Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 18 de outubro de 2013

De quen vés sendo?



De quén vés sendo? é o título dun novo programa da TVG que comenzou a emitirse este domingo ás 15:40 horas. Na presentación que a propia canle lle fai  podemos ler que este programa

 é unha viaxe, guiada por Marta Doviro, polas xentes dun país que agocha historias nos nomes dos seus lugares e paisanos. Historias que o programa vivirá en primeira persoa, que compartirá ante a cámara e que lles permitirá aos espectadores aprender de onde proceden moitos dos nomes e expresións que nos rodean

Din que non é un un programa de nomes, pero é mentira. Se o din posiblemente sexa porque teñen medo de que ao indicar o tema do programa, o público non queira velo. Para min que deberían ter máis medo ao horario que ao tema. As historias que se contan permitiranos aos espectadores aprender de onde proceden moitos dos nomes, apelidos, alcumes, lugares e expresións que nos rodean.
O espazo ten unha estrutura e un ritmo moi dinámico, é entretenido e educativo. Está feito aquí, e trata sobre nós. Déixase ver moi ben e ademais ata podemos aprender moitas cousas. Merecía outro horario.
Deixo nesta anotación unha entrevista de presentación do espazo que lle fixeron á presentadora Marta Doviro no programa A Revista

mércores, 16 de outubro de 2013

Lingua do público do Luar



Fran Rei e Pedro Brandariz (Os Sete Magníficos máis Un) no programa Luar celebrando o Día das Letras Galegas 2013.
Tratan moitos aspectos sobre a lingua e a sociedade. O discurso xeral do scketch pode ser un material moi aproveitable nas aulas.

Iniciativa Paz Andrade

por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Unha ponencia da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia traballa sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Apoiada por máis de 17.000 asinaturas, esta iniciativa foi presentada a consideración do pleno polo empresario vigués Xosé Carlos Morell González o pasado 14 de maio, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, coa participación na votación de todos os membros da cámara, o que constituíu un consenso inédito nas dúas últimas lexislaturas.

martes, 15 de outubro de 2013

Camiño Branco



Se non deixara por estes fíos da rede a Najla Shami cantando esta versión do poema de Rosalía de Castro,  Camiño Branco, non merecería que continuase mantendo o blogue.
Do disco "Na lingua que eu falo"

luns, 14 de outubro de 2013

Trabalingua denuncia



Trabalingua é unha asociación aberta de mozos e mozas da Universidade de Vigo preocupados pola situación actual da lingua galega. Nesta presentación mostran algunha das denuncias con pegatina que retrataron polas dependencias universitarias

sábado, 12 de outubro de 2013

O neno e a rúa Calvo Sotelo

O tristemente caso do alcalde de Baralla xustificando os crimes do franquismo, non ten pouco que ver co conto que se vai relatar aquí. Neste caso o escenario é a vila da Estrada, un concello no que os veciños temos que transitar por rúas que homenaxean ao réxime dictatorial. Tomo como exemplo dúas das máis céntricas: a rúa Calvo Sotelo e a rúa Iryda. O mantemento destes nomes como parte do rueiro estradense din moi pouco da defensa do carácter democrático da corporación municipal, e en última instancia, da propia veciñanza. O primeiro deles, Calvo Sotelo, rende homenaxe ao proto-mártir da cruzada, segundo a terminoloxía fascista. O segundo fai referencia ao "Instituto de Desarrollo y Reforma Agrario", unha institución creada polo réxime dictatorial que en Galicia se utilizou para a xestión das terras despois dos anegamentos provocados polos encoros.

O conto.
Os nenos deben aprender a coñecer o seu entorno, polo tanto é normal que realicen exercicios escribindo os nomes do lugares que coñecen. O protagonista desta historia, un neno de sete ou oito anos, galegofalante e de ollos moi despertos, tiña que escribir na clase de lengua española o nome dun par de rúas da vila xunto co do Concello. Isto foi o que redactou:
Nombre de las calles: Pérez Viondi, Calvo Soutelo
Nombre del Ayuntamiento: A Estrada
Efectivamente, Pérez Viondi é o nome da rúa na que está o colexio, e el sabíao moi ben. Onde residía o problema era na outra rúa.
Aínda non sexa consciente, como o neno, no seu imaxinario ten contruído un mundo esencialmente galego, escribiu Soutelo. Entre outras cousas, o rapaz lembra cun especial brillo nos ollos, o ben que o pasara unha xornada xogando coa neve en Soutelo de Montes, no veciño concello de Forcarei. Con estes antecedentes o cativo chegou sorprendido á casa coa libreta corrixida: Sotelo, escribíralle o profesor en vermello por riba do Soutelo en lápis. En vermello, tamén, outra corrección: La Estrada.
Dá moito para pensar que este tipo de historias sigan sucedendo hoxe, case 40 anos despois da morte do ditador. Eu vexo nesta anécdota o futuro que nos espera coa recente aprobación da LOMCE. Teño por certo que  as razóns que tivo o profesor de corrixir La Estrada, son as mesmas que permiten que hoxe en día continúe a haber unha rúa que se chame Calvo Sotelo.

mércores, 9 de outubro de 2013

5.1



Tirado dun chío de @prolinguagalega que lembra o triste suceso da censura dun libro de texto que reproducía o artigo 5.1 do Estatuto galego por parte do Valedor do Pobo.

martes, 8 de outubro de 2013

Ponte en Galego

Comenzaron co programa de radio o 20 de decembro do 2012. E xa van 17 programas. Estamos a falar de "Ponte en Galego", o portal radiofónico do IES Bréamo (Pontedeume). O programa pódese escoitar a través da emisoria ferrolá Radio Felispín os xoves de 20:30 a 21:30, no 93.9 do dial.
Ademais do podcasts dos programas, no blogue do Equipo de Normalización podemos achar uns carteis dunha calidade fóra do común, e que nos anuncian os contidos principais de cada emisión. Non é para contalo, o mellor é velo.
Roubeilles o último programa que colgaron ata o día de hoxe. Nel temos unha entrevista a "Mofa e Befa" e o interesante diálogo con Katerina Hornikova, estudante checa galegofalante e que se anuncia con esta mensaxe: "tamén o checo foi unha lingua desprezada... e houbo que reinventalo". Todo un gozo escoitalo.

Quarenta anos na Fábrica da Língua

por Celso Álvarez Cáccamo en Praza Pública:


Desde há aproximadamente 40 anos se vem construindo na Galiza uma versão (oral, escrita e funcional) da língua do país que geralmente está naturalizada já como o “galego oficial” (paralelamente, não esqueçamos, desde há um pouco menos se vem construindo e praticando a versão “reintegracionista”). As explicações de por que “se” optou por esse caminho (e deixo o “se” deliberadamente ambíguo por enquanto), desde e com as instituições, são variadas, mas entram no geral em três grandes blocos de critérios: fidelidade à tradição escrita, fidelidade à fala (e — dizem que portanto — maior aceitação social), e facilidade de uso. Não é objeto deste escrito comentar os critérios anteriores, já muito debatidos. O facto inegável é que, nesta altura, essa versão da língua, que chamarei o “galego-RAG”, está amplamente reconhecida (na medida em que pode está-lo uma língua em processo de extinção), sem que isto empeça que a visão alternativa (e simbólica e politicamente contrária), o “reintegracionismo”, esteja também naturalizada noutros grupos de pessoa possivelmente crescentes.

O Foro E. Peinador propónse celebrar todos os anos o Día da Galeguidade Empresarial

por Xosé González, en Mundiario:

Na historia da economía galega hai fitos moi relevantes para que sexan coñecidos polos estudantes das facultades de económicas e escolas empresariais. O seu coñecemento debera incluírse nos programas formativos. Só así poderíamos ter na dirección das empresas profesionais sabedores dunha tradición e duns dirixentes empresariais que acadaron éxitos nos negocios con evidente compromiso coa cultura galega.

luns, 7 de outubro de 2013

Ti tes lingua



No IES Félix Muriel de Rianxo realizaron este vídeo dentro dunha campaña que levaron a cabo o curso pasado baixo o lema "Esta é a miña lingua e non a vou perder". O traballo ten o mérito engadido de conter unha pequena canción orixinal e unha escolla das tomas falsas que se obtiveron durante a súa gravación.

sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo.
A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos.
Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego.
Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua.

INSCRICIÓN
A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni.
Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es .
Data límite: 24 de outubro.
Homologación da Consellería de Educación, en trámite

venres, 4 de outubro de 2013

Ollos de aula.9

Velaquí a primeira entrega deste curso da revista da Coordinadora Galega de ENDL para os pais: Ollos de aula. Desta volta a Coordinadora tamén nos envía novas entradas na súa outra revista, A letra miúda
Este número, o 9 xa, chega con este fermoso saúdo:
Regresamos porque somos partidarios/as da diversidade culturale lingüística, porque estamos a favor do dereito democrático doalumnado a recibir aulas en galego, sen pexas nin prexuízos, paraque o día de mañá as nosas fllas e fllos poidanexercer a escolla dun idioma tan útil comocalquera outro, porque na escola non llesensinamos a ignoralo.Regresamos para dicir en voz altaque seguimos orgullosas e orgullosos do noso, orgullosas eorgullosos do galego.E Ollos de aula contaconvosco para as medras.



Se até do que comemos depende o futuro da lingua!

por Nel Vidal, no Sermos Galiza:

Disque somos o que comemos e, si, en boa parte, creo que si..., e o que escoitamos, e o que facemos, e o que vemos, e o que bebemos, e o que lemos... E o que non lemos nin bebemos tamén é determinante para configurar o que somos, claro!
E, para sermos de aquí, para podermos seguir a ser en galego, teremos que comer produtos tamén de aquí? Pois, tamén creo que si...

Aínda que se molle o galego non encolle

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

O sábado 28 de setembro as rúas molladas de Compostela acolleron unha concorrida manifestación, convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, en contra da LOMCE, cuxo nome auténtico debe ser Lei orgánica de desmellora da calidade educativa. Os seus principais méritos xa son ben coñecidos: españolizadora, confesional, clasista, privatizadora, sexista, reaccionaria.

O galego urbanizado solicita passaporte

por Joám Lopes Facal, en Praza:

A nossa fala evoca inevitavelmente a aldeia que lhe serviu de refúgio e fonte de transmissom. Para os nascidos na aldeia a fala primeira será sempre o supremo argumento de autoridade: “eu sempre tenho escuitado, na minha aldeia di-se...” A aldeia como garantia intemporal do idioma e da identidade. A Terra de Melide (1933), esse trabalho admirável da geraçom Nós, pode ser lida hoje como umha serôdia homenagem etnográfica á velha cultura oral e instrumental do mundo rural que tem a sua saudosa vitrina aberta nas sossegadas salas do Museu do Povo Galego.

xoves, 3 de outubro de 2013

O enterro de Díaz Castro



Hai 23 anos, o 3 de outubro do 1990 celebrábase en Guitiriz o enterro de Díaz Castro. Alí estiveron presentes numerosas figuras de relevo da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Luís González Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello e Paco Martín. A cerimonia relixiosa foi oficiada polo seu amigo Alfonso Blanco Torrado.
Vía O instante eterno

O graneiro de Amelia

Noutros tempos, cando aínda funcionaba a edición do dixital A Nosa Terra, sabiamos que os luns aparecería unha referencia a unha empresa que apostaba polo galego no desenvolvemento da súa actividade. Era unha das referencias de acción positiva para a normalización que, non sei a razón, penso que nunca se gabou o suficiente.
Achar actualmente referencias a iniciativas empresariais que fan un uso normalizado da lingua é moito máis complicado. Temos o incansable aportación da Mesa, neste caso coa inicitiva Abertos ao galego, pero sen o acollemento dos medios de comunicación, nin das institucións que amplifiquen este traballo. Tamén hai algunha campaña das asociacións Galeguizar Galicia, como a excelente Consumogustos, ou a iniciativa dalgún concello como é o caso de Proba en galego, en Pontevedra. E punto e final.
Por iso, cando hai uns días, concretamente o mércores da semana pasada, batín coas palabras de Manuel Bragado nunha entrada do seu blogue titulada A granel, entroume unha ansia consumista de ir a Pontevedra co fin de encher os arcóns da cociña de legumes para as potaxes do inverno. Alí facía referencia a unha gorentosa tenda, O graneiro de Amelia, cargada de pastas, fariñas e legumes.Entón, para min volveu a ser luns.

Peregrinacións e penitencias para galegofalantes. Que me digan despois que se pode vivir en galego con normalidade

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:


Por mor de cumprimentar certos trámites ineludíbeis, pasamos hai escasos días, eu e algunhas persoas máis, unha mañá de banco en banco, e de aí á oficina dun notario. E, como cada vez que pasa iso, a mañá foi unha pelexa constante para poder cumprimentar eses trámites con toda a normalidade, é dicir, na nosa lingua. Escuso dicir que non chegamos a poder facelo na súa totalidade.

mércores, 2 de outubro de 2013

Protexer a lingua

por María Canosa, en La Voz de Galicia:

Quen me coñece, ben sabe que pouco ou nada me gustan as leas, nin as verbais, e menos as que me levan a discusións políticas ou sobre os pensamentos, pois son moi respectuosa cos ideais dos outros. Cando as opinións son distintas ás miñas, maior é o efecto construtivo da mente, pois axudan a formar o propio criterio con máis seguridade.

De blogues.13

Homenaxe singular, 7/09/2013, no blogue do IES Blanco Amor, Camiño Longo
Política lingüística e sentido común, 19/09/2008, en El toupo que fuza
«Get the parachute!!!»,10/09/2013, por Carlos L. Medrano, en Xogos de Lingua
Lingua escrita, palabras que non leva o vento, 11/09/2013, en Proxecto Neo
Xogando coas matemáticas en galego, en Londres, 16/09/2013, no blogue Fala Londres do IES Cañada Blanch
Onte 740: Gratitude, 24/09/2013, por Manuel Bragado en Brétemas
Toponomicidios de cine, 24/09/2013, no Toupo que fuza
Longa vida ao "Vide, Vide"!, 24/09/2013, por Carlos L. Medrano en Xogos de Lingua
Des-normalización, 27/09/2013, por Manuel Bragado en Brétemas
Uso do galego nas contas de Twitter do Concello da Coruña, 30/09/2013, no blogue de Iván Méndez Éche o que hai

martes, 1 de outubro de 2013

Conselleiro Jesús Vázquez: a «banalidade» do mal

por Xurxo Martiz Crespo, no Sermos Galiza:


Camiñando polos arredores do edificio da Xunta en San Caetano, vexo o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, falando con outra persoa. Penso «vou achegarme a ver en que fala», pero ese «experimento» non deixa de ser banal, pois aínda que non sabemos en que lingua falan, en privado, os conselleiros, o presidente, os secretarios xerais... da Xunta, estamos seguros, nun 99,99%, de que o fan en español.

Idioma e riqueza

por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:


Xabier Domingo, escritor e xornalista que soubo tratar con elegancia da "physiologie du goût", sostiña que as conservas de peixe constitúen un apartado moi importante da gastronomía galega. Nin Picadillo nin Cunqueiro nin outros escritores gastronómicos nosos se ocuparon das conservas desde o punto de vista da análise culinaria.

luns, 30 de setembro de 2013

Wertgoña



Canción "anti LOMCE". Vídeo moi ben elaborado por xente preocupada polo ensino público. Dá gusto ver cousas tan ben feitiñas.
E aproveito para recomendar un artigo do dixital Praza Púbica: A Lei Wert apuntala os seus puntos máis polémicos

domingo, 29 de setembro de 2013

Toponimia de Vigo



Case cada domingo escoitamos falar de Balaídos, pero, de onde vén o topónimo?. Velaquí está ben explicadiño neste vídeo que sorprendentemente non é máis que un dos moitos que podemos atopar no excepcional blogue Toponimia de Vigo. Moi ben organizado, cunha ligazón por parroquia, e con explicacións claras e que seguen todas un mesmo esquema. Todo un traballo que deberían agradecer todos os veciños da cidade, e por extensión, todos os galegos.
O proxecto tamén recolleu a microtoponimia de Coia e Lavadores e continúa activo realizando múltiples actividades. O pasado mes de xuño celebráronse as II Xornadas de Toponimia nas que se presentou nunha aplicación informática que recollerá a toponimia dos traballos realizados, con localización por medio do Google Earth,

sábado, 28 de setembro de 2013

Ameixas

por Ana Outón no voceiro dixital de Poio, O Castrove:

Os pais galegofalantes, eses seres raros, podemos levar un fillo cativo da man que está aprendendo aínda a falar e dar un pequeno paseo para ter axiña milleiros de anécdotas para contar. O percorrido pode ser sinxelo e curto, apenas se precisan uns cantos metros de camiño ó supermercado ou á froitería:

Deixemos morrer en paz ao galego!

por Ana Pontón, no Sermos Galiza:

Son unha nena de aldea. Na miña casa falábase galego. Era o normal. Na escola, na igrexa, no médico falábase en español. Dicían que era normal, mais para min había algo que non encaixaba. Inxenuamente pensaba: “se somos galegos, por que non falamos a nosa lingua?” Lembro a confusión que me xeraba escoitar que o galego era unha lingua “bruta”, “un atraso”, que “non valía para nada”. Tardei en comprender a situación. Eu, como tantas nenas e nenos, vivín en carne propia a represión e o menosprezo cara o galego (“a mí háblame bien, háblame en castellano!”). Era a época dourada do bilingüismo harmónico. Fálase moito do acoso escolar, mais é clamoroso o desamparo ante este tipo de discriminacións, que lamentabelmente non forman parte do pasado. A liberdade de elección é unha quimera para moitos galegos e galegas.

venres, 27 de setembro de 2013

A oposición ao uso do galego

A proposición de Lei de usos sociais e públicos da lingua galega foi prexentada xa no mes de maio polo grupo propoñente, o BNG. Conviña pegarlle un repaso a cada unha das liñas do texto para comprobar que o que aquí temos non é outra cousa que a escrita en papel dos vectores directores principais xa sinalados Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado unánimemente no seu día polo parlamento.
Quen se pode opoñer a este texto? Quen se pode opoñer a garantir que todos os cargos públicos da Xunta fagan obrigado uso do galego cando desempeñen esa función? Quen se pode opoñer a que todos os documentos administrativos se tramiten en galego? Quen se pode opoñer a que a Xunta faga exemplo co emprego do galego nos actos xurídicos nos que interveña? Quen se pode negar ao uso dos topónimos nacidos na terra sen que se vexan deturpados? Quen se pode negar a establecer no ensino as medidas de reforzo necesarias para favorecer a aprendizaxe e o uso do galego? Quen é o que rexeita a implantación do galego como a lingua de comunicación no ámbito sanitario? Quen non quer oir publicidade en galego na TVG? Quen quer anular as competencias na normalización dos medios de comunicación?
A oposición, por se alguén o dubidaba, está no goberno.


Día Europeo das Linguas

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:


Saúda o outono coas primeiras pingas que arrefriarán a pel e o corazón da terra queimada e cinsenta, testemuño inerte da connivencia entre as conciencias suicidas e a planificación política confiada ou desleixada.

Digades filla

por Valentina Formoso nas Voces de  Prolingua:

Dime, hija, hija mía lozana...No remate dun verán máis no que nais e pais falaron do moito tempo sen escola que teñen os rapaces e rapazas, do número de cadernos que fixeron para repasar (obviamente de “lengua” (castelá), de inglés e de matemáticas, quedando a nosa lingua maioritariamente excluída tamén dos deberes de verán), xa toca empezar co tema do novo curso académico e dos libros de texto.

xoves, 26 de setembro de 2013

AMPER: as melodías do galego

O AMPER é un proxecto de ámbito internacional no que colaboran diferentes universidades de Europa e América. A principal finalidade do AMPER é a confección dun atlas prosódico en formato multimedia que se poida poñer a disposición dos usuarios na rede.
Dito atlas está formado por unha serie de mapas falantes que permiten escoitar a entoación das diferentes modalidades oracionais para establecer comparacións entre as diferentes variedades lingüísticas románicas.
Para coñecer mellor este proxecto que en Galicia está sustenado polo ILG, pódese consultar a presentación que se fai del no propio portal de AMPER

martes, 24 de setembro de 2013

A vontade de procura de estilo, alicerce dunha lingua normalizada

por Goretti Sanmartín no Sermos Galiza:

“Fáltanme anos e perspectiva para definir o meu estilo”, declarou Berta Dávila, a gañadora do último Premio Repsol de Narrativa Breve tras lle preguntaren pola súa obra. Gustei moito das palabras da autora de Raíz da fenda, un poemario que nos revolve, que provoca mil e unha identificacións, que consegue non deixar indiferente ninguén. Son palabras modestas para quen conseguiu unha reedición case inmediata do seu libro, obra de quen sabe que somos un proceso en construción e que cos anos só podemos mellorar. Máis ben que debemos mellorar, esa é a nosa obriga. Esa era a obriga tamén de Xosé Ramón Freixeiro Mato cando decidiu abordar a tarefa de escribir a primeira estilística da lingua galega. E abofé que cumpriu. Berta Dávila non só nos sorprende coas súas palabras, cos seus versos, como o fará coa súa prosa, senón que o fai tamén coa súa maneira de se introducir neste mundo e de se sentir parte dunha perspectiva e dunha cadea. Os meus parabéns para unha obra que Xosé Ramón Freixeiro Mato terá que incluír no seu volume, cando chegue a reedición, porque un grande acerto da Estilística da lingua galega é a unión de textos clásicos e contemporáneos, todos a formaren parte do mesmo volume, da mesma hucha, da mesma gabeta onde irmos tirar. Mais tamén porque hai concomitancias entre algúns dos significados que se esconden baixo o concepto “estilo” e as palabras de Berta Dávila:

luns, 23 de setembro de 2013

Canto variaría o radio da Terra se lle aumentásemos 10 m ao ecuador?



A algunha xente gústalle a poesía, a outras observar cadros e tamén hai quen desfruta coa resolución de problemas. O que problema que se presenta aquí é, como se podía supoñer, o seguinte:
Canto variaría o radio da Terra se lle aumentásemos 10 m ao ecuador?
O enunciado deste problema vírao por primeira vez na revista Cacumen. Agora 30 anos despois atopeino neste simpático vídeo, un dos gañadores de videoMaT, un concurso catalán de vídeos para o alumnado non universitario no que solicitaban traballos nos que se respondese a preguntas que evidencien a aplicación das matemáticas no entorno.
Imaxinemos  que a Consellería de Educación copia a idea e quer trasladala a Galicia. Para respectar o espírito do funesto decreto do plurilingüismo nas bases do concurso deberíase prohibir que o vídeo fose elaborado en galego, non si?
Ah! e intendade resolver o problema antes de mirar o vídeo. É un gustazo dar coa solución, tan simple e inesperada!



domingo, 22 de setembro de 2013

A lingua popular e a xeración de novas palabras: enxebridade e enxeño

por Xosé Manuel Sánchez Rei en Terra e Tempo:


Entre os moitos temas que desenvolve, a excelente Estilística da Lingua Galega (2013) de X. R. Freixeiro Mato dedica unha sección aos valores expresivos da prefixación. Con efecto, tratando os morfemas nocionais, o coñecido lingüista pondera o que el denomina “creacións populares” en exemplos como descomer, descasar ou desengordar a sinalar o seu “rendemento expresivo”. As palabras do catedrático da Universidade de Coruña salientan, así as cousas, que o galego popular posúe recursos que o dotan de singularidades notábeis na formación de palabras, de certo moito interesantes no ámbito da expresividade coloquial e tradicional. Neste contributo imos comentar, pois, algunhas das características que presenta hoxe en día ese léxico que, sendo considerado adoito como vulgarismo e non estando normalmente coleccionado en dicionarios, denota porén unha grande enxebridade en determinados rexistros. Centrarémonos para iso no morfema des-, o cal, costumando ter os valores de negación como principais significados, noutros casos adquire matices de intensificación con determinados elementos a que se xunta, segundo se verá máis abaixo. Non faremos referencia, como se torna obvio, a vocábulos que xa están asentados na lingua habitual en palabras do tipo desandar, desanimar, descansar, descravar, desfacer, desmarcar, desparafusar, desvivir etc., mais a esas entradas vocabulares de uso minoritario que se sitúan en moitos casos nas fronteiras do gramaticalmente aceptábel.

Un exemplo de enquisa sobre os hábitos lingüísticos do alumnado

Recollo unha publicación do equiPAZO de Normalización do IES Pazo da Mercé das Neves como exemplo dun cuestionario sobre os hábitos e ideas sobre a lingua. Moitas veces nos ENDL botamos en falta precisamente exemplos de traballos e accións concretas doutros ENDL que nos faciliten o labor que queremos realizar. Xa que desde as instancias oficiais non se facilita este tipo de documentación, agradécense as aportacións, que coma esta, poden aclararnos moito as ideas aos que intentamos traballar para a normalización nos centros de ensino.
Velaquí pois un exemplo de cuestionario para coñecermos mellor a realidade sociolingüística do noso entorno.


sábado, 21 de setembro de 2013

Luísa Villalta: paixón e compromiso

Documental sobre a poeta galega e ex-profesora do IES Isaac Díaz Pardo. Realizado por "Gallaecia Filmes", produtora de audiovisuais do instituto. Participan amigos, escritores, alumnos e compañeiros da sempre querida e admirada Luísa Villalta.
Desde o ano 2004 o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convoca o Premio Luísa Villalta co obxectivo de promover o uso do galego na universidade. Desde a segunda edición o premio estendeuse ás outras dúas universidades galegas.

venres, 20 de setembro de 2013

Coerción, represión, autoritarismo

por Susana Méndez no Sermos Galiza:


Nos últimos tempos estamos a ver cómo recrúan as accións represivas por parte dos gobernos que nos tocou padecer. Cando unha persoa, dirixente, gobernante, ou como se lle queira chamar, non tén argumentos ou razóns, entón pasa a tomar medidas que intenten silenciar as voces que, esas si, teñen a razón da súa parte.

A derradeira lección do profesor Gómez Segade

por Xosé González Martínez no xornal La Región

O profesor Xosé A. Gómez Segade xubílase da docencia universitaria . O próximo día 27 do mes que andamos, cando as badaladas da catedral compostelá anuncien as doce da mañá, entrará no salón artesonada de Fonseca para impartir a súa derradeira lección como catedrático da Facultade de Dereito. Ese día terá moita máis audiencia, porque amais dos alumnos acudirán outros discípulos que desde 1984 tiveron a sorte de formárense na súa cátedra de dereito mercantil. Mais esta non será a derradeira lección do mestre, porque os os galegos sabemos que non todo o último é derradeiro. Seguirá exercendo o seu maxisterio aquí e fóra das nosas lindes onde ten acadado notable prestixio internacional; un prestixio que na nosa Terra institucións como a Real Academia Galega, da que debería ser académico hai tempo, non souberon valorar.

