía de Castro, Biblioteca do IES María Casares (Oleiros)
Día de Rosalía, no blogue O falar non ten cancelas, do IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia)
Soia. O mural do Día de Rosalía, As Ferreiras, blogue do ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda)
Día de Rosalía (I), Lingua de Montes, blogue do ENDL do IES Chano Piñeiro (Forcarei)
Día de Rosalía, O novo lar de Igexiño
Día de Rosalía, Cores de Infantil
24 de febreiro, Día de Rosalía, en Dinamiza, Normaliza, blogue do CEIP Quintela (Moaña)
Recitando Cantares Gallegos de Rosalía, Blog de Poesía,  dos alumnos do IES María Sarmiento (Viveiro)
Rosalía 24, do CEP Sequelo de Marín
A voz que sempre nos asombra. Rosalía de Castro, Radioteca, CEIP Andrade (Pontedeume)
24-F, o Día de Rosalía, Biblioteca das Palabras Máxicas, CEIP de Oca (A Estrada)
Día de Rosalía de Castro, A Nosa Biblioteca, do CEIP A Nosa Señora das Dores (Forcarei)
Día de Rosalía, a fenda nos muros, biblioBN blogue da E.E.I. Barrionovo -Pastoriza (Arteixo)
Día de Rosalía na biblioteca, Gándara de Lemos, blogue do CEIP A Gándara (Monforte)
Día de Rosalía, no blogue O recuncho da Mata podemos ver unha chea de actividades realizadas no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal)  arreddor da celebración do 24 de febreiro
Rosalía nos códigos QR,  tamén do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) onde inauguraron a rede wifi cunha  actividade de pistas sobre Rosalía con códigos QR.
Poesía para Rosalía, no Bico da Ría, do ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo)
Cantamos a Rosalía, no Bico da Ría, do ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo)
Parece unha Rosa, en Biblioblogreboreda, do CEIP Sto. Paio de Abaixo (Redondela)
Nós cantar cantamos, serie de carteis na Marela Tarabela do IES Ramón Mª Aller e nas Ferreiras do IES Pintor Colmeiro
Homenaxe a Rosalía no IES de Chapela, no Berete, o blogue do ENDL do IES de Chapela (Redondela)
Unha historia rosaliana, recollido de El toupo que fuza
24 de febreiro. Día de Rosalía, no blogue Móllate coa lingua, do ENDL do CPI Teras de Maside
Rosalía2014, vídeo do IES Salvador Madariaga (A Coruña), vía AELG
Agradecidos pola participación!!!, no EQUIPazo, blogue do ENDL do IES Pazo da Mercé (As Neves)
Rosalía nos muros de Rodeira, en Lingualiza, do ENDL do IES Rodeira (Cangas)
Vídeo co acto da homenaxe a Rosalía, no Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela)
Rosalía 3.0, vídeo do CEIP Sequelo (Marín)

A negación do Día de Rosalía
O PP veta un día de Rosalía no ensino: "cando a louvanza é grande, ata o santo desconfía", en Praza Pública

mércores, 5 de marzo de 2014

Rosalía QR

Remexendo nas actividades que se fixeron desde os centros de ensino para celebrar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, atopei esta imaxe que me chamou a atención. Estaba no web do CPI Manuel González Marquier (O Rosal). Que foi o que se lles ocurrira para celebrar a data? Non era un selfie rosaliano, nin un graffiti, nin un recitado. Tampouco se trataba dunha conferencia. Estreaban rede wifi e pensaron aproveitar a ocasión para facer un concurso de pistas que deberían seguir mediante códigos QR que debían recoller cos seus móbiles.

Pero tamén houbo lectura de poemas, e graffiti, e vídeo. Un enorme traballo que agradecerán alumnos e familias do CPI.

martes, 4 de marzo de 2014

Entrevista a Rosalía de Castro



Como outro exemplo da vizosidade da celebración do pasado 24 de febreiro, traio a esta xanela dixital unha impagable entrevista a Rosalía de Castro que realizaron no IES Chano Piñeiro de Forcarei. O documento achéganos á figura de Rosalía de primeira man, mesmo por veces parece que é a propia escritora a que está a falar.
E ésta non foi a única iniciativa desde ese insituto. Temos tamén un recitado colectivo, e tal como se anuncia na entrada do blogue do ENDL, teremos que estar atentos a novas entradas con referencia ás actividades que montaron arredor do Día de Rosalía.

luns, 3 de marzo de 2014

Graffitirosalía no Cotarelo


graffitirosalia no cotarelo 2014 from larchandocotarelo on Vimeo.

Intervención plástica realizada no IES Armando Cotarelo, no Día de Rosalía 2014. A partir dunha idea da AELG. Foi unha iniciativa do ENDL Cotarelo. Vilagarcía de Arousa.

Nel Vidal: "En lugar de normalizar, “desnormalízase”, enviando mensaxes prácticas contrarias ao galego desde o propio goberno".

Gosto especialmente das entrevistas porque nos poden achegar visións máis claras e directas. Mágoa que hai tempo que non proliferan, cando menos as que caerían dentro do ámbito deste blogue. Por iso é unha alegría dobre o atopar algunha coma esta que Carme Vidal lle fai a Nel Vidal para o Sermos Galiza:

O próximo sábado a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) desenvolverá a súa asemblea xeral. O seu presidente, Nel Vidal Barral, técnico no Concello de Carballo, trasládanos a valoración do colectivo que traballa pola normalización e que está a vivir o momento de maior precariedade e maiores retrocesos no proceso dos últimos tempos.

-Un dos obxectivos de CTNL é detectar eivas no traballo de normalización lingüística, cales son as máis notorias?
Distinguiría dous tipos de eivas, unhas fixadas no Estatuto, é dicir, de carácter técnico derivadas da administración ou do goberno que deberían ser as máis fáciles de mudar e logo están as eivas sociais que son consecuencia do proceso histórico, dos prexuízos e da propia situación, máis complexas para transformar. O que pretende o traballo de normalización é rematar con eses prexuízos mais é preciso tamén mudar as outras eivas para facer efectivo o traballo de normalización. A nivel político e administrativo temos unha lexislación moi frouxa coa que é difícil avanzar e, polo outro, non hai unha estrutura técnica forte para facer unha planificación e intervención de acordo coas necesidades.

domingo, 2 de marzo de 2014

De blogues.18

Onte 870: Calendario profesional do libro e da lectura 2014, 01/02/14, por Manuel Bragado en Brétemas
A curiosa hitoria da camisola co lema 'Fálalle galego' da exposición '1770-1990, tempos de EXB', do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), 02/02/14, no blogue de Xosé Mª Lema A Costa do Solpor
Dez razóns (lingüísticas) para amar (e mesmo desexar) o galego, 03/02/14, do blogue do departamento de galego da EOI de Vigo, O peixe na patela
Onte 873: 21 días co galego, 04/02/14, nas Brétemas de Manuel Bragado
Pinocho, Rianjo e Chuky, o boneco diabólico, 08/02/14, por Xabier Cordal en Centeás
Segundo aniversario!, 16/02/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de Lingua
1. Unha lingua máis, ou unha lingua especial?, visto en Galego na rede, un proxecto de Helena Villar Janeiro
Aquelas merendas co Xabarín, 19/02/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de Lingua
o can que non entendía o castelán, 19/02/14, por X. M. Eyré na Ferradura en tránsito
O dereito á educación, 23/02/14, por Pablo Vaamonde no Pavillón de Repouso
O galego e a medicina, 26/02/14, As Mir e unha noites vía Chuza!
Igualdade de dereitos... para cando?, 26/02/14, por Carlos Callón
Onte 896: Redución da compra de libros en Galicia, 27/02/14, por M. Bragado en Brétemas
Arthur e o galego negado, 28/02/14, por X. M. Eyré na Ferradura en tránsito

sábado, 1 de marzo de 2014

Xosé María Díaz Castro: Nimbos de poesía



Documental da produtora Ophiusa do ano 1987, dirixido por Xulio Xiz, no que o propio Xosé María Díaz Castro é que nos guía polos lugares onde transcorreron a súa infancia e mocidade: Os Vilares, Mondoñedo, Betanzos, Guitiriz, ...
Nesta recuperada peza audiovisual é podemos escoitar a Díaz Castro recitar algúns dos seus textos máis significativos. A música, da Quenlla e contando coa colaboración da A. C. Xermolos
Vía SXPL
E xa, de paso, esta entrevista a

venres, 28 de febreiro de 2014

xoves, 27 de febreiro de 2014

21 días co galego: a festa da normalización





Este pasado domingo remataba esa festa da normalización que é a iniciativa 21 días co galego e xa me tardaba a edición desta entrada.
Podía ter posto aquí a escritores e escritoras, actores, cantantes, artistas, xerentes, profesores, empresarios, empregados de banca, pais, .. podería ter posto a Agustín Fernández Paz, a Francisco Castro, a Berta Davila, ou a Tucho Calvo, Uxía Casal, Rosa Aneiros, Xoán Pérez, Najla Shami, Tonhito de Poi, Séchu Sende,  Sara López ou Aleixo Jablonski, Elena Gallego, J M Vázquez "Leman", Manuel Gago, Federico Pérez, Xosé Luís Santiso, Xosé Luís Carreira, aos pais ou ao profesores do IES da Pobra,a Fran Godón, Mercedes Peón , a Luís Tosar ou a Sés.

Pero desta volta preferín destacar as aportacións dos rapaces do IES Perdouro de Burela e os do Cañada Blanch de Londres pois a súa testemuña indícanos que aínda cando non dispoñamos do enorme saber e o esforzo dun Xano Cebreiro ou dunha Pilar Ponte, teremos a seguridade de que continuará habendo, escritores, artistas, profesores,.... continuaremos a ter quen continúe a estela das edicións de 21 días co galego

mércores, 26 de febreiro de 2014

Muller Lamprea III


MULLER LAMPREA III from Edu Plástica on Vimeo.

Outra nova aventura da Muller Lamprea. Un conto sobre os prexuízos e como a Muller Lamprea pode axudarnos a librarnos deles. Unha gozada desde a aula de plástica do IES As Barxas (Moaña)


Vía Certo

Fenómeno Rosalía

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo:


A pesar de non ser incluído no "Calendario do Libro e da Lectura 2014" da Consellaría de Cultura e Educación, a celebración do Día de Rosalía foi un éxito cívico. Ademais da tradicional ofrenda floral en Compostela, lembrando o seu nacemento no Camiño Novo o 24 de febreiro de 1837, precedida dunha alborada gaiteira instituída o pasado ano pola Fundación Rosalía de Castro (FRC), numerosos actos de lectura pública de poemas rosalianos, recitais poéticos, conferencias sobre a vida e obra da autora, realización de grafitis en espazos públicos educativos na súa homenaxe, roteiros, concertos ou accións virais en internet, promovidas pola FRC, Asociación de Escritores en Lingua Galega, por outras asociacións e colectivos culturais e feministas de base, por editoriais, librarías e panadarías (en Ourense) e por algúns concellos (como os de Vigo e Pontevedra), ás que habería que engadir as actividades organizadas polos centros educativos no seu horario lectivo, amosaron que a memoria rosaliana e o interese polos seus textos mantéñense moi vivos e presentes na sociedade civil galega. Rosalía de Castro interesa e mobiliza.

martes, 25 de febreiro de 2014

Un ano e un día despois a Xunta despreza a Rosalía



Palabras de Valentín García hai hoxe un ano:
Hoxe é o día seguinte do aniversario de Rosalía [...]. A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Educación non queren deixar pasar estas datas sen que [o aproveitásemos para que] a través do Equipos de [Normalización e] Dinamización Lingüística poidamos desenvolver unha campaña que dinamizase o uso da lingua galega entre o alumnado, que promova o coñecemento de Rosalía de Castro, [...] e promover o uso da lingua en espazos e soportes novos

Daquela a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, sumáronse tímidamente á cicloxénese Rosalía. Este ano viráronlle as costas ás celebracións e actividades que se realizaron tanto desde a AELG, a Fundación Rosalía, como as compartidas por unha multitude de asociacións culturais e Equipos de Normalización Lingüística. Mentres o tecido cultural galego festexa o Día de Rosalía, a Xunta fica fóra de xogo. Hoxe xa non quer promover o coñecemento de Rosalía de Castro, e para min que detrás está outro empeño: o de reducir o uso e o prestixio da lingua galega.
A situación foi denunciada nun comunicado suscrito pola AELG, GÁLIX e AGE.

Rosalía viva! Viva Rosalía!

Engadir título
por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza, cun texto que foi lido no Panteón de Galegos Ilustres o 23/02/14 no acto organizado pola AELG:


Amigas e amigos,
Sede benvidos a este lugar que é símbolo fundacional de noso.
-Hoxe, arredor do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, continuamos a celebrala, como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea e a sentírmonos reflectidos, logo de máis de cento cincuenta anos, na voz colectiva da nación, expresada coralmente nos Cantares gallegos, onde o compromiso co seu pobo, posto en valor na lingua de seu, translocen o compromiso cunha realidade maior, para lle dar luz desde a dignificación cultural e social, abrindo en nós, neste presente bretemoso, a espiral da conciencia de xustiza para co pobo de noso e o seu futuro.

luns, 24 de febreiro de 2014

Palabras de Rosalía





Quixera destacar hoxe, no Día de Rosalía que a Consellería de Cultura se negou a celebrar (manda truco!), estas dúas aproximacións a Rosalía recollidas do Portal das Palabras. Nestes pequenos documentais podemos aprender das palabras de Anxo Angueira (presidente da Fundación Rosalía de Castro) e Carme Pazos (do Seminario de Lexicografía).
O tema central que se desenvolve é o do léxico e a lingua de Rosalía.

domingo, 23 de febreiro de 2014

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014:

Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.

