Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de outubro de 2012

A dinamización como negación da normalización. Un exemplo n´A Estrada.


Non cómpre que expoña aquí o que entendo por normalización, tanto porque xa o teño escrito por este blogue adiante como porque aqueles que detentan o mando na dirección da política lingüística
non poden refutalo, senón que as súas consideracións veñen a dicir en esencia que a normalización non é agora o obxectivo, senón que o único que lle intesa aos cidadáns é un certo concepto transparentísimo, a dinamización, que actúa como cristal ou diamante, totalmente imperceptible aos nosos sentidos; o cal, enchendo todas as actividades e cubrindo as máis elevadas posibilidades sociolingüísticas, cínguese arredor dalquel primitivo e, na altura, visible concepto de normalización, que non impide, no entanto, que o español o invada todo, de modo que poida mergullarse á beira das máis escondidas actividades dinamizadoras, provocando a multiplicación da súa presenza ante os nosos sentidos. Non cabe dúbida de que esta idea da dinamización é tamén unha fermosa obra da imaxinación; o único problema é que, na práctica,  está construída contra a normalización. Vexamos o seu funcionamento.

Un exemplo da dinamización contra a normalización.
A pasada semana chegou á Estrada "O señor das dunas", un bo espectáculo que mestura a narración oral de varios contos cun espectáculo visual de manipulación de area. Segundo a versión oficial esta programación é un exemplo paradigmático da dinamización creando espazos de uso e de aprendizaxe do galego. Habería que debullar moito para explicar por que este espectáculo se convirte en dinamizador polo simple feito de estar pagado pola SXPL mentres que outros, por depederen da Consellería de Cultura, fican fóra do eido dinamizador. Tería sentido que a SXPL se encargara de promocionar actividades que non se realizan en galego como pode ser o caso do cine. Porén organizar espectáculos teatrais non ten obxecto ningún pois este ámbito si que está normalizado. Eu só acho unha explicación a este tipo de actividades: a de facernos ver que o teatro en galego non é tan normal, por iso ten que vir da man da SXPLAsí ademais ponse en marcha unha acción que realmente non normaliza nada (se non fose acollida pola SXPL tería que selo pola súa administración natural: a Consellería de Cultura) e de paso ensinamos que o ámbito do galego debe ser restrinxido (facémolo en galego porque é da SXPL).
O dia anterior a esta representación montouse na praza do Concello unha aula de reciclaxe subvencionada pola Xunta e organizada por Ecoembes. O tempo era bo e estivo chea de nenos toda a tarde. Proxectaban un vídeo educativo, en español ( e iso que Sogama ten algún en galego). Varios monitores atendían o stand. Todos falaban en español. Todo o tempo. A razón debe de ser que o asunto do lixo non estaba organizado pola SXPL, aínda que o parecía. Iso si, no portal da Consellería de Medio Ambiente non divulgaban esta campaña como unha forma de creación de espazos para os prexuízos lingüísticos pois todos eles aprenderon que a lingua da Xunta, e por extensión, a lingua de Galicia, non é o galego.

Conclusión
Así pois, se nos permitismos imaxinar o que nos pete, se outros din que a  cristalina dinamización debe ser o cerne da política lingüística, aceptareino con tal de que con igual cortesía se me permita dicir que ese cristal posúe a subtil propiedade de reflectir a presenza do castelán aumentada trinta veces mentres que o galego se ve outras trinta veces reducido. Isto é o que sucede cando retiramos da acción da política lingüística o que tería que ser o seu obxectivo ineludible: a normalización.

luns, 15 de outubro de 2012

O galego, lingua tribal

por Francisco Borxa González Tenreiro, no Sermos Galiza:

Veño de ler un artigo dos académicos da Universidade de California, Stephen Chen e Qing Zhou, sobre o aspecto emocional dos cambios de rexistro lingüístico en contornas familiares onde se utiliza máis dunha lingua. Estes científicos chegan a unha conclusión que pode resultar, até certo punto, evidente para a maior parte dos membros reflexivos dunha sociedade diglósica como a galega: que a elección dunha ou outra lingua por parte dos pais, segundo as diversas situacións, xoga un papel fundamental no desenvolvemento emocional das súas crianzas.

Votar coa lingua e a cultura

por Marta Dacosta no Sermos Galiza:

Se vos preguntase a cada un de vós cal foi o voso mapa de Fontán particular, aquel que lle descubriu ao Adrián Solovio de Otero Pedrayo cal era a súa verdadeira identidade, moitas de vós diriades os versos de Rosalía: “pobre Galiza, non debes chamarte nunca española”. Outros dirían: “Galiza somos nós, a xente e máis a fala”, como escribiu Manuel María pensando nas nenas e os nenos das escolas galegas. Todas e todos mencionariamos o Sempre en Galiza, o irrebatíbel: “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

domingo, 14 de outubro de 2012

A Xunta contra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Xunta participou en Córsega na samblea xeral  da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD)  o pasado dia 3 de outubro. No mes de marzo houbera unha reunión en Santiago na que o conselleiro Jesús vázquez declarara:

“o Goberno de Galicia asumiu o compromiso de traballar en primeira liña para devolverlle á lingua galega a situación que lle corresponde como lingua propia deste pobo e como medio de expresión da nosa cultura secular”
O mesmo Jesús Vázquez, ante o vergoñento caso da admisión por parte do Valedor do Pobo dunha protesta porque un libro texto explicaba que o artigo 5.1 do Estatuto di que o galego é a lingua propia de Galicia, ordenou inmediatamente á editorial realizar unha corrección ao xustificar o curioso argumentario do señor Benigno López e que sería fundamental para que cinco meses despois tivera que presentar a súa dimisión.

Chama a atención comprobar como ante a NPLD a Xunta se mostra como a campioa da defensa da normalización. Ao consultarmos o web da NPLD podemos comprobar cal é a imaxe que ofrece a Xunta ante o organismo europeo. Alí presenta á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) como o organismo que produce as porpostas lexislativas de normalización lingüística e que realiza as tarefas de goberno establecidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Nos seguintes parágrafos analizaremos algúns dos aspectos do PXNLG en relación coa política lingüística desenvolvida pola Xunta na última lexislatura

Na educación.
As maiores dificultades que encontra o goberno no seu empeña de promoción da nosa lingua veñen precisamente do propio goberno. Basta con poñer uns poucos exemplos.
O PXNLG di, concretamente nas medidas 2.126 e 2.1.27 que as matemáticas e a tecnoloxía impartiranse en galego no ensino non universitario. O decreto 79/2010 asinado e promovido por por Jesús Vázquez explicita exactamente o contrario nos artigos 6.3 e 7.3.
O PXNLG di que se debe garantir que o alumnado do ensino non universitario reciba un mínimo dun 50% de docencia en galego. O decreto 79/2010 establece o 50% como máximo cun engadido de que tendencialmente se reducirá ao 33%..
O PXNLG di  que será un obxectivo o de 'garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia' e para acadalo establecía as medidas 2.1.22, 2.1.23, 2.123, 2.1.24 , 2.1.25 e 2.3.4 que asegurase para todos os nenos galegofalantes un primeiro ensino en galego así como un mínimo dun terzo en contextos castelanófonos. A Mesa publicou un informe que establece nun 3% a porcentaxe de centros que traballan en galego nas etapas infantís.
A medida 2.3.9 do PXNLG propoñía que a ' TVG que sitúe en horarios de maior audiencia o programa “Preescolar na casa”'. En contra das protestas e das mensaxes de apoio á iniciativa "Preescolar na casa", a Xunta púxolle o peche definitivo a este programa educativo infantil.

Nas administracións.
A medida 1.2.3 do PXNLG establece que 'todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita'. Pola contra as medidas adoptadas van na dirección contraria pois desde o 2009 pódese acceder a unha praza de funcionario sen realizar ningunha proba nin de nin en galego.
A medida 1.3.5 do PXNLG di que se debe 'verter ao galego os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián e garantir a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galicia'. Desde o 4 de maio do 2010 púxose en marcha un novo programa de xestión das tramitacións xudiciais exclusivamente en castelán. Van dous anos e medio de exclusión completa do galego da administración de xustiza.

Na vida pública e na empresa privada.
A medida 2.4.19 di que se debe 'fomentar a dobraxe ao galego do cine exhibido en Galicia e garantir a súa distribución e exhibición en condicións de igualdade respecto do cine en castelán'. Hai alguén que poidera ver unha película en galego no cine nos últimos 3 anos?, e nos últimos 30 anos?
A medida 2.1.38 do PXNLG determina que debe haber un 'compromiso do Goberno para que os conselleiros e altos cargos da administración autonómica se comprometan a desenvolver o seu labor e a súa relación con administradores e administrados en galego'. Por mostrar só unha evidencia, lembremos que pretentación de Feijóo dos contratos con Pemex, alén de atentar contra a lei electoral, foi un desprezo a todo o pobo galego por ser realizado íntegramente en castelán. Durante toda a lexislatura multiplicáronse os casos nos que os conselleiros realizaron intervencións en español no labor de desenvolvemento do seu cargo.
Medida 2.4.2 do PXNLG indica que se debe  'fomentar o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e utilización por dos máis novos (pubs, discos, bares musicais, etc.)...', e a 2.4.11 aposta polo 'fomento da utilización do galego nas actuacións e actividades musicais'. Pola contra a propia Consellería de Cultura e Educación mantén un programa e un portal, Galicia importa, exclusivamente en español. Así que xa non pararemos a buscar os inexistentes soportes en galego (medida 2.4.12) que difunden actividades de interese para a mocidade, nin andaremos á procura deses programas en galego destinados á mocidade (mediad 2.416), pois os poucos que había, como o da Radio Galega, Aberto por Reformas, foi un dos primeiros en ser pechado polo goberno Feijóo.
Medida 3.1.11: 'A Administración Galega realizará a súa publicidade en Galicia en galego' . No mes de maio do 2010 a Xunta presenta a súa primeira campaña en castelán: Ahora Galicia conecta contigo. Isto converteuse nunha obsesión. Lembremos a estrañísima campaña: Galega 100%, referida ao leite galego.
A Xunta debería promocionar, segundo a medidas 3.2.15, 3.2.16 e 3.2.17, a tradución ao galego. A resposta:  baixan un terzo no 2011, e volven a reducirse nun 20% no 2012.
E sobre as medidas 4.2.x, que son as que teñen que ver co comercio galego? Aprobouse unha lei do comercio sen ningunha referencia á normalización. Lembremos que o anteproxecto presentado no 2008 si garantía os dereitos lingüísticos dos usuarios.


Rematamos como empezamos. Destacando as palabras de Jesús Vázquez na reunión da NPLD celebrada en Santiago en marzo deste ano:
“o noso empeño en tratar de avanzar día a día no proceso de promoción da nosa lingua”, un camiño “non exento de dificultades” no que a Xunta de Galicia “está a facer un grande esforzo para que a presenza do galego na educación, nas administracións, na vida pública e mesmo na empresa privada teña cada vez un peso maior”.

venres, 12 de outubro de 2012

Aplastados polo castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un estudo sobre o uso das linguas no ensino infantil logo de consultar a 282 centros educativos das cidades galegas. O resultado é estarrecedor: a suma daqueles que empregan total ou parcialmente o galego no ensino de nenos e nenas de 3 a 6 anos non supón máis que un 4,96% do total.
A exclusión do galego vai en aumento. Se na época do bipartito, a pesar de que o decreto 124/2007 establecía un mínimo dun 50%  de ensino en galego, únicamente o 35% dos centros das cidades o cumprían, despois do funesto decreto do plurilingüismo, as cifras indican que se está a promover desde a Xunta  unha fractura social da man do conflito lingüístico. As zonas urbanas, as máis necesitadas dun ensino en galego, levan o camiño de conformarse en espazos de exclusión para a lingua galega.
Como os gráficos resumen moito mellor as ideas, velaquí o panorama lingüístico do ensino infantil nas cidades








xoves, 11 de outubro de 2012

Nin lingua nin liberdade, é o poder

por Alejandro Tobar, voceiro da Cerna de Prolingua, no Faro de Vigo:

No Faro de Vigo do día 8 de outubro, o señor Ignacio López-Chaves publicou unha tribuna titulada Caminando hacia la libertad, onde expón as sobadas consignas que, tanto o actual presidente do Porto de Vigo como outros membros relevantes do PP olívico veñen reiterando desde hai ben tempo (como esquecer as imaxes daquela manifestación organizada por Galicia Bilingüe en febreiro do 2009, onde o señor Chaves compartía pancarta con Rosa Díez e outros coñecidos amigos da lingua galega!). O que amosan esas consignas é, en realidade, unha habelencia prodixiosa para enmascarar a realidade. Coñecemos ben tal uso da neolingua orwelliana, que moi cinicamente critica o autor deste texto. O Partido Popular é, de feito, unha experta factoría de creación deses termos enganosos: flexibilidade laboral (despedimentos masivos), racionalización do gasto público (recortes) ou liberdade para elixir (liberdade só para uns poucos).

Duottaraski: galescola sami en Finlandia



Finlandia presenta o mellor sistema educativo do planeta. Para conseguilo deben coidar a educación desde os primeiros anos. Presentamos aquí un vídeo que nos relata como é a xornada na gardería infantil Duottaraski, na vila finesa de Ohcejohka fronteiriza con Noruega, no territorio dos Sami, tamén coñecido como Laponia. Os alicerces están claros: respecto polo entorno e a cultura locais que implican a transmisión da lingua sami no entorno escolar.
Ao centro acuden nenos de entre 9 meses e 7 anos que reparten o seu tempo entre xogos libres e actividades guiadas. Os cativos reciben diariamente o almorzo, comida quente e un pequeno aperitivo. No vídeo podemos ver como antes da comida realizan unha  asamblea na que cantan unha canción achegada por artistas locais.
A maioría dos nenos son bilingüies, pero hai algúns que falan máis linguas. A comunidade de fala sami é pequena e hai moi pouco material para as garderías nesta lingua. Por iso o persoal de Duottaraski vese na obriga de crear por si mesmos unha gran cantidade de material pedagóxico.
A vida dos Sami aínda se rexe parcialmente polos ciclos naturais, así que as rutinas na gardería seguen as estacións e as tradicións Sami. Un dos aspectos nos que máis incidencia se fai é no uso razoable dos recursos naturais. Así, con moita frecuencia, os nenos saen ao exterior a camiñar, esquiar ou realizar excursións. Unha das actividades pode ser a visita a familiares nos seus lugares de traballo.
A lingua sami setentrional é a máis ampliamente falada de todas as linguas sami. Esténdese polo norte de Noruega, Suecia e Finlandia así como no noroeste de Rusia. A comunidade Duottaraski, grazas a esta linuga mantén vencellos e relacións de cooperación cos municipios veciños de Noruega.

A rede de Galescolas botaba a andar no ano 2007 confirmando un cambio de paradigma: incorporación dos máis cativos ao proceso educativo fundamentándose, como en Finlandia, no respecto á cultura, á lingua e ao entorno. Eran o primeiro paso para un ensino de calidade, normalizador, inclusivo, en igualdade, que ademais trasladaban estes valores ao resto da sociedade. A súa supresión evidenciou que os fins que se pretenden son os da desconexión do entorno cultural, da exclusión da lingua propia e , en difinitiva, a imposición dun modelo social ultra-radical máis propio do Ku Kux Klan, que dun goberno democrático que pretenda realmente a potenciación da súa cultura e a súa educación.

mércores, 10 de outubro de 2012

Galego en Leipzig




Dende outubro de 2010 existe na Universidade de Leipzig (Alemaña) un Centro de Estudos Galegos que ofrece cursos de lingua e cultura galegas, e tamén de tradución entre o galego e o alemán.
Por que se estuda galego en Leipzig? Por que tanto interese pola cultura galega en Alemaña? Estas son preguntas que nos fixeron moitas galegas e galegos... Parte do alumnado do curso 2011-2012 explica neste vídeo como foi a súa experiencia como estudantes de galego en Alemaña, para así resolveren as dúbidas de moitos e animaren a outros tantos a aprender a lingua galega.

martes, 9 de outubro de 2012

Desprezo á lingua:aquí como nas Baleares



Sempre que nos sexa posible é un bo exercicio botar un ollo ao que sucede fóra de Galicia para poder valorar mellor o que sucede dentro. Velaquí un vídeo no que Antoni Verguer de PSM-IV-ExM, nun pleno municipal de Palma defendía que non se excluíra o catalán dos requisitos para acceder ao postos do concello. Durante o debate a concelleira de Función Pública, Irene San Gil, do PP, mostra o seu desprezo ás vilas e concellos máis pequenos como Inca, dicindo que éstes non son comparables a unha poboación como a de Palma, máis cosmopolita (sic). É imposible desprezar unha lingua se, a un tempo, non se despreza aos cidadáns que a usan. Neste vídeo vémolo claro pois a concelleira do PP apunta que hai cidadáns de primeira, os de Palma, e de segunda, os do resto dos concellos baleares. Non é habitual que se fagan este tipo de delcaracións, pero a idea, por coherencia ideolóxica, anda a rebulir sempre polo fondo. Para ocultar este tipo de desprezables actitudes con frecuencia podemos escoitar cantos de amor á terra por parte de quen minoriza a lingua propia.
Alén disto a  argumentación de Irene San Gil é realmente pobre e extremista, pois, tal e como sinala Antoni Verguer, como se pretende fomentar o bilingüismo excluíndo unha das dúas linguas oficiais? O resultado da política lingüística nas Baleares poderase ver nas rúas de Palma, onde non será estraño atopar municipais que descoñezan o catalán.
En Galicia unha medida semellante foi a primera, en cuestión de política lingüística, que tomou o goberno de Feijóo: eliminar dos requisitos para o acceso a prazas municipais o do coñecemento do galego. Se atendemos aos feitos podemos comprender que ese pretendido bilingüismo que defende o PP non é outra cousa que a a exclusión do galego.

domingo, 7 de outubro de 2012

Lusofonía vs. cancro: notas sobre unha campaña da Xunta

A Xunta de Galicia vén de publicitar unha campaña, 'O galego, chave para os teus negocios no mundo' na que aparentemente fai unha aposta pola lusofonía pero que en realidade é só unha campaña de autopromoción e lavado de cara da propia Xunta. Explicaranse as razóns de por que isto é así fundamentándose en tres bases. A primeira consiste en que calquera acción política aillada e de pouca profundidade é tamén completamente inútil agás que como neste caso só se pretenda dar unha pátina propagandística de galeguismo a unha Xunta profundamente anti-galega. A segunda pasa por analizar a evidencia da repulsión a toda aproximación galego-portuguesa. A terceira consiste en tomar en conta cal é a realidade da normalización do comercio e a empresa en Galicia.
Os asinantes da iniciativa son a Xunta e a FEGAPE (Federación Gallega de Parques Empresariales), unha entidade que mantén un web e unha revista exclusivamente en castelán (esta última ademais, parece un boletín propagandístico do PP, basta con botarlle un ollos ás portadas) . Sospeitosamente dúas semanas antes da campaña aparece a primeira anotación en galego no seu portal. Isto fainos recordar o caso do semanario 'Terras de Santiago', unha publicación do grupo ao que pertence 'El Correo Gallego' que asinou un acordo coa SXPL asegurando un incremento da presenza do galego nesa publicación. Foi certo... durante un mes. Pasados os efectos do anuncio co que a SXPL se colgaba unha medalla no avance da normalización, 'Terras de Santiago' volvía aos niveis de uso do galego anteriores. Eu estou por apostar que sen tardar moito o web da FEGAPE volverá ao rego da exclusividade do castelán. Daquela comprobaremos o que xa se enxerga hoxe con completa claridade: a absoluta inutilidade e ineficacia da campaña da Xunta.
A campaña 'O galego, chave para os teus negocios no mundo' non se substenta en ningunha outra actuación. Pretendidamente é unha man aberta á lusofonía... pero onde están as medidas da Xunta de achegamento á lingua irmá? Onde se promocionou o ensino do portugués? Hai unha chea de profesores de ensino medio preparados para impartilo pero o portugués fica prácticamente excluído dos plans de estudo. En Estremadura hai 10.000 estudantes de portugués, promociónase o seu estudo mesmo con anuncios insitucionais, poténcianse programas educativos que se emiten na televisión autonómica,... Aquí non vimos nada diso. Pola contra, en Galicia vivimos de costas a Portugal e sobre todo de costas ao portugués. Ensínasenos a desprezalo e minusvaloralo. Aprendéronos que cando imos á feira a Valença, debemos falar en español pois Valença fica fóra de España. Trátase dun programa ideolóxico que nos destrúe como galegos pero que é coherente co centralismo que defende a imposición do español ou o que é o mesmo, a aniquilación do galego.
A hipocrisía da Xunta non ten cancelas. Como se pode pretender galeguizar o comercio exterior cando só se deron pasos atrás no comercio en Galicia? O goberno desta lexislatura aprobou a Lei do Comercio Interior sen incluir ningunha disposición para a normalización. Isto é unha clara porta pechada para a promoción do uso do galego. En Cataluña garántese que o consumidor ten dereito a recibir toda a información sobre o consumo en catalán, as cartas dos restaurantes deben estar en catalán, as empresas subvencionadas deben usar o catalán na rotulación e anuncios. Tamén deben estar en catalán os anuncios de restricción de venda de bebidas alcohólicas, os dos centros de bronceado, das tintorerías, das axencias de viaxes, as facturas dos servizos a domicilio,... Alén disto a Confederació de Comerç de Catalunya mantén un programa, 'Oberts al catalá', que promociona o comercio en catalán con campañas, convenios, guías, códigos de boas prácticas,... Algo semellante á iniciativa 'Abertos ao galego' que A Mesa está intentando poñer en marcha... sen que en ningún momento a Xunta dera o paso para apoiar e tutelar a iniciativa.
Temos pois un goberno que non apoia as iniciativas normalizadoras no comercio interior, non establece leis que apoien este tipo de medidas, non xestiona proxectos de ensino do portugués, reduce e estigmatiza o ensino en galego, non programa actividades de achegamento á lusofonía. Entón, que sentido ten a campaña 'O galego, chave para os teus negocios no mundo'?

Seguramente estes días chegarán aos parques empresariais os 1500 carteis e os 10.000 folletos da campaña  e nun par de semanas, se non antes, estarán nas papeleiras das oficinas deses mesmos parques empresariais. O obxectivo está cumprido: preséntase ante a opinión pública a un goberno como defensor da lingua galega cando en realidade é o seu maior cancro.

venres, 5 de outubro de 2012

Mapa peninsular da poboación castelán-falante


No web iberolingua podemos atopar este e outrs moitos mapas sobre a distribución de linguas na península.En Galicia podemos observar algunhas manchas escuras correspondentes cun maior uso do castelán precisamente nas áreas arredor das cidades. A maior parte de Galicia está marcada coa cor correspondente a un uso do castelán inferior ao 30% segundo o código de cores:

Tamén se evidencian as diferenzas entre os territorios das comunidades autónomas e os correspondentes ao predominio dunha lingua distinta do castelán.

xoves, 4 de outubro de 2012

Ollos de aula.1

A CGENDL achegaranos novos números desta publicación todos os meses. Trátase dunha revista para as familias na que a lingua e a normalización terán sempre o seu espazo.  Á marxe da portada, a revista conta con 6 seccións que xa aparecen explicadas na páxina 3 deste primeiro número
Ollos de Aula_n1

Escordar un pé, inventar unha lingua, votar en galego

por Susana Méndez, vicepresidenta d´A Mesa, no Sermos Galiza:

Lembro unha ocasión, cando vivía en Valdeorras, en que unha compañeira de traballo se queixaba porque o seu fillo non superara a materia de lingua galega na escola, e o que esta compañeira poñía como xustificación dese feito era que o neno dificilmente podía ser quen de aprobar esa materia cando a maior parte das palabras do galego son, ao ver dela, inventadas. Poñía como exemplo unha das expresións polas que lle preguntaron ao rapaz, que non era outra que “escordar un pé”, e dicía que na súa vida tal cousa escoitara, e que era unha frase inventada. Eu retruqueille que debía de ter sido a miña avoa, de Punxín, no Ribeiro, a que a inventou, porque sempre lle sentira falar así cando algún de nós voltabamos á casa con algunha mancadela nos artellos despois de moito correr e xogar.

mércores, 3 de outubro de 2012

bUSCatermos: un John Deere para o deserto

Coincidindo co comenzo do mes de outubro, o Servizo de Normalización Lingüística da USC puxo a disposición dos internautas o acceso libre á base de datos terminolóxica bUSCatermos.
Esta ferramenta achéganos información sobre 150.000 conceptos de áreas especializadas en galego, español e inglés aínda que tamén conta con datos doutras linguas como o catalán ou o italiano)
Esta nova posibilidade é un paso adiante na divulgación da terminoloxía. Ata o momento dispoñíamos dos materiais do SNL da UdC, 'Profesionaliza a túa lingua' e do Andel de traballos terminográficos do SNL da USC. Por centrar o tema, no campo das matemáticas podíanse consultar os seguintes manuais: Profesionaliza a túa lingua. Estatística e Profesionaliza a túa lingua. Matemática,extraídos dos recursos da UdC, ou este outro da USC:Vocabulario de matemáticas. Santiago de Compostela. Universidade., de Xosé Masa Vázquez (1995)
Pero a min, o que máis me chamou a atención da presentación desta base terminolóxica foi a cara de Manuel Núñez Singala, o director do SNL. Que estaría pensando nese momento? Estaría remoendo en como medir a incidencia deste recurso? Andaría a darlle voltas a se a SXPL se apropiaría mediáticamente do traballo realizado pola Área de Terminoloxía do seu departamento? Non o podemos saber, mais si é posible analizar, desde o punto de vista de quen se interesa na normalización, cal é a aportación do bUSCatermos.

O bUSCatermos e a normalización
Para que queremos o bUSCatermos? Se lle facemos caso á SXPL, hai dúas razóns principais coas que esta ferramenta contribúe á normalización. A primeira é que isto é unha mostra da potenciación do galego na internet. Tamén é a única mostra destas características que veu da man da SXPL nos últimos tres anos. Se un traballo realizado por máis de 200 expertos conclúe que o galego está en risco de extinción dixital por mor de que o apoio recibido é "feble ou inexistente" estaremos achegándonos a cal foi a política real da Xunta en materia de promoción nas TIC da lingua galega. Vou citar só un exemplo. No caso da Consellería de Educación, crearon toda unha plataforma, a do Abalar, procedente dun programa do MEC para a implementación das TIC na escola, coa obsesión de abrir unha porta todo aquel que quixera excluir o galego da navegación pola mesma. Isto dou lugar á creación dun recompilatorio de unidades didácticas nas que por cada unidade en galego aparecen dúas en castelán.
O outro vector normalizador do recurso bUSCatermos, segundo a SXPL, consiste en poñer a disposición dos profesionais os medios terminolóxicos suficientes que faciliten o emprego do galego nas actividades profesionais. De certo que o maior colectivo que podería sacar partido desta ferramenta sería o dos docentes. Claro que, se isto se fai nun campo no que por medio do decreto 79/2010 se lle prohíbe ao profesorado a impartición das clases en galego, para que queremos o bUSCatermos? Sabendo que a Consellería de Educación fixo todo o posible para boicotear este material didáctico da materia de matemáticas polo feito de estar en galego podemos entender ata onde chega o extremismo dos que só mediante unha radical hipocrisía intentan disimular a súa zunia anti-normalizadora. Intentando levantar un muro que tape a política que procura asegurar espazos de exclusión e prohibición do galego, izan a bandeira do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Isto só poden facelo ocultando que as medidas 2.1.26 e 2.1.27 do PXNLG establecen un mínimo do 50% de mínimo (non de máximo) de docencia en galego no ensino non universitario asi como o establecemento das áreas de matemáticas e tecnoloxía como principal referente para impartírense en galego. O decreto 79/2010 establece xusto o contrario.
Temos pois unha boa maquinaria, o bUSCatermos, que como un moderno Jonh Deere  vainos ser completamente inútil porque... quen se vai poñer a arar no deserto?

A liberdade é nosa

por Nel Vidal, presidente da CTNL, en Prolingua:

Foise asentando a idea de liberdade para elixir a lingua do ensino (castelán, claro), para que as persoas da administración utilicen a lingua que queiran (castelán, enténdase), para que cada nai ou pai lle compre á súa filla ou fillo os libros do cole na lingua que elixa (o pai?, a nai?, @ pequen@?, @ libreir@?), liberdade para facer exames de oposicións no idioma preferido, liberdade para que cada quen fale como lle pete, faltaría máis...

martes, 2 de outubro de 2012

Ppt da política lingüística da lexislatura 2009-2012

A lexislatura do goberno do PP na Xunta de Galiza con Feijoo como presidente caracterizouse polo desprezo e contínuos ataques á lingua galega, levados a cabo desde o propio goberno galego contra a lingua que ten a obriga legal de protexer e promocionar. Estes son tan só algúns exemplos.

luns, 1 de outubro de 2012

Móllate polo galego

Vitaminas para o galego premiou as tres seguintes imaxes no certame de fotografía "Móllate polo galego".
O primeiro premio é para a fotografía titulada "Descalciña pola area"

O segundo premio foi para esta imaxe de dous nenos do colexio Brea Segade

O terceiro premio foi para esta imaxe que denuncia o continuo incumprimento da Lei de Normalización encol da toponimia

Diglosiamonolingüe



Esta foi unha das curtametraxes que participara no concurso "Unha imaxe para o galego", organizado polo portal Vieiros.com no ano 2008. Segundo as anotacións que acompañan a descrición do propio vídeo, indícase que foi un "traballo realizado por catro mozos exemplifican un caso de diglosia entre a lingua normativizada e a lingua establecida por xirias no mundo do rural galego"

A prol do galego dende o berce

por Manuel Rodríguez Villasuso en Ollapáro:

Moitas veces traballando ou paseando polas rúas escoito a pais, nais e avós falarlle aos nenos pequenos en castelán para despois entre eles falaren en galego. Semella como que os mais pequerrechos só deben educarse en castelán. Craso error. A mellor educación e a plurilingüe dende o berce. Si vostede é galego falante fálelle na sua língua veicular e se non o é cando lle falen ao neno en galego fale vostede tamén xa que lle esta a axudar . Ata os 16 anos o hipotálamo, a parte do cerebro que controla a fala, estase desenvolvendo e nesas idades os nenos aprenden cunha grande naturalidade as línguas.

sábado, 29 de setembro de 2012

"Falamos portugués"

Os sábados polas mañáns, ás 11:30 na canle de Extremadura TV emiten desde hoxe o progama 'Falamos Portugués'. Trátase dun espazo educativo que pretende incrementar o interese e o coñecemento da lingua portuguesa entre os cidadáns estremeños.
Serán 26 capítulos de media hora de duración realizados coa  colaboración da Consellería de Educación e Cultura de Estremadura e  a RTP, a canle de televisión portuguesa.
E en Galicia? Repítese decote que temos unha oportunidade de ouro pola semellanza da nosa lingua coa que falan millóns de persoas nas dúas beiras do Atlántico, e non hai  desde a aConsellería de Educación ningunha iniciativa semellante a esta que certifique que a necesidade do aproveitamento da nosa ventaxa lingüística sexa un sentimento real por parte do goberno galego. Vivimos coas costas viradas a Portugal por intereses ideolóxicos e iso pagámolo económica e culturalmente a prezo de ouro. A ver se finalmente os cacereños van a acabar falando portugués mellor que os galegos.

venres, 28 de setembro de 2012

Os incrumprimentos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias no caso galego

O  Consello de Europa elaborou no ano 1998 a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), un documento moi flexible que foi ratificado por 25 países e que procura promover a tolerancia nos e entre os estados a respecto das linguas autóctonas.
A CELRM divídese en tres partes. Na primeira establécense o que se entende por unha lingua rexional ou minoritaria, na segunda establécense os obxectivos e principios a aplicar centrándose no recoñecemento das linguas minoritarias como parte esencial da riqueza cultura. Na terceira parte cada estado ten que escoller un mínimo de 35 medidas dun total de 68 e que se aplicarán nos ámbitos do ensino, a xustiza, os servizos públicos, os medios de comunicación, a cultura e a vida económica e social. No que atinxe ao galego podemos consultar este documento no que se recollen os compromisos do goberno español na ratificación da CELRM.
Os primeiros compromisos refírense ao ensino en galego: "prever unha educación preescolar, primaria e secundaria garantidas en galego". Do listado de compromisos escolleuse o primeiro, o que garante unha maior protección. Estableceuse ese frente a, por exemplo "prever unha parte substancial da educación...". Pensemos no caso do ensino infantil. O decreto 79/2010 permite excluir o galego por completo desta etapa. A Mesa denunciou este verán que o ensino en galego é residual nas sete cidades galegas.
No artigo 10 establécese o compromiso a que as autoridades administrativas do Estado empregarán o galego e que se asegure a accesibilidade dos textos administrativos en galego. Pola contra é norma xeral xusto o contrario, que toda a aparataxe administrativa estatal exclúa ao galego. Nese mesmo artigo aparece o compromiso do recrutamento de persoal funcionario necesario para evitarlle problemas aos cidadáns nos trámites en galego. Ben sabemos que a primeira medida de tomou a Xunta nesta lexislatura foi a eliminación das probas que garantizaban o coñecemento de galego.
Encol dos medios cómpre destacar que se deben favorecer financieiramente as producións audiovisuais en galego.
No eido económico débese excluir toda limitación ao uso do galego e as entidades bancarias deben dispoñer de todo tipo de documentación nesta lingua para os trámites financieiros: cheques, letras de cambio,...
Debemos preguntarnos para que se establecen e ratifican acordos lexislativos para a política lingüística se despois poden incrumprirse sistemáticamente. Que pasaría de racharmos cos acordos económicos?... Queremos en Galicia unha Europa coas desventaxas da política económica e sen ningunha das ventaxas das da diversidade lingüística. Polo momento sufrimos as primeiras e non gozamos das segundas.

+ información: o texto completo da CELRM (inglés/galego)

O conto triste da Spider

Este conto, verídico, xa foi mencionado nos II Encontros de equipos e docentes pola normalización. Por Valentina Formoso no renovado web de Prolingua:

Raúl, o titor, co que pasan moitas horas cada día, anda a explicarlles as partes do corpo. En castelán, porque é a lingua “materna” de 13 dos 25 matriculados. Agora tócalles coa profesora de inglés, moza nova oriúnda dunha aldea de Chantada, orixe que sempre tentou ocultar desde que fora estudar maxisterio á Coruña e que só se percibía no seu castelán de verbos simples e vogais que abrían e pechaban.

xoves, 27 de setembro de 2012

A CGENDL presenta 30 medidas para a política lingüística na vindeira lexislatura

Se en días anteriores eran Prolingua e A Mesa quen achegaban os seus decálogos encol da política lingüística para térmolos en conta o vindeiro 21-0, velaquí as 30 propostas da CGENDL aos partidos políticos. Repartidas en tres grupos temáticos de 10 propostas cada un ofrecen alternativas para o ensino, os ENDL e a sociedade.
Máis información Praza e en Sermos Galiza

CGENDL.propostas Aos Partidos.2012.09.26

mércores, 26 de setembro de 2012

A SXPL esquécese do Día Europeo das Linguas

Xa que a Secretaria Xeral de Política Lingüística se esqueceu por completo de que hoxe, 26 de setembro, é o  Día Europeo das Linguas, ímoslle facer o traballo lembrando que esta efeméride, promovida polo Consello de Europa, ten como obxectivo a potenciación da diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas. Esta celebración parte da constatación de que no marco europeo fálanse 225 linguas autóctonas. Non se contabilizan as faladas polos estranxeiros pois nese casto teríamos, por exemplo, que só en Londres podemos contabilizar 300 linguas distintas.
O propio Consello de Europa elaborou no ano 1998 a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), un documento moi flexible que foi ratificado por 25 países e que procura promover a tolerancia nos e entre os estados a respecto das linguas autóctonas.
No ano 2009 a SXPL distribuíra este folleto informativo. Agora parece que o teñen completamente esquecido. Que diríamos se a Secretaría de Igualdade non tivera en conta a celebración do 8 de marzo?
CELRM.brochure Gal

martes, 25 de setembro de 2012

Memoria da lingua. Ano 1995.

por Marta Dacosta en Terra e Tempo:

Hai dezasete anos o curso escolar 1995-1996 iniciábase conflitivamente. O 14 de setembro publicábase unha nova regulamentación do uso da nosa lingua no ensino, recollendo que materias debían ser explicadas na nosa lingua e cantas outras debían propor os propios centros para a súa impartición.
A boa nova era que por primeira vez esta norma que desenvolvía a Lei de Normalización Lingüística adquiría o rango de Decreto e que nela se recollía que a materia de Coñecemento do Medio en Primaria, e as áreas de Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Ciencias Medioambientais e a optativa ofertada polo centro en Secundaria debían ser impartidas no noso idioma.

A Mesa recórdanos os principais ataques á lingua nesta lexislatura

A Mesa pola Normalización Lingüística fixo un chamamento a todos os galegos para que nas vindeiras eleccións teñan presente cal foi a política de ataques á lingua galega. Faino en forma de decálogo, o mesmo formato que hai uns días publicaba a plataforma Prolingua

AMESA.Cartaz Feijóo A3 cor.24.09.2012

luns, 24 de setembro de 2012

Bolechas versus monicreques



Os Bolechas de Pepe Carreiro son agora os protagonistas dunha nova serie na TVG. A serie de televisión estará presente nas faixas do almorzo e merenda, de luns a xoves, dentro do programa 'Xabarín Club'. Esta famosa familia podemos atopala por todos os recunchos da arañeira da rede pois xa contaba cun web oficial, ademais de ter páxina de facebook e conta de twiter.
Todo o mundo coñece aos Bolechas por ser un éxito editorial desde hai 10 anos. Son un referente para os nenos galegos. Como proba disto están os 200 títulos publicados cun millón de exemplares distribuídos. Curiosamente a editorial que editaba os materiais 'Bolechas', A Nosa Terra, liquidouse hai un ano e nestes días circula pola rede este enorme listado de libros de saldo desa editorial co fúnebre anuncio de que aqueles exemplares que non se recollan serán reciclados para papel nos vindeiros dias. Velaí que os Bolechas están nun contedor mentras os cartos dos nosos impostos nunca se usaron en apuntalar unha ben establecida industria cultural. Mais ben ao contrario.
Coherentes con ese tipo de políticas atopamos as liñas do decreto 79/2010, o do plurilingüismo, que retirou toda a promoción do ensino en galego para substituíla por unha consulta que derivou na redución inmediata da súa presenza especialmente na etapa infantil, especialmente nas cidades, onde precisaba un maior impulso para evitar o que agora se está fomentando: unha fractura social. A falta de toda ética permitiulle aos máximos responsables destas políticas intentar zugarlle o prestixio acada polos Bolechas como normalizadores no proceso de aprendizaxe lector dos nenos galegos. Só poden enganar a aqueles que acrediten máis  nos contos que na realidade.
Cando vemos aos que cargan sobre as súas costas coa eliminación das liñas de galego collendo da man a un dos membros da familia Bolechas, non podemos facer outra cousa que preguntármonos quen son os monicreques.

sábado, 22 de setembro de 2012

O desprezo de Feijóo ao galego



O anuncio que fixo Feijóo esta semana sobre os contratos para os asteleiros de Ferrol e Vigo con Pemex era de enorme importancia para el. Despois dunha lexislatura cun aumento do paro desorbitado este contrato é unha evidente baza electoral cando falta un mes para as eleccións.
Por estas razóns coidouse a presentación ata os últimos detalles. O acto tivo en todo momento unha pompa institucional ben medida. Tratábase de facerlle chegar aos galegos a mensaxe dun gran éxito de xestión do goberno galego.
Nesta presentación Feijóo incumpriu a lei electoral que determina que "fica prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos". Tiña que facelo pois segundo o seu punto de vista podía ser vital para obter unha maioría absoluta o vindeiro 21-O. Pero Feijóo fixo algo máis que evidencia o seu desprezo polo galego, todo o seu discurso foi en castelán. Basta consultar o vídeo ou ou a transcripción do discurso que nos ofrece a propia Xunta.
Entendo que alguén que minusvalora a cultura e a lingua galegas faga o que fixo Feijóo. Entendo que un secretario xeral de política lingüística que non está no posto precisamente para potenciar o uso do galego non dimita inmediamente despois disto. Pero o que non entendo é que ningún medio destacara aínda este asunto.

venres, 21 de setembro de 2012

Twitter en galego con tecnoloxía sen galego

A Xunta, segundo unha nota de prensa da propia Xunta, dá a entender que foi  grazas ao seu apoio a unha campaña de Twiter en galego que se conseguiu que esta rede social fale galego nun futuro próximo.
O que fixo a Xunta foi o que fixen eu, ou centos de persoas cunha conta de Twiter: solicitarlle á compañía a galeguización da plataforma. Eu non podía facer moito máis, pero a Xunta si. Se realmente tivese interese podería publicitar no seu portal (ou nas ducias de páxinas que mantén, nas publicacións,...) esta iniciativa para acelerar o proceso. Pero non fixo nada diso.
Por non facer, por exemplo, aínda non traduciu os manuais das autoescolas a pesar de ser unha promesa continuada ano tras ano das memorias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Pero é que tampouco sen fixo a tradución do programa de tramitación dos xulgados, polo que desde hai case tres anos o galego está completamente excluído da administración de xustiza.
Que foi logo o que se fixo?
Prohibir a impartición das aulas de tecnoloxía en galego. Claro que se a tecnoloxía fica excluída da nosa lingua tal e como o asinou o conselleiro Jesús Vázquez no decreto de plurilingüísmo, vai ser moi dificil crer que ese mesmo conselleiro ande dando botes de alegría por aí ao enterarse de próxima galeguización do Twiter.
A plataforma 'Twiter en galego' foi quen realmente  traballou para galeguizar esta rede social, e se alguén ten mérito son os seus mantedores. Por iso cando a Xunta quixo arrebatarllo non tiveron máis remedio que contestar. Por iso, cada vez que a Xunta divulga esas noticias de que todo o seu traballo vai dirixido á galeguización das TIC, sabemos que todo é mentira pois na convocatoria para dotar de móbiles aos parlamentario da vindeira lexilatura xa retiraron o excesivo requisito de viren configurados en galego.

NOTA para a Xunta: conviña ter algo máis de coidado coa lingua ao elaborar estes comunicados: *respaldada e *promoviuse

P.S.: A nova en Praza Pública e en Galicia Confidencial

xoves, 20 de setembro de 2012

O sublime discurso de Héitor Picallo



Claro, directo,elegante.  Así é o discurso de Héitor Picallo ao recibir o premio Reimóndez Portela que se concede por artigos periodísticos en defensa do galego e que paradóxicamente se celebra dentro dos actos da Feira do Moble. Paga a pena gozalo ata o final.

mércores, 19 de setembro de 2012

@ppdegalicia: unha conta de twiter contra o galego

Desde as contas das plataformas sociais os partidos políticos defenden e espallan as súas ideas. Saben que cada anotación vai chegar a centos de persoas polo que procurarán redactalas con coidado para que a súa mensaxe sexa clara. Outra característica destes perfís é a súa inmediatez. En consecuencia as súas anotacións, no caso de non estar intervidas polo control do aparato do partido, poden revestidas dun certo carácter informal. Isto é o que lle sucede á conta de Twiter do PP de Galicia polo que  nos permite bucear baixo a pantalla formal que ofrece o seu marketing oficial.
O dia 13 desde a conta @ppdegalicia divulgaban unha noticia sobre as listas electorais aparecida no ABC. O habitual é reproducir o texto do titular: 'Elecciones gallegas 2012: El PP ultima las listas con dudas en el número uno por Lugo y Coruña'. A zunia antigalega substituiu o último topónimo por *La Coruña.
A mensaxe que se transmite é que o PP de Galicia mantén unha postura soterrada contra a Lei de Normalización Lingüística. Oficialmente dise todo o contrario. Na práctica política diaria o que sucede é xusto isto que acabamos de ver aquí. Por unha banda ofrécese unha cara de promoción e defensa do galego porén as medidas que se toman na política lingüística consisten son as dunha toupeira furando os cimentos da normalización.
Con todo, o máis preocupante é o radicalismo anti-galego que están a demostrar os mantedores desta conta de Twiter. O normal sería lanzar unha mensaxe de desculpas polo erro cometido. Deste xeito conseguíase manter unha faciana amable a respecto da lingua galega e, a un tempo, lanzar unha nota ideolóxica de desprezo polo estatus do galego pois o chío de *La Coruña xa fora espallado pola rede. Todo sería ganancia. Velaí que a forma de proceder do @ppdegalicia é o primeiro indicio dun novo escoramento contra o galego.
Por se a mensaxe non foi aínda o suficientemente clara hai un segundo capítulo.

Unha forma de amosar menosprezo por unha lingua é usala sen coidado. Sabido é que as mensaxes do Twiter non pode exceder os 140 caracteres. Por esta razón é ben difícil escribir un texto nesta plataforma que conteña catros erros ben evidentes: *linguísticos [por lingüísticos], *qué [por que], *a [por á], *retornais [por retornades]. O esforzo doulles resultado.
Agora temos que pensar que os mesmos que manteñen esta conta de Twiter son os que están sentados nas cadeiras da Consellería de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.



martes, 18 de setembro de 2012

Converter cada falante em normalizador/a

por Txerra Rodríguez. Publicado orixinalmente na revista Argia (Luz, en euskera), foi traducido ao galego en Galicia Confidencial:


Nom é mui frecuente achar aqui, em Euskal Herria, as palavras justiça social e normalizaçom lingüística na mesma frase. Nom é mui frecuente aqui escuitar a seguinte pergunta: Pode-se ser feminista e viver em castelám? Por todo isso, decidim ir en julho a Galiza, a um curso de verao.
O curso foi em Carvalho, na Corunha. O curso estava organizado pola CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, a associaçom de persoal técnico de normalizaçom galega) e pola universidade da Corunha e durou três dias. Para o curso, convidarom a falar em público a feministas, ecologistas, imigrantes, ativistas, militantes a favor dos direitos das lesbianas, mocidade e demais.

Lingua, ben común

por Manuel M. Barreiro en Prolingua:

Manuel Rivas agasallounos a imaxe do remador que, deitando os ollos no pasado, voga cara ao futuro. Os tuváns veno doutro xeito. Son 235.000 almas. Viven nunha estrema siberiana da Federación Rusa. Din “songgaar” para retroceder ou sinalar o futuro. Din “burungaar” para avanzar ou indicar o pasado. Cren que o pasado está diante das persoas e que o futuro queda ás costas.

Àlia


Edu3.cat


Estamos co inicio do curso 2012-13. Velaquí un recurso educativo moi ben pensado, con obxectivos claros e próximo á realidade da aula. Trátase de Àlia, unha serie de 13 capítulos para TV3, a televisión catalana, na que se desenvolven diversos aspectos das matemáticas de secundaria. Cada un dos vídeos vén cunha guía didáctica (por exemplo) que foi elaborada por Creamat.
No vídeo que se presenta aquí Ália, a protagonista, é fai o papel dunha reporteira da televisión local que debe retransmitir unha manifestación a favor da ampliación do número de mesas de xadrez nos parques da cidade. Pero ten un problema, o de calcular o número aproximado de manifestantes.
A serie incide nun dos problemas máis importantes que ten o ensino das matemáticas consistente no bloqueo que moitos estudantes teñen frente a aparente inutilidade do que están a estudar. Cantas veces os profesores non teremos oído a pregunta: "e isto, para que serve?" !. A resposta nunca é doada e estes vídeos poden ser de moita axuda para descubrirlle aos alumnos, aínda que sexa de esguello, a utilidade de moitas das leccións que deben estudar.

E en Galicia, que?
Galicia é un terreo completamente ermo, e non porque aquí non haxa ninguén con capacidade como para realizar traballos como o de Àlia. Pensemos, por exemplo no excelente programa radiofónico de divulgación científica Efervesciencia.
O problema para a inexistencia de recursos didácticos amparados pola Consellería de Educación é a propia Consellería de Educación. Onde hai algún departamento adicado á creación dos mesmos? Pode alguén atopar por todo o entramado da Consellería algo semellante ao Creamat catalán? O único que podemos atopar é o remexido Abalar (unha mestura de todo o que se pode arrapañar pola arañeira da rede) ou trapalladas coma ésta que baixo o epígrafe 'Crea obxectos dixitais' accedemos a unha inútil restra de captura de pantalla ou a traballos do MEC presentados como se fosen da Xunta. Acaba de sair un triste plan Proxecta, outra recompilación de actividades que xa se realizaban e que non aporta nada novo; a demostración disto pode ser, por exemplo, o programa de distribución de froitas frescas, cuxo prazo de solicitude rematou o 15 de xullo mentras que o plan Proxecta saiu publicado o 31 de agosto.
A cuestión é, polo tanto, dar coas razóns para que a Consellería de Educación presenta tal estado de desprezo polo traballo educativo. De certo que haberá máis, pero só vou destacar unha. De establecerse un departamento de innovación con resultados prácticos, tería que ofrecer proxectos recursos didácticos en galego, e claro, iso non interesa.

luns, 17 de setembro de 2012

Memoria recente da destrución II

por Mercedes Queixas  que nos achega a segunda parte deste artigo (aquí a primeira) no que coa precisión dun bisturí separa o tumor do corpo san, isto é, lémbranos os principais vieiros polos que se desenvolveu a política galega nos tres últimos anos. No Sermos Galiza:

In memoriam Dores Gestoso
Compañeira e amiga
Naquela banda do río,
ten meu pai un castiñeiro,
bota castañas no outono
uvas no mes de xaneiro.
O cantigueiro popular galego adoita ser unha lección maxistral a partir da recompilación do ser, pensar e actuar de noso. Malia ser un fértil corpus creado pola sabedoría popular ao longo da historia, a súa atemporalidade está garantida e non hai contexto ou situación actual que non poida levar aparellado un instrutivo e graficamente acaído refrán, dito popular, cantiga, etc.

Como a minha avoa japonesa

por Vatentim Fagim no Portal Galego da Língua:

O mês de agosto, se der para acalmar a mente e que esta torne algo parecido com um lago especular, é um bom momento para tomar decisões estratégicas. Eis umha proposta simples: matricular-se em português numha Escola de Idiomas.

Democracia?, xustiza?, igualdade?, fraternidade?, liberdade?

Héitor Picallo a quen vemos nesta foto da A. C. O Fervedoriro da que un dos seus alicerces, veciño de Cuntis, e destacado membro de ProLingua, recibiu o pasado venres o premio xornalístico Reimóndez Portela.
Como é habitual déronlle o premio no transcurso da Feira do Moble d´A Estrada. Como podedes ver nesta reportaxe de Catrogatos.com estaban presentes entre outros ao alcalde d´A Estrada e membro directivo da Rede de Dinamización Lingüística José López, varios concelleiros, Víctor Freixanes quen actuou como mantedor, Neira Vilas, Valentín García, Xesús Palmou...
O discurso de Héitor Picallo, tirado de Galicia Hoxe,  é excelente, asi que, aínda que é un texto un pouco longo, cómpre lelo enteiriño pois non ten unha coma de desperdicio. Nel recuperan o seu significado palabras como democracia, xustiza, igualdade, fraternidade, liberdade... e normalización.
Para unha reflexión aparte estaría a comparación entre este discurso e o relato da noticia tal e como aparecía no portal da Consellería de Educación onde non aparece ningunha referencia á democracia, nin á xustiza, nin á igualdade, nin á fraternidade, nin á liberdade... nin, por suposto, á normalización.
Parabéns polo premio, ben merecido, e polo discurso, que os asistentes tamén o tiñan merecido.

"Ben,… Primeiramente, efemérides:
Como dirían dende Radio Estrada, hoxe cumpren anos: Carlos Torres (un moi bo amigo) e Luís Picallo Durán (o meu pai, que quedou na casa porque che hai moito que facer, aínda que gustaría de estar aquí). Por certo, saúdos aos autónomos e traballadores das pemes.
Benqueridos amigos e amigas, benqueridos irmáns e familia de Cuntis, da Estrada, e da contorna, benqueridos sexades ao que é un dos momentos máis emocionantes da miña vida e no que voz e pernas treman coma corras. E deixádeme comezar por vós, polos amigos, pola sociedade que te quere e respecta, polos labregos e xornaleiros, madeireiros e serradores, carpinteiros, ebanistas, tallistas e escultores, polos arrieiros, canteiros, costureiras e xastres, polos estudantes, educadores, taberneiros, gandeiros, desempregados e desempregadas,… pola sociedade de todos os días, dignísimos compañeiros –ilustres meus– nesta miña viaxe proletaria ao longo dunha franxa celeste ao pé da Nación Atlántica.

domingo, 16 de setembro de 2012

Carta de ProLingua aos partidos políticos

Non podía deixar de reproducir aquí a Carta de ProLingua aos partidos e organizacións políticas:


Os azares do calendario fan que esta Asemblea Xeral de ProLingua cadre cos movementos iniciais dos diferentes partidos e agrupacións políticas para a elaboración dos seus programas electorais, logo de seren convocadas para o vindeiro 21 de outubro as eleccións ao Parlamento de Galicia.Nestas próximas semanas, as organizacións políticas concretarán os puntos dos seus programas electorais. Sabemos que neles van ter que reflexionar sobre as políticas públicas orientadas á defensa e promoción da lingua e á cultura de noso. De aí que lles escribamos hoxe esta carta pública.Durante os anos desta lexislatura que remata, vimos como se estragaban e se deturpaban moitos dos avances que traballosamente se foran acadando en anos anteriores, e tamén como o goberno do presidente Núñez Feijoo esfarelaba con teimosía os consensos básicos forxados arredor da lingua propia de Galicia, incumprindo os mandatos vixentes na nosa lexislación básica.Asistimos ao baleirado de contido dos artigos da Lei de Normalización Lingüística de 1983, así como á utilización espuria de termos como liberdade ou imposición, ao modo da neolingua de George Orwell, para opoñerse e desprestixiar as políticas de igualdade que sinalan o Estatuto e a LNL.Estas agresións continuadas, esta difusión de mentiras que contradín os datos da realidade, crearon unha situación social que favoreceu o retroceso e o desprestixio da lingua. A maiores, o pretexto da crise económica, foille moi útil ao goberno de Núñez Feijoo para reducir e desprestixiar no posible as políticas de promoción social do galego e para afogar as manifestacións culturais que se expresan na lingua de noso.Mais tamén asistimos neste tempo ás máis grandes mobilizacións populares en defensa da lingua propia de Galicia. Ignoralas indicaría unha actitude de desprezo cara ao pobo galego que mostrou con claridade a súa vontade de rexeitar con contundencia as agresións que a lingua galega estaba a recibir.Diante dunha situación como a actual, faise imprescindible un cambio nas políticas públicas respecto da lingua, que inclúa, cando menos, a recuperación dos consensos sociais e políticos básicos que fixeron posible o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, e tamén a reposición dos marcos legais que se foron destruíndo nestes anos. Por estas razóns, ProLingua desexa enunciar os contidos mínimos, aprobados por unanimidade na Asemblea celebrada o día 15 de setembro de 2012, referidos á defensa e promoción da lingua que todos os partidos deberían levar nos seus programas.
1. Asunción por parte dos cargos públicos do seu deber, no exercicio do seu cargo, de empregar o galego e potenciar a súa utilización nos diversos ámbitos sociais.
2. Esixencia do coñecemento da lingua galega (mínimo, CELGA 3) por parte de todos os cargos públicos.
3. Substitución do chamado Decreto de Ensino Plurilingüe por outra normativa que dea resposta ao mandato básico da LNL (garantir a adquisición da dobre competencia nas dúas linguas oficiais), que elimine prohibicións absurdas como a de impartir matemáticas e outras materias científicas en galego, e que desenvolva as liñas consensuadas pola totalidade do Parlamento de Galicia, presentes no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (promovido por un goberno do PP e aprobado durante o seu mandato).
4. Esixencia do coñecemento da lingua galega a todo o funcionariado, especialmente a aqueles sectores que exercen o seu labor en contacto coa cidadanía (SERGAS, Administración de Xustiza, representantes e axentes culturais etc.). Paralelamente, dotación a estes sectores das ferramentas precisas (programas informáticos, cursos periódicos de formación) para facilitar o desempeño do traballo en galego.
5. De existiren as axudas públicas aos medios de comunicación, condicionalas a un incremento significativo no emprego da lingua propia de Galicia.
6. Deseño dun programa específico de actuacións públicas que busquen desmontar os prexuízos sobre a lingua e fomenten as actitudes positivas. Nese programa incluirase o recoñecemento dos danos causados ao galego como consecuencia das mentiras difundidas desde o goberno e da falta de celo coa que se xestionou a política lingüística.
7. Políticas públicas de apoio e promoción ás industrias culturais que empregan o galego como vehículo de comunicación (industria editorial, musical, teatro, audiovisual...) por seren, ademais dun importante sector económico, esenciais para a presenza e promoción internacional de Galicia.8. Medidas para garantir o uso normal da lingua en calquera ámbito ou situación, con especial atención ao mundo laboral.9. Elaboración dunha norma/lei de uso do galego no comercio que poña a lingua galega en situación de igualdade co castelán na sinalética, etiquetaxe e toda a información comercial escrita.10. Aprobación dunha norma/lei que obrigue a industria e o comercio que ten implantación en Galicia a respectaren a toponomia vixente.
Casa da Cultura de Teo, 15 setembro 2012

sábado, 15 de setembro de 2012

Calendarios e axendas escolares


A Coordinadora Galega de ENDL publicou no seu portal unha serie de calendarios escolares que poden ser de moita axuda para a programación e o seguimento das actividades lectivas do curso que comenza. Ofrécense dous formatos: un para primaria e outro para secundaria. En cada un deles temos un calendario anual, outro mensual e modelos para a temporalización nunha ou en tres follas. Trátase dunha ferramenta de axuda que pode ser moi útil a todo o profesorado.
O SNL do Concello de Redondela tamén se preocupou deste labor e vai repartir entre o alumnado do 2ºe 3º ciclo de primaria e nos dous primeiros cursos de secundaria unhas axendas que foron elaboradas en colaboración coa Coordinadora de ENDL de Redondela. Aquí a deixo para podela consultar e para térmola moi en conta para o vindeiro curso. Unha excelente iniciativa.


Mágoa que á Consellería de Educación nunca se lle ocurrira poñer a disposicón da comunidade educativa recursos semellantes a éstes. Será que pensan que editar calendarios ou axendas en galego para a súa descarga na rede sería levar demasiado lonxe a normalización? Polo que demostraron nos últimos anos é seguro que a resposta sería afirmativa. Non deixaríamos de escoitar desde a propia Consellería que de ofertaren, poñamos por caso, unha axenda en galego terían que facelo tamén en castelán... pola cousa do equilibrio.
Menos mal que o menosprezo que demostran polos traballadores e usuarios da educación tapa, nesta ocasión, o desdén polo galego.