Matemáticas en galego vs. matemáticas en inglés


Xa non sei cantas van, pero volvo a botar man unha vez máis do recomendable blogue da sección de galego do IES Cañada Blanch de Londres. Nesta ocasión non podo deixar de facelo porque nesa espiral de actividades que veñen realizando desde hai varios anos, tocoulle precisamente a unha relativa ás matemáticas que se desenvolveu este martes 17/09/2013 nese centro. Recibiron a visita de Nati Sánchez quen lles ofreceu un "Obradoiro de matemáticas para divertirse".
Un non pode deixar de pensar que sucedería con esta actividade en terra galega: sería ilegal baixo os parámetros do decreto para o plurilingüismo. Iso si, Nati podería ofrecernos o mesmo obradoiro nun insituto galego se o fixera en inglés. Esta evidencia é o mellor exemplo de que ata que punto vivimos baixo o goberno duns lexisladores extremistas antigalegos.
P.S.: Uns lexisladores, por certo, que non respectan nin as súas propias leis

xoves, 19 de setembro de 2013

Xosé Ramón Freixeiro Mato, “O galego necesita estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués”

Teño un gusto especial polo xénero da entrevista, por iso cada vez que vexo unha, agradézoa especialmente. Desta vez é Carme Vidal quen entrevista a Freixeiro Mato para o Sermos Galiza:

Coa monumental Estilística da lingua galega (Edicións Xerais), o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato elabora unha ferramenta única que ofrece, ordanados e sistematizados, os valores expresivos do galego,a súa riqueza para a construción literaria. O libro preséntase hoxe na libraría Pedreira de Santiago coa presenza de Goretti Sanmartín, Xosé Manuel Sánchez Rei e Manuel Bragado xunto co autor.

Cunha das traxectorias máis prestixiosas no estudo da nosa lingua, Freixeiro Mato é autor, entre outras moitas obras, da Gramática da Lingua Galega (2006) en catro volumes ou de Lingua de calidade (2009).

-Vostede fala da dificultade de construír unha lingua literaria a través dun idioma desprestixiado, cal é o proceso?

mércores, 18 de setembro de 2013

Equipos de Normalización: Renovación versus desleixo

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de renovar o aspecto do seu portal web. Para o que tiñamos o costume de remexer no antigo formato isto, nun principio, despístanos un pouco pero pronto podemos comprobar que o traballo realizado tráenos un formato máis moderno e ordenado. Eran xa tantos os recursos, anuncios e actividades que nos ofrecía a CGENDL que o anterior formato web podía despistar pola gran cantidade de propostas que nos ofrecía no primeiro acceso. Agora dispoñemos dun portal máis ordenado, cos temas clasificados en varias lapelas. O resto do espazo repártese entre unha presentación de temas destacados, unha área reservada baixo o epígrafe de Actualidade, a xanela do Twitter da Coordinadora, outra de Anuncios e unha máis sobre Noticias da prensa sobre a lingua. 
En definitiva, a CGENDL, nunha mostra máis de traballo incansable tráenos outra nova alegría, unha máis da moitas que nos leva dado desde o inicio da súa andaina hai xa máis de catro anos atrás. E, cómpre recordalo, todo isto témolo sen ningún tipo de axuda institucional.
A CGENDL foi en toda a súa historia,  o maior impulsor da dignificación do traballo dos Equipos de Normalización. De vivirmos nun país normal tería que ser recibida baixo palio nos despachos oficiais. O que temos é xusto o contrario, un completo esquecemento das insitucións.
Se, pola contra, lle botamos un ollo ao panorama ao que nos ofrece a Secretaría Xeral de Política Lingüística aos ENDL, observaremos unha paisaxe desoladora: o último recurso didáctico que nos ofrece data de hai 14 meses, a última revista escolar referenciada é do curso 2010-2011, a data do último recurso para as familias ten 17 meses de antigüidade e os últimos proxectos de ENDL recollidos no apartado de proxectos premiados datan do curso 2008-09. Incluso hai un apartado adicado a aulas virtuais que desde que foi creado este espazo web alá polo 2006, a ninguén se lle pasou pola idea procurarlle algún contido para referenciar nin tampouco suprimilo por falta de contidos. Creo que non hai mellor metáfora do que sucede na práctica real do traballo dos ENDL que estes dous portais virtuis comentados aquí. Se por unha banda a CGENDL se ve na necesidade de renovar o seu web de presentación pola enorme cantidade de contidos que nos ofrece, por outro lado a imaxe da política lingüística que desenvolve a Xunta de Galicia queda perfectamente retratada aquí abaixo.


luns, 16 de setembro de 2013

E veña a marear... (e dalle)

por David Otero, no Sermos Galiza:

Andamos na soleira do novo curso e así xa que logo nos preparatorios, como quecendo, e xa tardaba en chegar unha de coma sempre por estas para poñer lío e cortar leite. Falo do señor pai que deixou un traballo en Vigo por mor de que o seu fillo tería que aprendEr, estudar, ( vivir?) galego. E claro as cornetas desa organización chamada Galicia Bilingüe, van e a todo bufo póñense a botar gasolina no lume. Xa o dicíamos nós, xa ben que avisamos de que tanto galego… ( velaí máis ou menos o que andan e veñen dicir): E collemos e nós e cabreámonos ( e non sen causa) pois somos ensinantes, mestras e mestres. Facémolo no principio de que a/o profesora é o referente central de todos os procesos educativos. E falo así de nós ( e atendan ben as e os controladores absurdos e patéticos a maior parte direi de Galicia Bilingüe e con eles o “ celoso “ entramado votante e “ enrrollado”da Consellería de Educación), porque para nós e non poucos, educadoras e educadores, mestras e mestres, educar é moito máis que instruír e polo mesmo incidimos de xeito de moita atención ( orientamos) cara á persoa do alumno/a e así reflexionamos nas dimensións sicológicas, socias e morais do mesmo, claro, da personalidade deste/a. Por isocomo ensinantes galegos cabreámonos. Pois o feito preocúpanos e en especial referido ao ámbito, espazo e tempo, do ensino galego, público,gratuito e de cualidade. Por aí vai a nosa ética.

A lingua dos nenos



O pasado mércores os rapaces de infantil e primaria volveron ás aulas para comenzar un novo curso. As cámaras da TVG achegáronse á porta dalgúns colexios para comprobar o ambiente. Se estamos atentos podemos comprobar como os entrevistadores fan as preguntas en galego, pola contra os rapaces constestan en castelán, ou se o fan en galego é cunha lingua forzada, como se estiveran a falar unha lingua estranxeira. Esta é a realidade na maior parte de Galicia, ao pé dos colexios das cidades o galego está excluído, en todo caso é unha rareza lonxana. E quen máis contribúe a que isto sexa así, é quen ten o deber de remover esta situación. A Consellería de Educación apostou decididamente polo reforzo dun espazo de exclusión do galego mediante a política lingüística que está a poñer en práctica desde o funesto decreto para o plurilingüismo e toda a farramallada que está a contruír ao seu arredor, mesmo en contra do ditame do TSXG, pero sobre todo en contra do sentir cidadán mil veces expresado desde sindicatos, ANPAS, asociacións estudiantís, partidos políticos, toda clase de organismos ou manifestacións que deixaron as rúas pequenas.

domingo, 15 de setembro de 2013

O maxistrado Francisco de Cominges impartíu xustiza cunha sentenza que fai patria

por Xosé González Martínez en Mundiario:

O dicionario galego define a argallada como unha mentira dita a mantenta co único obxectivo de conseguir un beneficio persoal por procedementos espúreos. Esta definición é a que mellor lle acae a un cidadán ourensán que quixo eludir unha sanción de tráfico por estacionar en zona limitada debidamente sinalizada: “Prohibido aparcar. Agás carga e descarga”. No seu recurso perante o xulgado do contencioso-administrativo núm. 1 de Ourense argalla a súa defensa alegando descoñecer o sginificado da preposición “agás”. O texto íntegro da sentenza podese ler en www.galeguizargalicia.com.

xoves, 12 de setembro de 2013

O espírito do 31 de xullo

Hai algunhas datas do calendario que foron escollidas para nomear todo un proxecto social e político. Un caso paradigmático é a do 18 de xullo. Todos estaríamos de acordo en que reivindicar o espírito desta data significa posicionarse contra a democracia; impoñer as preferencias e privilexios dunha minoría e apostar de cabeza polo imperialismo centralista.

martes, 10 de setembro de 2013

Houston, temos uma hipótese

por Valetim Fagim, no Sermos Galiza:


Taboo é um jogo de tabuleiro em que devemos descrever um conceito sem o nomear nem usar certas palavras na descrição, aquelas que facilitariam a identificação por parte da nossa equipa. É provável que a palavra Língua aparecerá no maço de fichas do tal jogo e atrevo-me a arriscar que os tabus serão palavras como Identidade, País, Gramática e outras similares.

Calendarios e axenda para un novo curso

Un ano máis volvemos a ver editado outro número da axenda escolar que o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela editaron en colaboración cos centros de ensino redondeláns e a través da Coordinadora ENDL de Redondela.
Segundo informan desde os respectivos blogues, a tiraxe desta edición foi de 1600 exemplares, que se distribuirán entre o alumnado dos centros do Concello.
Con esta publicación, que se distribuirá de balde a alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, preténdese divulgar aspectos da cultura e o patrimonio locais, salientando persoeiros redondeláns destacados, elementos do patrimonio material e inmaterial e traballos de dinamización cultural e lingüística desenvolvidos no curso pasado. Ademais inclúe coplas e refráns, onomástica en lingua galega e referencias ao patrimonio e ás celebracións de Redondela. Todo un luxo esta colaboración do SNL do concello pontevedrés co traballo dos Equipos de Normalización das escolas e insitutos. Teño a certeza de que é un punto de ánimo para todos eles.



A xeneralidade dos centros galegos non terán esa sorte, pero polo menos quédanos a achega que nos fai anualmente a CGENDL. Puntualmente recibimos os seus calendarios escolares: un anual e outro mensual, para facilitarnos o seguemento deste novo curso.


luns, 9 de setembro de 2013

El català, llengua per a tothom



Este vídeo forma parte dunha campaña da Generalitat de reafirmación da súa lingua. Un vídeo cargado de cifras que lles permite mostrar con orgullo cal é o seu lugar no mundo. Entre outras cousas proclámase que o catalán é a lingua da escola, da empresa, dos recursos da rede,...
Cómpre a comparación. Alquén é quen de imaxinar unha campaña semellante da Xunta? Nese caso teriamos que lembrar que non dou nin un paso para galeguizar o Twitter, que despois de 30 anos o mundo empresial fai un uso do galego que segue ao nível do da dictadura ou que se está a facer todo o posible para reducir o uso do galego na escola. O vídeo da campaña da Xunta tería que facerse en branco e negro. A razón principal está precisamente en que o galego non é unha lingua para os nosos gobernantes.

domingo, 8 de setembro de 2013

O comportamento lingüístico de Rosalía de Castro

por Francisco Rodríguez, no Sermos Galiza:


Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. No uso literario, Rosalía superou todos os condicionantes diglósicos. A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.

Emanciparnos na fala

por Xosé Lois García no Sermos Galiza:


Teño un presentimento emocional sobre o galego. A nosa fala continuará emancipando as raiceiras do noso espírito libre que ela inzou e nos ordenou en seu seo e nos pariu. E despois nos aleitou no medio hostil do ruralismo, no que nos conformou comunidade ampliada no común dunha conformidade singular, na que se entronizaron as esencias que orixinaron unha individualidade antropolóxica común, onde a fala se converteu na expresión mais lexíbel dunha comunidade estábel que veu a naturalizar a nosa nación. A propósito, non falamos de atributos ou de subxacencias formativas que emerxeron dunha antropoloxía que confirmou o estar no ser.

De blogues.12

Fala Rexina Vega (desde disimulen.com), 20/05/2013, por Xabier Cordal en Centeás
Falarás a nossa língua!, 13/05/2013, por Séchu Sende en Made in Galiza
E o mercado, Xavier?, 28/06/2013, por Alfredo Ferreiro, Levantador de Minas
Hoxe en ViaV, 05/07/2013, por Carlos Callón no seu blogue
Lingua do P: «twelve points», «douze points», 20/07/2013, en Xogos de lingua
Onte 680: A escola, para ser escola, debe ser pública, 23/07/2013, por Manuel Bragado en Brétemas
Sopas galegas, 01/09/2013, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
O sesquipedalismo de loito, 04/09/2013, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua

sábado, 7 de setembro de 2013

A navalla de Manuel a Paco Martín

por David Otero no dixital A Voz de Vilalba:

Non hai pegha. Cada ano desde o ano cinco deste século e xustamente o oito de setembro, logo do acto de cabodano, a afectos e lealdades, de Manuel María, coa presenza de tantas e de tantos e en especial de Saleta e outros membros da Fundación Manuel María, alí na Campa de Outeiro de Rei, con ofrenda floral e poética e despois cantando a unha voz o poema O Carro musicado por Mini e Mero ( estando tamén os cantores Tino Vaz, Miro Casabella, Quintas Canella e o gaiteiro nubeiro Raul Galego), collemos e imos á carballeira da Sta Isabel, lugar determinado a moi significado para o noso poeta nacional e de advocación por tal,ben sabida por todas e todos nós.Pois ben, alí ao andar das augas do río pai Miño ( con fillo ilustre de cerca o reghato do Cepelo), ano a ano e de man a man, a cada delas máis xenerosas e merecentes, celebramos o acto de entrega da NAVALLA DE MANUEL MARÍA, e así foron téndoa Alfonso B.Torrado, Mini e Mero, Camilo Gómez Torres, Avelino Pousa, Xulio Xiz, Darío X. Cabana, quen lles escribe, Valdi e este ano Paco Martín ( e direino tamén a chamo como no título de arriba PACO RAMÓN MARTÍN LAMOTE, decátanse o por que…?).

A voz de actualidade de Manuel María

por Xoán Carlos Domínguez Alberte no Sermos Galiza:


O sábado sete de setembro é un día feliz para a cultura galega. No seu lugar de nacemento, en Outeiro de Rei, inaugúrase a Casa Museo Manuel María. O completo e interesante programa de actividades pode consultarse no enlace dixital da Fundación Manuel María de Estudos Galegos: http://www.manuelmaria.com

venres, 6 de setembro de 2013

Normalización entre parafusos



Que á normalización lingüística no ámbito comercial lle queda todo por facer queda demostrado na necesidade de poñer aquí este vídeo sobre o que podemos atopar nos andeis da Ferretería Fuente. O vídeo non tería sentido se realmente o proceso normalizador estivera mínimamente asentado.

xoves, 5 de setembro de 2013

Recompilación sobre Díaz Castro

Tiña no caixón do blogue todo un listado de ligazóns sobre Xosé María Díaz Castro que me fixo ilusión revisar.


Día das Letras Galegas a Díaz Castro, 21/06/2013, RAG
Convivindo con Díaz Castro, 22/06/2013, por Armando Requeixo en Criticalia
O día no que Lois Pereiro e Xosé Díaz Castro se desvirtualizaron, 22/06/2013, por Xosé M. Pereiro en Si home si
Un poeta feito en Guitiriz, 23/06/2013, por Alfonso Blanco Torrado, A Voz de Vilalba
Díaz Castro: luz e sombra radiantes, 23/06/2013, por Luís Blanco Tosar en La Voz de Galicia
A luz de Díaz Castro, 24/06/2013, por Manuel Bragado en Brétemas
Díaz Castro, 26/06/2013, por Ramón Nicoclás no Caderno da crítica
Diario Cultural de Díaz Castro, 28/06/2013, por Armando Requeixo en Criticalia
O poeta das cousas pequenas, 02/07/2013, por Cristina Pérez, El Progreso
Proxecto NIMBOS, 10/07/203,por Martin Pawley en Acto de Primavera
Díaz Castro 2014, 10/06/2013, por Armando Requeixo en Criticalia
Polos versos nimbados de Díaz Castro, 24/06/2013, por Xosé Lois García, Galicia Hoxe
A beleza feriume para sempre,16/07/2013, por Raúl Rio Díaz en Terra e Tempo
2014: Ano de Díaz Castro, 23/06/2013 por Xulio Xiz, A Voz de Vilalba
O instante eterno, documental sobre Xosé María Díaz Castro, 22/07/2013, AELG



mércores, 4 de setembro de 2013

Negra sombra



Bo vídeo para comenzar un novo curso...
Polo menos é un bo vídeo cunha boa canción da cantante de orixe palestina Najla Shami.

luns, 2 de setembro de 2013

O verdadeiro bilingüismo

por Xoán Antón Pérez Lema no xornal El Correo Gallego:

TEMOS QUE LEMBRAR seguido, no que atinxe á lingua, feitos evidentes e innegábeis. Como que o galego é a lingua propia de Galicia e dunha importante-e aínda maioritaría- parte da súa cidadanía. E, ademáis, a lingua oficial deste País, canda o castelán, na que teoricamente pódese desenvolver calquera actividade oficial e/ou privada e que entende todo o mundo en Galicia, falan e len case todos e escrebe xa unha ampla maioría. A maior abastanza, o galego e o portugués pertencen ao mesmo tronco lingüístico , o que garante na práctica unha plena comprensión dos 250 millóns de falantes desta lingua nos cinco continentes e convirte un galego verdadeiramente bilingúe que practique un bó inglés nun privilexiado europeo que manexará tres das máis faladas linguas do mundo.