Seis tácticas anti-LOMCE



Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, explica neste video 6 tácticas para dificultar a aplicación da LOMCE nos centros de ensino unha vez que foi aprobada. O traballo ven acompañado de imaxes das manifestacións da folga estudantil do #20F en Vigo, A Coruña e Compostela.

sábado, 22 de febreiro de 2014

Varexando cara á Illa de Ons

por José Manuel Dopazo Entenza, nas Voces de Prolingua:

Foi Álvaro das Casas quen, en 1934, publicou o artigo “A Illa de Ons” para a revista Nós (nº 131-132, páx. 167-181), desta maneira converteuse no primeiro estudoso en mostrar interese por esta illa e pasou a ser un referente para toda aquela persoa que se queira achegar algo máis a ela.

venres, 21 de febreiro de 2014

A lingua materna segundo a Unesco

Hoxe, 21 de febreiro, celébrase por iniciativa da Unesco o Día da Lingua Materna. Van de seguido algunhas aclaracións extraídas da fonte limpa: directamente de notas da Unesco. Nelas poderemos comprobar que esta institución invita a que as linguas minorizadas como a nosa sexan e referentes nos libros de texto, na transmisión do saber científico, na educación infantil ou nas novas tecnoloxías. Non sería mal exercicio repasar a política lingüística da Xunta e comprobar, punto por punto, como o galego está sendo atacado en todos e cada un destes aspectos.
A SXPL na súa habitual volveu a sacar o santo da confusión en procesión. Botou na rede unha páxina con catro ligazóns e sen arrubiarse nin o máis mínimo declara que
todas as linguas humanas, e por suposto o galego, teñen o mesmo potencial para seren vehículo de investigación e de divulgación científica.
Nótese o coidado da redacción: o galego serve para a investigación e a divulgación, pero non para a escola, non para a transmisión. Precisamente o punto no que ten realmente importancia a política lingüística é o que se desbota. A razón?: a petición da Directora Xeral da Unesco, de antepoñerse ao prexuízo de non usar a lingua propia na transmisión do saber científico vai contra o corazón do decreto para o plurilingüismo que defende a Xunta.
No meu centro fixemos un tríptico para aclarar un pouco todas estas ideas que desde as oficinas da Xunta pretenden escurecer. Copio e pego o contido do tríptico:


O concepto de lingua materna
Todos temos a idea de que a lingua materna é a das primeiras palabras ou a da expresión do pensamento. Pero nunha situación como a nosa,  na que hai varias linguas en contacto o concepto lingua materna pode levar a confusión. Moitas veces úsase interesadamente como sinónimo da lingua de cada individuo en particular, no canto de facer referencia a un fenómeno da comunidade. Teñamos en conta que as linguas son construcións sociais.
O Día da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco e celébrase o 21 de febreiro desde o ano 2000. Cando falamos de lingua materna, segundo a Unesco, estámonos a referir a unha lingua minorizada, normalmente con dificultades para a súa implantación social, e con desventaxas respecto doutra lingua estatal. En Galicia sería o galego quen podería cualificarse como lingua materna.

Cada ano a Unesco fai unha declaración co fin de poñer o foco nos problemas que padecen moitas linguas e promover a aplicación de políticas e estratexias que favorezan a diversidade lingüística. Así, cada 21 de febreiro chéganos unha mensaxe de Irina Bokova Directora Xeral da Unesco, destacando cada ano un tema que fai referencia a unha cuestión na que incidir na protección e o fomento das linguas maternas ou linguas con risco de exclusión. Na edición deste ano o tema a tratar é o das "linguas locais para a cidadanía
mundial: a ciencia en primeiro plano". Velaquí un extracto da declaración asinada por Irina Bokova:

Contrariamente á crenza común, as linguas locais son totalmente capaces de transmitir asmaterias científicas máis modernas, as matemáticas, a física e a tecnoloxía. Recoñecer esas linguas supón tamén abrir a porta a múltiples saberes tradicionais científicos a miúdo ignorados e enriquecer os nosos coñecementos.As linguas locais constitúen a maior parte das linguas que se falan no noso planeta no ámbito científico. Son tamén as máis ameazadas. Coa exclusión das linguas, os seus falantes vense privados do seu dereito humano fundamental ao coñecemento científico.


Declaracións de anos anteriores:
No ano 2013 a xornada centrouse especialmente no tema do libro escolar:
Nalgúns países, a falta de libros e manuais escolares escritos nas  linguas locais constitúe un obstáculo para o desenvolvemento e a inclusión social.  É tamén de feito unha privación elemental do dereito á liberdade de expresión.  As ferramentas dixitais permiten en ocasións suplir esta carencia, pero non bastan, e debemos facer todo o posible para garantir unha difusión máis equitativa dos materiais e os libros que todas as persoas, sobre todo os  nenos, poderán ler na lingua que elixan, incluída a súa lingua materna. 
O ano 2012 estivo adicado ao emprego das linguas locais na educación infantil:
As linguas maternas das poboacións excluídas, como os pobos indíxenas, quedan a miúdo ignoradas polos sistemas educativos. Permitíndolles aprender, desde a máis tenra idade, na súa lingua materna e logo noutros idiomas, nacionais, oficiais ou outros, promóvese a igualdade e a inclusión social.

No 2011 o tema central referíase ao uso das tecnoloxías para a promoción das linguas minorizadas
As tecnoloxías da información e a comunicación poden resultar especialmente útiles para fomentar as linguas maternas. Debemos aproveitar o poder do progreso para protexer as distintas visións do mundo e promover todas as fontes de coñecemento e as formas de expresión. Estes son as fíos con que se tece a  historia da humanidade. A innovación, a flexibilidade e a interacción social que constitúen a cerna das novas tecnoloxías da información e a comunicación poden contribuír ao logro destas metas. Neste Día Internacional da Lingua Materna comprometámonos a obrar consonte este sentido. 

Ano 2012: A Unesco recomenda o ensino infantil nas linguas locais
“O galego, "varrido" do 95% do ensino infantil nas cidades” (10/10/2012) en Praza Pública

Ano 2013: A Unesco promove o libro escolar nas linguas locais

“Substituír os libros en galego custará seis millóns de euros” (25/08/2010) no Xornal

Ano 2014: A Unesco recomenda o ensino das ciencias nas linguas propias

“Matemáticas, sólo en castellano durantePrimaria y Secundaria” (26/05/2010) en El Correo Gallego

xoves, 20 de febreiro de 2014

A cultura galega, a nosa angueira

O mundo editorial galego pégalle unha boa zorregada á Consellería de Educación e Cultura polo abandono das industrias culturais e o ataque ao uso da lingua, especialmente nas aulas co funesto decreto que chamaron do plurilingüismo.
Comunicado conxunto da AELG, AGE e GÁLIX

O panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás ...
Hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios.

Unha lingua para a crianza: o mellor que temos para quen máis queremos



Fun adiando o de facer referencia a esta fiestra audiovisual cargada de cariño polo noso. Pero despois de botarlle un ollo á manipulación con que nos agrede, unha vez máis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística intentando lavar unhas mans manchadas co sangue da lingua galega, queréndonos facer ver que recolle as recomendacións da Unesco para que os estados non maltraten as linguas minorizadas. No ano 2012 Irina Bokova, a directora xeral da Unesco, recomendaba que as linguas locais fosen preferentes no ensino infantil. A política lingüística aplicada pola Xunta destas últimas dúas lexislaturas eliminou precisamente o galego das aulas de infantil.
E logo, é que non pode haber outra política? Este vídeo é a resposta. Foi  gravado no Obradoiro de nanas, en novembro de 2013, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo:
Transmitírmoslles o mellor que temos a quen máis queremos...
...o noso afecto, o noso cariño, o noso idioma, o noso...
Que mellor vínculo se pode ir creando?

Canción do vídeo: "A bicos", do disco Arrolos de Salitre, de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, na voz de Fani Otero

mércores, 19 de febreiro de 2014

Taller de memoria con reflexións sobre a lingua



No concello de Rianxo, a concellería de Servizos Sociais, organizou un taller de memoria do que obtiveron algunhas reflexións sobre a situación social da lingua.
Recollido da canle de You Tube do ENDL do IES Félix Muriel

martes, 18 de febreiro de 2014

Día de Rosalía 2014 [na Estrada]

Un ano máis a Asociación Cultural Vagalumes será quen na Estrada guiará a lembranza de Rosalía de Castro. Será o 24 de febreiro ás 20:30 na sala de exposicións de novagalicia banco.
O desenvolvemento do acto procurará achegar análises e debates sobre esta autora clásica. Aproveitarase a ocasión para lembrar a súa obra, aínda descoñecida e desprezada.  Haberá un espazo para lecturas e vídeos.
Noutras vilas e cidades aproximadamente á mesma hora vanse levar a cabo homenaxes semellantes seguindo a convocatoria realizada pola AELG.

Presentación de “Cantares gallegos hoxe” de Mª Pilar García Negro
O vindeiro venres 28 de febreiro, ás 20:30 na sala de exposicións de novagalicia banco da Estrada presentarase a obra “Cantares gallegos hoxe” da profesora Mª Pilar García Negro.
Ao cumprírense 150 anos da publicación de Cantares gallegos (Vigo, 1863), a profesora María Pilar García Negro leva a cabo unha posta ao día orixinal, realista e actualizada da obra que cualifica como o primeiro monumento da literatura galega contemporánea. “O noso intento foi explicar a Rosalía e explicar os Cantares... desmusealizándoos”, afirma García Negro. “O feminismo ilustrado e sempre socializado; o amor e a defensa afervoada da Galiza; o compromiso radical coas súas clases populares. A fórmula maxistral da escritora aliméntase destes mandatos”.

Todas con Rosalía [segunda parte]




Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dunha segunda parte do vídeo colectivo Todas con Rosalía, cuxa primeira parte pode verse aquí.

Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.

Vía AELG

Rosalía e o esquecemento

por Clara Iglesias no Faro de Vigo:

Se o día 24 de febreiro se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro é, como tantas outras celebracións e homenaxes, debido á loita e á perseverancia do nacionalismo. Está claro que os que nos gobernan son partidarios de esquecer. O esquecemento é a moda nestes tempos, sobre todo cando o que se quere olvidar son os símbolos e persoeiros da patria. Por que debemos recordar? Que interese pode ter lembrar a Rosalía 177 anos despois?

sábado, 15 de febreiro de 2014

O galego do alén. 10 anos de ensino do portugués


por Denís Vicente Rodríguez, nas Voces de Prolingua:

Alá polo ano académico 2002/2003 comezaba unha nova andaina no IES A Sangriña da Guarda. O profesorado deu un paso adiante e comezou a dar aulas de portugués no primeiro curso da ESO. Pasaron 10 anos e agora xa se imparte nos catro cursos de secundaria, nos dous bacharelatos, en nocturno e diúrno e como primeira e segunda lingua estranxeira. Ademais, conta xa cun departamento propio, 5 profesores/as impartindo a materia, unha auxiliar de conversa enviada do Instituto Camões e o máis importante, máis de 100 alumnas/os só neste último ano.

venres, 14 de febreiro de 2014

Fernando Vázquez e o galego

por Pablo Vaamonde, na Praza Pública:


Fernando Vázquez (Castrofeito, A Coruña, 1953), o actual adestrador do Deportivo, estivo a finais de xaneiro no meu barrio de Labañou, convidado polo Colexio Calvo Sotelo (onde colaboro no adestramento do equipo xuvenil), para dar unha charla aos alumnos do centro e aos rapaces que integran as distintas categorías de fútbol base. Foi un encontro distendido e ameno e o técnico contestou, durante máis dunha hora, a todas as preguntas dos numerosos asistentes. Plantexáronlle cuestións de todo tipo, algunhas sinxelas e outras máis comprometidas, pero en todo momento deu mostra da súa habilidade para a conversa e o debate.

luns, 10 de febreiro de 2014

Os gritos do silencio




O vídeo-lipdub "Eu falarei" marcou un punto culminante na dignificación do traballo normalizador. Nel participou toda a comunidade educativa do IES de Chapela ofrecendo unha aposta optimista polo futuro da lingua. Porén os seus autores querían destacar tamén que o vídeo era tamén
 unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova
Esta denuncia estaba ben fundamentada na realidade que os membros do Equipo de Normalización do IES de Chapela percibían cada día.
Se recollemos esa imaxe final do lipdub na que un cento de mozos cantan esa promesa "eu falarei", podiamos preguntarnos cantos dos que alí aparecen serán quen de cumprir con esa declaración. Agora xa sabemos cal é a triste e estarrecedora resposta. Só o 13% do alumnado dese centro fala en galego. Esta cifra sería aínda máis baixa de non ser polo alumnado dos ciclos de FP pois entre os que cursan ESO ou bacharelato non chegan a un 6% aqueles que declaran usar máis o galego que o castelán. Todos estes datos foron recollidos nun estudo feito polo Equipo de Normalización e que pode consultarse nunha entrada do seu blogue que titulan: "A mocidade de Chapela abandona o galego"
Para establecer as causas deste fracaso podemos botar man doutros datos do estudo no que vemos, chanzo a chanzo,  unha perfecta escaleira do abandono da lingua. O uso do galego entre os avós do alumnado (só galego ou máis galego) é do 67%, pero cando estes mesmos avós falan cos seus netos, esta porcentaxe baixa ao 57%. O uso do galego por parte dos pais volve a baixar: 51% para os pais e 28% para as nais. No último elo da cadea só un 4% do alumnado declara falar exclusivamente en galego frente a un 38% que di non usalo nunca.
Outro dos factores que forza esta situación é, claro está, o funesto decreto 79/2010 que impuxo unha chea de prohibicións ao uso do galego nas aulas (tamén se dan datos sobre este aspecto no informe do ENDL). Se a unha situación histórica claramente desfavorecedora da transmisión da lingua lle engadimos as dificultades que establece este decreto para podermos establecer desde a escola un verdadeiro programa normalizador, non hai máis voltas que lle dar.

Nun dos seus marabillosos contos, Julio Cortázar conta como era quen de abstraer todo o seu entorno agás, por exemplo os reloxos, os botóns ou quizais as orellas, segundo lle petara. Así podía ver un paseo de botóns polos corredores da oficina ou como unha chea de pares de orellas baixaban polas escaleiras. De poder facer algo semellante, como só escoitar as conversas en galego, ao entarmos ao patio do recreo do IES de Chapela, sabedes o que escoitariamos?... Efectivamente, o silencio. Ese silencio algo nos está gritando. Non sei se o oídes... alí mesmo,  chega o ruxe-ruxe do mar. son as ondas do mar de Vigo.

venres, 7 de febreiro de 2014

O galego na empresa, e na escola. Unha combinación perfecta.



Un non deixa de levar sorpresas positivas ao recibir noticas de actividades realizadas nos Equipos de Normalización. Un novo exemplo vén deste vídeo que é un excelente exemplo dunha transmisión clara dunha idea, moi ben editado, cun acompañamento musical acaído á súa feitura e de pequena duración. Non chegaba con isto, e ademais  trata un tema, o da normalización na empresa, completamente esquecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (lembremos que o único que fixo a Xunta nestas dúas últimas lexislaturas ao respecto foi aprobar unha Lei de Comercio sen poñer unha palabra referente á normalización da lingua, que manda truco!).
O representante da empresa Caramuxo de confección de camisetas, conta  como o valor da súa actividade comercial está asentado no uso e valorización da lingua galega. A cousa non queda aquí. No CPI de Mondariz aproveitaron ben o zume desta visita de Caramuxo e montaron un obradoiro de creación de camisetas e finalmente un concurso: "co galego na túa camiseta". No Equipo de Normalización do CPI de Mondariz crearon uhna combinación perfecta e chegaron ao que parecería un imposible sen non o vísemos cos nosos propios ollos: achegar aos ollos dos escolares o valor da normalización por medio do mundo empresarial.
E o blogue, Moito Eu,  unha fermosura.
Vía CDSG

xoves, 6 de febreiro de 2014

"Fala". O noso medio natural



A asociación ecoloxista ADEGA, formando parte da campaña "Ponte no medio: Móvete polo territorio", organizara un concurso de fotos, relato e curtas. Nas bases do concurso de curtas pedíase:
"Dar mostra de exemplos da posta en valor da nosa cultura e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden aos mesmos"
E velaí que temos un relato audiovisual co poema "A fala" de Manuel María como recitado de fondo no que se mostra o que cada vez é máis unha característica da actuación subterránea da política lingüística da Xunta que estamos a padecer: a negación da nosa identidade.
Marina Chiavegatto e Millán Castro, os autores da curta, tiveron o acerto de poñer o seu ollo nunha situación de agresión moi espallada pola nosa terra consistente na exclusión do galego da paisaxe lingüística do noso territorio.
Hai uns anos a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo en compañía da Coordinadora Galega de ENDL promovían unha campaña que camiñaba polos mesmos vieiros, na que se poñía en relación a ecoloxía coa normalización lingüística nunha simbiose que se coñece como a ecoloxía lingüística. O lema da campaña sería ben acaído para a mensaxe que revoa neste vídeo: "O galego é o noso medio natural". Convén que non o estraguemos, que non desprecemos a lingua de noso, que non a tiremos ao lixo.

Como apunte, case marxinal, comentar que esta curta foi a que acadou o segundo premio do concurso "Curtas polo territorio". Tampouco estaría nada mal repasar a gañadora, "As feridas do Xallas", que fai un percorrido polas luces e sombras do río e ten como valor engadido o  respecto pola toponimia dos lugares que nos presenta.

Terma Rosalía

por Alberto Lema, nas Voces de Prolingua:

Din que a mellor proba da existencia de Deus é a supervivencia do seu pobo preferido, Israel, logo de tantos éxodos milenarios, antisemitismos, holocaustos e demais desgrazas e avatares históricos que ben darían tronzado hai tempo a vontade de existir de calquera outra comunidade humana que non estivese dotada de semellante afouteza e confianza en si mesma, velaí os están aínda hoxe, amolando Palestina.
Como vemos, a potencia do mito fundacional –ou metarrelato, como alcumaron na Posmodernidade as narracións alleas á distancia irónica- non é unha cuestión menor á hora de asegurar a fidelidade do clan a un programa de redención comunal que adoito comporta multitude de sacrificios, renuncias, martirios ofrecidos coma exvotos á causa, promisorios dunha feliz arribada final á Terra Prometida un 14 de novembro.

mércores, 5 de febreiro de 2014

Ollos de aula.12

Unha das folliñas deste número que fai a ducia dos 'Ollos de aula' fálase das reválidas, esas futuras probas que, xestionadas por empresas privadas, condicionarán o ensino da marca LOMCE. Alí faise unha pregunta á que todos os interesados na educación deberíamos ter resposta. Cuestiónisase se "coas reválidas non estaremos encorsetando o ensino, de xeito que a actividade nas aulas se converta nunha preparación exclusiva para obter bos resultados nas probas".



martes, 4 de febreiro de 2014

Nós ofrecemos



Este vídeo forma parte dunha campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial e empresarial de Redondela, xestionada polo SNL do Concello de Redondela.
Para seguila abriron esta páxina de facebook. Podes premer no botón Gústame.

luns, 3 de febreiro de 2014

A paz lingüística



A paz lingüística é falar en galego sen problemas, desprezos nin prohibicións. Ésta e a mensaxe que toda a comunidade rianxeira transmite neste vídeo no que aparecen pais, administrativos, hosteleiros, alumnos, e incluso profesores de matemáticas reivindicando o uso normal da nosa lingua.
Unha acertada aportación desa fonte de auga limpa que é o ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo)

domingo, 2 de febreiro de 2014

20 anys de la Plataforma per la Llengua



20 anys de la Plataforma per la Llengua.
Celébrano cun vídeo tirando de modernismos, e con algo do que aquí estamos moi escasos: optimismo e sensacións positivas.

sábado, 1 de febreiro de 2014

De blogues.17

O galego marca a diferencia, 21/10/13, en Cousas de Imeneo
A Wikipedia española tortura e asasina (virtualmente),22/12/13, por Xabier Cordal en Centeás
O manual franquista da wikipedia española, 2/12/13, por Xabier Cordal en Centeás
[935] El gobierno de los memes, 01/01/14, por Enric Serra y Casals no blogue Aprendre llengües
O que vén en 2014 (efemérides literarias), 05/01/14, por Ramón Nicolás no Caderno da Crítica
Onte 841: Un ano á intemperie, 03/01/14, por Manuel Bragado en Brétemas
A CRTVG escribe en castelán, 06/01/13, en Cousas de Imeneo
A web de Coruñago, 15/01/14, por Loli Cid en Romasanta
Onte 856: «Rosalía e Castro. Imaxe e realidade», 18/01/14, por Manuel Bragado en Brétemas
Idioma, 18/01/14, por Dadvid Pérez Iglesias, neste invento, sexa blogue ou non, chamado En Galego
Centenario do Pergamiño Vindel, 21/01/14, por Manuel Bragado en Brétemas
Onte 860: O mellor que temos para quen máis queremos, 22/01/14, por Manuel Bragado en Brétemas
O valego. As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres - Estremadura), 23/01/14, por Pilar Ponte no seu blogue A Profa
A cantar adiviñas, 29/01/2014, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua