Velaí a carta:
Estimadas alumnas e alumnos da Escola de Imaxe e Son de Vigo:Primeiro de nada queriamos desde ProLingua agradecervos o convite que nos remitistes para debater arredor da presenza do galego no ensino obrigatorio. Sobre todo porque pensastes en nós para participarmos e porque iso xa supón un recoñecemento implícito ao noso labor en defensa do idioma propio de Galicia, o que nos une a todas e a todos e o que nos fai galegas e galegos.Por desgraza, o debate, que adoita ser xermolo de ideas e de vitalidade intelectual, foi de a poucos desaparecendo do noso panorama audiovisual, substituído por híbridos espectaculares, nos que gaña a partida quen máis ergue a voz e nos que, máis que a exposición de ideas ou a argumentación, prima a descualificación do contrincante e a polarización de posturas. Sabemos que esa non é a vosa intención, e que esa desaparición efectiva do debate no medio televisivo ten moito que ver coa loita polas audiencias e coa conversión dos platós en lameiras nas que se insulta e sobre todo nas que se berra.Ocorre que o feito de participar nese encontro que nos propoñedes unha asociación como Galicia Bilingüe, que publicamente declarou a súa fobia cara ao galego e cara á súa presenza normalizada na nosa sociedade, impídenos compartir convosco un foro que podería, de seguro, resultar frutífero e estimulante. A asociación Galicia Bilingüe, que agrupa unha minoría fóbica pero moi rebuldeira, nega as principais leis e textos normativos que rexen a nosa convivencia, deosta a lingua que nós defendemos día a día e insulta a intelixencia das persoas, falando de sociedades bilingües (as sociedades non son bilingües, si os individuos) ou apelando á mentira da imposición do galego sobre o castelán. Vós mesmos, que estudades e seguramente vivides en Vigo, teredes, de seguro, moi clara cal é a presenza da lingua galega na vida pública, e comprobaredes que iso non dá nin para un debate surrealista.Os debates prodúcense arredor de argumentos e non arredor de dogmas e mentiras, e Galicia Bilingüe é só unha factoría de falsidades que dota de argumentos contra o galego a xente que non tivo tempo para pensar que o único que sente polo idioma de Galicia é odio e desprezo. O feito de ProLingua participar nun debate, ou peor aínda un cara a cara, con Galicia Bilingüe abaixaría a nosa condición á deles. Quen intoxica e nega a realidade do galego non pode, ao noso ver, debater sobre ela. Da mesma maneira que un grupo que defendera a inferioridade da muller nunca podería participar nun debate sobre violencia de xénero ou que un colectivo fundamentalista, que negara a dignidade de gais e lesbianas, non debería ser convidado a falar sobre o matrimonio homosexual.Desde ProLingua queremos só reiterar o agradecemento pola vosa invitación. Pola nosa parte preferimos que o parlamento dese representante de Galicia Bilingüe sexa máis ben un monólogo, unha parolada alleada e solipsista, na que eles mesmos argumenten o que queiran e eles mesmos se dean a razón, sexa ou non sexa verdade, que iso non lles ha importar.Unha aperta
Ningún comentario:
Publicar un comentario