Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 16 de novembro de 2012

Poñeren cancelas ao galego, poñermos o galego nas Cancela

por Susana Méndez, en Sermos Galiza:

Hai un dito que reza algo así como que non se lle poden poñer cancelas ao campo, mais parece que hai quen llas quere poñer mesmo á nosa lingua.
Ven de abrir en Santiago de Compostela un novo centro comercial e faino desprezando a lingua propia do territorio onde está instalado. Tanto a páxina web, coma os comunicados de prensa, ou mesmo a difusión en redes sociais, en xeral a comunicación que se está a realizar de cara á campaña de inauguración (previa e posteriormente) exclúe a nosa lingua non sendo no nome do tal centro comercial. Só empezaron a introducir o galego nalgunha comunicación illada en redes sociais a raíz da presión exercida por unha campaña iniciada pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Denota pouca intelixencia e pouca visión comercial o xerente do Centro Comercial As Cancelas cando se alporiza e irrita ao lle ser lembrado o uso maioritario da nosa lingua e a importancia que ten comercialmente o empregala para se dirixir a unha clientela potencial que se expresa e entende en galego. Sen entrarmos en cuestións de oficialidade, lexitimidade ou mesmo na análise de estudos de mercado sobre as comunicacións comerciais na lingua das persoas a quen se dirixen as mensaxes, o sentido común, o sentidiño, se o señor xerente do C. C. As Cancelas me permite expresalo así, indícanos que tanto mellor captará unha mensaxe un receptor canto máis e mellor empreguemos o código lingüístico que domina, ou, dito doutro xeito, se queremos lanzar unha mensaxe de proximidade e que sexa tomada en consideración por potenciais usuari@s do noso produto, teremos que dirixirnos a est@s na súa lingua, na lingua que dominan, na que se expresan, na que pensan, na que mercan.
Cónstame que algunhas das marcas comerciais que abriron as súas portas dentro deste centro comercial recentemente inaugurado, si empregan a nosa lingua na súa publicidade e para relacionarse coa clientela. E cónstame tamén que unha destas marcas en concreto, multinacional, non emprega o galego por casualidade, senón porque nesa compañía son conscientes da importancia de dirixirse a galegos e galegas na súa lingua, en galego. Ao fin e ao cabo, trátase de empresas privadas que buscan obter beneficios, e para iso precisan que a súa tenda sexa moi visitada por persoas da contorna, unha contorna maioritariamente galegofalante. Non sei se nesta multinacional ou noutras tendas do centro estarán moi de acordo coa xestión que o xerente fixo das comunicacións da campaña de inauguración nin da resposta airada ante a petición que se fixo desde A Mesa para que incorporaran o galego á mesma.
O propio día da inauguración, na conta de Facebook deste centro, figuraba este texto:
“Y POR FIN... ABRIMOS! MUCHAS GRACIAS A TODOS!!! As Cancelas supone para Santiago de Compostela y su área de influencia un importante salto adelante en oferta comercial, todo un punto de referencia. OS ESPERAMOS!”
Falar precisamente de Compostela e a súa área de influencia, obviando por completo que toda esa área é maioritariamente galegofalante ten o seu aquel. Mais en algo si que estou de acordo con este texto, O C.C. As Cancelas vai ser todo un punto de referencia, un punto de referencia da galegofobia, un punto de referencia para non facer as cousas como se están a facer desde esta entidade comercial.
Quizais o máis grave de toda esta situación é que, malia este centro excluír practicamente na totalidade o uso da nosa lingua, malia a denuncia pública destes feitos por parte da Mesa pola Normalización, malia a propia concentración de protesta sucedida no mesmo día da inauguración do centro, ese mesmo día 15 o señor Secretario Xeral de Política Lingüística paseábase gabacho polos corredores do edificio. En calidade de que? En calidade de ser o Secretario Xeral de Política Lingüística máis galegófobo que teña ostentado ese cargo?
Se queren poñerlle cancelas ao galego, sexamos nós quen o impidamos. Polo momento as nosas protestas xa foron dando algún froito, non deixemos de facer valer a nosa lingua! Cancelemos as cancelas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario