Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 27 de novembro de 2012

Feijóo sen tenza

por Xoán Costa, en Sermos Galiza:

Feijóo fica sen tenza neste monte comunal que é a lingua. No comezo da lexislatura que agora remata manifestou que o galego sería unha das súas prioridades.

E cumpriu.
Nos primeiros meses derrogou o Decreto do ensino infantil, suprimiu a proba en galego nas oposicións, suprimiu as axudas á tradución en galego, afastouno dos formularios do SERGAS, e mesmo falou de modificar topónimos, na agradábel compaña do Sr Negreira.
E seguiu cumprindo.
Derrogou o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regulaba o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretendía lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación.
Agora o TSXG di que aquilo non estivo ben feito.
A Consellaría replica dicindo que “as sentenzas do TSXG emitidas en relación cos recursos da Mesa pola Normalización Lingüística, da CIG e de Queremos Galego anulan dous parágrafos de dous artigos, é dicir, invalidan o 5% do tal do decreto, integrado por un total de 33 regulacións”
Vai maneira de razoar! A nosa columna vertebral, a humana, ten 33 vértebras. Imaxinen que nos inutilizan a vértebra número 5, unha cervical e a número 12, torácica. Só representan o 5% da espiña dorsal dunha persoa mais, como serían as condicións de vida, poderíamos sobrevivir?
Tetrapléxica acaba de se tornar a política lingüística do PP.
Feijóo debería ser capaz de recoñecer que TSXG elimina o esencial da súa política lingüística. Nada lles resta daquela idea da imposición.
Mais non ve.
Pola contra, a reacción é anunciar que non pasa nada, que un decreto eivado serve ben os seus obxectivos.
Xa non hai dúbidas de que non se axusta á legalidade que a Consellaría realice unha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil nin que o alumnado poida usar na aula a lingua da súa preferencia. Mais que importa, se o obxectivo do goberno Feijóo (tampouco lle botemos toda a culpa que Vázquez e Lorenzo teñen o seu aquel de responsabilidade) non é outro que a eliminación. Nin o sono lles quita. Acatamos a sentenza, din, mais pouco parece importarlles, como non lles importou antes o rexeitamento do decreto por toda a comunidade escolar, toda a oposición, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura ou o Consello de Europa á hora de valorar un decreto que, a priori, se sabía fóra da lei.
O decreto xa non serve. Por iso é a hora de levantármonos do chan, de non nos descoidarnos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. E sobrevivirá o Sr Feijóo. Ese ten que ser o noso compromiso porque a prioridade del xa a coñecemos: o galego, si, mais a súa eliminación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario