excepcional artigo escrito por unha experta en lexislación das linguas, Alba Nogueira, en Sermos Galiza:
As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarando ilegais os preceptos centrais do Decreto de plurilingüismo de 2010 e desestimando paralelamente as pretensións de Galicia Bilingüe, deben servir para abrir novos camiños de recuperación de espazos para o galego, nomeadamente no ensino.
O 5% anulado, nesa innovadora forma de valorar ao peso os fracasos xudiciais, é o cerne do discurso lingüístico do PP. Ven acompañado tamén dunha extensa motivación (un 80% en cifras propias con idéntica validez) que achega argumentos relevantes para esixirmos un cambio radical no enfoque da normalización no ámbito educativo.
En catro titulares os fallos establecen que: 1. Non son legais as consultas. 2. A administración educativa non pode abdicar das súas competencias de fixación da programación educativa. 3. O ensino debe conseguir o obxectivo de reequilibro das linguas. 4. Non existe liberdade de opción lingüística e o uso oral e escrito do galego é condición necesaria para a adquisición do coñecemento.
A liberdade para ignorar non se avala nas sentezas. O dereito para as familias impoñer por maioría unha lingua tampouco. Nin existe un dereito de opción lingüística do estudantado que permita saltar a programación educativa usando nas manifestacións orais e escritas unha lingua distinta da que está prevista como lingua vehicular da materia, nin existe a posibilidade de que unha votación das familias se erixa no elemento que determine a lingua no primeiro ensino. "Unha cousa é que as familias deban colaborar para lograr unha educación de calidade e outra moi distinta é que a Administración educativa poida abdicar da súa potestade de ordenación xeral do ensino, que lle corresponde en exclusiva, abandonando a súa responsabilidade á hora de garantir que os nenos reciban o primeiro ensino na súa lingua materna" expón taxativamente o TSXG. No que respecta á liberdade de opción argumenta que "non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo. Ademais, non chega a explicarse o trato diferente en relación coas linguas extranxeiras, respecto ás que se exclúe aquela liberdade de opción por parte do alumnado".
O TSXG é claro marcando, novamente, os dous eixos que teñen presidido a xurisprudencia sobre a presenza da lingua no ensino as últimas décadas. Por unha banda a inexistencia dun dereito de liberdade de elección de lingua que se derive do dereito á educación. Por outra banda a responsabilidade da administración educativa de determinar os contidos educativos que teñen que encamiñarse ao obxectivo de igual competencia nas dúas linguas oficiais. Non hai máis liberdade lingüística que a que proporciona o coñecemento. A ignorancia non fai libre e os poderes públicos deben deseñar a programación educativa para conseguir que as nenas e nenos sexan quen de usar con igual destreza galego e castelán.
Unha igualdade na competencia que o TSXG deixa claro que non ten que ver co "equilibrio", antes ben ao contrario, coa corrección da desigualdade histórica na que se atopa o galego e que, sinala, <>. En definitiva, que ten que ver coa valoración que eses mesmos poderes públicos deben efectuar en cada momento da situación sociolingüística impulsando con medidas de presenza no ensino á que se atope nunha situación máis feble. É a Xunta de Galicia, consecuentemente, e non as familias, a que ten a obriga de avaliar a situación do galego e o castelán na sociedade e o nivel de competencia lingüística dos nenos e nenas e, froito desa valoración, tomar as decisións que procedan para corrixir os desequilibrios que se manifesten. Unhas decisións nas que claramente os estudos sociolingüísticos existentes, as fontes estatísticas, os ditames técnicos que poidan aportar institucións como a RAG e a perspectiva pedagóxica que fornecen movementos de renovación pedagóxica (NEG ou ASPG), colectivos docentes como a CGENDL ou os membros do Consello Escolar de Galicia, son elementos que deben terse en conta para que os criterios lingüísticos e pedagóxicos, e non os prexuízos, sexan os que informen as decisións sobre o curriculum educativo.
Xustamente, a coherencia con ese criterio e a asunción do papel que lle corresponde a cada un dos poderes públicos, é o que fai que a xustiza non anule a distribución concreta de materias que fai o Decreto. Iso correspóndelle ao poder político non aos xuices. Así afírmase que "aínda que caben desenvolvementos de tal principio de diferente alcance e intensidade, a redacción do precepto regulamentario (...) constitúe unha das opcións legalmente posibles". Mais esta determinación non pode realizarse de xeito arbitrario. A propia sentenza mostra á cidadanía as vías polas que poderá contrastarse se os obxectivos de correción dos desequilibrios se cumpren e as políticas que son esixibles. Por un lado apunta a sentenza ás medidas de fomento que teñen que complementar as determinacións do curriculum educativo: materiais, libros de texto e actividades en galego e existencia de equipas de normalización lingüística. Por outro incide na relevancia dos proxectos lingüísticos dos centros para avaliar e "facer o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, de ser o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia". E tamén, remitíndose ao establecido na disposición adicional 5ª do decreto, que establece a realización anual de avaliacións dos resultados sinala que deben servir para deseñar as actuacións para a mellora do cumprimento e para a adaptación dos obxectivos.
Eis o camiño que temos por diante. Garantir a presenza do galego no primeiro ensino. Impedir a desaparición do galego nas contornas castelán falantes. Afirmar o inequívoco papel normativo que ten a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias obrigando á existencia de liñas en galego en todos os niveis educativos para as familias que o desexen. Impulsar que os proxectos lingüísticos dos centros fagan un seguimento dos resultados e prevean medidas para conseguir o obxectivo de igualdade das linguas. Esixir que se realicen as avaliacións que determina o decreto para o que compre un deseño dos criterios rexido por premisas pedagóxicas e sociolingüísticas. Coñecer e facer seguimento deses resultados.
Un camiño para o que debemos recuperar as alianzas tecidas en 2010, que xa conseguiran cambios substanciais no decreto con respecto ás Bases presentadas en decembro de 2009, porque estes fallos, en definitiva, son un trunfo do activismo cooperativo, da persistencia combativa e do esforzo argumentativo na defensa da lingua. Sen a confluencia de colectivos de defensa da lingua, sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, institucións e a cidadanía nun obxectivo común, fallaría o impulso necesario para esta vitoria. Sen a construción dun discurso fundamentado que deslexitimara a propaganda do PP, a viabilidade dos recursos veríase eivada. Sen o empeño amosado pola Mesa, Queremos Galego, a CIG, o STEG e a RAG co seu compromiso militante ata o final, non estaríamos celebrando este trunfo das teses que defendimos conxuntamente.
Un camiño tamén que agora volve ao punto de inicio: a separación do PP dos consensos construídos de impulso da normalización lingüística reflectidos no anexo do Decreto de uso do galego de 2007 que recollían os obxectivos do Plan Xeral de Uso da Lingua Galega de 2004. Agora que o cerne do seu discurso mostra a súa nulidade compre que o goberno que inicia a nova lexislatura supere o seu fracaso, que tamén é o da nosa lingua, e adopte medidas na dirección que apuntan as sentenzas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario