Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 17 de novembro de 2012

A importancia de se chamar

por Mercedes Queixas Zas en Prolingua:

A identidade inicial das persoas tamén vén determinada polo nome propio que un pai e unha nai acaban por decidiren para nós, logo de resolveren unha decisión importante que marcará o intenso camiño da relación paterno/materno - filial.O nome propio outórganos, asemade, unha singularidade de recoñecemento exterior que axuda a colocármonos neste mundo diverso, políglota e multicultural.Aldán, Antón, Anxos, Cibrán, Iria, Mariña, Nuno, Xiao, convértense en sonoros antropónimos que, desde a súa fonética musicada e desde o corpo da súa grafía, nos visten dentro da identidade galega para recoñecérmonos nela e nela recoñecérennos @s outr@s.Acubillámonos en nomes herdeiros dunha ascendencia xenealóxica anterga, acompañada de cadansúa significación, á par doutros de entrada recente creada a partir dunha etimoloxía patronímica: Aloia, Mª do Cebreiro, Xalo... Unha tradición que tamén neste ámbito de identificación é revisitada e complementada con ollada de hoxe, tal e como corresponde a unha lingua viva.Gozamos de antropónimos que relembran esta nosa historia nunca acabada de contar, que nos falan de trobadores medievais –Airas-, do xefe celta fundador da cidade de Brigantium –Breogán- ou daquela nobre galega que no século IV peregrinou a Compostela e testemuñou a experiencia por escrito –Exeria.Afectivamente, brincamos cos hipocorísticos con Catuxa; rubimos as árbores con Faia; embriagámonos co arrecendo floral de Margarida ou Xacinto; chiscámoslle o ollo á Lúa e viaxamos ao noso reino antigo da man de Suevia.Porque sabemos con certeza que cando a sinatura persoal debuxa un Henrique ou unha Helena o “H” maiúsculo inicial deixa de ser mudo e fala por nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario