Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 24 de novembro de 2012

Cinema galego

por Pilar García Negro, en Sermos Galiza:

Acudín, o primeiro día do seu pase comercial, a ver Todo es silencio; en primeiro lugar, porque procuro asistir a todas as estreas de cinema galego ou baseadas en obras galegas e, tamén, animada por o filme se inspirar nunha das mellores, no meu xuízo, obras publicadas do autor, Manuel Rivas. Non dubido das mellores intencións do director, José Luis Cuerda e do proprio guionista, o escritor, mais o resultado final coido que está moi lonxe do que se podería esperar dunha novela ben callada e estilisticamente moi cuidada.
Comecemos polo positivo. A fotografía do filme é excelente: consegue, de certo, que o abrazo mar-terra que caracteriza a nosa nación se reflicta con toda a forza protagónica. Non é fondo de cuadro, non é paisaxismo ornamental; “determina” vidas e perfís de personaxes. Digamos, de paso, que a materia prima é de seu espléndida para que un bon-boa profisional non desaproveite a ocasión de a converter en arte visual. Boa tamén a actuación dos pequenos actores, sobre de todo a da nena-rapaza, e a dos actores galegos (Rebeca Monteiro, Luís Zahera, coido) que debuxan a orixe dun deles.
Vaiamos co resto da composición. Juan Diego ten sobrados dotes actorais e experiencia abonda como para saír donoso deste lance, mais non dá a medida da psicoloxía do Mariscal que a novela recolle; é “demasiado” igual e previsíbel de principio a fin. O mesmo diriamos dos outros actores-actrices principais. Falo, naturalmente, como espectadora e cinéfila de toda a vida, non como entendida: unha cousa é “actuar” ben e unha outra é tentar transmitir nun produto cinematográfico o esprit, o xenio (que dirían os nosos antepasados) dunha obra literaria que atina moi ben, sobriamente mais con profundidade, a dar a medida humana dunha realidade tan presente na beiramar galega como foi o enguedello mortal do contrabando-narcotráfico. E é aquí onde poderiamos dicer que un idioma é moito máis que un idioma. O título da novela procede, como se sabe, dun verso de Rosalía de Castro: Todo é silensio mudo, o que encabeza a cuarta estrofe do poema que comeza ¡Padrón…! ¡Padrón…! / Santa María… Lestrove… / ¡Adiós! ¡Adiós! (por certo, segundo Salvador de Madariaga, “los tres versos más plenos, más cargados de emoción, máis sencillos y más espontáneos de toda la poesía española”), poema que pertence ao Libro Segundo (“¡Do íntimo!”) de Follas novas. É fundamental, para quen quixer facer a comprobación, comprender este poema entre os dous en que encontra: precedido de “Estranxeira na súa patria” e seguido de “Pasade”; mais voltemos ao obxecto do noso comentario. No reencontro dos vellos amigos na antiga escola, reaparece o verso sen mención nengunha de autora nen de motivo da recordación: todo o seu sentido, así, fica no ar, descontextualizado e inverosímil como frase no presente dos personaxes.
A historia dos naufraxios na brava costa galega e dos eventuais botíns que o mar trae á terra é ben coñecida e conta con literatura abundante (Cousas, de Castelao, sen ir máis lonxe), mais converter isto nunha arribada á praia, como se fose habitual e non excepcional, de despoxos varios non ten o menor sentido. Na primeira escena do caso, vemos unha chea de cadaleitos, novos do trinque; a seguir, un vasto tapiz de laranxas ou mandarinas en perfeito estado; afinal, toda unha exposición de manequíns. Dá a impresión, para os incautos ou ignorantes (e abundan: houbo quen pensou que as bateas eran barcos estraños ou cousa así…), de que, na costa galega, os luns toca caixas de mortos, os martes, laranxas e os mércores restos de manequíns… Non ten traza.
A novela orixinal non ten nada de truculenta, mais deseña con moito vigor perfís de personaxes e, desde eles e a través deles, un panorama socioeconómico, e tamén psicolóxico, que quer ser descrito e comprendido, non xulgado. O filme, igualmente, non xulga nen moraliza, mais está moi lonxe de dar idea do que apontamos. Ou, por outras palabras: o filme é galego por paisaxe, decorados, ambientación (un chisco artificial) e “acentos”: o resto non se comunica ou non aparece. O ritmo da novela é inexistente no filme; a fondura do drama subxacente, o mesmo.
Nos créditos do filme, vin que aparecen como colaboradoras ou patrocinadoras a TVG e mais a AGADIC. ¿Ula, a copia en galego? ¿Onde aquel principio que eu mesma defendera no proceso de elaboración do Plano Xeral de Normalización Lingüística en virtude do cal todo euro público galego gasto debera incluír a presenza da lingua galega ou a súa non exclusión?
Non acompaña a boa fortuna a recreación cinematográfica de obras literarias galegas ou baseadas en temática galega. A esmorga (“La parranda”) pode ser un vello exemplo. Mellor factura tivo, porén, A lingua das borboletas ou O lapis do carpinteiro. En Mar adentro, de Amenábar, o catalán (advogados pro-morte digna) existe como unha lingua moderna, encanto o galego aparece asociado ao rural-residual. Por certo, na parte actoral, estamos sempre na mesma: os actores-actrices galegos escollidos para secundarios; os papeis protagónicos, para idem españois ou con traxectoria abenzoada pola cultura-promoción española. Tamén en Todo es silencio.
En fin, figúraseme que este filme, nos elementos que o integran, é unha boa metáfora da situación galega xeral. Explícome: materia prima de grande calidade e creatividade potente (escritor galego); dirección española; xerarquía actoral como a descrita; actriz de orixe galega con éxito fóra da súa terra e, por isto, xa “deslocalizada” como galega, con apelido (“Freijeiro”) de renxente e espantábel barbarización castelanista (¡que magnífica oportunidade de oferecer, corrixida, a ortografía-ortofonía verdadeiras…). Tal cal a Galiza noutras ordes da vida.
É lamentábel que un filme como este dure tan pouco nas carteleiras. A suba do billete influirá, de certo, mais é incríbel que as institucións públicas galegas mencionadas non se impliquen na súa difusión e promoción, na deste filme como na de todos os demais onde exista colaboración galega. O próximo domingo, día 25, estrearase na Coruña A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Oxalá que estexa servida por abundante público, tendo en conta que se proxecta gratuitamente no Teatro Rosalía de Castro. Alí estaremos. Coido que teño “autoridade” para animar todas-os connacionais a leren litaratura galega e a seren espectadores de cinema galego. De nós, leitores-espectadores, tamén dependen a súa sobrevivencia digna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario