Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 4 de novembro de 2012

A tomateira dos Axóuxeres

Calquera que dera un par de pasos polo mundo da normalización lingüística sabe que, de querer obter resultados positivos, as accións que se emprendan teñen que marchar todas na mesma dirección pois, por múltiples razóns, estamos traballando nun campo nada favorable ao florecemento das especies que estamos cultivando.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) vén de cultivar unha tomateira: puxo en marcha unha campaña, 'Os axóuxeres' consistente nunha serie de capítulos que emite a TVG2 xunto coa programación de actividades teatrais e proxeccións de vídeos dixitais nalgúns lugares de Galicia. Parece que temos que felicitarnos todos pois grazas a esta iniciativa non tardaremos en recoller un fermoso produto.

Unha das localidades que visitaron foi A Coruña. No Auditorio do Ágora (non *da Ágora como pon o cartel da SXPL) collían un máximo de 80 persoas. E ésta é toda a actividade de promoción do galego que vai chegar aos rapaciños desa cidade. Pola contra, A Mesa denunciou que as medidas de exclusión da lingua galega postas en marcha polo goberno da Xunta levaron que únicamente un 3% dos centros de infantil das cidades impartan as aulas en galego. En coherencia con este defenestramento do contacto do alumnado de infantil coa lingua galega, o Consello de Europa instou no seu último informe a que a Xunta de Galicia modifique radicalmente as medidas tomadas nos últimos anos co fin de que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completa ou esencialmente en galego. Non está de máis lembrar que o anterior informe do Consello de Europa gababa a posta en marcha das Galescolas por estableceren o galego como base o acollemento dos nenos nos primeiros anos.
Outra das iniciativas postas en marcha co apoio total da SXPL foi o da eliminación das liñas de galego de infantil. A pesar de que a demanda era maior, no momento da súa supresión había un total de 42 liñas establecidas sobre todo nas cidades. O ingreso neste proxecto era totalmente voluntario.
Acabamos de ver como a SXPL plantou unha tomateira. Pero tivo o coidado de facelo en terra seca, nun terreo do que retirou o abono.  Por se isto fose pouco, tapoulle o sol e finalmente regouna con herbicida.
Así é como funciona a política lingüística da Xunta.
Parabéns á SXPL. Pantaron unha tomateira.

2 comentarios:

  1. Non podo estar máis de acordo. En Ames o aforo creo que era aínda máis cativo e pasábase lista, non fora ser que entrase un demais... Teño impreso o da "lingua vehicular" na escola infantil das miñas fillas e podo dicir que debe ser a lingua que falan no seu vehículo, porque o que é na escola óese unha de cada dez veces... O máis triste é que aínda teño que oír argumentos prexuizosos do resto de pais e nais cando digo algo sobre o tema. Á parte de defenestrar o galego das aulas, tamén conseguiron facelo con simpatía e vendendo ben o produto trilingüismo... En fin!

    ResponderEliminar
  2. Describes ben o panorama.
    Grazas pola túa achega

    ResponderEliminar